Gabino Bugallal
Gabino Bugallal Araújo, nado en Ponteareas o 19 de febreiro de 1861 e finado en París o 30 de xuño de 1932, foi un avogado e político galego, conde de Bugallal.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de José Ramón Bugallal Muñoz e neto do xornalista Isidoro Araújo. Deputado xa desde moi novo, dentro das filas do Partido Conservador, especialmente relacionado co grupo de Raimundo Fernández Villaverde. Foi nomeado ministro en diversas ocasións: no Goberno de Fernández Villaverde, de xullo de 1903, desempeñou a carteira de Instrución Pública e Belas Artes, na que estivo ata o 5 de decembro dese ano. Ministro de Facenda no Goberno de Eduardo Dato de 1912 (27 de outubro ao 31 de decembro), de novo do 11 de xuño ao 3 de novembro de 1917, e por última vez, do 2 de xullo de 1919 ao 5 de maio de 1920, no Goberno de Sánchez Toca.
Ministro de Graza e Xustiza con Dato en maio de 1920, e en agosto dese mesmo ano substituíu a Bergamín como ministro de Gobernación e adoptou unha política de man dura contra a conflitividade social. Partidario de medidas represivas, nomeou a Severiano Martínez Anido gobernador civil de Barcelona e tolerou a aplicación da lei de fugas.
Ocupou interinamente a xefatura do Goberno tras o asasinato de Eduardo Dato e, en contra da vontade de Maura, intentou crear un Goberno conservador homoxéneo.
Monárquico conservador, durante a ditadura de Primo de Rivera mantivo a súa adhesión ao rei Afonso XIII. Ministro de Economía en 1931, ante o masivo apoio electoral á República, foi o único partidario do uso da forza para defender a monarquía.
Faleceu no Hotel Savoy de París e foi soterrado provisionalmente nunha igrexa da rue de la Pompe, ata que en 1960 a súa filla trasladou os seus restos ao cemiterio de Thiais, París, onde repousan[1].
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Irmán de Isidoro Bugallal. Tío de José Luis Bugallal Marchesi. En 1912 herdou o Condado de Bugallal da súa curmá Adelaida García Rodríguez.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gabino Bugallal |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Candeira Mosquera, Francisco (1990). Caciquismo e poder local na Galicia da restauración (distrito de Ponteareas, 1881-1894). Ponteareas: Galicia - Sur. ISBN 84-404-8088-1.
- Vallejo Pousada, Rafael; Pro Ruiz, Juan e Pan-Montojo, Juan (2005). Cobián, González Besada e Bugallal: Tres ministros galegos na crise da Restauración. Deputación Provincial. ISBN 84-8457-255-2.
- Prada Rodríguez, Julio e López Blanco, Rogelio (2001): "Galicia", pp. 349–382 en El poder de la influencia: geografía del caciquismo en España (1875-1923)
- "Bugallal Araújo, Gabino". Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011. pp. 141–142.
- "Bugallal y Araújo, Gabino". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Predecesor: Eduardo Dato |
Presidente do Goberno de España 1921 |
Sucesor: Manuel Allendesalazar |