Saltar ao contido

Jean Sibelius

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaJean Sibelius

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(sv) Johan Julius Christian Sibelius Editar o valor en Wikidata
8 de decembro de 1865 Editar o valor en Wikidata
Hämeenlinna (Imperio Ruso) Editar o valor en Wikidata
Morte20 de setembro de 1957 Editar o valor en Wikidata (91 anos)
Ainola, Finlandia Editar o valor en Wikidata
Causa da mortehemorraxia cerebral
Infarto cerebral (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Outros nomesJean Sibelius Editar o valor en Wikidata
ResidenciaAinola (1904–) Editar o valor en Wikidata
EducaciónAcademia Sibelius (pt) Traducir (1885–1889)
Universidade de Helsinki Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoMúsica Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Helsinqui Editar o valor en Wikidata
Ocupacióncompositor Editar o valor en Wikidata
Período de tempoPost-romanticism (en) Traducir e Idade Moderna Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1892 Editar o valor en Wikidata -
EmpregadorUniversidade de Helsinki Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoMúsica clásica, ópera, sinfonía, música incidental (pt) Traducir, Neue Musik (pt) Traducir e Canção artística (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
ProfesoresMartin Wegelius, Albert Becker (pt) Traducir, Karl Goldmark (pt) Traducir, Robert Fuchs (pt) Traducir, Robert Kajanus, Karl Flodin e Hermann Csillag (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
InstrumentoViolín e piano Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeAino Sibelius (1892–1957), morte da persoa Editar o valor en Wikidata
FillosRuth Snellman, Katarina Ilves, Heidi Blomstedt Editar o valor en Wikidata
PaisChristian Gustaf Sibelius Editar o valor en Wikidata  e Maria Charlotta Sibelius Editar o valor en Wikidata
IrmánsChristian Sibelius Editar o valor en Wikidata
ParentesJaakko Ilves, bisneto Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Сибелиус Ян)
1922 Encyclopædia Britannica (en) Traducir
Dicionario Musical Riemann (1901–1904) Editar o valor en Wikidata
Páxina websibelius.fi Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0006292 Allocine: 150483 Allmovie: p111374
BNE: XX1121485 Spotify: 7jzR5qj8vFnSu5JHaXgFEr iTunes: 239117 Last fm: Jean+Sibelius Musicbrainz: 691b0e9d-9e57-41cf-932d-a3d21b068e75 Songkick: 211403 Discogs: 627442 IMSLP: Category:Sibelius,_Jean Allmusic: mn0000690353 WikiTree: Sibelius-1 Find a Grave: 1376 Editar o valor en Wikidata

Johan Julius Christian Sibelius (Sv-Jean_Sibelius.ogg pronunciación ), máis coñecido como Jean Sibelius, nado en Hämeenlinna o 8 de decembro de 1865 e finado en Järvenpää o 20 de setembro de 1957,[1] foi un compositor finlandés do Romanticismo tardío, sendo o compositor máis famoso do país.

Trátase dun dos máis populares compositores de finais do século XIX e principios do século XX. A súa música, como o poema sinfónico Finlandia e o seu xenio xogaron un importante papel na formación da identidade nacional finlandesa, sendo xunto con Johan Ludvig Runeberg, un dos finlandeses que simbolizan este nacemento a pesar de seren suecofalantes.[nota 1][2] Sibelius converteuse non só no símbolo da música finlandesa, senón tamén de todo o país, e a súa música acadou un nivel de universalidade equiparable ao dos máis grandes espíritos da música occidental.[3]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Infancia e xuventude

[editar | editar a fonte]
Janne Sibelius no colo de súa nai Maria Charlotta e xunto á súa irmá Linda contra o 1867.

Johan Julius Christian Sibelius naceu o 8 de decembro de 1865 en Hämeenlinna (en sueco Tavastehus), no Gran Ducado de Finlandia (daquela pertencente ao Imperio Ruso). Jean foi o segundo dos tres fillos do doutor suecofalante de 44 anos Christian Gustaf Sibelius e Maria Charlotta Sibelius (nada Borg), que ao tempo do seu nacemento contaba con 24 anos. Seus pais decidiron chamar a este seu segundo fillo Janne en memoria do seu tío paterno, Johan "Janne" Sibelius, que fora capitán dun barco mercante.[4] Aínda que era coñecido polo seu nome típico finlandés e sueco "Janne" por parte da súa familia, durante os seus anos de estudante comezou a empregar a forma francesa do seu nome, "Jean", inspirado pola tarxeta de visita do seu tío,[5] sendo posteriormente coñecido universalmente como "Jean Sibelius".

En xullo de 1868, durante os anos de fame severa e contando o pequeno Sibelius con algo máis de dous anos, seu pai morría de febre tifoide fortemente endebedado,[1] xa que tiña que pagar ao redor de 13.500 euros (en moeda actual) para saldar as débedas dos amigos a quen estivera de garante, que xunto aos gastos polo funeral ascenderon a 15.000 euros, o que deixou á familia en bancarrota, facendo que a meirande parte das súas posesións pasasen aos acredores. A pensión de viuvez de súa nai non era suficiente para manter unha casa propia e á súa familia non lle quedou outro remedio que ir vivir coa súa avoa materna, Katarina Juliana Borg, que era a muller dun decano e vivía en Hämeenlinna xunto coas súas irmás solteiras.[4][6]

Pronto mostrou interese pola música, meténdose debaixo do piano rectangular cando súa nai o tocaba e tentando asociar as notas que ela tocaba coas cores das raias da manta. A súa familia levouno a concertos dende moi pequeno, estando moi presente na memoria do compositor os seus veráns en Loviisa, onde pasaban os veráns coa súa avoa paterna Katarina Fredrika e súa tía Evelina, asistindo aos concertos de verán e ás veladas musicais e poéticas organizadas polos Sucksdorffs, emparentados coa súa familia.[4] Máis tarde Sibelius lembraba os seus veráns en Loviisa:

Loviisa era o meu sol e a miña felicidade. Hämeenlinna era a miña cidade escola, Loviisa era a liberdade.

— Jean Sibelius[4]

Con cinco anos Sibelius comezou a tocar o piano, sendo capaz de memorizar e interpretar pasaxes dos seus concertos favoritos.[1] No outono de 1872 comezou as clases na escola preparatoria sueca de Eva Savonius á vez que a súa tía Julia tentaba ensinarlle ao mozo Janne a tocar o piano con clases máis sistemáticas, pegándolle "nos dedos cunha agulla de tecer" tras cada nota falsa, un método que non se axustaba ao carácter de Janne e que o fixo caer na improvisación e a crítica aos alumnos de música da súa tía, se ben por consello dela aprendeu a ler música. Durante os anos seguintes dedicouse a tocar a música que lle interesaba, tanto pezas solistas coma dúos coa súa irmá Linda, quen posteriormente lembrou que seu irmán tamén escribira composicións para piano e violín a unha idade moi temperá.[4]

Janne procedía dunha familia suecofalante, mais en 1874 foi trasladado á escola preparatoria en lingua finesa de Lucina Hagman, xa que tiña que aprender finés para ser admitido no Liceo Normal de Hämeenlinna (onde foi admitido en 1876 e realizou os seus estudos ata 1885), xa que en Hämeenlinna, ao contrario que na meirande parte das cidades finlandesas da época, un podía graduarse na escola secundaria en finés, non en sueco, algo infrecuente xa que o país formara parte de Suecia ata 1809 e a lingua dominante das clases educadoras era o sueco e non o finés.[4] O Liceo de Hämeenlinna, dirixido daquela por Gabriel Geitlin e cuxo mestre de música era Emil Genetz, era considerado a pedra angular da educación, e tanto Janne como moitos dos seus compañeiros de clase converteríanse posteriormente en personalidades importantes en Finlandia.[6] Na escola, Janne e os seus amigos puxeron en marcha unha pequena orquestra con "ferriños, harmónicas, ocarinas de xoguete e campás", dirixindo el mesmo os concertos dende o piano.[4] Os seus estudos na escola finlandesa permitiríanlle familiarizarse co patrimonio e a cultura de Finlandia,[7] que tanto influiría posteriormente na súa obra.

Janne (violín), cos seus irmáns Linda (piano) e Christian (violonchelo) no spa casino de Loviisa cara a 1880 ou 1890.

Na primavera de 1880 comezou as súas clases de violín, quedando enfeitizado polo seu novo instrumento.[7] Pouco despois, en 1881 concluíra a súa primeira composición, Vattendroppar (Pingas de choiva) para violín e violonchelo,[nota 2] á vez que comezaba os seus estudos de violín con Gustaf Levander (director da banda de música da súa cidade natal) tras un longo período de aprendizaxe autodidacta.[1] Janne progresou dun xeito rápido co violín e posteriormente formou un trío cos seus irmáns no que el mesmo tocaba o violín, Linda o piano, e o seu irmán máis novo Christian o violonchelo, cos que inicialmente tocaba o repertorio clásico vienés e romántico, aínda que pronto pasarían a tocar obras de cámara do propio Janne.[7][8] En decembro de 1881 uniuse á orquestra da escola, onde tocaba o segundo violín, e pronto comezou a tocar tamén nun cuarteto local afeccionado.[8]

A primeira mención a unha composición de Sibelius aparece nunha carta que escribiu dende Kalalahti o 25 de agosto de 1883, onde afirma que compuxera un trío (primeira composición que pode ser datada con certeza) e que estaba a traballar noutro, dos que afirmaba:[8]

Son máis ben pobres, mais é bo ter algo que facer nos días de choiva.

— Jean Sibelius, 1883

En febreiro de 1884, Janne fíxose cun exemplar do Lehrbuch der musikalischen Composition de Johann Christian Lobe, ao cal se refería como Compositionslehre nunha carta ao seu tío Pehr, e seguindo as ensinanzas do libro Sibelius compuxo un cuarteto con piano e un trío con piano. A composición ocupaba boa parte do seu tempo, o que se reflectiu nos seus estudos, non obstante conseguiu superar o seu exame final na primavera de 1885.[8]

Nas súas cartas, Sibelius parecía considerar a carreira de boticario ou secretario, mais alentado polo seu tío materno Axel Borg matriculouse na Facultade de Dereito da Universidade de Helsinqui. A súa familia non quixo obstaculizar as súas actividades musicais, polo que tamén se matriculou como alumno especial no conservatorio, onde estudou violín con Mitrofan Wasiljeff e teoría, contrapunto e harmonía con Martin Wegelius.[8]

Estudos en Helsinqui (1885-1888)

[editar | editar a fonte]
Martin Wegelius, profesor de teoría, contrapunto e harmonía de Sibelius en Helsinqui.

Sibelius instalouse en Helsinqui en 1885, xunto con súa nai e a súa irmá Linda, que ía comezar os seus estudos de posgrao, mentres que seu irmán máis novo Christian quedou en Hämeenlinna para continuar os seus estudos ao coidado da súa avoa e as súas tías. Nesa época comezou a mudar a súa percepción do mundo co seu traslado de Hämeenlinna (que contaba cuns poucos miles de habitantes) a unha cidade grande como Helsinqui (que daquela contaba cuns 60.000 habitantes), o feito de escoitar comentarios antirrelixiosos ás súa tías e a lectura da novela Röda rummet (O cuarto vermello) de August Strindberg, que destruíu parte da súa inocencia xuvenil.[9]

Aínda que inicialmente Sibelius se trasladara á capital finlandesa para estudar Dereito, pronto se concentrou nas súas clases de música no Instituto Musical de Helsinqui que Martin Wegelius fundara en 1882, inicialmente centradas no estudo do violín con Mitrofan Wasiljeff, quen considerou a Janne como un "xenio musical".[1][9] O propio Wegelius entusiasmouse co seu alumno, que xa escribira varias obras de cámara, e pouco a pouco as súas clases de teoría convertéronse en clases de composición nas que Janne aprendeu todo del.[9]

Na primavera de 1886 comezou a empregar as tarxetas de visita de seu tío mariñeiro, afirmando nunha carta ao seu tío Pehr o 31 de marzo que "Jean é agora o meu nome musical". Daquela a súa única conexión coa universidade era como violinista na orquestra de Richard Faltin, xa que abandonara os seus estudos de leis cando se comezou a dedicar por completo á música.[9][10]

Durante os primeiros anos en Helsinqui, Sibelius mostrou as súas dotes como violinista, sendo eloxiado "pola súa avanzada técnica", e converténdose na súa maior aspiración o converterse nun virtuoso do violín e facer carreira concertística.[9][10] No semestre de outono de 1886 realizou catro aparicións como solista, mentres que no de primavera de 1887 tocou frecuentemente como músico de cámara. Porén, os seus soños de converterse nun virtuoso do violín sufriron un duro revés tras un concerto infrutuoso do Andante e Finale do concerto para violín de Felix Mendelssohn no que o crítico musical Richard Faltin atopou fallos co seu son fino e áspero, o que provocou que Sibelius non avanzase máis como violinista, se ben continuaba a tocar en orquestras e grupos de cámara, e o seu profesor de violín pasou a ser Hermann Csillag, quen o convidou a tocar o segundo violín no cuarteto do Instituto. Na casa, Sibelius tocaba nun cuarteto co seu irmán Christian (que tamén se trasladara a Helsinqui), o fillo de Richard Faltin e Ernst Lindelöf.[9]

Na primavera de 1888, Wegelius e Sibelius escribiron xuntos música para Näcken de Gunnar Wennerberg. Nunha revisión, Richard Faltin pai declarou que Sibelius era mesmo máis interesante como compositor que como violinista. En maio dese mesmo ano, o seu cuarteto de corda ou Tema con Variacións en sostido menor foi ben recibido, e Karl Flodin, o crítico de Nya Pressen, louvou "a habilidade teórica e o seu notable poder imaxinativo".[9]

Durante o verán de 1888 en Loviisa, Jean compuxo unha das súas mellores pezas temperás de música de cámara, o Trío Loviisa en dó maior, para piano, violín e violonchelo. Cada vez facíase máis evidente nos círculos musicais de Helsinqui que Sibelius sería compositor e non violinista. No outono dese ano, Wegelius conseguiu levar ao Instituto de Música a Ferruccio Busoni (futuro pianista, compositor e director), quen coñeceu a Sibelius e deulle clases de piano, así como ao outro alumno máis destacado da institución, Armas Järnefelt, e a Adolf Paul.[1][9] Os compañeiros chamáronse a eles mesmos os Leskovites polo can de Busoni, Lesko, e pasaban moito tempo no apartamento de Busoni e nos cafés de Helsinqui. Busoni animou a Sibelius nas súas composicións e ese outono publicouse a súa primeira composición, a Serenad sobre un texto de Runeberg, publicada no folleto Det sjungande Finland II. Ese mesmo outono, Armas Järnefelt levou a Sibelius a coñecer á súa familia, foi daquela cando coñecería á súa futura muller, a irmá de Armas, Aino Järnefelt.[9]

Na derradeira primavera que pasou Sibelius en Helsinqui en 1889, pasou moito tempo na residencia dos Järnefelt, coñecendo aos irmáns de Armas, Eero (que estaba a estudar para ser artista) e Arvid (e estaba a planear un novo xornal xunto co novelista Juhani Aho e Eero Erkko, que sería editor). Deste xeito Sibelius entrou no círculo do xornal Päivälehti, o precursor do maior xornal finlandés, o Helsingin Sanomat. Este grupo influíu moito a Sibelius nunha dirección culturalmente progresista con énfase na lingua finesa. Sibelius declaraba posteriormente:[9]

Eu era case un Svecoman[nota 3] ata que o círculo Päivälehti espertou un novo espírito en min.

Dúas obras de cámara culminaron os seus estudos en Helsinqui: unha suite para violín e violonchelo e o Cuarteto de corda en la menor. Das dúas, o cuarteto foi a de máis éxito, referíndose a ela Karl Flodin no Nya Pressen nestes termos:[9]

Dun só golpe uniu a vangarda dos que se lles confiou o futuro da arte da música en Finlandia.

— Karl Flodin

A obra foi considerada unha obra mestra, e a estrea foi unha experiencia tan abafadora que Robert Kajanus, o famoso compositor e director da Sociedade Musical de Helsinqui, declarou que renunciaría inmediatamente á súa obra como compositor, aínda que finalmente seguiu compoñendo, non obstante converteuse no primeiro director en gravar a música de Sibelius.[1][9] Xa era patente que o mozo Sibelius debía consagrarse á composición.[1]

Sibelius era entón a maior promesa da música finlandesa e recibiu a suma de 2.000 marcos (ao redor de 8.000 euros da actualidade) para que puidese ir estudar a Berlín no outono. Ao mesmo tempo produciuse un cambio temporal na súa vida persoal, xa que o seu romance con Aino Järnefelt non progresou debido á relación que o compositor mantiña dende a primavera e o principio do verán con Betsy Lerche, a quen coñecera no Instituto de Música e que lle dedicou un valse alegre. Aínda que a relación con Betsy rematou rapidamente, Aino e Jean non tiveron tempo para reconciliarse e non se escribiron durante o tempo que el pasou estudando en Berlín.[9]

Berlín e Viena (1889-1891)

[editar | editar a fonte]

Con 23 anos Sibelius trasladouse a Berlín, onde puido asistir xa na súa primeira noite na capital alemá a unha representación de Don Giovanni de Mozart na Kroll Opera. Durante o tempo que permaneceu na cidade puido asistir a representacións de óperas de Wagner como Tannhäuser ou Die Meistersinger von Nürnberg, a concertos de piano de Hans von Bülow, así como concertos de Beethoven nos que o pianista dirixiu á Berliner Philharmoniker, escoitou o Don Juan dun mozo Richard Strauss, e asistiu a interpretacións do Joseph Joachim Quartet do cuarteto en fa maior Op. 59 de Beethoven e o cuarteto en dó maior de Schubert, que o impresionaron.[11]

Na capital alemá Sibelius converteuse en alumno de Albert Becker, cursando estudos de contrapunto e seguindo os rigorosos exercicios que o reputado compositor lle propuña, como exercicios sen fin de técnicas de fugados e laboriosos exercicios de contrapunto que secaron a súa produción durante meses.[10][11]

A Sibelius non lle gustaba a atmosfera de Berlín durante o período do Chanceler de Ferro Otto von Bismarck, un ambiente demasiado pesimista e conservador para o gusto do compositor, que se relacionaba principalmente con estudantes estranxeiros e tocaba música de cámara cos seus amigos. Polas noites vivía moi por riba das súas posibilidades, mercando entradas para os mellores asentos da ópera e gozando da cociña de restaurantes caros. Esta vida levouno á enfermidade, e mesmo ás enfermidades venéreas segundo as desinhibidas cartas que escribiu na época, e á súa hospitalización en novembro de 1889. Trala súa recuperación foi invitado por Busoni a escoitar a primeira representación pública do quinteto con piano do seu amigo común Christian Sinding no que el sería o pianista. A obra de Sinding espertou a vontade compositiva de Sibelius, que na primavera de 1890 rematou a súa obra máis significativa do ano que pasou en Berlín, o Quinteto con piano en sol menor.[11]

Cando Sibelius estaba a traballar nas súas composicións escoitou a Robert Kajanus dirixindo a Berliner Philharmoniker nun programa que incluía Aino de Kajanus. Aínda que a composición non impresionou a Sibelius, si que despertou o interese do compositor en combinar o Kalevala coa música, e soñaba con ver a súa música interpretada nunha ocasión tan grande, dicíndose "a próxima vez serei eu" cando marchou do concerto. 12 anos despois o seu soño faríase realidade, cando dirixiu á Berliner Philharmoniker nunha representación da súa En Saga.[11]

Becker quedou satisfeito co seu Quinteto para piano en sol menor, a única obra significativa que compuxo durante a súa estadía na capital alemá, redactando un informe positivo no que puña énfase na importancia dos estudos adicionais.[1][11] O quinteto foi suficiente proba para o Senado, que concedeu a Sibelius unha bolsa de estudo de 2.000 marcos (ao redor de 8.000 euros) para o seguinte curso académico. Non obstante Sibelius non quería realmente volver a Berlín, polo que pasou o verán en Finlandia e planeou ir a Viena.[11]

Sibelius en Viena en 1891.

A súa partida á capital austríaca atrasouse ao reavivarse a súa relación con Aino Järnefelt, que culminou cun compromiso segredo en setembro. Sibelius tamén rematou o seu cuarteto en si bemol maior, ao que lle puxo un número de Opus (un caso único entre os cuartetos dos seus anos de estudante). Finalmente chegaba a Viena o 19 de outubro de 1890, onde tras recibir a negativa de Brahms e Bruckner de aceptalo como alumno, comezou a recibir clases privadas de Robert Fuchs, quen daba clase no Conservatorio de Viena, aínda que Sibelius non se puido matricular na institución ao finalizar o prazo de matrícula, polo que as súas composicións tampouco se tocaron nos concertos de alumnos, aínda que se lle permitiu tocar na orquestra do Conservatorio como violinista, coñecendo moitos músicos novos que estudaban na cidade. A principios de novembro de 1890 Sibelius coñeceu o compositor húngaro Karl Goldmark (daquela moi popular pola súa ópera Die Königin von Saba), quen aceptou darlle clases.[12]

Sibelius mostraríase satisfeito cos seus profesores e coa cidade, escribindo á súa familia que "Viena son todo risas e valses", e procurou a compañía doutros músicos por motivos educativos, como aprender as propiedades do corno inglés dun oboísta chamado Heber. Non obstante, o novo compositor seguía a vivir por riba das súas posibilidades. Sibelius presentouse á cantante Pauline Lucca, a muller dun home rico, e pronto comezou a pasar as tardes nas recepcións da familia Lucca. Para mellorar a súa situación financeira presentouse para un posto como violinista na Wiener Philharmoniker, mais na audición sufriu pánico escénico e non conseguiu o posto.[12]

O ano que Sibelius pasou en Viena foi crucial para o seu desenvolvemento, cun Goldmark instándoo a traballar os seus temas con maior atención que ata o momento e recomendándolle seguir máis as influencias dos clásicos que as de Berlioz ou Wagner polo momento. Ao mesmo tempo comezou a estudar a música folk e a literatura finlandesa, así como os ritmos do Kalevala, coa intención de darlle ás súas obras unha maior orixinalidade, aplicando por primeira vez este novo estilo na súa canción Drömmen (O soño, 1891), unha canción a solo sobre versos de Johan Ludvig Runeberg.[12]

En febreiro de 1891 comezou a desenvolver a súa primeira sinfonía, aínda que dos bosquexos iniciais só queda a Abertura en mi maior e a Scène de Ballet, que estaba destinada a ser o segundo movemento, dúas partes que serían interpretadas en público en abril dese mesmo ano pola orquestra de Robert Kajanus sen moito éxito, o que non crebou a confianza de Sibelius. E mesmo os críticos finlandeses declararon que:[12]

Francamente, aínda non tivemos tempo de descubrir o que o artista quere revelar na súa obra.

— Crítica no Päivälehti o 24 de abril.

Sibelius renunciou á súa idea de compoñer unha sinfonía e a Abertura e a Scène de Ballet ficaron como obras inconexas. No seu lugar comezou a compoñer unha obra orquestral sobre a saga de Kullervo pertencente ao poema épico Kalevala, mais o seu traballo viuse interrompido por unha nova enfermidade que se pensa o levou a unha operación da que o propio compositor dixo que o doutor extraera unha "pedra". Logo de que os seus familiares de Loviisa aforrasen cartos para sacalo do hospital en xuño de 1891, unha vez finalizados os seus estudos, Sibelius marchou a Berlín novamente e tras recibir unha nova remesa de cartos que a súa familia reunira con dificultade, conseguiu regresar a Finlandia.[12]

Regreso a Finlandia

[editar | editar a fonte]
Aino Sibelius contra o 1895.

No verán de 1891 Sibelius reencontrouse coa súa prometida nunha reunión na residencia de verán que a familia Järnefelt tiña preto de Vaasa, mais o matrimonio estaba fóra da cuestión, xa que Sibelius se encontraba sen cartos nin traballo, polo que decidiu ir a Loviisa a traballar en Kullervo, onde conseguiu algo de diñeiro dando clases de música. A finais de novembro dese mesmo ano estreouse como director de orquestra dirixindo a súa Abertura e a Scène de Ballet nun concerto popular en Helsinqui, e máis tarde ese mesmo mes trasladaríase a Porvoo para escoitar a Larin Paraske, unha cantante tradicional de Ingria (unha rexión de fala finesa próxima a San Petersburgo), quen como máis tarde recoñecería o propio Sibelius, foi unha influencia para Kullervo.[13]

A finais de xaneiro de 1892 trasladouse de novo a Helsinqui, e esa primavera demostrou ser un enérxico traballador, dedicándose día e noite para finalizar Kullervo en abril tras un ano de traballo, comezando así a súa carreira de compositor orquestral.[10][13] Á estrea da obra, que supuxo tamén o seu debut como director de orquestra,[10] asistiu "o círculo Päivälehti" e outros Fennomans que querían escoitar unha obra en finés sobre o Kalevala, mais o éxito foi moderado e non todo o público entendeu a obra, se ben as palabras de Kajanus sobre Sibelius arrincaron unha auténtica treboada de aplausos e finalmente considerouse que a estrea fora un éxito. O éxito de Kullervo foi o que segundo Aino convenceu a seus pais para que a nova parella casase, aínda que outro factor foi a promesa dun posto de traballo para Sibelius no Instituto de Música e na Escola Orquestral de Kajanus.[13]

A voda entre Jean e Aino celebrouse o 10 de xuño de 1892 na residencia de verán dos Järnefelt en Tottisalmi. Tralo enlace a parella pasou a súa lúa de mel preto de Lieksa grazas a unha bolsa de estudos que lle concederon para estudar interpretación de kantele e canto rúnico en Carelia, onde Sibelius atopou tempo para comezar a compoñer En Saga e para revisar as cancións sobre textos de Runeberg Under strandens granar, Kyssens hopp e Till Frigga.[13]

En outono de 1892 a parella estableceuse en Helsinqui, onde Sibelius retomou a súa amizade con Kajanus e Axel Gallén, comezando as sesións do Symposion, nas que os tres artistas debatían cuestións fundamentais da arte. Nesa época ensinaba teoría e violín no Instituto de Música Wegelius e na Escola Orquestral de Kajanus, e rematou as súas sete cancións sobre textos de Runeberg, que foron publicadas en Finlandia, se ben a súa composición máis importante na época foi En Saga, que se viu interrompida polo enterro de súa avoa, e cuxa estrea da primeira versión (máis longa e heteroxénea que a versión actual datada estreada en 1902) tivo lugar o 16 de febreiro de 1893.[14]

En marzo de 1893 produciuse un duro golpe para o compositor cando o crítico de Uusi Suometar atopou a súa obra Kullervo incomprensible, logo de escoitala dirixida polo propio compositor, dicindo ademais que era longa, monótona e aburrida. Posteriormente o propio Sibelius recoñecería que mesmo varios amigos lle recomendaran deixar a composición e converterse en organista en Porvoo. Ese mesmo mes nacería a primoxénita da parella, Eva, e ao mes seguinte chegou un novo éxito para Sibelius, cando a súa obra coral Väinämöisen venematkaa se estreou con éxito. Nesta época comezou unha etapa wagneriana, e ese mesmo verán planeou a composición dunha ópera baseada nas runas 6 e 16 do Kalevala, e no verán seguinte viaxou ao festival de Bayreuth para somerxerse máis no estilo wagneriano, mais o estudo da Sinfonía Fausto de Liszt:[14]

Penso que son realmente un pintor e poeta musical. Quero dicir que o punto de vista de Liszt é o máis próximo a min. Este [concepto de] poema sinfónico.

Finalmente os seus plans de compoñer unha ópera quedaron en nada e comezou a composición da súa Suite Lemminkäinen. Durante o tempo que estivo a planear a composición dunha ópera, a Asociación de Estudantes de Viipuri (posteriormente denominada Vyborg e en territorio ruso) encargoulle a composición de música para a historia de Carelia que sería o xermolo da Suite Karelia que foi ben recibida na súa estrea.[14]

A finais de 1894 naceu a súa segunda filla, Ruth. A idea de compoñer a Suite Lemminkäinen fixo que Sibelius, a pesar de ter numerosas débedas, pedise permiso para finalizala ao Instituto de Música en outono de 1895. Finalmente a Suite foi un éxito de público, se ben as opinións foron diversas.[14]

En 1896 compuxo a súa primeira e única ópera, Jungfrun i tornet, unha ópera nun acto. O público xa aceptara a Sibelius, mais a crítica seguía a ter reservas. O 25 de novembro dese ano Sibelius presentou a súa candidatura para o posto de profesor de música na Universidade de Helsinqui para suceder a Richard Faltin; tras defender a súa tese, Sibelius foi recomendado para o posto, mais unha denuncia posterior de Kajanus fixo que o posto fose asignado ao daquela amigo de Sibelius, o que provocou o arrefriamento da súa relación e finalmente co Symposion.[14]

O ano 1897 foi un ano de duro traballo para Sibelius, e o escaso recoñecemento de varias composicións tras compor varias obras dun nivel internacional moi alto, unido ás críticas ao seu estilo realizadas por Karl Flodin e ao feito de que ningunha das súas partituras orquestrais fose publicada nin chamase a atención no estranxeiro, provocaron a frustración do compositor. A todos estes acontecementos sumouse a morte de súa nai o 29 de decembro dese mesmo ano, que non chegaría a ver o espectacular ascenso á fama de seu fillo tan só uns anos máis tarde. Non obstante pouco despois chegaría un xiro inesperado á súa situación económica, cando lle foi concedida unha subvención anual de 3.000 marcos durante dez anos que unha vez transcorrido ese período se convertería nunha pensión vitalicia, que Sibelius chegou a pensar que era unha compensación de Kajanus por coller o posto na Universidade de Helsinqui, xa que a suma era aproximadamente a metade do salario dun profesor; a isto sumóuselle o encargo da música para a obra de Adolf Paul Rei Cristian II, que foi estreada o 24 de febreiro de 1898 con éxito e coa que conseguiu chamar a atención máis aló de Finlandia (levándose a cabo con éxito en Estocolmo ao ano seguinte); finalmente un antigo compañeiro seu, o crítico Karl Fredrik Wasenius (que escribía para o Hufvudstadsbladet baixo o pseudónimo de Bis) comprometeuse a publicar catro pezas da obra teatral, que foron impresas como redución para piano por Breitkopf & Härtel en Leipzig e que se venderían ben en Finlandia.[15]

A finais de febreiro de 1898 Sibelius viaxou a Berlín coa súa muller Aino, quen marchou rapidamente. A estadía na capital alemá resultou proveitosa para o compositor: Adolf Paul instouno a viaxar con el a Leipzig para coñecer a Oskar von Hase, o director de Breitkopf & Härtel, editorial que decidiu mercar os dereitos da de distribución da súa obra escénica en Alemaña, polo que ese mesmo verán preparou a música durante a súa estadía en Lohja. En xaneiro de 1899 trasladouse a Kerava para escapar das tentacións da capital e comezar a escribir a súa Primeira Sinfonía.[15]

O espertar do sentimento nacional

[editar | editar a fonte]
O poema sinfónico Finlandia (1899) tivo a súa xénese no contexto das protestas contra a rusificación de Finlandia.

Ao mes seguinte do seu traslado a Kerava produciuse un acontecemento que espertaría o seu sentimento patriótico cando o día 15 de febreiro o Emperador Nicolao II de Rusia derogou o manifesto imperial de 1863 e publicou o Manifesto de febreiro, polo cal o Gran Ducado de Finlandia perdía boa parte da súa autonomía e se iniciaba unha intensa campaña de rusificación cultural co obxectivo de integrar plenamente o Gran Ducado de Finlandia no Imperio Ruso.[15][16] Neste contexto, entre medias da Primeira Sinfonía, escribiu o seu Atenarnes sång (Canción dos atenienses), que pode interpretarse como unha declaración contra a opresión rusa. Estas dúas obras foron estreadas en Helsinqui o 26 de abril de 1899, e a canción espertou o entusiasmo do público e converteu a Sibelius nunha das principais figuras da resistencia nacional e colocouno na vangarda do sentimento nacionalista, mentres que a sinfonía convenceu os críticos.[15][17] Esta liña de protesta continuou con Islossningen i Uleå älv (A rotura do xeo do río Oulu), unha obra para narrador, coro e orquestra que non puido ser prohibida polo gobernador xeral ruso Nicholas Bobrikov por estar composta en honor ao tsar Alexandre II a pesar do recoñecible espírito de protesta que encarnaba.[15]

A seguinte obra de protesta escoitouse en novembro, cuns cadros que Sibelius realizara para as celebracións da prensa finlandesa, que fora un dos baluartes da oposición á rusificación de Finlandia, en 1899. Ante o éxito da súa música, Sibelius decidiu empregala posteriormente, sendo a primeira en ser adaptada o chamado Esperta Finlandia como unha peza independente chamada Finlandia e que se converteu nun himno oficioso e segredo ao ser prohibido polas autoridades rusas. Co tempo o propio Sibelius reescribiría a parte final da obra baixo o nome Finlandia-hymni. O éxito de Finlandia traspasaría as fronteiras do seu país, o que propiciou o inicio das súas xiras internacionais e a aparición das súas obras no repertorio de destacadas orquestras de todo o mundo.[1]

Chegada do éxito internacional

[editar | editar a fonte]

O 13 de febreiro de 1900 morría de febre tifoide Kirsti,[18] a filla máis nova de Jean e Aino, o que provocou unha profunda depresión en Aino e o alcoholismo que sufría Jean dende a súa xuventude tornouse en algo máis perigoso. Con todo, esta tráxica circunstancia non diminuíu a produción de Sibelius, aínda que si mostra unha profunda melancolía durante esta etapa.[19] O traslado da cidade ao campo provocou un cambio no estilo de vida de Sibelius, agora lonxe das tentacións da cidade, o que favoreceu o traballo do compositor, agora en total contacto coa natureza, que se convertería no seu santuario.[20]

Nesa primavera o traballo máis importante para Sibelius foi a reescritura da Primeira Sinfonía antes da xira da orquestra de Robert Kajanus e as súas interpretacións na Exposición Universal de París. Se ben Sibelius viaxaría tamén na xira, Kajanus non lle deixou dirixir. Nesta xira realizaron 19 concertos en 13 cidades diferentes e marcou o inicio do éxito internacional de Sibelius, con numerosos eloxios por parte da crítica, especialmente en Berlín. Trala xira, Sibelius volveu a casa, mais a finais de outubro de 1900 a familia trasladouse durante uns meses á capital alemá, onde ficaron ata xaneiro de 1901. Tras conseguir máis cartos en Finlandia, a familia viaxou finalmente á cidade de Rapallo, na costa de Italia, onde concibiu ideas para o movemento lento da súa Segunda Sinfonía. Na súa estadía en Italia, o compositor visitou tamén Roma e Florencia, e cando volveu a casa en maio dese mesmo ano, o seu caderno estaba repleto de ideas para os seguintes anos. Non obstante, á súa volta a casa presentóuselle a Sibelius unha nova viaxe cando foi convidado a dirixir a súa música no Allgemeiner Deutscher Musikverein en Heidelberg (Alemaña), nun concerto que confirmou o entusiasmo pola súa música de influentes figuras da música alemá, e este éxito levou a unha maior demanda das súas partituras.[19]

En outono de 1901 comezou a composición da súa Segunda Sinfonía, que remataría a comezos de 1902, sendo estreada o 8 de marzo en Helsinqui cun rotundo éxito. Na primavera dese ano completou a composición de Tulen synty (A orixe do lume) para a inauguración do Teatro Nacional en abril, unha peza curta cun forte carácter nacional. No verán, Sibelius pasou un tempo en Berlín co seu irmán, así como en Tvärminne, onde traballou na canción Var det en dröm (Foi un soño) e nunha nova versión de En Saga, preto da cidade de Hanko. Tras dous anos en Kerava, no outono de 1902 a familia trasladábase novamente a Helsinqui, e en novembro dese mesmo ano Sibelius dirixía unha nova versión de En Saga en Berlín á fronte da Berliner Philharmoniker. Non obstante o compositor achegábase a unha nova crise, e co seu traslado á capital finlandesa volvería ás festas alcohólicas.[19] Na capital finlandesa o compositor asistiu ás reunións de Euterpeans,[nota 4] que adoitaban alongarse toda a noite ata a mañá seguinte.[21]

En 1903 naceu a cuarta filla de Jean e Aino, Katarina, o que lles deu consolo a pesar de non poder quitar a dor pola morte de Kirsti. Sibelius dirixiu a súa música en Helsinqui e Tampere, e na primavera de 1903 en Tallinn. Esa mesma primavera, a familia trasladouse a Lohja, onde o compositor se centrou na composición dun concerto para violín. A súa maior popularidade chegaría co Valse triste, composto sobre unha obra chamada A morte escrita polo seu cuñado Arvid Järnefelt, algo que o seu círculo máis próximo interpretou como un baile real de Sibelius coa morte a causa do seu estilo de vida, polo que seu irmán o instou a deixar o alcohol nunha carta do 19 de novembro, se ben Jean xa tomara a decisión de afastarse das tentacións da capital mercando un terreo para construír unha casa preto do lago Tuusulanjärvi, 45 km ao norte de Helsinqui. A casa chamaríase Ainola (Lugar de Aino) e converteríase na residencia fixa da familia Sibelius.[21]

A principios de 1904 Sibelius realizou os últimos retoques do seu Concerto para violín, que se estreou o 8 de febreiro, e en febreiro comezou a construción de Ainola. Os custos da construción da vivenda familiar eran incompatibles co estilo de vida do compositor, que frecuentaba caros restaurantes na noite da capital, polo que Aino pediu consello ao irmán de Sibelius, Christian, que daquela se atopaba en Berlín e que recomendou a Jean o abandono do alcohol, para o que lle receitou pos medicinais na súa condición de doutor. Finalmente as noites de esmorga finalizaron e Sibelius conseguiu cartos para a construción de Ainola con concertos en Helsinqui, Turku e Vaasa, unha xira que se prolongaría ata principios de xuño cun concerto en Kadriorg (Tallin, Estonia), e no verán en Letonia.[21]

Traslado a Ainola

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Ainola.
Ainola en 1915.

No verán de 1904 a familia Sibelius xa vivía en Tuusula, onde supervisaron os traballos finais da súa casa, e o 24 de setembro dese mesmo ano a familia trasladouse a Ainola, deste xeito os Sibelius pasaron a formar parte da comunidade artística que vivía xunto ao lago Tuusulanjärvi, entre os que se encontraban os pintores Eero Järnefelt (cuñado de Sibelius) e Pekka Halonen, e o novelista Juhani Aho.[21]

En outono de 1904 as obras orquestrais máis importantes de Sibelius foran impresas e os directores de todo o mundo incluíronas con éxito nos seus repertorios, mais o escaso desenvolvemento dos sistemas de dereitos de autoría fixeron que non todas as interpretacións das súas obras lle reportasen beneficios. A pesar de que o traslado a Ainola afastara ao compositor das tentacións de Helsinqui, a finais de 1904, durante unha xira na que dou concertos en Pori e Oulu, chamou á casa bébedo, o que provocou unha crise na parella que finalizaría no Nadal, poñéndose de manifesto na correspondencia que o matrimonio mantivo durante a estadía de Jean en Berlín en xaneiro de 1905.[22]

Na capital alemá, o compositor coñeceu varias obras importantes e el mesmo escribiu música incidental para Pelléas och Mélisande. Outro feito importante foi a invitación de Busoni para dirixir a súa Segunda Sinfonía nun concerto o día 12 de xaneiro de 1905 que sería un grande éxito, e canso de facer negocios con Breitkopf & Härtel asinou un contrato de edición con Robert Lienau. De acordo co contrato con Lienau, Sibelius debía escribir catro obras maiores cada ano, polo que recibiría a suma duns 34.000 euros da actualidade.[22]

Ao seu retorno a Finlandia dirixiu a música incidental para Pelléas och Mélisande (marzo de 1905) que lle reportou un maior recoñecemento. Por esa época comezou a planear a composición dun oratorio que finalmente abandonaría, reempregando materiais para outras composicións. A finais de ano visitaría o Reino Unido, onde o 2 de decembro dirixiría con éxito a súa Primeira Sinfonía e Finlandia en Liverpool. Á súa volta a Finlandia Sibelius comezou unha etapa especialmente intensa de traballo que se prolongou durante varios meses e que daría moitos froitos, salientando o poema sinfónico Luonnotar (Filla da Natureza), que finalmente adaptaría ao Kalevala e finalmente a renomearía como Pohjolan tytär (Filla de Pohjola), estreada en 1906 no Teatro Marinsky de San Petersburgo cunha boa acollida e que lle valeron ao compositor as loanzas do magazine Rusj: "Un compositor extremadamente talentoso e imaxinativo".[22]

Os problemas de Sibelius coa bebida puxéronse novamente de manifesto en 1907, cando durante a súa estadía en Helsinqui gastou grandes sumas de diñeiro en alcohol e restaurantes, o que provocou o ingreso de Aino no hospital por mor do esgotamento e o consecuente arrepentimento do compositor. Porén, a situación profesional de Sibelius era daquela moi boa: Armas Järnefelt estreara Pohjolan tytär con éxito en Estocolmo, Maud Powel tocara o seu concerto para violín a principios do ano en Nova York e Chicago, e o público berlinés tivera a oportunidade de escoitar Pelléas och Mélisande, o concerto para violín e cancións interpretadas por Ida Ekman. Todas as actuacións chegaron ao compositor con críticas excelentes, acadando deste xeito recoñecemento internacional. Sibelius comezou a traballar na súa Terceira Sinfonía durante a convalecencia de Aino, rematándoa finalmente para un concerto o 25 de setembro. Un mes máis tarde coñeceu a Gustav Mahler, que se encontraba de visita na capital finlandesa, e con quen intercambiou experiencias (os dous experimentaran a sensación de perda de oíntes con cada nova sinfonía, xa que estes quedaran cativados pola anterior).[22]

As consecuencias dos seus malos hábitos de vida levárono á hospitalización a principios de 1908 e algúns como Axel Carpelan creron que morrería se non deixaba de fumar e beber licores fortes. Esta enfermidade fixo que Sibelius tivese que renunciar a emprender viaxes a Roma, Varsovia e Berlín, aínda que si viaxou a Londres a finais de febreiro, onde non foi quen de convencer aos críticos británicos coa súa Terceira Sinfonía. En maio dese mesmo ano o compositor buscou axuda médica para unha dor de gorxa que resultaría ser un tumor. Sibelius marchou a Berlín, onde lle extirparon o tumor, mais o impacto desta experiencia próxima á morte marcouno para o resto da súa vida e influíu fortemente nas obras que comporía os anos seguintes, entre elas Luonnotar e a Cuarta Sinfonía.[23] Foi nese momento cando decidiu deixar o tabaco e o alcohol, abstinencia que duraría case sete anos, comezando os anos máis felices da súa muller Aino. Sibelius, agora sobrio e pasando máis tempo na casa compuxo nesta época obras de carácter máis introspectivo e a súa vida familiar mellorou malia o medo do compositor á morte. Nesta época, Sibelius comprometérase a ensinarlles composición aos talentosos Toivo Kuula e Leevi Madetoja, o que non lle impediu seguir compoñendo obras como Öinen ratsastus ja auringonnousu (Paseo nocturno e amencer), se ben esta non tivo éxito na súa estrea en San Petersburgo.[24]

En 1909, cando se encontraba traballando nun novo cuarteto de corda (o primeiro e único que comporía dende os seus anos de estudante), o compositor emprendeu unha nova viaxe que o levaría a Londres, París e Berlín. Na capital británica coñeceu a Debussy, de quen recibiu os seus eloxios, e continuou o traballo no seu cuarteto, amais de dirixir con grande éxito dúas das súas composicións máis célebres: En Saga e Finlandia. Porén, nun recital privado no Music Club, algúns compositores entre os que se encontraba Arnold Bax, encontraron as pequenas pezas de Sibelius como pouco competentes. Co éxito que a súa música estaba a obter, a editorial Breitkopf & Härtel quixo recuperar o seu contacto co compositor finlandés, daquela descontento co seu contrato con Lienau, polo que Oskar von Hase viaxou a Inglaterra, conseguindo a firma de Sibelius para Breitkopf.[24]

De Londres foi a París, mais tampouco puido establecer bos contactos musicais coa capital francesa, polo que decidiu volver a Berlín, onde tras recibir do seu médico a nova de que a súa gorxa estaba curada entregou o seu cuarteto Voces Intimae a Lienau. Na capital alemá concibiu unha idea para un novo traballo que bosquexou en oito compases no Bar Riche e que se converterían posteriormente no poema sinfónico Luonnotar, mais desbotou momentaneamente a idea para traballar nas súas cancións Op. 57 que o liberarían do seu contrato con Lienau.[24]

Á súa volta a Finlandia visitou a montaña de Koli, cerca de Joensuu, xunto co seu cuñado, o pintor Eero Järnefelt, considerando a visita como unha das mellores experiencias da súa vida e influíu na súa seguinte grande obra, a Cuarta Sinfonía, que mostra diversos elementos inspirados na natureza durante as súas sucesivas viaxes a Carelia entre 1909 e 1910.[25] Na primavera de 1910 comezou a composición da súa Cuarta Sinfonía, ao mesmo tempo que a súa música era interpretada con éxito en todo o mundo. Porén a súa situación financeira volvía ser complicada, o que fixo que se vise obrigado a traballar en pequenas composicións. Logo de viaxar a Oslo e a Berlín en outubro dese mesmo ano, Sibelius regresou á súa casa en Järvenpää a principios de novembro, onde malia ter un compromiso para realizar unha xira europea coa soprano Aino Ackté, decidiu cancelala para escribir o final da sinfonía, ademais rompeu a súa promesa de compoñer unha canción para Ackté baseada no poema narrativo de Edgar Allan Poe The Raven, empregando temas dos bosquexos da canción para a sinfonía.[24]

No verán de 1911, durante as obras que a familia Sibelius emprendeu en Ainola, naceu unha nova filla do seu matrimonio con Aino, á que chamaron Heidi. Ao mesmo tempo, o compositor traballaba nunha suite sobre a música composta para as celebracións da prensa finlandesa en 1899, finalizando o traballo o 24 de setembro. Ao pouco marchou novamente a Berlín e París, escoitando obras de compositores contemporáneos como Salome de Richard Strauss, da que admirou a súa orquestración, mais as súas obras case non foron representadas en Francia.[24]

Sibelius recibiu unha oferta para ocupar a cátedra de composición da Universidade para a Música e a Arte Dramática de Viena.

En 1912 recibiu unha oferta interesante por parte da Universidade para a Música e a Arte Dramática de Viena, que lle ofreceu a cátedra de composición ante a proximidade da xubilación de Robert Fuchs. A pesar de precisar unha fonte de ingresos segura, Sibelius rexeitou a oferta para asegurarse de ter tempo para compoñer, xa que tiña pensado escribir dúas novas sinfonías. En setembro dese mesmo ano volveu a Inglaterra invitado por Granville Bantock, onde dirixiu a súa Cuarta Sinfonía con grande éxito da crítica, sinalando o xornal The Times que Sibelius era un compositor considerablemente máis significativo da música moderna do que Finlandia e En Saga levaran a crer ao público. Porén en decembro sufriu un revés ao negarse a Wiener Philharmoniker a interpretar a súa Cuarta Sinfonía, o que non impediu que a sinfonía cruzase o Atlántico e se interpretase nos Estados Unidos, en Nova York primeiro e en Boston contra outubro de 1913, mais non tivo moito éxito entre o público nin entre a crítica, se ben non foron exclusivas para a súa obra e compositores como Richard Strauss e Claude Debussy tamén foron fortemente criticados.[24]

Sibelius pasou o ano 1913 en Finlandia, onde compuxo algunhas das súas obras mestras como Luonnotar, composta no verán e estreada en Gloucester (Inglaterra) interpretada por Aino Ackté e que conseguiu un grande éxito malia estar o texto en finés, feito que impediu que a obra se consolidase nos programas de concertos. Ese mesmo ano a súa filla Eva casaba en Ainola co avogado e empresario Arvi Paloheimo.[24][26] Ao ano seguinte regresou a Berlín, onde permaneceu un mes e puido observar a súa propia influencia en obras de compositores como Paul Juon ou Julius Weismann, e interesouse pola obra de Debussy, Mahler, Strauss, o mozo Korngold, e Arnold Schönberg. Froito dun encargo feito polo millonario estadounidense Carl Stoeckel compuxo Aallottaret (As Océanidas), que se estreou o 4 de xuño de 1914 baixo a súa propia dirección no Norfolk Festival, en Connecticut (Estados Unidos),[27] conseguindo un notable éxito entre a crítica, sendo considerada polo destacado crítico musical Henry Krehbiel como un dos máis fermosos exemplos de música mariña nunca composto, e comparando a dirección de Sibelius co xenio de Richard Strauss ou Arturo Toscanini.[24][28] O éxito de Norfolk provocou un cambio na visión da súa obra dos críticos estadounidenses e chegou a converterse no compositor vivo máis popular nos Estados Unidos nas seguintes décadas.[24]

I Guerra Mundial e últimas obras mestras

[editar | editar a fonte]

Logo do seu éxito nos Estados Unidos, durante a viaxe de volta a Finlandia, Sibelius estaba a preparar unha xira estadounidense que levaría a cabo posiblemente ao ano seguinte. Porén na viaxe escoitou novas sobre os disparos en Saraxevo, e cando chegou a casa a primeira guerra mundial estaba a piques de comezar. Co estoupido da guerra resultoulle difícil manter o contacto co seu editor en Alemaña, xa que, malia que Finlandia tiña un alto grao de autonomía, aínda formaba parte de Rusia, que estaba enfrontada a Alemaña. Finalmente perdeu o contacto co seu editor alemán e tivo que abandonar a idea de visitar os Estados Unidos, polo que durante o tempo que durou o conflito o compositor permaneceu en Finlandia, agás algunhas excepcións como a viaxe que realizou a Gotemburgo en marzo de 1915, onde logrou un éxito inmediato con Aallottaret e a súa Cuarta Sinfonía.[24][29]

A guerra provocou a perda de ingresos que obtiña dos editores estranxeiros, o que obrigou a Sibelius a realizar pequenas pezas para os editores finlandeses para evitar a quebra, mais a maior parte das súas composición desta época non foron publicadas ata despois da guerra.[29][30] Porén o compositor encontrou tempo para traballar na súa Quinta Sinfonía.[29]

Na primavera de 1915 converteuse en avó logo do nacemento da súa neta Marjatta, filla da súa filla máis vella Eva. Ese mesmo verán continuou os progresos na súa nova sinfonía á vez que compuña outras pequenas pezas para o seu desgusto, como declaraba no seu diario:[29]

Pronto terei 50 anos. Son pobre, tan pobre que me vexo forzado a escribir pequenas pezas.

— Jean Sibelius, 15 de agosto de 1915

En febreiro de 1916 chegaría un respiro para a situación económica de Sibelius cunha nova colección para a súa cantante favorita, Ida Ekman, que pagou un terzo das débedas do compositor. Ese mesmo verán continuou traballando na Quinta Sinfonía, que se ben xa estaba finalizado a principios do ano, o seu resultado non o convenceu e malia que estrearía unha segunda versión en Turku o 8 de decembro dese mesmo ano, finalmente non se estrearía na súa versión final ata o 24 de novembro de 1919.[29][31] A pesar desta mellora económica, a principios de 1917 Sibelius recaeu no consumo abusivo de alcohol, con periódicas borracheiras, o que provocou unha crise no seu matrimonio e que o compositor considerase a posibilidade do divorcio no seu diario, mais as pelexas cesaron co optimismo da familia ante a Revolución Rusa e o cambio do nome do Senado polo de Senado de Finlandia, así como a liberación dos presos políticos, o que culminaría coa independencia do país o 6 de decembro.[29]

Durante a Guerra Civil Finlandesa Sibelius apoiou á Finlandia Branca con composicións como a Jääkärien marssi. Na imaxe o Batallón Jäger.

A finais de 1917 as tensións sociais aumentaron e creáronse dous bandos armados e preparados para entrar en combate: a Finlandia Vermella que apoiaba a Revolución Rusa, e a chamada Finlandia Branca, unha garda independentista. Neste contexto Sibelius posicionouse politicamente coa composición da súa Jääkärien marssi dedicada aos Jägers finlandeses.[nota 5] Novamente aparecen no diario de Sibelius ideas sobre o suicidio, mais ao contrario do que normalmente ocorría, estas non se limitaban aos meses de menos horas de luz, senón que agora enchían as páxinas durante case un ano e medio.[29]

O 19 de xaneiro de 1918 Sibelius estreaba a Jääkärien marssi nas celebracións da independencia finlandesa, deleitando a elite de dereitas de Helsinqui. Porén dez días despois a Garda Vermella tomou o poder na capital, suprimindo a publicación de xornais que non fosen socialistas, e ao mesmo tempo C. G. E. Mannerheim invadía coas súas tropas gornicións rusas en Ostrobotnia do Sur, comezando deste xeito a Guerra Civil Finlandesa. Durante a contenda Järvenpää foi controlada por unha sección da Garda Vermella e Sibelius foi sometido a arresto domiciliario e houbo algúns rexistros en Ainola. Aínda que os seus amigos querían que se mudase a Helsinqui, a Garda Vermella non podía garantir a súa seguridade na súa viaxe por mor das bandas de ladróns, mais finalmente o compositor puido trasladarse coa súa familia a casa de seu irmán Christian, que daquela traballaba no hospital mental construído no barrio de Lapinlahti.[29]

Logo de que as tropas de Mannerheim derrotasen á Garda Vermella e que a situación se normalizase un pouco no país, Sibelius e a súa familia regresaron a Ainola, que se vira afectada pola miseria da posguerra, o que obrigou á familia a vender algunhas das súas pertenzas coma o cabalo familiar. Agora a súa vida parecíase máis á que tiña a principios dos anos 1900, traballando duro e ocasionalmente saíndo ata a madrugada, e loitou por atopar un final para a súa Quinta Sinfonía. O carácter depresivo do compositor regresaría logo da morte do seu amigo Axel Carpelan, o que fixo que se somerxese máis aínda no traballo. Foi a partir de 1919 cando Sibelius decidiu comezar unha nova etapa na súa vida, aínda que fose exteriormente; afeitou a cabeza deixando quedar o seu bigote, a pesar de que na década de 1920 deixou crecer algo o pelo para algunhas fotografías. En xuño dese mesmo ano viaxou con Aino aos "Días Musicais Nórdicos" que se celebraron en Copenhaguen, sendo esta a primeira viaxe dende a súa visita a Gotemburgo en 1915.[29]

A finais do verán de 1919 traballou nalgunhas pequenas pezas, e en outubro estreou a súa cantata Jordens sång durante a inauguración da Åbo Akademi, a universidade sueca de Turku.[nota 6] O evento foi unha boa ocasión para o consumo excesivo de alcohol, que non se reduciu en absoluto polas leis de prohibición, e durante a velada tocou ao piano o final da súa Quinta Sinfonía, e segundo o xornalista sueco Kjell Strömberg "ás veces cantando con toda a forza dos seus pulmóns". A finais de ano realizou catro concertos na capital finlandesa nos que presentou a súa Quinta Sinfonía, e durante as últimas semanas do ano púxose a traballar na Sexta Sinfonía e na cantata sobre un texto de Eino Leino Maan virsi.[29]

A principios de 1920 Sibelius viuse afectado por un tremor nas súas mans que se agravaría coa idade, e que tentou solucionar bebendo viño para poder escribir manuscritos musicais, o que quizais motivase unha grave depresión que sufriu ese ano.[1][32] O compositor encontrábase molesto tamén polos resultados dun estudo xenealóxico que descartaba a súa ascendencia aristocrática, xa que Aino era descendente de nobres por parte de pai e nai e el sentíase acomplexado polas súas propias orixes, ata o punto de que case chegou ás mans durante unha reunión da Kalevalaseuran (Sociedade Kalevala) con Eino Leino cando o poeta, bébedo, se mofou del dicindo:[32]

Vostede, Sibelius, é unha figura rococó, descendente dos campesiños de Häme.[nota 7]

— Eino Leino, 16 de febreiro de 1920

En outono de 1920 recibiu unha oferta para dar clase na Eastman School of Music (Estados Unidos) e Rosa Newmarch transmitiulle unha petición de Henry Wood para que Sibelius fose director convidado en Londres. Sibelius aceptou a oferta de Newmarch e durante moito tempo considerou a oferta dos Estados Unidos. O 8 de decembro o tenor Wäinö Sola levou a Ainola unha doazón de 63.000 marcos (uns 19.500 euros actuais) como agasallo "dos empresarios finlandeses" polo seu 55º aniversario. A débeda de Sibelius reduciuse grazas á inflación producida pola guerra, e agora alixeirábase aínda máis, a pesar de que gastou parte dos cartos nunha semana de celebracións en Helsinqui.[32]

O ano seguinte comezou cunha viaxe a Berlín para negociar os axustes da inflación con Breitkopf & Härtel, mais os recursos da empresa víranse minguados pola guerra e tiveron que vender algunhas das súas grandes obras á editorial dinamarquesa Hansen, e obras menores a outros editores británicos e estadounidenses. A súa viaxe continuou polo Reino Unido e Noruega dirixindo algunhas das súas composicións máis destacadas antes de regresar a Finlandia, onde se celebraron os Días Musicais Nórdicos. O outono seguiu o patrón habitual de concertos e borracheiras, seguido de semanas de traballo. Ao mesmo tempo a súa fama no estranxeiro foi aumentando, sendo as súas obras interpretadas en moitos países por directores como Herman Scherchen, Busoni, ou Leopold Stokowski.[32]

O 3 de maio de 1922 Sibelius escoitou que seu irmán Christian padecía unha enfermidade incurable, da que finalmente morrería un mes despois, o que supuxo un duro golpe para el.[32]

Sibelius en 1923.

En agosto de 1922 un grupo de finlandeses influentes decidiu revivir a masonaría no país e Sibelius entrou na organización e prometeu que comporía música ritual, e aínda que o seu período máis activo durou un par de anos, Sibelius mantivo relación coa organización ata a súa morte. A principios do outono comezou a traballar na súa Sexta Sinfonía, que vería a luz seis meses despois. Logo da estrea Sibelius e súa muller comezaron unha exitosa xira que os levou por Estocolmo, onde o compositor dirixiu a súa música por primeira vez, Roma e Capri, onde o matrimonio pasou unha semana de vacacións antes da súa última escala en Gotemburgo. A xira remataría xa en Finlandia, cun concerto en Viipuri, onde foi recibido como un heroe nacional.[32]

Ao seu regreso de Viipuri Sibelius concentrouse na súa Sétima Sinfonía, e aínda que durante o outono seguiu progresando nela, continuou a beber alcohol para calmar as súas mans trementes por prescrición médica, malia que en Finlandia daquela había leis de prohibición. A finais de 1923, en medio dun período de moito traballo e coa súa popularidade aumentando con rapidez nos Estados Unidos, recibiu un premio honorífico por parte da Kordelin Foundation equivalente a 25.000 euros actuais.[32]

A principios de 1924 finalizou a que se convertería na súa derradeira sinfonía completada, a sétima, escrita nun único movemento e que estrearía en Estocolmo o 24 de marzo dese mesmo ano.[33] O 30 de agosto a súa filla Katarina casaba co avogado Eero Ilves, 16 anos maior ca ela, que daquela estaba a comezar a súa carreira como xerente de banco e que se encargaría das finanzas e asuntos fiscais dos Sibelius ata os anos 1940. Ao pouco Sibelius marcharía a Copenhaguen para dirixir varios concertos, onde coñeceu á familia real dinamarquesa e recibiu a Cruz da Orde de Dannebrog, mais os seus problemas co alcohol continuaban, mentres escribía cartas de amor a Aino dicíalle nas súas cartas a Adolf Paul:[32]

Preciso de moitos cartos. Aquí en Copenhaguen só bebo champaña.

— Jean Sibelius

Amais disto, a súa vida axitada estaba a poñer en tensión o seu corazón, como lle declarou a Aino nunha das súas cartas:[32]

Teño que deixar de dirixir, xa que cheguei ao punto no que teño que facer un esforzo especial para calmar os meus nervios, algo do que meu médico, tamén, foi moi consciente.

— Jean Sibelius, 9 de outubro de 1924

A principios de 1925 Sibelius atravesou unha nova crise que puxo freo ao seu labor compositivo, frecuentando os restaurantes de Helsinqui, se ben esta crise non foi tan acentuada como outras, en parte grazas ao seu estilo de vida familiar en Ainola; algo que non tiña o seu veciño Eino Leino, quen nunha espiral de autodestrución alcohólica acabaría morrendo un ano despois. En maio dese ano o editor Wilhelm Hansen e o Det Kongelige Teater pedíronlle a música para unha produción da obra A tempestade, finalizando o traballo no outono, aínda que a estrea pospúxose ata marzo de 1926. O resto do ano pasouno escribindo pequenas obras, e en decembro pasou o seu 60º aniversario en Helsinqui na casa da súa filla Eva sen querer aparecer en público, a pesar de que chegou a se converter nun evento nacional. As doazóns que recibiu polo seu aniversario sanearon a súa economía, amais diso a súa pensión elevouse a 100.000 marcos anuais e os coros de Finlandia mercaron case unha hectárea de terreo arredor de Ainola e regaláronlla. Nesta época desenvolveuse mellor o sistema dos dereitos de autoría, o que lle permitiu recibir novos ingresos.[32]

A principios de 1926 comezou a composición de Tapiola a raíz dun encargo Walter Damrosch, para o que tomou parte dos donativos que lle fixeran no seu aniversario para viaxar só a Roma en marzo. Durante o verán remataría a canción Väinön virsi, e malia non gustarlle compoñer estas obras por encargo conseguiu rematar Tapiola para o outono. Foi precisamente en outono cando Sibelius dirixiu por última vez fóra de Finlandia cun concerto en Copenhaguen. A finais do ano puido ler boas críticas das súas obras en xornais de Boston e Nova York, aínda que sufriu un pequeno revés logo dos comentarios da estrea de Tapiola, que deixou perplexo mesmo ao entusiasta da súa obra Olin Downes, do New York Times, e que non foi entendida por Lawrence Gilman, do New York Herald Tribune.[32]

A principios de 1927 rematou a súa música ritual masónica, que sería estreada pouco despois, o 12 de xaneiro. A finais de xaneiro, aproveitando a súa boa situación económica, viaxou con Aino a París, Sibelius escribiu:[32]

Agora teño todo en orde financeiramente, e podo concentrarme no que quero. Non é marabilloso?

— Jean Sibelius

Porén, ao seu regreso da capital francesa pechouse en Ainola e nin sequera mantivo contacto cos seus amigos, sumido nun estado depresivo motivado polo alcohol, aínda que ao pouco tempo estaba a tocar o piano a catro mans coa súa muller e traballando intensamente na música para A tempestade, da que enviaría a segunda suite ao editor en agosto. Ese verán as páxinas do seu diario mostran unha intensa loita persoal para desterrar da súa vida a bebida. Se ben non conseguiu converterse nunha persoa abstemia si puido moderar o consumo de alcohol para salvar a súa saúde.[32]

A principios de agosto, o Parlamento de Finlandia aprobou unha lei sobre dereitos de autoría, o que marcaría o inicio do proceso que o converteu nun home rico, mais isto non se traduciu na produción de novas obras mestras, se ben a principios de setembro xa estaba a pensar nunha nova obra, posiblemente unha nova sinfonía.[32]

A Oitava Sinfonía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Sinfonía nº 8 (Sibelius).
Sibelius en Ainola nos anos 1930.

A principios de febreiro de 1928 comezou a súa loita coa Oitava Sinfonía, que culminaría coa súa queima contra o ano 1945. En febreiro de 1928 Sibelius viaxou a Berlín para escribir "novas obras". As súas expectativas eran moi altas, mais tardaban moito en completarse, aínda que non mostraba présa por rematala. Nesta época Aino observou un cambio na natureza do seu home, que agora pasaba moito tempo na casa e case non saía á cidade, sendo cualificado pola súa muller como un "ermitán real".[34]

No verán de 1928 Sibelius declarou nunha entrevista que se seguía a desenvolver como compositor, e nunha conversa co tenor Wäinö Sola discutiu a posibilidade de realizar unha sinfonía que describise os famosos rápidos de Imatra. Finalmente non chegou a realizar o encargo, e durante ese ano tan só completou a pequena obra coral Siltavahti. Ao ano seguinte, Sibelius rexeitou invitacións para interpretar a súa música, mais aceptou ver a Cecil Gray, que posteriormente escribiu un importante libro sobre as súas sinfonías. Ese mesmo ano escribiu o seu Op. 115 para violín e piano, e pensou en escribir un Op. 117 que nunca chegaría.[34]

Sibelius era visto cada vez menos en público. Interesado nos inicios de Lapuan liike,[nota 8] posteriormente afastaríase do movemento coa súa radicalización. A actividade compositiva de Sibelius diminuíra considerablemente, e xa en 1930 o único sinal de que seguía interesado na composición foi Karjalan osa, unha pequena peza para coro masculino e piano que foi a súa única composición ese ano.[34]

En 1931, con motivo do 60º aniversario de Aino, escribiu Rakkaalle Ainolle para piano a catro mans, e a obra para órgano Surusoitto para o funeral de Akseli Gallen-Kallela. Ao mesmo tempo, o compositor seguiu progresando na súa nova sinfonía, traballando nela durante a súa estadía en Berlín en maio, mais o seu ritmo de traballo interrompeuse por mor dunha pleurite pulmonar, que foi tratada cun fármaco experimental chamado Eutoton que deixou a Sibelius ás portas da morte. Finalmente recuperouse ao interromper o tratamento, se ben o seu gusto pola composición desvanecérase. A mediados de xuño volveu a casa, e aínda a Oitava Sinfonía continuaba sen estar rematada; nunha carta enviada a Sergei Koussevitzky en agosto, Sibelius afirmou que ao ano seguinte estaría rematada. Cara a finais de 1931 o traballo parecía ir moi ben, mais en xaneiro de 1932 nunha nova carta a Koussevitzky anuncioulle que non remataría a sinfonía ese ano. Porén en outono dese mesmo ano anuncioulle ao novo director á fronte da Helsingin kaupunginorkesteri, Georg Schnéevoigt, que sería o encargado de dirixir a estrea da Oitava Sinfonía en Finlandia na tempada de primavera de 1933, se ben a estrea mundial lla encomendara a Koussevitzky en Boston, e a estrea europea a Basil Cameron á fronte da Royal Philharmonic Society en Londres.[34]

Na correspondencia que mantivo con Koussevitzky, Sibelius comunicoulle que en outubro de 1932 estaría rematada, mais o 17 de xaneiro de 1933 anunciáballe que non estaría concluída esa tempada. Porén, no verán dese ano díxolle ao xornalista Bob Davis que a sinfonía estaría rematada pronto, e un recibo confirma que a obra estaba en fase de transcrición ese verán, e a principios de setembro recibiu 23 páxinas do seu copista Paul Voigt. Aínda que Sibelius mantivo a loita por poñer os toques finais á obra, despois de 1933 non houbo máis declaracións sobre a sinfonía.[34]

No cumio da súa popularidade

[editar | editar a fonte]
Aino e Sibelius ao carón de C. G. E. Mannerheim durante as celebracións do 70º aniversario de Sibelius.

Logo de deixar de traballar na Oitava Sinfonía o ritmo de vida de Sibelius tornouse máis pausado, en palabras da súa filla Katarina:[35]

Papá pasaba máis tempo ao aire libre, e leu moito. Había quizais máis invitados, o número de descendentes ía en aumento. El adoitaba saír de paseo con Eero Järnefelt. Gozaban un da compañía do outro. A familia escoitaba música e visitaba exposicións de arte.

— Katarina Ilves

Agora Margarete e Heidi estaban tamén casadas e o cuarto dos nenos transformouse en libraría, onde Sibelius sentaba polas noites a escoitar a radio buscando en emisoras estranxeiras interpretacións da súa música.[35]

Aínda que continuou compoñendo, nunha das numerosas entrevistas que concedeu antes do seu 75º aniversario confesou que desbotara todo o traballo que fixera durante un ano enteiro nunha obra orquestral, o que indicaría que decidiu facer unha revisión completa da súa última sinfonía. O seu 70º aniversario foi un evento internacional, xa que Sibelius era daquela o compositor vivo máis popular en países como os Estados Unidos, Reino Unido, ou os países escandinavos, e uns 7.000 espectadores asistiron ao concerto celebrado no seu honor, entre eles tres expresidentes de Finlandia.[35][36]

O banquete en honor a Sibelius foi o último grande acto en público do compositor, e aínda que as celebracións foron ben, a vergoña polo tremor das súas mans evitou actos públicos posteriores, se ben durante a década de 1930 continuou a reunirse con artistas e figuras destacadas doutros campos, tanto en Ainola coma en Helsinqui, como a cantante Marian Anderson, a violinista Guila Bustabon, Olin Downes, Cecil Gray, e moitos xornalistas estranxeiros que accedeu a recibir a solicitude do Ministerio de Exteriores de Finlandia.[35]

Nesta época Sibelius pasaba os días lendo, escoitando a radio e xogando cos seus netos, mentres que nas noites aínda se dedicaba á composición. Porén non se sabe ata que punto progresou a súa Oitava Sinfonía, o que si é certo é que revisou varias obras anteriores e llas enviou ao seu editor.[35]

Se ben Sibelius deixara de dirixir xa bastante tempo atrás, sorprendentemente en 1939 aceptou unha invitación para dirixir a Radion sinfoniaorkesteri (Orquestra da Radio de Finlandia) durante un programa de radio para celebrar a Exposición Universal de Nova York de 1939 no que non se permitiu a asistencia de público e os músicos sinalaron o tremor das mans do compositor, aínda que este non obstaculizou o traballo.[nota 9][35][37]

Segunda guerra mundial e silencio

[editar | editar a fonte]
Sibelius en 1939.

No verán de 1939 o matrimonio trasladouse a Helsinqui, xa que Aino estaba desexando ver máis ás súas fillas. Porén un par de semanas despois de instalarse no apartamento que alugaran na capital as autoridades pedíronlle á poboación que enviasen os seus fillos fóra da cidade ante a posibilidade dun ataque da Unión Soviética, polo que os Sibelius decidiron regresar a Ainola coas súas fillas e as súas familias. Finalmente a Guerra de Inverno comezou o 30 de novembro dese ano, e aínda que os Estados Unidos e os países nórdicos lle ofreceron asilo, Sibelius rexeitouno.[38]

Coa denominada paz interina a familia considerou regresar á cidade, o que farían finalmente no outono de 1940. Na capital Aino gozou do teatro e a compañía das familias das súas fillas, mais os ruídos do apartamento irritaban ao compositor, a pesar de que gozaba dos seus paseos xunto ao mar.[38]

En 1941 as tensións entre a Unión Soviética e Finlandia aumentaron e as autoridades volveron pedirlle á poboación que enviasen de novo aos nenos fóra de Helsinqui, polo que outra vez a familia Sibelius se trasladou a Ainola. Desta volta sería con carácter definitivo, a pesar de que o apartamento da capital aínda foi empregado por Sibelius durante 18 meses máis cando necesitaba permanecer na cidade de noite. Ao pouco tempo do seu novo traslado a Ainola comezaba a chamada Guerra de Continuación, que puxo fin aos ingresos que o compositor recibía do estranxeiro, o que xunto ao racionamento de alimentos fixo máis difícil a vida do matrimonio e as familias das súas fillas.[38]

Na primavera de 1942 a reputación internacional de Sibelius sufriu un revés cando Joseph Goebbels fundou unha Sociedade Sibelius en Alemaña.[nota 10] O obxectivo de Goebbels era estreitar os lazos culturais entre os dous países, que loitaban xuntos contra a Unión Soviética, e a iniciativa puido vir do Ministerio de Exteriores finlandés. Sibelius agradeceu o recoñecemento aínda que condenou o nacionalsocialismo e as súas doutrinas radicais no seu diario un ano despois. A creación da sociedade afectou negativamente á música de Sibelius na Alemaña de posguerra e foi mal vista polos países occidentais.[38]

Sibelius non renunciara a dirixir a súa Oitava Sinfonía, mais a guerra afectoulle animicamente e á súa produción, e de feito só fixo un arranxo da súa obra de 1897 Koskenlaskijan morsiamet. O compositor declaroulle á súa secretaria en 1943:[38]

Teño un gran traballo en curso e gustaríame telo listo antes de morrer [...] Mais a inhumanidade da guerra dificulta o meu labor. Non podo durmir polas noites cando penso niso.

— Jean Sibelius, febreiro de 1943

En 1945 Sibelius mencionou na súa correspondencia a finalización da sinfonía, así como a súa queima, feito que Aino confirmaría. O seu neto Erkki Virkkunen, que visitou a casa pouco tempo despois da queima, falou co seu avó, quen lle contou tranquilamente o acontecido, mesmo de xeito xocoso. De feito a queima produciu no compositor un xiro optimista, segundo declarou a súa muller posteriormente. Despois do episodio do lume Sibelius compuxo algunhas outras obras, mais agora a maior parte das súas composicións encontrábanse nos seus desexos e pensamentos, comezando un silencio que duraría ata a súa morte.[38]

En decembro de 1945 Sibelius non asistiu ao concerto que se fixo no seu honor, aínda que recibiu a delegacións na súa casa e agasallos, que non sempre foron de gran valor monetario; por exemplo o que lle fixo a que se convertería nunha das grandes empresas da telefonía móbil, Nokia, que lle regalou o seu produto máis vendido na época, unhas botas de goma.[39]

Cara ao final da década de 1940 Sibelius mostrou que o "silencio de Ainola" non era tan real como se pensaba, compoñendo nunha soa noite en 1946 dúas novas pezas para rituais masóns: Veljesvirsi e Ylistyshymni, e en 1948 outras pezas masónicas e un arranxo de Finlandia hymni para coro mixto. O novo estilo de vida do compositor foi satisfactorio tanto para el coma para a súa familia, e a única molestia foi a tendencia que tivo o compositor de esaxerar as críticas negativas máis insignificantes ou calquera difamación da súa reputación como compositor.[39]

Segundo o seu secretario persoal Santeri Levas, a súa vellez comezou aos 82 anos de idade, cando en 1948 Sibelius empezou a falar da súa avanzada idade e a empregala para rexeitar invitacións a eventos fóra do seu país. Ese mesmo ano concedeu a súa única entrevista na radio con Kalevi Kilpi, na Yleisradio. Mais unha das súas últimas aparicións semioficiais tivo lugar no seu 85 aniversario, en decembro de 1950, un evento que atraeu a atención dos flashes, en especial cando o presidente Juho Kusti Paasikivi saudou o compositor.[nota 11][39]

Visita de Ormandy á casa de Sibelius en 1951.

Contra 1951 Sibelius dixo que estaba a escribir unha nova sinfonía, mais dubidaba de que puidese plasmala no papel, aínda que si podía escribir obras menores, completando un arranxo do seu Op. 91b. Ese mesmo ano o compositor pasou varias semanas en Helsinqui, onde coñeceu intérpretes da súa obra como Eugene Ormandy, Isaac Stern e Jussi Björling. Non foi ata 1954 cando Sibelius recoñeceu que non podería finalizar a sinfonía.[39]

As visitas a Sibelius en Ainola continuaron os anos seguintes coas visitas de Sir Thomas Beecham en 1954, ou Yehudi Menuhin cos membros da Philadelphia Orchestra e Eugene Ormandy en 1955. Mais case non mantivo contacto co mundo exterior durante eses anos, como escribiu Juusi Jalas:[39]

Mais o seu contacto co mundo exterior produciuse principalmente cando o foron visitar os seus familiares. El raras veces aceptou ver aos visitantes. Case as únicas excepcións foron os directores de orquestra e solistas que chegaron durante as semanas Sibelius. As súas visitas sempre lle inspiraron e alegraron.

— Juusi Jalas.

A deterioración da saúde do compositor foi recollida polo seu secretario persoal, que testemuñou como os seus paseos pola natureza se foron facendo menos frecuentes, tornándose inexistentes no inverno e limitándose aos días de bo tempo no verán. Finalmente Sibelius deixou de falar de compoñer e resignouse ao feito tráxico de que nunca completaría a súa Oitava Sinfonía. A familia debía permanecer alerta para evitar que posibles críticas negativas fixesen caer na depresión ao compositor, como cando en 1952 Yrjö Suomalainen afirmou na súa biografía de Robert Kajanus que este lle dera consellos de composición a Sibelius. Amais a angustia invadíao ao pensar nas súas obras de xuventude, que el consideraba de pouco valor.[39]

En 1957 Sibelius realizou os seus últimos arranxos nalgunhas das súas obras. O traballo do compositor mostra que aínda estaba capacitado para compoñer e que o seu cerebro funcionaba perfectamente a pesar dos tremores que sufrían as súas mans e que lle facían dificultoso o traballo.[40]

Tumba. Järvenpää.

O 20 de setembro de 1957 Sibelius levantouse mareado, mais revisou a prensa como tiña por costume. Á unha, no medio do almorzo, derrubouse, aínda que recoñeceu ás súas fillas Eva e Katarina cando chegaron á casa. Ás nove da noite finaba a causa dun derramo cerebral ao mesmo tempo que Malcolm Sargent dirixía a súa Quinta Sinfonía nun concerto que estaba a ser gravado na sala de concertos da Universidade de Helsinqui.[1][40] O día despois da súa morte declarouse día de loito en todo o país.[3] Ese mesmo día, a súa filla Eva anunciaba que a Oitava Sinfonía non existía, e de feito, aínda que a familia atopou pequenas obras inéditas, non se atopou nin a ansiada sinfonía nin outras obras de envergadura.[40]

O día 24 publicouse a súa necrolóxica co sorprendente texto "A música está feita de dor", unha frase que Aino escollera supostamente seguindo os pasos do seu home.[40]

O 29 de setembro tivo lugar en Ainola unha pequena cerimonia de homenaxe ao compositor na que Jussi Jalas tocou algunhas das súas composicións. Á conclusión da cerimonia o seu corpo foi levado a Helsinqui, onde os músicos da Helsingin kaupunginorkesteri e da Radion sinfoniaorkesteri levaron o seu féretro á catedral de Helsinqui mentres Tapani Valsta tocaba ao órgano música de Johann Sebastian Bach. Antes das nove da noite abríronse as portas da catedral, que permaneceron abertas ata a media noite, permitindo que 17.000 persoas pasasen a presentar os seus respectos ao compositor.[40]

O luns 30 de setembro tivo lugar o funeral na catedral de Helsinqui. Ao acto asistiu o daquela presidente de Finlandia Urho Kekkonen, e nel interpretáronse varias composicións e seccións de obras de Sibelius. Despois da cerimonia Aino Sibelius e Urho Kekkonen puxeron as súas coroas, e figuras destacadas da música do país como Uuno Klami e Einojuhani Rautavaara levaron o ataúde ao coche fúnebre, e cando este partiu cara a Ainola milleiros de persoas formaron ao carón da estrada con candeas acesas dende o centro de Helsinqui ata Järvenpää, e unha vez na casa do compositor foron os familiares os que levaron o féretro ao lugar escollido para o enterramento.[40]

Sibelius revisando unha partitura.

O groso da obra de Sibelius é o seu conxunto de sete sinfonías. Ao igual que Beethoven, Sibelius utilizaba cada unha para desenvolver mellor o seu propio estilo compositivo individual. Porén, a diferenza do compositor alemán, quen aproveitaba as sinfonías para facer declaracións públicas, reservando os seus sentimentos máis íntimos para ás súas obras máis pequenas, Sibelius publicaba os seus sentimentos individuais nas propias sinfonías. Estas obras continúan sendo representadas frecuentemente en salas de concerto e son a miúdo rexistradas en disco.[2]

Ata aproximadamente 1926 mostrou unha produción moi prolífica que inclúe pezas inspiradas na epopea nacional finlandesa Kalevala, cen cancións con acompañamento de piano, música incidental para 13 obras, a ópera en sueco Jungfrun i tornet (en galego A moza na torre), música de cámara, música para piano, 21 publicacións de música coral, e música ritual para a masonaría.[41] Aínda que viviu ata 1957, non publicou obras importantes despois de 1925.[42]

Logo da súa Sétima Sinfonía non compuxo ningunha outra obra importante nos seus últimos trinta anos de vida, aínda que comezou a escribir a súa Oitava Sinfonía que el mesmo destruiría e da que apenas se conservan uns fragmentos.[2] Podería dicirse que as únicas dúas obras significativas que se conservan compostas con posterioridade á Sétima Sinfonía son a música incidental para a obra de Shakespeare A tempestade e o poema sinfónico Tapiola.[43] Porén, o compositor Einar Englund escoitou do seu titor Martti Paavola, quen visitara o apartamento de Sibelius en Helsinqui en 1940, que puidera ver o que gardaba na caixa forte, onde segundo Paavola había varias partituras, un réquiem, unha sinfonía (posiblemente a oitava), e tamén varios poemas sinfónicos.[38]

Sibelius foi considerado o gran neoclasicista do século XX por Olin Downes, quen o presentou como contrapeso dos "modernistas" e "intelectuais", e os seus escritos tendían a cualificar a Sibelius como o arquetipo de compositor conservador.[39]

Ademais das súas sinfonías, as composicións máis coñecidas de Sibelius son o poema sinfónico Finlandia, a Suite Karelia, o Valse triste, o seu Concerto para violín e Tuonelan joutsen (en galego O cisne de Tuonela, un dos catro movementos da Suite Lemminkäinen). O xenio de Sibelius revélase principalmente nas súas sinfonías, poemas sinfónicos e no seu concerto para violín.[42]

Unha das principais fontes para as súas composicións foi a epopea nacional finlandesa Kalevala, que inspirou poemas sinfónicos como Kullervo e Tapiola; de feito Tapio é un rei do bosque e Tapiola é coma un bosque convertido en música.[44]

Sibelius amaba a natureza, e a paisaxe finlandesa serviulle con frecuencia como material para a súa música. O propio compositor declarou da súa sexta sinfonía:

A sexta sinfonía sempre me lembra o olor da primeira neve

— Jean Sibelius, 1943[45]

Frecuentemente dise que os bosques dos arredores de Ainola inspiraron a composición de Tapiola. Sobre a relación de Sibelius coa natureza, o biógrafo Erik W. Tawaststjerna escribiu o seguinte:

Mesmo para os estándares nórdicos, Sibelius respondeu con excepcional intensidade aos estados de ánimo da natureza e os trocos nas estacións: escudriñaba os ceos cos seus binoculares para ver os gansos voar sobre o lago conxelado, escoitou os chíos das grúas, e escoitou o eco dos berros do mazarico nos terreos pantanosos xusto debaixo de Ainola. Saboreou as flores de primavera exactamente igual que fixo cos olores e cores do outono.

— Erik W. Tawaststjerna[46]

Frecuentemente a súa música é descrita como "sombría", "erma" e "elemental", identificándoa co seu amor á natureza dos países nórdicos.[42]

Estilo musical

[editar | editar a fonte]

Moitos críticos viron nas primeiras composicións de Sibelius, concibidas para ser interpretadas polos membros da súa familia, influencias da escola clásica vienesa ou posteriormente de Tchaikovsky e Grieg en particular. Algunhas destas primeiras obras como Vattendroppar pénsase que poderían ser exercicios de práctica técnica para el e seus irmáns.

Sibelius estaba impregnado da literatura da súa Finlandia natal, concretamente da epopea nacional finlandesa Kalevala, da que extraeu numerosos textos para as súas obras vocais e temas para os seus poemas sinfónicos.[42] De feito, as primeiras composicións destacadas (Kullervo, En Saga, Suite Limminkäinen e Finlandia) son concepcións programáticas inspiradas na literatura nacional finlandesa, o que dá mostra da atmosfera de desenvolvemento do orgullo nacional que se estaba a levar a cabo no seu país, e amosa o seu compromiso cultural.[47] Fronte aos grandes músicos finlandeses da época, que se formaran en Alemaña e cuxa música era vagamente nacionalista (como no caso de Kajanus), Sibelius tivera unha formación fundamentalmente finlandesa e pode dicirse que é a partir de Sibelius cando naceu e se desenvolveu un corpus significativo de música especificamente finlandesa.[48] A pesar da relación da música de Sibelius co folclore finlandés, esta non cita nin imita fontes folclóricas e apenas se poden atopar probas da influencia directa da canción popular nas súas obras, aínda que si comparte algúns trazos estruturais xerais coa meirande parte da música folclórica: a importancia do cromatismo, a adhesión ás escalas diatónicas e xeralmente modais, as extensións melódicas enormemente restrinxidas e a tendencia a rodar de xeito continuo unha única nota que fai as funcións de centro tonal. Estas características están sustentadas por unha harmonía esencialmente triádica e modal e que frecuentemente se mostra ambigua. Outro trazo especialmente característico da súa música é a importancia do tritono, que equilibra os puntos melódicos máis importantes coas notas longas dos pedais do acompañamento.[47]

Se ben as súas primeiras composicións tiveron un marcado carácter nacional e romántico, dende o seu traslado a Ainola en 1904 foise afastando deste estilo, un cambio que xa se aprecia na Terceira Sinfonía, e que se fixo patente catro anos despois, cando tras a súa operación de gorxa a súa linguaxe se tornou máis introvertida.[20] Outros autores coma Robert P. Morgan sinalan 1899 e a Primeira Sinfonía de Sibelius como o momento no que o compositor tomou un cambio de dirección cara a un estilo máis abstracto e económico. As súas sinfonías continuaron e revitalizaron a tradición sinfónica do século XIX malia seren esencialmente conservadoras e mesmo antimodernistas.[47] Sibelius falaba do seguinte xeito sobre a súa concepción da sinfonía nunha discusión con Mahler:[49]

Cando a nosa conversa tocou o tema da esencia da sinfonía, dixen que admiraba a súa severidade de estilo e a profunda lóxica que orixinaba a conexión interna entre os diferentes motivos... O punto de vista de Mahler era totalmente oposto: "Non, unha sinfonía debe ser un mundo. Debe abarcalo absolutamente todo".

A pesar de que todas as súas sinfonías son totalmente diferentes no seu plan xeral, os trazos de economía e consistencia temática resultan evidentes ao longo de todos os seus traballos sinfónicos.[47]

A orixinalidade da obra de Sibelius reside na natureza dos seus temas, a súa técnica do desenvolvemento temático e o seu tratamento da forma.[42] Todas as sinfonías de Sibelius están baseadas na idea de evolución temática constante pola cal os materiais orixinais se transforman gradualmente nun proceso que semella aparentemente irrompible, e os novos materiais que resultan deste proceso derívanse por medio de transformacións progresivas das células motívicas orixinais, o que fai que os temas secundarios poucas veces teñan un carácter contrastante, senón que semellan variacións do material temático anterior.[47] No canto de melodías periódicas completas, un tema pode verse construído por motivos breves que se funden nunha entidade completa tras soar de xeito separado (un exemplo aparece no terceiro movemento da súa Cuarta Sinfonía). Os motivos poden transferirse dun tema a outro ou poden disolverse os temas e recombinarse os seus motivos de xeito que o tema orixinal se transforma gradualmente por substitución das súas unidades motívicas, unha tras outra, ata dar pé a unha estrutura nova, como ocorre no primeiro movemento da súa Terceira Sinfonía. Un ou varios motivos básicos poden reaparecer ao longo dun movemento ou mesmo dunha sinfonía completa, como ocorre na súa Sexta Sinfonía. A estrutura, que moitas veces pode reducirse a esquemas formais clásicos, está subordinada, ou mesmo é secundaria, ao desenvolvemento orgánico das ideas musicais. Se a Cuarta Sinfonía supón un modelo de concisión, intensidade e unidade temática, a Sétima, escrita nun único movemento, é o cumio da unidade formal.[42]

En 1931, a súa composición para órgano Surusoitto, composta para o funeral de Akseli Gallen-Kallela, mostrou unha atmosfera ascética e un estilo moderno de expresión que apuntaban a un novo cambio de estilo que finalmente non chegaría.[34]

Recepción da súa obra

[editar | editar a fonte]
Theodor W. Adorno (á dereita) foi un dos máis críticos coa obra de Sibelius.

Sibelius exerceu unha influencia considerable en compositores sinfónicos e na vida musical, polo menos nos países nórdicos e de fala inglesa. O sinfonista finlandés Leevi Madetoja foi alumno de Sibelius. No Reino Unido, Vaughan Williams e Arnold Bax dedicaron as súas quintas sinfonías a Sibelius. Ademais, a Sexta Sinfonía de Bax e a Sinfonía en sol menor de Moeran fanse eco de Tapiola. A influencia dos procedementos compositivos de Sibelius faise sentir con forza tamén na Primeira Sinfonía de William Walton.[50] Cando estes e outros varios grandes ensaios sinfonistas británicos estaban a ser escritos durante e arredor dos anos 1930, a música de Sibelius estaba moi en voga, con directores como Beecham e Barbirolli defendendo a súa causa tanto nas salas de concerto coma en gravacións. O compositor amigo de Walton Constant Lambert mesmo afirmou que Sibelius era "o primeiro gran compositor dende Beethoven cuxa mente pensa naturalmente en termos de forma sinfónica".[51] Antes, Granville Bantock defendera a Sibelius (o aprecio era mutuo: Sibelius dedicoulle a súa Terceira Sinfonía ao compositor inglés, e en 1946 converteuse no primeiro presidente da Bantock Society). Máis recentemente, Sibelius foi tamén un dos compositores defendidos por Robert Simpson. Malcolm Arnold recoñeceu a súa influencia, e Arthur Butterworth continúa a ver a música de Sibelius como fonte de inspiración na súa propia obra.[52]

Eugene Ormandy e, en menor medida, o seu predecesor Leopold Stokowski, foron instrumentos que levaron a música de Sibelius ás audiencias estadounidenses programando con frecuencia as súas obras; o primeiro desenvolveu unha relación de amizade con Sibelius ao longo da súa vida. Máis tarde en vida foi defendido polo crítico Olin Downes, que escribiu unha biografía do compositor.[53]

En 1938 Theodor Adorno escribiu un ensaio crítico sobre o compositor, notoriamente acusando que:[54]

Se Sibelius é bo, isto invalida os estándares da calidade musical que persistiron dende Bach a Schoenberg: a riqueza da interconexión, articulación, unidade na diversidade, o 'polifacético' no 'un'.

Adorno enviou o seu ensaio a Virgil Thomson, daquela crítico musical do New York Herald Tribune, que foi tamén crítico con Sibelius; Thomson, que concordaba co sentimento do ensaio, declaroulle a Adorno que "o tono deste [era] máis apto para crear antagonismo cara a [Adorno] que cara a Sibelius".[55] Posteriormente, o teórico e director de orquestra René Leibowitz foi máis aló ao describir a Sibelius como "o peor compositor do mundo" no título dun panfleto en 1955.[56]

Avaliando a música de Sibelius para The Washington Post, o crítico musical Tim Page opinou:[57]

Hai dúas cousas que dicir de inmediato sobre Sibelius. Primeiro, é desigual (moita da súa música de cámara, un lote das súas cancións e a maior parte da súa música para piano podería ser producida por un compositor de salón de segunda fila do século XIX nunha tarde libre). Segundo, nos seus mellores momentos, é frecuentemente raro.[58]

Posiblemente un motivo polo que Sibelius atraeu tanto a loanza coma a ira dos críticos é que en cada unha das súas sete sinfonías achegouse aos problemas básicos da forma, a tonalidade, e a arquitectura de xeitos únicos e individuais. Por unha banda, a súa creatividade sinfónica (e tonal) era novidosa, mais outros pensaron que a música debía tomar un camiño diferente. A resposta de Sibelius a estas críticas foi indiferente:

Non prestei atención ao que din os críticos. Nunca lle foi erixida unha estatua a un crítico.

Nas derradeiras décadas do século XX, Sibelius comezou a ser reavaliado máis favorablemente: Milan Kundera chamou ao enfoque do compositor "modernismo antimoderno", posicionado fóra da progresión perpetua do status quo.[55] En 1990, a Helsingin kaupunginorkesteri encargoulle á compositora Thea Musgrave que escribise unha peza en honor ao 125º aniversario do nacemento de Sibelius: Song of the Enchanter foi estreada o 14 de febreiro de 1991.[59] En 1984, o compositor vangardista americano Morton Feldman deu unha conferencia en Darmstadt (Alemaña) na que afirmou:

... a xente que pensas que son radicais poden realmente ser conservadores; a xente que pensas que son conservadores poden ser realmente radicais.[60]

Despois desta afirmación Feldman comezou a tararear a Quinta Sinfonía de Sibelius.[55]

Posiblemente o seu conservadorismo fixo que, ao igual que Serguéi Rakhmáninov, se sentise fóra do seu tempo.[47]

Sibelius e a política

[editar | editar a fonte]

A música de Sibelius pronto recibiu unha cálida benvida en Alemaña. Mais a partir de 1933, cos nazis no poder, suscitouse a cuestión das relacións do compositor co réxime hitleriano. A polémica cristalizou ao redor da obra de TL Jackson, da Universidade do Norte de Texas, quen, sobre a base de arquivos esencialmente alemáns, sostén a tese dun Sibelius máis que compracido coas autoridades nazis. Presidente adxunto en 1934 ao lado de Richard Strauss do Council of composer's international cooperation, unha asociación para a promoción da música nacional-socialista, recipiendario da medalla Goethe en 1935, creación dunha sociedade Sibelius en 1942[61], Sibelius non rexeitou os honores do réxime nazi.

Na súa defensa Veijo Murtomaki, profesor de historia da música na academia Sibelius, rexeita todas estas acusacións facendo ver que a tese de Jackson, unicamente documentalista, é sorprendente para os finlandeses, que coñecen mellor ca ninguén a situación económica e cultural da Finlandia de 1933 a 1945, que Sibelius era un home de orgullo moi satisfeito pola súa gran popularidade en Alemaña e que fixo de todo para obter diso o meirande beneficio persoal, especialmente financeiro, e que en definitiva non se pode presentar a Sibelius como un apoio do réxime nazi.

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

En 1914 a Universidade Yale concedeulle a Jean Sibelius un doutoramento honorífico, e ao mesmo tempo a Universidade de Helsinqui outorgoulle a mesma distinción, recolléndoa no seu nome a súa muller Aino.[24]

Con motivo do seu 70 aniversario, o goberno alemán concedeulle a súa máxima distinción artística, a Medalla Goethe, sendo o premio asinado polo chanceler do Reich, Adolf Hitler.[35]

[editar | editar a fonte]

O billete de 100 marcos finlandeses tiña a imaxe do compositor ata a súa retirada no 2002.[62] Houbo tres edicións de selos conmemorativos en Finlandia en homenaxe a Sibelius nos anos 1945, 1957 e 1965. No Sibeliuksen puisto (Parque Sibelius) de Helsinqui encóntrase dende 1967 un monumento dedicado ao compositor deseñado por Eila Hiltunen. Existen tamén distintas institucións que teñen o seu nome, salientando a Sibelius-Akatemia (escola superior de música de Finlandia e que ten sedes na capital e en Kuopio) ou o Sibelius-museo (museo dedicado á música da cidade de Turku). Na cidade de Lahti está o Sibeliustalo, un auditorio con capacidade 1.250 espectadores e que acolle os concertos de tempada da Sinfonia Lahti. A casa natal de Sibelius, situada no número 11 de Hallituskatu, en Hämeenlinna, é visitable todos os días da semana.[63] Moitas cidades de Finlandia teñen algunha rúa dedicada a Sibelius, como no caso da capital, onde a rúa Kammiokatu, na que viviu o compositor en distintos períodos entre 1939 e 1942, é coñecida coma Sibeliuksenkatu.[38] Outras cidades que teñen rúas dedicadas ao compositor son Turku,[64], ou a cidade natal do compositor, Hämeenlinna.[65]

Dende 2011, Finlandia celebra un día da bandeira o 8 de decembro, o día do nacemento do compositor, tamén coñecido como o Día da Música Finlandesa.[66]

  1. Dous idiomas oficiais en Finlandia, aínda que o sueco era falado na época por case un 20 % da poboación fronte o 6 % actual.
  2. Algúns biógrafos datan a composición arredor de 1875-1876.
  3. Defensor da lingua e a cultura sueca.
  4. Euterpe era unha revista literaria en lingua sueca cuxos editores eran supervisados por Werner Söderhjelm.
  5. Os Jägers eran soldados finlandeses que se encontraban en formación militar en Alemaña, inicialmente para loitar pola súa liberdade fronte ás tropas rusas do tsar, e que ao seu retorno a Finlandia se enfrontaron á Garda Vermella.
  6. A Åbo Akademi é a única universidade de Finlandia na que se ensina exclusivamente en lingua sueca, non debe confundirse coa Kungliga Akademin i Åbo fundada en 1640.
  7. Häme é o nome finlandés da rexión de Tavastia.
  8. O Lapuan liike (traducido como Movemento de Lapua) foi un movemento político nacionalista e anticomunista finlandés que se tornou un movemento radical que desenvolveu prácticas coma o secuestro de persoas consideradas demasiado esquerdistas.
  9. Esta é a única gravación que hai de Sibelius dirixindo e foi distribuída por primeira vez xunto co volume 2/1995 da revista Classica.
  10. Goebbels era o responsable da propaganda nazi e foi chanceler do Reich durante unhas horas logo da morte de Hitler.
  11. Juho Kusti Paasikivi foi tamén alumno no Liceo Normal de Hämeenlinna.
Referencias
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 (Nuño, Moreno & Pascual 2006, pp. 11-13)
  2. 2,0 2,1 2,2 "Jean Sibelius. Biografía". last.fm (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2014. 
  3. 3,0 3,1 "1938-1957". Åbo Akademi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2009. Consultado o 29 de agosto de 2014. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 "Childhood 1865-1881". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2015. Consultado o 3 de agosto de 2014. 
  5. (Ekman 1972, p. 11)
  6. 6,0 6,1 "Sibelius’ years in Hämeenlinna". Cidade de Hämeenlinna (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2014. Consultado o 3 de agosto de 2014. 
  7. 7,0 7,1 7,2 "1865-1885". Åbo Akademi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2018. Consultado o 20 de agosto de 2014. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 "Music becomes a serious pursuit 1881-1885". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2015. Consultado o 6 de agosto de 2014. 
  9. 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 9,10 9,11 9,12 "Studies in Helsinki 1885-1888". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2019. Consultado o 8 de agosto de 2014. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 "1885-1891". Åbo Akademi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2018. Consultado o 29 de agosto de 2014. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 "Studies in Berlin 1889-1890". sibelius.fi (en inglés). Consultado o 22 de agosto de 2014. [Ligazón morta]
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 "Studies in Vienna 1890-1891". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2015. Consultado o 22 de agosto de 2014. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 "Kullervo and the wedding 1891-1892". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2015. Consultado o 24 de agosto de 2014. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 "The Symposion years 1892-1897". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2015. Consultado o 24 de agosto de 2014. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 "Towards an international breakthrough 1897-1899". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2015. Consultado o 24 de agosto de 2014. 
  16. (Nuño, Moreno & Pascual 2006, pp. 20-24)
  17. "1899-1904". Åbo Akademi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2009. Consultado o 29 de agosto de 2014. 
  18. "Classical Destinations: An Armchair Guide to Classical Music". Amadeus Press. 2006: 87. ISBN 1-57467-158-8. 
  19. 19,0 19,1 19,2 "A child's death, and international breakthrough, 1900-1902". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2015. Consultado o 24 de agosto de 2014. 
  20. 20,0 20,1 "1904-1907". Åbo Akademi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2009. Consultado o 29 de agosto de 2014. 
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 "The Waltz of Death and the move to Ainola 1903-1904". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2015. Consultado o 24 de agosto de 2014. 
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 "The first years in Ainola (1904-1908)". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 24 de agosto de 2014. 
  23. All Music Guide to Classical Music: The Definitive Guide to Classical Music (en inglés). Backbeat Books. 2005. pp. 1279–1282. ISBN 0-87930-865-6. 
  24. 24,00 24,01 24,02 24,03 24,04 24,05 24,06 24,07 24,08 24,09 24,10 "Inner voices 1908-1914". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2015. Consultado o 30 de xullo de 2014. 
  25. "Symphony no. 4 op. 63 (1911)". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2015. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  26. "Relatives alphabetically". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2014. Consultado o 8 de agosto de 2014. 
  27. Grimley, Daniel M. (2011). Jean Sibelius and His World (en inglés). Princeton University Press. p. 162. ISBN 978-0-691-15280-6. 
  28. "List in order by opus number (71-80)". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2014. Consultado o 8 de agosto de 2014. 
  29. 29,00 29,01 29,02 29,03 29,04 29,05 29,06 29,07 29,08 29,09 "The war and the fifth symphony 1915-1919". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2015. Consultado o 14 de agosto de 2014. 
  30. "1908-1914". Åbo Akademi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2009. Consultado o 29 de agosto de 2014. 
  31. "Fifth symphony op. 82 (1915-1919)". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2016. Consultado o 15 de agosto de 2014. 
  32. 32,00 32,01 32,02 32,03 32,04 32,05 32,06 32,07 32,08 32,09 32,10 32,11 32,12 32,13 "The last masterpieces 1920-1927". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2015. Consultado o 17 de agosto de 2014. 
  33. "Seventh symphony op. 105 (1924)". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 19 de agosto de 2014. 
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 34,4 34,5 "Writing the eighth symphony 1928-1933". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2015. Consultado o 23 de agosto de 2014. 
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 35,4 35,5 35,6 "At the height of his popularity 1934-1939". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2018. Consultado o 27 de agosto de 2014. 
  36. "1930-1938". Åbo Akademi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2009. Consultado o 29 de agosto de 2014. 
  37. "Jean SIBELIUS (1865-1957)". Inkpot.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2012. Consultado o 4 de setembro de 2014. 
  38. 38,0 38,1 38,2 38,3 38,4 38,5 38,6 38,7 "The war and the destruction of the eighth symphony 1939-1945". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2019. Consultado o 28 de agosto de 2014. 
  39. 39,0 39,1 39,2 39,3 39,4 39,5 39,6 "The silence of Ainola 1945-1957". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de febreiro de 2019. Consultado o 29 de agosto de 2014. 
  40. 40,0 40,1 40,2 40,3 40,4 40,5 "Death and funeral 1957". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2015. Consultado o 29 de agosto de 2014. 
  41. "Brother Sibelius". masonmusic.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2003. Consultado o 12 de abril de 2013. 
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 42,4 42,5 Grout, Donald J.; Palisca, Claude V. Historia de la música occidental (en castelán) II. Alianza Música. p. 874. ISBN 84-206-7893-7. 
  43. Botstein, Leon (14 de agosto de 2011). "The Transformative Paradoxes of Jean Sibelius". The Chronicle of Higher Education. Consultado o 21 de xaneiro de 2014. 
  44. "1925-1930". Åbo Akademi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2009. Consultado o 29 de agosto de 2014. 
  45. "Sixth symphony op. 104 (1923). Quotes on the sixth symphony". sibelius.fi (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 3 de agosto de 2014. 
  46. "Even by Nordic standards, Sibelius responded with exceptional intensity to the moods of nature and the changes in the seasons: he scanned the skies with his binoculars for the geese flying over the lake ice, listened to the screech of the cranes, and heard the cries of the curlew echo over the marshy grounds just below Ainola. He savoured the spring blossoms every bit as much as he did autumnal scents and colours.". Tawaststjerna, volumo II, p. 21.
  47. 47,0 47,1 47,2 47,3 47,4 47,5 Morgan, Robert P. (1999). La música del siglo XX (en castelán). AKAL. pp. 138–141. ISBN 84-460-0368-6. 
  48. Plantinga, León. La Música Romántica (en castelán). AKAL Música. p. 419. ISBN 84-460-0040-7. 
  49. Citado en Morgan de Karl Ekman, Jean Sibelius: Su vida y personalidad, tradución inglesa de Edward Birse (Nova York, 1938), p. 191
  50. Freed, William (1 de marzo de 2005). "William Walton, Symphony No. 1 in B-flat minor [1968 version] (notas ao programa)" (en inglés). Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  51. Lambert, Constant (1934). Sibelius and the Integration of Form (en inglés). Music Ho!. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  52. Walker, Lynne (2008). "King Arthur" (en inglés). Classical Music/MusicWeb International. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  53. Dawn Goss, Glenda (1995). Jean Sibelius and Olin Downes: Music, friendship, criticism (en inglés). Northeastern University Press. ISBN 9781555532000. 
  54. Adorno, Theodor (1938). Posteriormente impresa como "Glosse über Sibelius". "Törne, B. de, Sibelius; A Close Up". Zeitschrift für Sozialforschung 7: 460–463.  Citadaa e traducida en Jackson, Timothy L. (2001). "Preface". En Jackson, Timothy L.; Murtomäki, Veijo. Sibelius Studies. Cambridge University Press. p. xviii. ISBN 0-521-62416-9. 
  55. 55,0 55,1 55,2 Ross, Alex (2009) [2007]. "5". The Rest Is Noise: Listening to the Twentieth Century (3ª ed.). Harper Perennial. ISBN 978-1-84115-476-3. 
  56. Leibowitz, René (1955). Sibelius, le plus mauvais compositeur du monde (en francés). Liexa, Bélxica: Éditions Dynamo. OCLC 28594116. 
  57. "The Pulitzer Prizes | Finn de Siecle". Pulitzer.org (en inglés). 29 de setembro de 1996. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  58. There are two things to be said straightaway about Sibelius. First, he is terribly uneven (much of his chamber music, a lot of his songs and most of his piano music might have been churned out by a second-rate salon composer from the 19th century on an off afternoon). Second, at his very best, he is often weird.
  59. Musgrave, Thea. "Song of the Enchanter". theamusgrave.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2015. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  60. The people you think are conservatives might really be radical.
  61. Jackson, Timothy L.; Murtomaki, Veijo (2001). Sibelius Studies (en inglés). Cambridge University Press. 
  62. "Setelit.com". Setelit.com (en finés). 
  63. "Birthplace of Jean Sibelius". Cidade de Hämeenlinna (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  64. "Turku map service" (en inglés e finés). Cidade de Turku. Consultado o 28 de agosto de 2014. 
  65. "Työvoiman palvelukeskus". Cidade de Hämeenlinna (en finés). Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2014. Consultado o 28 de agosto de 2014. 
  66. "Ministry of Interior-Days the Finnish flag is flown". Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2012. Consultado o 17 de marzo de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]