Nelumbonaceae
Nelumbonaceae | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
N. nucifera (loto sacro) | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Xéneros e especies | |||||||||||
|
Nelumbonaceae (as nelumbonáceas ou lotos) é o nome botánico para a familia de plantas con flor acuáticas da orde Proteales. Só algúns taxonomistas recoñecen a familia: as plantas que se acollen neste xénero adóitanse incluír tamén na familia Nymphaeaceae. Ás veces coñécese coma familia dos lotos ou familia das ninfeas-lotos.
Consta dun único xénero, Nelumbo Adans., 1763, con dúas especies, que se distribúen polo sur de Rusia, Asia, norte de Australia, América do Norte oriental, América central e as Antillas. Dáselles o nome vulgar de "lotos" (e xunto coas Nymphaeaceae chámanse "ninfeas"). A súa especie tipo é Nelumbo nucifera Gaertn., 1788. O nome Nelumbo provén do cingalés ne-lum bu, que é o nome vulgar desta planta en Sri Lanka.
Descrición
[editar | editar a fonte]- Herbas acuáticas perennes, con rizomas horizontais e tubérculos en forma de banana no extremo dos rizomas ao final da estación de crecemento, laticíferos artellados presentes, cutícula con cera en túbulos agrupados. Nós con raíces adventicias, unha folla e un catafilo carnoso a envolver a súa base nunha banda, outro catafilo oposto. Indumento ausente.
- Follas simples, peltadas, emerxidas ou boiantes, pecíolos cilíndricos, de até 2 m de longo, con acúleos, o limbo cóncavo, de 10–100 cm de diámetro, orbicular, enteiro, a face glauca e hidrófoba pola presenza de cera, nerviación actinódroma, dividíndose dicotomamente, vernación involuta, estípulas intrapeciolares, envainantes, ocreiformes. Estomas anomocíticos, haploqueílicos, epistomáticos.
-
Hábito do loto.
-
Folla do loto. Óllese o limbo cóncavo coa nerviación actinódroma e cutícula hidrófoba.
-
Folla do loto. Vernación involuta.
- Talos rizomatosos, xilema sen vasos, cavidades secretoras presentes, con látex. Rizomas, raíces e pecíolos con aerénquima desenvolvido, deixando grandes espazos intercelulares, as células que recobren as canles aéreas con acumulacións de cristais de oxalato cálcico. Faces de vasos colaterais, espallados, sen cámbium. Limbo foliar con cavidades secretoras contendo látex, sen idioblastos esclerenquimáticos. Raíces con vasos xilemáticos.
- Flores perfectas, actinomorfas, solitarias, aparentemente axilares, sen bractéolas, hipóxinas, con perianto de disposición espiralada, grandes (10–100 cm. de diámetro), cun sistema vascular cortical, de cor rosa, branca ou amarelenta, por riba da tona da auga sobre pedúnculos cilíndricos de até 2 m. de longo. Receptáculo obcónico, grande, truncado, esponxoso, os bordos estriados a rugosos. Perianto usualmente caduco, imbricado, de 2(-8) sépalos e (10-)20-30 pétalos. Androceo de 200-300(-400) estames ceibos, filantéreos, anteras tetraesporanxiadas, non versátiles, latrorsas ou introrsas, ou ben as dos membros externos extrorsas e as dos internos introrsas, conectivo prolongado nun apéndice uncinado, plano ou clavado, termóxeno, dehiscencia lonxitudinal. Xineceo súpero, apocárpico de (2-)12-30(-40) carpelos ceibos, espirais, incrustados na face superior do receptáculo, ocluídos por secrecións, cada un cun estilodio moi curto ou case ausente, estigma circular, húmido, cunha canle descendente até o ovario recuberto de longas papilas, óvulo 1(-2) por carpelo, anátropo, apótropo, bitégmico, crasinucelado, péndulo, con cuberta nucelar e obturador funicular, placentación apical ventral.
-
Flor do loto. Óllese o periantio de disposición espiralada, onde os sépalos se semellan cada vez máis aos pétalos cara o centro da espiral.
-
Flor aberta do loto. Nótense os estames filantéreos de anteras non versátiles, e os carpelos incrustados na face superior do receptáculo, con estilodio moi curto e estigma circular.
- Froito en núcula globosa ou alongada, con poro apical, o pericarpo soldado á testa, ambos os dous endurecidos, inmersos no receptáculo acrescente e esclerificado.
-
Flor do loto. Periantio e anteras caen ao terceiro día.
-
Froitos do loto. Son núculas inmersas no receptáculo.
-
Frutos de loto. O pedúnculo do froito dóbrase en 180º, producíndose a maduración e mais o escurecemento do mesmo (o pedúnculo da flor virouse para a foto).
- Sementes soldada ao pericarpo, con endosperma escaso ou practicamente inexistente, sen perisperma, embrión con 2 cotiledóns grosos, carnosos, a plúmula verde envolta nunha vaíña, a radícula non funcional.
- Pole globoso a esferoidal, tricolpado, tectado-columelado, superficie rugulada con perforacións tectais prominentes ou reticulada.
- Número cromosómico: 2n = 16 en ambas as dúas especies.
Sistemática
[editar | editar a fonte]O sistema APG II, de 2003 (proveniente do sistema APG, de 1998), recoñece esta familia e sitúaa na orde Proteales, no clado eudicots.
A familia consiste nun só xénero, Nelumbo, de, probabelmente, dúas especies de plantas acuáticas, nativas de América do Norte e Asia (e quizais algunhas áreas achegadas, mais amplamente cultivada).
O Sistema Cronquist, de 1981, tamén recoñece esta familia pero sitúaa na orde Nymphaeales na subclase Magnoliidae na clase Magnoliopsida [=dicotiledóneas].
O Sistema Dahlgren e mais o Sistema Thorne (1992) tamén recoñecen dita familia situándoa na súa propia orde Nelumbonales na superorde Magnolianae na subclase Magnoliidae [=dicotiledóneas].
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nelumbonaceae Arquivado 01 de novembro de 2006 en Wayback Machine. en L. Watson e M.J. Dallwitz (1992 en diante). The families of flowering plants Arquivado 03 de xaneiro de 2007 en Wayback Machine.: descriptions, illustrations, identification, information retrieval. Versión: 3 de maio de 2006. http://delta-intkey.com Arquivado 03 de xaneiro de 2007 en Wayback Machine.. ("en inglés")
- Nelumbonaceae en Flora de América do Norte ("en inglés")
- Nelumbonaceae en Flora da China ("en inglés")
- NCBI Taxonomy Browser ("en inglés")
- ligazóns na CSDL ("en inglés") Arquivado 12 de outubro de 2008 en Wayback Machine.