Ría de Arousa
Tipo | ría | |||
---|---|---|---|---|
Parte de | Océano Atlántico | |||
Localización | ||||
División administrativa | Provincia da Coruña, España e Provincia de Pontevedra, España | |||
| ||||
Afluentes | ||||
A ría de Arousa, tamén coñecida localmente como ría da Arousa,[1] é a máis grande das rías de Galicia. Forma parte das Rías Baixas e está situada entre a península do Barbanza (provincia da Coruña) ao norte, e a península do Salnés (provincia de Pontevedra) ao sur. É famosa pola súa riqueza mariñeira e as súas praias.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Os lugares máis destacables son A Illa de Arousa, co parque natural de Carreirón, as illas de Cortegada e Sálvora, que son parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e O Grove coa illa da Toxa.
Régana os ríos Ulla e Umia. As poboacións máis importantes son Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo ao norte e Vilagarcía, Vilanova, Cambados e O Grove ao sur.
A súa costa meridional empeza a desenvolverse a partir do estuario do río Ulla, entre Rianxo e Carril. Este fondo da ría ten un aspecto lacustre, debido á tranquilidade das augas, protexidas do mar aberto pola Illa de Arousa, e a suavidade do litoral. O centro desta zona é a vila populosa e industrial de Vilagarcía de Arousa. Un segundo sector estará formado pola costa que vai dende a punta das Sinas, ata a Illa da Toxa.
A histórica e monumental vila de Cambados é o principal punto de referencia, e os accidentes costeiros sobresalientes son o seo da desembocadura do Umia e a enseada do Grove, tamén de aspecto lacustre. A península do Grove ten a braveza do mar aberto que case non paran nin o vento nin o mar, que se fai notar na súa costa e praias.
A profundidade tamén oscila entre os 70 m na boca da ría e os 20 m na entrada á enseada de Vilagarcía. É a máis profunda e máis ampla das rías galegas[Cómpre referencia], só superada pola ría de Vigo en lonxitude.
A penetración da ría é de 26 km e o ancho moi variable, oscilando desde os 15 km entre Ribeira e Cambados, e os 3 km entre a punta de Cabío e a Illa de Arousa.
A principal característica, a parte do sinuoso e recortado litoral, é a infinidade de illas, illotes e rochas que sobresaen por toda a ría.
A ría e o Apóstolo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.
A Ruta Marítima Xacobea pola ría de Arousa e o río Ulla conmemora a chegada a Galicia, por mar, segundo a tradición, do corpo do Apóstolo Santiago o Maior, tralo seu martirio en Xerusalén; ordenou a súa decapitación Herodes Agripa I no ano 44, recóllese nos Feitos dos Apóstolos, de san Lucas.
As antigas tradicións cristiás, recollidas nos textos medievais, relatan que varios dos seus discípulos recolleron o corpo de Santiago, amortallárono e trasladárono partindo do porto de Iafa a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica, ata os confíns de Occidente. Os restos do Apóstolo entraron en Galicia pola ría de Arousa e remontaron o río Ulla, arribando na cidade romana de Iria Flavia.
A ría de Arousa na literatura popular
[editar | editar a fonte]- Pasei a ría de Arousa/ nunha barquiña de vela,/ non vin cousa máis bonita/ nin penso volver a vela [2].
- Pasei a ría de Arousa/ nunha lanchiña de vela,/ non vin cousa máis bonita/ nin penso volver vela [3].
- Señor San Bartolomeu/ que estás no medio da Ría,/ dunha banda tes Rianxo/ e doutra Vilagarcía [4].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para arousán.
- ↑ Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega III, s. v. Arousa.
- ↑ Fermín Bouza-Brey: “Cantigas populares da Arousa”, en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 202. No orixinal: de unha, de outra. Neste caso, a cantiga refírese a unha capela dedicada a San Bertomeu que había, no século XVIII, nas illas Malveiras (de Vilagarcía de Arousa). Así mesmo, en cartas de navegación antigas, estas illas aparecen como ínsua de San Bartolomeu.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ría de Arousa |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Usero, Rafael et al. Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
- Cabeza Quiles, Fernando (2008). Toponimia de Galicia, páxina 54, Galaxia, ISBN 978-84-9865-892-1.