Saltar ao contido

Portal:Aves

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As aves son animais vertebrados, de sangue quente, que camiñan, saltan ou se manteñen só sobre as extremidades posteriores, mentres que as extremidades anteriores evolucionaron até converterse en ás que, do mesmo xeito que moitas outras características anatómicas únicas, permítenlles, na maioría dos casos, voar, aínda que non todas voan. Teñen o corpo cuberto de plumas e, as aves stricto sensu, un bico córneo sen dentes. Para reproducírense poñen ovos que incuban até a súa eclosión.

O seu grupo taxonómico denomínase clase Aves (a palabra é latina e está en plural, en singular sería avis) para a sistemática clásica, pero na sistemática filoxenética actual este clado non ten rango, e está incluído á súa vez sucesivamente dentro dos clados: Theropoda, Dinosauria, Archosauria, Sauropsida, Tetrapoda, etc., aínda que hai máis nidacións intermedias con denominación.

As aves orixináronse a partir de dinosauros carnívoros bípedes do Xurásico, hai 150-200 millóns de anos, e son, de feito, os únicos dinosauros que sobreviviron á extinción masiva producida ao final do Mesozoico. A súa evolución deu lugar, tras unha forte radiación, ás máis de 18 000 especies actuais (máis 153 extintas en tempos históricos). As aves son os tetrápodos máis diversos; con todo, teñen unha grande homoxeneidade morfolóxica en comparación cos mamíferos. As relacións de parentesco das familias de aves non sempre poden definirse por morfoloxía, pero coa análise de ADN comezaron a esclarecerse.

As aves habitan en tódolos biomas terrestres e tamén en tódolos océanos. O tamaño pode ser desde 6,4 cm no Mellisuga helenae até 2,74 metros na avestruz. Os comportamentos son diversos e notables, como na nidificación, a alimentación das crías, as migracións, o apareamento e a tendencia á asociación en grupos. A comunicación entre as aves é variable e pode implicar sinais visuais, chamadas e cantos. Algunhas emiten gran diversidade de sons, e destacan pola súa intelixencia e pola capacidade de transmisión cultural de coñecementos a novas xeracións.

O ser humano tivo unha intensa relación coas aves. Na economía humana as aves de curral e as cinexéticas son fontes de alimento. As canoras e os papagaios son populares como mascotas. Úsase a penuxe de patos e gansos domésticos para encher almofadas, e antes cazábanse moitas aves para adornar chapeus coas súas plumas. O guano das aves úsase na fertilización de chans. Algunhas aves son reverenciadas ou repudiadas por motivos relixiosos, supersticións ou por prexuízos erróneos. Moitas son símbolos culturais e referencia frecuente para a arte. Nos últimos 500 anos extinguíronse máis de 150 especies como consecuencia de actividades humanas, e, actualmente, son máis de 1200 as especies de aves ameazadas que necesitan que se tomen medidas para a súa conservación.

Artigo destacado

editar

O pingüín emperador (Aptenodytes forsteri) é unha especie de ave esfenisciforme da familia Spheniscidae, endémica da Antártida, sendo a máis alta e con máis peso de tódalas especies de pingüíns en existencia. Os machos e as femias son semellantes en plumaxe e tamaño, poden acadar entre 110 e 130 cm de altura cun peso de entre 22 a 45 kg. As costas, ás e cabeza son negras, a parte anterior é branca desde as pernas á barriga, o peito é dun ton amarelo pálido e ten dúas manchas á altura dos oídos dun amarelo brillante. Como todos os pingüíns non poden voar, ao ter ás ríxidas e planas e un corpo hidrodinámico particularmente adaptado a un hábitat mariño.

Aliméntase principalmente de peixes, crustáceos e cefalópodos. Cando caza pode estar mergullado ata 18 minutos, e chegar a unha profundidade duns 535 metros. Desenvolveu varias adaptacións para facilitar este proceso, como unha hemoglobina cunhas características que lle permiten traballar de forma eficaz cun baixo contido de osíxeno, uns ósos sólidos para reducir o barotraumatismo, e unha capacidade de diminuír a actividade do seu metabolismo e deter as funcións de órganos non esenciais.

É a única especie de pingüín que se reproduce durante o duro inverno antártico, facendo viaxes de entre 50 e 120 km sobre o xeo para chegar ás colonias de reprodución, que poden constar de miles de individuos. A femia pon un único ovo que inicialmente é incubado polo macho, mentres a femia retorna ao mar para alimentarse. Tras isto os pais establecen quendas para coidar das crías e ir ao mar a alimentarse. A esperanza de vida destes pingüíns é xeralmente duns 20 anos no seu hábitat natural, aínda que hai datos que indican que algúns exemplares poden vivir ata os 50 anos de idade.

Categorías
Imaxe destacada
Sabías que...?

editar

  • ... a avestruz é a maior ave do mundo, con ata 2,5 metros de altura?
  • ... o Archaeopteryx foi a primeira ave que existiu?
  • ... o falcón peregrino é a ave máis veloz, podendo acadar os 320 km/h?


Artigos de calidade e bos
Proxectos relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons