Saltar ao contido

Kharxa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha kharxa[1] (do árabe jarya ‘saída’ ou ‘final’)[2] é unha composición lírica popular da Hispania musulmá, que constituía a parte final da muaxaha, da que existen exemplos desde o século XI. As kharxas están compostas en dialecto hispanoárabe coloquial, ou na lingua romance que utilizaban os andalusís, impropiamente chamada mozárabe.

Foron escritas por poetas cultos árabes e xudeus que se inspiraban en cancionciñas románicas de tipo popular. Puideron recollelas do folclore tradicional, ou ben adaptalas ás súas necesidades métricas (pois debían integrarse na muaxaha) ou ben compoñelas como novas creacións, a partir de moldes tradicionais. A súa importancia radica en que son o documento máis antigo que se coñece de poesía en lingua romance.

Procedencia das kharxas

[editar | editar a fonte]

A muaxaha (procedente do árabe muwashshaha; ou muwassaha, que significa "colar") é un tipo de poema culto que tivo o seu momento de esplendor en Al-Andalus entre os séculos IX e XII. Os árabes trouxeron consigo un modelo lírico do século IV, a qasida, que constaba de longos versos monorrimos emparellados adecuados para a transmisión oral polo mestre. É o tipo de verso en que está escrito o Corán. A muaxaha está escrita en versos curtos, debido á influencia da lírica popular, pero con temas e estruturas moi complexas. Aparece na península e crese que é froito da mestura de culturas existente derivada da estreita convivencia de culturas na Hispania musulmá da época de taifas, (árabe, hebrea e cristiá). Os propios árabes referíanse ás veces ás muaxahas como "cancionciñas ao estilo dos cristiáns".

Ao final da serie de versos que compoñen a muaxaha aparece un refrán en lingua romance, hebrea ou árabe vulgar. Este refrán é a kharxa.

Existe outro xénero poético, o céxel, no que os versos en romance aparecen dispersos por todo o poema.

Temática das kharxas

[editar | editar a fonte]

As kharxas mozárabes amatorias son pequenos poemas populares nos que, xeralmente, unha moza fala das súas experiencias amorosas á súa nai ou ás súas irmás. Os seus trazos máis destacados son a abundancia de exclamacións, interrogacións e repeticións, o uso dun léxico sinxelo e de moitos diminutivos, a construción en versos de arte menor. Considérase que as kharxas, as cantigas de amigo galego-portuguesas e os vilancicos casteláns son ramas dunha mesma tradición popular, que tamén ten ramificacións fora da Península.

Exemplos:

[editar | editar a fonte]

Exemplo de kharxa (en romance):

Vayse meu corachón de mib.
ya Rab, ¿si me tornarád?
¡Tan mal meu doler li-l-habib!
Enfermo yed, ¿cuánd sanarád?

(tradución ao galego)

Vaise o meu corazón de min.
Oh Deus, vaime volver?
Tan forte a miña dor polo amado!
Enfermo está, cando sandará?

Descubrimento das kharxas na actualidade

[editar | editar a fonte]

As kharxas foron descubertas no ano 1948 polo hebraísta Samuel Miklos Stern en colaboración co arabista español Emilio García Gómez, e puideron ser recuperadas grazas a que poetas cultos árabes e hebreos daqueles séculos as incorporaron nas súas composicións escritas.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Kharxa.
  2. "Kharxa". Portal das palabras. Consultado o 16 de decembro de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]