Saltar ao contido

Gnatóstomos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gnatostomados
Gnathostomata

Rango fósil: ordovícico superior - actualidade

Os gnatostomados son
os vertebrados con mandíbulas.
Na foto, cranio de candorca (Orcinus orca)
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Gegenbaur, 1874[1]
Clases

Os gnatóstomos (Gnathostomi) ou gnatostomados (Gnathostomata) [2] é o grupo dos vertebrados con mandíbulas.

O termo, do latín científico, está formado polos elementos gantho- (do grego γνάθος gnáthos, "mandíbula") e -stomata (plural de -stoma, do grego στόμα stóma, "boca"), é dicir, "os que teñen a boca con mandíbulas".

Trátase dun amplo e heteroxéneo grupo que abarca os peixes propiamente ditos, os réptiles, os anfibios, as aves e os mamíferos, comprendendo aproximadamente 60 000 especies, que representan o 99 % de todos os vertebrados vivos.

O grupo foi considerado tradicionalmente como unha superclase, dividida en tres clases de organismos que deominamos xenericamente peixes:

  • os condrictios (Chondrichthyes) ou peixes cartilaxinosos,
  • os placodermos (Placodermi), un extinto clado de peixes acoirazados, e
  • os teleóstomos (Teleostomi) ou peixes óseos (ademais das coñecidas clases dos anfibios, réptiles, aves e mamíferos).

Algúns sistemas de clasificación usaron o termo anfirrinos (Amphirhina).

É un clado irmán dos craniados sen mandíbula, os ágnatos (Agnatha).

Novos achados fósiles suxiren que os telodontos (Thelodonti) son os parentes máis achegados aos gnatostomados.[3]

Os gnatostomados apareceron no perídodo ordovícico (hai case uns 500 millóns de anos) e fixéronse comúns no Devoniano (hai uns 440 millóns de anos).

Características

[editar | editar a fonte]

As mandíbulas pénsase que derivaron da evolución do primeiro arco branquial, que adquiriu un novo papel, modificándose para bombear auga nas branquias, abrindo e pechando a boca máis eficazmente, o chamado mecanismo da bomba bucal. A boca, entón, podería medrar e facerse máis ampla, facendo posíbel capturar grandes presas. Este mecanismo de abrir e pechar foi facéndose co tempo máis forte, o que transformou a boca nunha auténtica mordaza.

Os placodermos utilizaban placas óseas afiadas no canto de dentes, e as máis recentes investigacións indican que as mordazas dos placodermos evolucionaron independentemente das dos outros gnatostomados.[4]

Ademais de mandíbulas, os gnatóstomos viventes tamén teñen dentes, apéndices pares e unha canle semicircular horizontal no oído interno, xunto con caracteres anatómicos, fisiolóxicos e celulares tales como as vaíñas de mielina ao redor das neuronas, e un sistema inmune particular, que utiliza a chamada recombinación V(D)J, mecanismo de recombinación xenética polo cal se seleccionan e ensamblan ao azar segmentos de xenes que codifican proteínas específicas con papeis importantes no sistema inmunitario,[5] que xera un amplo repertorio receptores de linfocitos T (TCR) e moléculas de inmunoglobulina (Ig) que son necesarios para o recoñemento de diversos antíxenos (bacterianos, víricos e de parasitos), así como de células disfuncionais, como son as tumorais.[6][7]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]
  • Infrafilo Gnathostomata (gnatostomados)
  • Clase Placodermi (placodermos) — extinta (gnatóstomos acoirazados)
  • Microfilo Eugnathostomata (eugnatostomados = os verdadeiros vertebrados mandibulados)
(sen rango) Teleostomi (teleóstomos) (Acanthodii e Osteichthyes)
  • Clase Acanthodii (acantodios) — extinta ("tiburóns espiñentos")
(sen rango) Amniota (amniotas = embrións con amnio)
  • Clase Sauropsida (réptiles ou saurópsidos)
  • Clase Aves (aves)
  • Clase Synapsidaextinta (sinápsidos = "réptiles mamiferoides")
  • Clase Mammalia (mamíferos)

Filoxenia

[editar | editar a fonte]

Os clados agrupados nos gnatostomados son os seguientes:[8]

Subfilo Vertebrata
├─(sen rango) Gnathostomatomorpha
└─Infrafilo Gnathostomata
      ├─Clase Placodermi - extinta 
      └Microfilo Eugnathostomata 
         ├─Clase Chondrichthyes (peixes cartilaxinosos)
         └─(sen rango) Teleostomi (Acanthodii e Osteichthyes)
             ├─Clase Acanthodii - extinta 
             ├Superclase Osteichthyes (peixes óseos)
             ├   ├─Clase Actinopterygii 
             ├   └─Clase Sarcopterygii 
             └Superclase Tetrapoda
                 ├─Clase Amphibia (anfibios)
                 └(sen rango) Amniota (ovos amnióticos)
                     ├─Clase Sauropsida (réptiles ou saurópsidos)
                     ├─Clase Aves (paxaros)
                     └─Clase Synapsida
                         └─Clase Mammalia (mamíferos)
  1. Gegenbaur, Carl (1874): Grundriss der vergleichenden Anatomie. Leipzig: Verlag von Wilhelm Engelmann. [url=http://www.biodiversitylibrary.org/item/18567#page/7/mode/1up]
  2. Aínda que o nome "oficial" é gnatostomados, adoita usarse gnatóstomos, do mesmo modo que se fai con ciclóstomos (Cyclostomi), que se usa máis que ciclostomados (Cyclostomata).
  3. Mark V. H. Wilson & Michael W. Caldwell (1993-02-04). "New Silurian and Devonian fork-tailed 'thelodonts' are jawless vertebrates with stomachs and deep bodies". Nature. Consultado o 26/08/2012.. 
  4. Turner, Susan e Miller, Randall F. "New Ideas About Old Sharks". American Scientist. Xuño de 2005.
  5. Janeway, C. A. Jr.; et al. (2005). Immunobiology. (6th ed. ed.). Garland Science. ISBN 0-443-07310-4. 
  6. Abbas, A. K. e Lichtman, A. H. (2003). Cellular and Molecular Immunology (5th ed.). Saunders, Philadelphia. ISBN 0-7216-0008-5. 
  7. Cooper, M. D. e Alder, M. N. (2006). "The evolution of adaptive immune systems". Cell 124 (4): 815–22. PMID 16497590. doi:10.1016/j.cell.2006.02.001. 
  8. Hickman, C. P., Ober, W. C. & Garrison, C. W. (2006): Principios integrales de zoología, 13ª edición. Madrid: McGraw-Hill-Interamericana. ISBN 84-481-4528-3

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. 4ª ed. Hoboken, NJ (USA): John Wiley & Sons. ISBN 978-0-471-25031-9
  • Schultze, Hans-Peter (2004): "Gnathostomata, Kiefermäuler" in Wilfried Westheide & Reinhard Rieger: Spezielle Zoologie Teil 2: Wirbel und Schädeltiere. 1ª ed. Heidelberg / Berlin: Spektrum Akademischer Verlag. ISBN 3-8274-0307-3

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

(en inglés)