Saltar ao contido

Ifixenia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O sacrificio de Ifixenia, pintura de Leonaert Bramer

Ifixenia era unha dos catro fillos de Agamenón, rei da cidade de Micenas, e da raíña Clitemnestra.[1]

Ifixenia en Áulide

[editar | editar a fonte]

Agamenón incorrera na cólera de Artemisa, a deusa da caza, e a frota aquea atopábase paralizada en Áulide por unha calma persistente. Foi interrogando o adiviño Calcante e este respondeu que a cólera da deusa unicamente podería ser aplacada se Agamenón consentía en sacrificarlle á súa filla Ifixenia.

Agamenón negouse ó principio, mais, presionado pola opinión xeral houbo de ceder. Mandou vir á súa filla có pretexto de prometela con Aquiles, e ordenou que Calcante a inmolase no altar de Artemisa. Pero no instante supremo, a deusa apiadouse da rapaza e puxo no seu lugar, como vítima, unha cerva. Levouna a Táuride, e converteuna na súa sacerdotisa.[2]

[O Testórida Calcas] "non ignora nin cala que hai que acalmar co sangue dunha virxe a cólera dunha deusa virxe. Logo de que a razón de estado vencera o amor pola filla, o rei ó pai, e disposta a dar o seu casto sangue, colocouse Ifixenia ante o altar, entre chorosos sacerdotes, a deusa conmoveuse, puxo unha nube ante os seus ollos e... puxo, segundo contan, unha cerva no lugar da Micénide"
Ovidio: Metamorfosis XII, 27-34

Ifixenia en Táuride

[editar | editar a fonte]
Escena de Ifixenia en Tauride de Eurípides,fresco no triclinium da Casa de Vettii en Pompeia.

A rapaza viviu moitos anos en Táuride ó servizo da deusa. A súa misión era sacrificar a todos os estranxeiros que algún naufraxio lanzaba á costa do país. Ata o día no que recoñeceu en dous forasteiros que ían conducidos á súa presenza para ser sacrificados, ó seu irmán Orestes e a Pílades, enviados polo oráculo de Delfos a Táuride en busca da estatua de Artemisa, de quen ela era sacerdotisa. Abandonando o seu sacerdocio, Ifixenia entregoulles as imaxes e fuxiu con eles a Grecia.

Fuxida de Ifixenia a Grecia

[editar | editar a fonte]

Durante a viaxe de regreso Ifixenia e o seu irmán xunto con Pílades, abordaron na cidade de Estemintio, na costa de Tróade, onde Apolo estaba un sacerdote,Crises, que tiña ó seu carón a un fillo da súa filla Crispida e de Agamenón, nacido durante o cativerio da rapaza no campamento grego. Este fillo chamábase como o seu avó, a quen sucedera como sacerdote. Pasaba por ser fillo de Apolo. Ao chegar os fuxitivos, perseguidos por Toante, rei de Táuride, o mozo Crises matou a Toante e seguiu ata Micenas cós seus irmáns.

Variantes do mito

[editar | editar a fonte]

Algunhas versións chegan a presentar a Ifixenia como a filla de Criseida, no lugar de Clitemnestra. Segundo esta variante, fora raptada por piratas na viaxe de regreso, cando Agamenón volvía a Grecia despois da toma de Troia. O mozo Crises morrera en Crisópolis (Bitinia), cidade que se chamaba así na súa lembranza.

Outra variante torna a Ifixenia na filla que Teseo tivo de Helena cando a secuestrou antes do seu matrimonio. Salvada polos Dióscuros, os seus irmáns, Helena xuroulles que permanecera virxe. En realidade dera a luz clandestinamente a unha nena, que confiou á súa irmá Clitemnestra, a cal criouna como filla propia.

Distintos finais do mito

[editar | editar a fonte]

Contábase ás veces que Ifixenia morrera en Mégara, onde tiña un santuario; outras, que Artemisa lle concedera a inmortalidade, identificándoa coa deusa Hécate; outras veces, incluso que levaba unha vida misteriosa casada con Aquiles, na illa Branca, na desembocadura do Danubio. Deste xeito teríase feito a unión de Ifixenia e Aquiles proxectada por Agamenón, nun principio, como pretexto, se ben despois teríana desexado Aquiles, e talvez a mesma doncela e que só o sacrificio a impedira.

  1. Mitología (2015-10-04). "Ifigenia". Mitos y Relatos (en castelán). Consultado o 2023-06-15. 
  2. Nelson, Thomas J. (2022). "Iphigenia in the Iliad and the Architecture of Homeric Allusion". TAPA 152 (1): 55–101. ISSN 2575-7199. doi:10.1353/apa.2022.0007.