Saltar ao contido

Marquesado de Montferrato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización do Marquesado de Montferrato.

O Marquesado de Montferrato foi un estado do noroeste de Italia. Durante toda a Idade Media foi un Marquesado do Sacro Imperio, e só coa dominación española adquiriu o título de Ducado, cando o emperador Maximiliano II ascendeu ao Marquesado á categoría de Ducado ao entregarllo ao duque de Mantua en 1574.

O Marquesado de Montferrato naceu como unha marca da fronteira noroccidental do Reino de Italia. En 961 o emperador Otón I decidiu reestruturar a fronteira con Francia e dividiu a Marca de Ivrea en varios marquesados. Por este motivo, Otón I creou a marca da Liguria Occidental ou marca Aleramica xa que o seu destinatario foi o conde Aleramo. Ademais da marca da Liguria Occidental, creáronse a partir da marca de Ivrea outras dúas marcas: a Marca da Liguria oriental, que foi entregada ao conde Oberto e que co tempo derivou no Ducado de Milán e a República de Xénova; e a Marca de Turín (futuro Ducado de Savoia) entregada ao conde Arduin Glaber.

Os desdendentes de Aleramo son relativamente descoñecidos, pois apenas se dispón de documentos escritos sobre eles. Este obscurantismo cambia con Rainiero I. Guillerme V, fillo de Rainiero, casou cunha irmá de Conrado III aumentando de forma considerábel o prestixio da familia. Guillerme involucrouse na política italiana de Conrado III e o emperador bizantino Manuel I Comneno, mostrándose como un activo líder xibelino. Guillerme V tamén participou xunto aos seus fillos nas Cruzadas. Bonifacio I de Montferrato foi o líder da Cuarta cruzada e fundou o Reino de Tesalónica. Tesalónica foi herdado por un fillo "grego" de Bonifacio, Demetrio. Desde entón, os marqueses de Montferrato tentaron recuperar este reino para os seus dominios, pero nunca o conseguiron.

No século XIII, Montferrato estivo dividido entre os partidos güelfo e xibelino, durante os reinados de Bonifacio II e Guillerme VII. Tiveron que superar longos anos de guerras contra o independentismo das comunas de Asti e Alessandria. Con estas loitas, os marqueses de Montferrato convertéronse na referencia dunha nova Liga Lombarda forxada para loitar contra a propagación da influencia anxevina no Norte de Italia. A capital de Montferrato naquela época era Chivasso, no centro dos territorios do marquesado.

En 1305, morreu o último marqués de Montferrato da familia Aleramici, pasando o marquesado á familia imperial de Bizancio, os Paleólogo, quen se mantiveron no poder até 1533. Ese ano, Montferrato foi ocupado polos Terzos españois, pasando o goberno á ilustre familia Gonzaga na persoa de Federico II Gonzaga, sendo a partir de entón un estado vasalo do rei de España. En 1574, o marquesado foi elevado á dignidade de ducado. Para entón o marquesado transformouse profundamente pasando de ser un conglomerado de estados feudais fronteirizos a ser un pequeno estado do Renacemento italiano, dividido en dous territorios separados.

En 1708, durante a Guerra de Sucesión Española, Montferrato foi invadido por Vítor Amadeu II de Savoia, quedando Montferrato anexionado definitivamente aos seus territorios.

Gobernantes de Montferrato

[editar | editar a fonte]

Dinastía Aleramici

[editar | editar a fonte]

Dinastía Gonzaga

[editar | editar a fonte]

Heráldica

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]