República Catalá
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Organización política | ||||
Forma de goberno | república | |||
A República Catalá (en catalán: República Catalana) é unha das denominacións que ao longo da historia tomou Cataluña cando se dotou dos mecanismos de decisión da súa forma política. Así mesmo, é o obxectivo simbólico da loita política dunha parte do movemento independentista catalán.
A República Catalá ou outras varias formas políticas de segregación respecto a España foron proclamadas, polo menos, en seis ocasións: no século XVII polos Brazos Xerais presididos por Pau Claris o ano 1641, no século XIX por Napoleón Bonaparte no ano 1810 e tamén no ano 1873 liderado por Baldomero Lostau,[1] no século XX por Francesc Macià no ano 1931, por Lluís Companys, quen en 1934 proclamou o Estado Catalán, e polo Parlamento de Cataluña, presidido por Carles Puigdemont, en 2017[2].
Intentos de independencia ou segregación de España ou Francia
[editar | editar a fonte]- 988: Borrell II nega a vasalaxe dos Condados cataláns ao rei francés Hugo Capeto.[3]
- 1641: Os Brazos Xerais presididos por Pau Claris proclamaron a República Catalá o 17 de xaneiro.
- 1641-1652: O 23 de xaneiro de 1641 os Brazos Xerais presididos por Pau Claris proclaman a Lois XIII de Francia como Conde de Barcelona, pasando o principado de Cataluña a estar baixo soberanía francesa. Trala morte de Lois XIII en 1643, Lois XIV mantivo o título ata 1652, cando Cataluña foi reincorporada a España
- 1712: Proposta de creación dunha República Catalá baixo a protección do Reino Unido.[4]
- 1793: Durante a Guerra do Rosellón entre España e a República Francesa, sectores dirixentes desta idearon a creación dunha República Catalá irmandada á francesa, ao estilo das outras repúblicas clientes que xorden co avance do exército revolucionario.
- 1810-1812: Napoleón concede a independencia a Cataluña baixo a tutela de Francia.[5]
- 1812-1814: Cataluña é anexionada a Francia por Napoleón.
- 1814: Cataluña reincorporase ao Reino de España de Fernando VII.
- 1873: Proclámase o Estado Catalán dentro da República federal española.
- 14-17 de abril de 1931: Francesc Macià proclama a República Catalá.
- 6 de outubro de 1934: Lluís Companys proclama o Estado Catalán dentro da República federal española.
- O 10 de outubro de 2017: declarada por Carles Puigdemont e suspendida aos poucos segundos a espera de diálogo co goberno español.
- O 27 de outubro de 2017: declarada polo Parlamento de Cataluña, presidido por Carles Puigdemont.
Século XVII - Proclamación de Pau Claris
[editar | editar a fonte]A proclamación da República Catalá produciuse o 17 de xaneiro de 1641. Porén, unha semana despois, ante a chegada do exército de Filipe IV, o presidente da Generalitat, Pau Claris, decidiu proclamar a Lois XIII de Francia como Conde de Barcelona (sucedido por Lois XIV de Francia ata 1652), poñendo así ao Principado de Cataluña baixo soberanía francesa.[6][7]
A batalla de Montjuic
[editar | editar a fonte]O 26 de xaneiro de 1641 librouse a batalla de Montjuic contra o exército de Filipe IV, o cal, derrotado, viuse forzado á retirada. Un mes máis tarde morría Pau Claris.
A destitución do conde-duque de Olivares, a presenza da fame negra e a peste e a promesa de Filipe IV de respectar as institucións catalás puxeron fin á guerra en 1652. Pero iso non significaba a paz total.
Aínda que a Guerra dos Trinta Anos pechouse co Tratado de Westfalia de 1648, polo cal España perdía parte dos seus dominios no centro de Europa, continuaba a guerra entre Francia e a monarquía hispánica, na que se vían especialmente envolvidos os territorios de Cataluña alén dos Pireneos. Cando en 1659 Lois XIV e Filipe IV asinan a Paz dos Pireneos, este último cede a Francia os territorios pertencentes ao condado do Rosellón e parte norte do de Cerdaña, invalidando así as demarcacións establecidas polas Constitucións de Cataluña.
Século XIX
[editar | editar a fonte]1810 - 1812: A tutela do Imperio Napoleónico
[editar | editar a fonte]Durante a Guerra do Rosellón entre España e a República Francesa, en 1793, sectores dirixentes desta propuxeron a creación dunha República Catalá irmandada coa francesa, ao estilo das outras repúblicas clientes que se crearon co avance do exército revolucionario.
O 10 de febreiro de 1808 deu comezo a Guerra da Independencia española, cando as tropas francesas invadiron por sorpresa Cataluña, tomando rapidamente Barcelona. Porén, a conquista territorial do Principado foi lenta, non completándose ata finais de 1811. A principios de 1810, Napoleón concedeu a independencia a Cataluña baixo a tutela francesa[8], nomeando como o seu primeiro Gobernador Xeral ao xeneral Pierre François Charles Auguereau[9]. Auguereau iniciou unha ampla batería de medidas reformadoras, entre as que destacaba a defensa do idioma catalán e a loita contra a corrupción. Pero, algúns reveses militares, provocaron a súa destitución o 26 de maio e a súa substitución no Goberno polo mariscal Étienne-Jacques-Joseph-Alexandre Macdonald, que centrouse en cuestións bélicas, esquecéndose das reformas do seu antecesor. Durante o seu mandato completouse a conquista de Cataluña, e, finalmente, o 26 de xaneiro de 1812, o emperador francés decretou a súa anexión ao Imperio. Vanse crear catro departamentos: Ter, con capital en Xirona; Segre, con capital en Puigcerdà; Montserrat, con capital en Barcelona; e Bocas do Ebro, con capital en Lleida. A administración da rexión integrada no Imperio dependía de dous intendentes e catro prefectos ou xefes de departamento. Cataluña pasou a ser así unha provincia francesa de facto, aínda que non de dereito, no entanto a precariedade do asentamento francés impediría a consolidación do sistema[10]. Finalmente, Cataluña foi reincorporada ao Reino de España de Fernando VII en 1814.
1873: O pacto federal de Tortosa
[editar | editar a fonte]O 18 de maio de 1869 os representantes dos comités republicano-federais de Aragón, Cataluña, Valencia e Baleares, asinan o Pacto Federal de Tortosa para traballar conxuntamente para establecer a República federal Española, deixando claro que defendían a unidade de España.[11]
Doutra banda, en febreiro de 1873 proclamouse Primeira República Española de carácter unitario e non federal, sendo o primeiro presidente Estanislao Figueras, no mes de marzo tivo lugar a Proclamación do Estado Catalán do que Baldomer Lostau i Prats seria o presidente provisional designado polas catro deputacións catalás para formar un goberno provisional.[12] Poucos meses máis tarde, en xuño de 1873, tivo que dimitir debido á crise económica e da división interna no seu propio partido provocada pola Proclamación do Estado Catalán dentro a Federación Española; esta crise interna só puido ser sufocada logo de prometer a disolución do exército a Cataluña; dimitido Estanislao Figueras, foi substituído por Pi i Margall, e tivo que fuxir a Francia, de onde volveu a final de ano para intentar, sen éxito, recompoñer o fragmentado Partido Federal.
Século XX
[editar | editar a fonte]1931: Macià
[editar | editar a fonte]O 14 de abril de 1931, despois das eleccións municipais que dan a maioría ao seu partido ERC, Lluís Companys proclamou a República dende o concello de Barcelona e izou a bandeira tricolor.[13] A seguir, Francesc Macià, presidente de Estat Català, dende a Deputación de Barcelona, se pronunciou a prol da República Catalá, dentro da Federación española.[13]
Esta proclamación preocupa ao goberno provisional da República, que o 17 de abril envía en avión a Barcelona aos ministros Fernando de los Ríos, Marcelino Domingo e Lluís Nicolau d'Olwer. Despois de tensas conversacións, chégase ao acordo de que o consello formado en Barcelona debía actuar como goberno da Generalitat de Cataluña. Isto supón a recuperación dun nome histórico no cal ninguén pensara, e que permite resolver o conflito abrindo o camiño a unha nova forma de autonomía catalá.
Máis adiante, cando se fai patente o fracaso do proxecto de Estado Federal, Macià vese obrigado a aceptar un Estatuto de autonomía para Cataluña. Segue como presidente da Generalitat ata a súa morte en 1933.
1934: Companys
[editar | editar a fonte]O 6 de decembro de 1934, o presidente da Generalitat de Cataluña, Lluís Companys, volve a proclamar o Estado Catalán dentro da República española. O acontecemento enmarcábase dentro un programa insurreccional de boa parte das esquerdas españolas en contra do goberno republicano presidido por Alejandro Lerroux, o cal pretendía incorporar novos ministros da CEDA, forza política que se consideraba próxima ao fascismo e que, polo tanto, se temía que atentase en contra dos dereitos sociais e da autonomía catalá.
O intento foi rapidamente abortado polo executivo español, o cal encomendou ao xeneral catalán Batet a represión do alzamento, cousa que conseguiu profesionalmente sen case verter sangue (Feitos do seis de outubro).
Companys foi detido e encarcerado; o goberno autónomo, suspendido, e todos os seus membros, encarcerados.
Unha vez acabada a Guerra Civil Española en 1939, a Generalitat exíliase. A ditadura militar instaurada como novo goberno nacional, derroga as institucións catalás. O presidente Companys, defensor nesta ocasión da legalidade constitucional republicana, é detido en Francia pola Gestapo. Aplícaselle a extradición e regresa a España para ser xulgado en consello de guerra, condenado a morte e fusilado no castelo de Montjuic (1940).
Século XXI
[editar | editar a fonte]2017: Carles Puigdemont
[editar | editar a fonte]Dentro do chamado proceso independentista catalán, trala vía catalá de 2013 e no contexto do referendo de autodeterminación de Cataluña finalmente exercido como consulta sobre a independencia de Cataluña de 2014, o 1 de outubro de 2017 levouse a cabo un referendo en Cataluña, que o goberno central consideraba ilegal, polo que impediu que se celebrase con normalidade co envío de unidades da Garda Civil e a Policía Nacional. Porén, segundo os resultados definitivos o número de votantes foi de 2.286.217, o 43% do censo catalá, dos que o 90'18% estaba a favor da independencia de Cataluña, que foi declarada o 10 de outubro por Carles Puigdemont e suspendida aos poucos segundos a espera dunha mediación co goberno español.
O día 27 de outubro do mesmo ano, votouse no Parlament unha declaración de independencia. Tras ausentarse do hemiciclo os deputados de Ciutadans, PSC e PP, procedeuse a unha votación secreta que deu lugar, ás 15:37, á proclamación da República catalá, co voto positivo de 70 deputados, 10 en contra e 2 votos en branco. Minutos despois, no Senado, aprobouse a aplicación do artigo 155 da Constitución por 214 votos a favor, 47 en contra e unha abstención.[14] Como consecuencia disto, o Goberno de España declarou ás poucas horas o cesamento do Goberno catalán, a asunción das súas competencias[15] e a convocatoria de novas eleccións autonómicas para o 21 de decembro[16]. Porén, Puigdemon non aceptou o devandito cesamento e fixo un chamamento a opoñerse pacificamente ás decisións gobernamentais[17], declaración que apenas deu resultados. Tres días despois, vía Marsella, o president Puigdemont e cinco consellers (un día despois, serían seis) viaxaron a Bélxica[18] coa aparente intención de mellorar a imaxe internacional do Procés, mentres en Barcelona ficaban o vicepresidente Oriol Junqueras e o resto dos conselleiros. Secasí, o control das institucións públicas catalás pasou ao Goberno español. Paralelamente, deu comezo unha xudicialización das actuacións relacionadas coa declaración de independencia desde a Audiencia Nacional pola instrución da xuíza Carmen Lamela, quen ordenou o encarceramento dos conselleiros en territorio español, incluído o vice-presidente Junqueras, mentres Puigdemont e o resto do goberno catalán deposto encaraban a súa defensa desde Bélxica.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Baldomer Lostau i Prats". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana.
- ↑ "O Parlament proclama a independencia de Catalunya e o Estado desprega o 155". Praza Pública. 27-10-2017. Consultado o 27-10-2017.
... a resolución aprobada proclama “a República Catalá como Estado independente e soberano, de dereito democrático e social”
- ↑ enciclopèdia.cat (ed.). "Borrell II de Barcelona". Consultado o 04-09-2013.
- ↑ enciclopèdia.cat (ed.). "Cas dels Catalans". Consultado o 03-01-2014.
- ↑ Història de Catalunya, F. Xavier Hernàndez, Rafael Dalmau Editor 2006
- ↑ Florensa i Soler, Núria (2004). "La República Catalana de 1641: un proyecto colectivo revolucionario". La declinación de la monarquía hispánica en el siglo XVII (en castelán). Univ de Castilla La Mancha. p. 102. ISBN 8484272966.
- ↑ Elliott, John H. (2011). La revolta catalana, 1598-1640: Un estudi sobre la decadència d'Espanya (en catalán). Universitat de València. p. 530. ISBN 8437086752.
- ↑ Hernández Cardona, Francesc Xavier (2006). Història de Catalunya (en catalán). Rafael Dalmau Editor. p. 198. ISBN 9788423206964.
- ↑ Mestre i Campi, Jesús (director) (1998). Diccionari d'Història de Catalunya (en catalán). Edicions 62. p. 76, entrada: "Augereau, Pierre François Charles". ISBN 84-297-3521-6.
- ↑ Moreno Cullell, Vicente (8-12-2010). "La Guerra del Francès: la Catalunya napoleònica". Sàpiens, descobreix la teva història (en catalán). Consultado o 31-10-2017.
- ↑ Almirall, Valentí: España tal com es Arquivado 13 de febreiro de 2015 en Wayback Machine.
- ↑ Duràn i Solà, Lluís (2009). Breu història del catalanisme. vol.1. L'Abadia de Montserrat. p. 19. ISBN 8498831741.
- ↑ 13,0 13,1 Tamames (1974), p. 10
- ↑ "El Parlament aprueba la República catalana y el Senado responde con el 155". Público (en castelán). 27-10-2017. Consultado o 27-10-2017.
- ↑ "Todo el poder para Sáenz de Santamaría". Público (en castelán). 28-10-2017. Consultado o 28-10-2017.
- ↑ "Rajoy cesa al Govern, disuelve el Parlament y convoca elecciones para el 21 de diciembre". Público (en castelán). 27-10-2017. Consultado o 28-10-2017.
- ↑ "Puigdemont no admite su cese y pide una oposición pacífica y perseverante al 155" (en castelán). 28-10-2017. Consultado o 28-10-2017.
- ↑ "Puigdemont se traslada a Bélgica y contacta con expertos en extradiciones" (en castelán). 30-10-2017. Consultado o 31-10-2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Tamames, Ramón (1974). La República. La era de Franco. Colección: Historia de España Alfaguara VII. Madrid: Alianza Editorial/Alfaguara. ISBN 84-206-2051-3.