Cogomelo
Un cogomelo[1] ou cogumelo[2] ( pronunciación (axuda · info)) (do latín cucumellum, diminutivo formado sobre cucuma -ae denominación dun recipiente de cociña)[3] é un fungo pluricelular que adoita medrar en lugares húmidos e pouco solleiros. Hai moitas especies de cogomelos, con diferentes características e que se dan en diferentes ecosistemas. Habitualmente, encádranse dentro do filo Basidiomicota (Basidiomicetos).
A época na que se fan visíbeis en superficie é, para a maior parte deles, o outono, especialmente cando quenta o sol despois dunha choiva intensa. Aínda que algúns (o champiñón e o pleuroto) son cultivábeis todo o ano baixo certas condicións de iluminación, temperatura e humidade, a maior parte e os máis saborosos (níscaro, boleto, matacandil etc.) só medran no monte e non se ten acadado o seu cultivo controlado. Un cogomelo comestíbel moi común en Galiza é a zarrota.
A maior parte medran ao abeiro dunha árbore, ben no chan ou nas súas pólas.
Sinónimos
[editar | editar a fonte]Os cogomelos reciben en Galiza infinidade de denominacións populares coma: pan de raposo, pan de cobra, pan de sapo etc., moitas veces aludindo á toxicidade[4].
Nutrición
[editar | editar a fonte]Valor nutricional por 100 g | |
---|---|
Enerxía | 94 kJ (22 kcal) |
4.3 g | |
0.1 g | |
2.5 g | |
Vitaminas | Cantidade %DV† |
Tiamina (B1) | 9% 0.1 mg |
Riboflavina (B2) | 42% 0.5 mg |
Niacina (B3) | 25% 3.8 mg |
Ácido pantoteico (B5) | 30% 1.5 mg |
Vitamina B6 | 8% 0.11 mg |
Ácido fólico (B9) | 6% 25 μg |
Vitamina C | 0% 0 mg |
Vitamina D | 1% 3 IU |
Minerais | Cantidade %DV† |
Calcio | 2% 18 mg |
Ferro | 3% 0.4 mg |
Magnesio | 3% 9 mg |
Manganeso | 7% 0.142 mg |
Fósforo | 17% 120 mg |
Potasio | 10% 448 mg |
Sodio | 0% 6 mg |
Cinc | 12% 1.1 mg |
Outros constituíntes | Cantidade |
Auga | 92.1 g |
Selenium | 26 ug |
Copper | 0.5 mg |
Vitamin D (UV exposed) | 1276 IU |
| |
†As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos. Fonte: Base de datos USDA Nutrient |
Os cogomelos en xeral representan unha fonte importante de selenio, elemento moi importante para o metabolismo humano, sendo un dos micronutrientes que posúen un maior efecto antioxidante e de protección contra algúns tipos de cancro. O seu alto contido en polisacáridos comporta unha acción beneficiosa sobre o sistema inmunolóxico.
Os fungos comestébeis conteñen un tipo de glícidos que os encimas humáns non poden dixerir, mais que poden ser fermentados parcialmente polas bacterias do colon de xeito que se comportan no aparato dixestivo humano de xeito semellante á fibra alimentaria. A fibra e estes glícidos inchan coa auga e regulan o tránsito intestinal. Os cogomelos tamén aumentan a excreción de ácidos biliares e teñen propiedades antioxidantes e hipocolesterolemiantes.
Historia do cultivo
[editar | editar a fonte]A historia do cultivo de cogomelos naceu hai miles de anos en Oriente, os chineses foron os precursores do cultivo de cogomelos para consumilos como alimento e tamén como menciña, xa que moitos teñen interesantes propiedades medicinais. Mesmo os máis populares que atopamos na actualidade no supermercado como o champiñón ou os Pleurotus, etiquetados por erro en ocasións como “cogomelo de cardo”. Xaponeses e mexicanos tamén foron dos primeiros en cultivar cogomelos, sen métodos científicos e con resultados moi desiguais. A Europa chegou a partir do ano 1600 [Cómpre referencia]. Os franceses foron os primeiros en cultivar o champiñón no século XVIII [Cómpre referencia] e por iso ao Agaricus bisporus se lle deu como nome popular champiñón de París.
O cultivo de cogomelos en Galiza
[editar | editar a fonte]A Galiza non chegaría o cultivo de cogomelos para consumo masivo até o século pasado, circunstancia na que seguro tivo que ver a micofobia existente en Galiza que se arrastra até a actualidade. Hoxe atopamos cogomelos frescos, secos, en tarro... todo o ano. Cultívanse distintas variedades de Pleurotus como: o pleuroto (P. Ostreatus), (Pleurotus cornucopiae) (pleuroto escuro), Pleurotus citrinopileatus (pleuroto tropical amarelo), Pleurotus eryngii (pleuroto de cardo), Pleurotus pulmonarius, Agaricus bisporus (champiñón común) e incluso variedades en ensaio, menos populares, como Coprinus comatus (matacandil) ou Lepista nuda (pé azul)[5].
Festas gastronómicas en Galiza
[editar | editar a fonte]- Xornadas micolóxicas en Celanova, en outubro.
- Feira de fungos e cogomelos en As Pontes de García Rodríguez, en novembro.
- Festa do cogomelo en Soutelo de Montes, en novembro.
- Festa dos cogomelos en Vilagarcía de Arousa, en novembro.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de cogomelos de Galicia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Cogomelo.
- ↑ Malia que o VOLGa soamente recolle como válida a forma cogomelo, noutros dicionarios de referencias como o Gran Xerais figura como sinónima a variante cogumelo, con U.
- ↑ "Cogomelo". Portal das Palabras. Consultado o 17 de outubro de 2016.
- ↑ Botánica" en Vocabulario de ciencias naturais Santiago de Compostela, Xunta, 1991; Dicionario da Real Academia Galega. A Coruña, RAG, 2012.
- ↑ http://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.6128.php
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Marcote, J.M.C, Pose, M., Traba, J.M. (2005). Cogomelos de Galicia. Xunta de Galicia. ISBN 978-84-453-4094-8.
- Villar Janeiro, Helena (2005). O sabor da terra. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-879-8.
- Mínguez González, Alejandro (2009). Cogomelos medicinais. Vilaboa: Edicións do Cumio. ISBN 978-84-8289-333-4.