Museo Numismático do Banco Central de Ecuador
Museo Numismático do Banco Central de Ecuador | |
---|---|
Coordenadas | 0°13′10.4″S 78°30′48.7″O / -0.219556, -78.513528 |
País | Ecuador. |
Cidade | Quito. |
Tipo | Museo numismático |
Administrador | Carlos Iza (conservador). |
Inauguración | 2001. |
Na rede | |
Sitio web oficial | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Museo Numismático do Banco Central de Ecuador é unha institución museística da cidade de Quito, pertencente ao Banco Central de Ecuador, que alberga unha colección representativa da evolución do diñeiro en Ecuador, desde o troco e as pseudomoedas ata o século XXI.
O museo ten tamén unha zona onde se desenvolven obradoiros especializados en numismática.
Historia
[editar | editar a fonte]O Museo Numismático do Banco Central de Ecuador xurdiu a partir dunha sección de investigación numismática desenvolvida entre 1997 e 1999. No entanto, as primeiras adquisicións de fondos realizáranse xa en 1938, cando o Banco Central iniciou as súas coleccións de pezas arqueolóxicas e de obras de arte colonial, republicana e contemporánea.[1]
A partir destas bases, en abril de 2001 abriu as súas portas o Museo Numismático en Quito, xestionado pola dirección cultural do Banco Central de Ecuador.[1]
Nas súas salas expóñense arredor de 1.200 obxectos arqueolóxicos, numismáticos e notafílicos que constitúen un fío condutor da historia do diñeiro no país, en relación cos seus procesos identitarios, políticos, artísticos, económicos e financeiros.[1]
En 2017, o Museo Numismático do Banco Central de Ecuador acadou o premio Institutional Art Social Media, outorgado pola Luiss Business School, de Roma, co apoio do Ministerio de Cultura de Italia.[2]
Por mor da pandemia de COVID-19, o museo pechou temporalmente en 2020, e retomou a súa actividade ordinaria a partir do 19 de decembro de 2022.[3][4]
Colección
[editar | editar a fonte]A partir das primeiras adquisicións iniciadas en 1938, foise confeccionando a colección mediante diversas doazóns e novas compras, ata chegar aos aproximadamente 15.000 obxectos, entre moedas e billetes ecuatorianos e doutros países, bonos e letras de cambio e outros obxectos relacionados coa historia económica, ademais dunha sección de selos postais.
Moedas e billetes
[editar | editar a fonte]A colección abrangue as “moedas machada” do período prehispánico; as chamadas moedas "macuquinas" (1535-1732), cuñadas a martelo en varias cecas coloniais; os columnarios (1732-1776), cuñados xa por medios mecánicos, e as moedas "de busto" (1776-1822), que amosan as efixies dos reis españois. Xa despois da independencia do país, a colección continúa con exemplares das primeiras moedas nacionais, aínda de carácter predecimal e do posterior sucre, que foi a moeda de Ecuador entre 1884 e 2000, así como os billetes, desde os primeiros introducidos pola banca privada ata os emitidos polo propio Banco Central do Ecuador, a partir de 1927.[5]
Inclúese nesta sección unha boa representación de moedas conmemorativas de prata emitidas a finais do século XX e principios do XXI, con temática diversa.[5]
Medallas
[editar | editar a fonte]A colección de medallas está composta por arredor de 1.800 pezas, reunidas mediante doazóns e adquisicións, cunha tipoloxía moi diversa: conmemorativas, onomásticas, condecoracións, premios e recordos, tanto de Ecuador como doutros países .[6]
Destacan entre elas as dedicadas a conmemorar a inauguración do ferrocarril a Quito (1908), a inauguración do monumento ás Misións Xeodésicas (1913) ou o centenario da batalla de Pichincha (1922).[6]
Selos postais
[editar | editar a fonte]A colección filatélica do Museo Numismático do Banco Central de Ecuador foi doada en 2003 pola familia de César Molestina Oquendo, e está composto por arredor de 12.000 obxectos, desde os prefilatélicos aos selos propiamente ditos, pasando por sobres de primeiro día, postais e outros relacionados coa historia filatélica ecuatoriana, aínda que se inclúen tamén exemplares doutros países. Destaca nesta colección unha representación da primeira serie de selos do país, deseñada en 1864 por Emilia Rivadeneira.[7]
Exposición
[editar | editar a fonte]Das arredor de 15.000 pezas que compoñen as coleccións do museo, só se expoñen ao público unhas 1.200. A exposición permanente destes fondos organízase en cinco salas:[1][8]
- Sala prehispánica: céntrase no troco e amosa diversos produtos nos que este se baseou, como as cunchas, a canela ou o sal, así como nos primeiros obxectos premonetarios, como as "moedas machada".
- Sala colonial: dedicada á moeda do período de soberanía española, cuñada a partir da explotación dos metais preciosos achados nas terras americanas.
- Sala republicana: amosa un percorrido polo século XIX, coas pezas cuñadas pola Casa da Moeda de Quito, o nacemento do sucre como moeda nacional e as emisións de papel moeda da banca privada, e esténdese ata os inicios do século XX.
- Sala republicana contemporánea: aborda as emisións de moedas e billetes do século XX a partir da creación do Banco Central de Ecuador. A primeira moeda deste novo período é a dun cóndor de 1928.[9]
- Sala contemporánea: dedícase á actividade xeral do Banco Central, cunha exposición á base de recursos tecnolóxicos e audiovisuais.
O edificio
[editar | editar a fonte]O edificio que alberga o museo, obra do arquitecto Francisco Durini Cáceres, construíuse entre 1916 e 1924, cunha estrutura á base de formigón armado e mesturando os estilos barroco e neoclásico.[10] Foi a sede principal do Banco Central de Ecuador desde a súa fundación en 1927 ata 1968. Posteriormente, na década de 1980, o Banco Central destinou este predio ao Centro Cultural Guillermo Pérez Chiriboga, e instaláronse nel unha musicoteca, unha videoteca, unha biblioteca e unha sala de concertos.[11]
Na década de 1980 producíronse labores de conservación e restauración, que levaron á concesión por segunda vez do Premio Ornato en 1989 por parte do Municipio de Quito —a primeira vez fora en 1924, pola súa construción—. A partir dese momento, o edificio sufriu poucas transformacións, ata as provocadas para a apertura do museo numismático en 2001, cando toda a zona das bóvedas pasou a se converter nas salas da exposición permanente. Ademais, habilitáronse en distintos puntos do edificio salas dedicadas ás exposicións temporais.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Historia". Numismatico.bce.fin.ec
- ↑ "Premio para el Museo Numismático del BCE". En El Universo. 25 de novembro de 2017.
- ↑ "El renovado Museo Numismático de Ecuador reabre con colección de 1.200 piezas". Infobae.com. 19 de decembro de 2022.
- ↑ "Banco Central reaperturó su renovado Museo Numismático". En ElTelegrafo.com.ec. 19 de decembro de 2022.
- ↑ 5,0 5,1 "Monedas y billetes". Numismatico.bce.fin.ec
- ↑ 6,0 6,1 "Medallas". Numismatico.bce.fin.ec
- ↑ "Sellos postales". Numismatico.bce.fin.ec
- ↑ "Salas". Numismatico.bce.fin.ec
- ↑ "1 cóndor 1928". Numismatico.bce.fin.ec
- ↑ Ortiz Crespo, A. et al. (2004). Guía arquitectónica de Quito. Vol. II. Municipio de Quito. Páxinas120-121. ISBN 84-8095-365-9
- ↑ 11,0 11,1 "Edificio". Numismatico.bce.fin.ec