Saltar ao contido

Monoecia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Flor de tulipán, especie monoclino-monoica (hermafrodita).

En bioloxía, especialmente en botánica, denomínase monoica ou monoclina a unha especie en que as gónadas e, con elas, os gametos masculinos e femininos, son portados por todos os individuos da mesma especie.[1][2][3]

Este fenómeno coñécese como monoecia,[2] ou monoclinia.[3]

Como contraste, os organismos nos que os dous sexos está separados en diferentes individuos chámanse dioicos ou diclinos.

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

O termo monoecia está formado polos elementos mon- e -oecia, tirados do grego antigo μόν-, de μόνος mónos, "só", "único", e da palabra οἰκία oikía, "casa". Literalmente: "dunha soa casa".[2] Monoico deriva de monoecia.

En canto a monoclinia, é un termo formado polos elementos mono- e -clinia, este último derivado do grego antigo κλίνη klínē, "tálamo", "leito conxugal".[3] Literalmente: "dun só leito". Diclino deriva de diclinia.

Nos vexetais

[editar | editar a fonte]
Taenia solium adulta.

Entre as especies de plantas monoicas distínguese, porén, entre as hermafroditas e as monoclinas. As especies que teñen flores hermafroditas, é dicir, con presenza de aparellos reprodutivos de ambos os sexos nunha soa flor, reciben o nome de monoclino-monoicas; aquelas plantas cuxos individuos presentan flores diferenciadas de ambos os sexos son chamadas diclino-monoicas; pola súa parte, as que conteñen tanto flores hermafroditas como unisexuais denomínanse polígamas.[4]

Tamén se di que isto pode estar relacionado coas ximnospermas, as cales teñen un cono masculino e tamén un cono feminino, que teñen a función xuntar os gametos na polinización e dar así lugar a unha semente que dará paso a un novo individuo.

Nalgunhas especies de plantas monoicas existen barreiras fisiolóxicas (por exemplo, que as estruturas reprodutoras maduren en tempos diferentes) que impiden a autofecundación ou que non permiten o desenvolvemento dun embrión orixinado desa forma.

Nos animais

[editar | editar a fonte]

Nos animais, como os vermes ou caracois terrestres, esta característica coñécese usualmente como hermafroditismo.

En xeral, os animais monoicos non se autofecundan, facendo fecundación cruzada. Como excepción, temos os vermes platihelmintos, como a Taenia solium e a Taenia saginata, que se autofecundan por teren en cada anel (proglote) gametos dos dous sexos. Cando unha persoa ten unha tenia no intestino, este animal hermafrodita autofecúndse.

Nos mamíferos, o hermafroditismo é un caso teratolóxico, é dicir, unha mala formación embrionaria. A pesar de que o mesmo individuo produce gametos dos dous sexos, a reprodución sexual exixe a unión de dous individuos de sexos diferentes, a fin de que se poida dar o intercambio de material xenético.

  1. monoico, monoica no dicionario da RAG.
  2. 2,0 2,1 2,2 monoico, ca no Diccionario de botánica. Tomo II, de Pío Font Quer, Barcelona, 1993, Editorial Labor, S. A. ISBN 84-3350-078-3.
  3. 3,0 3,1 3,2 monoclino, na no Diccionario de botánica. Tomo II, de Pío Font Quer, Barcelona, 1993, Editorial Labor, S. A. ISBN 84-3350-078-3.
  4. Strasburger, Eduard; Noll, F.; Schenck, H.; Schimper, A. F. W. (1985) [1983]. Lehrbuck der Botanik, 32ª [Botánica] (en castelán) (7ª ed.). Barcelona: Marín S.A. p. 761. ISBN 84-7102-990-1. Consultado o 4 de abril de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]