Sardeña
Sardigna (sc) Sardegna (it) | |||||
Himno | Su patriottu sardu a sos feudatarios (en) (2018) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
País | Italia | ||||
Capital | Cagliari | ||||
Contén a división administrativa | Cagliari (pt) (2016–) Provincia de Cagliari (1859–2016) Provincia de Carbonia-Iglesias (2001–2016) Provincia de Nuoro (1927–) Provincia de Ogliastra (2001–2016) Provincia de Olbia-Tempio (2001–2016) Provincia de Oristano (1974–) Provincia de Sassari (1859–) Provincia do Medio Campidano (2001–2016) Sardenha do Sul (pt) (2016–) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.628.384 (2020) (67,99 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua italiana Lingua sarda | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 23.949 km² | ||||
Bañado por | Mar Mediterráneo | ||||
Altitude | 384 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
Órgano executivo | Government of Sardinia (en) | ||||
• President of Sardinia (en) | Christian Solinas (en) (2019–) | ||||
Órgano lexislativo | Regional Council of Sardinia (en) Circunscrición: 5, (Escano: 60) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
ISO 3166-2 | IT-88 | ||||
Código NUTS | ITG2 | ||||
Identificador ISTAT | 20 | ||||
Páxina web | regione.sardegna.it | ||||
Sardeña[1] (en sardo: Sardigna, en italiano: Sardegna, en catalán: Sardenya, en corso: Sardegna) é a segunda illa máis grande do mar Mediterráneo despois de Sicilia. Cunha superficie de 24.090 km², é unha das vinte rexións de Italia, posuíndo un estatuto especial de autonomía rexional.
Sardeña ademais é unha das dúas rexións cuxos habitantes foron denominados "popolo" (pobo diferenciado) polo parlamento italiano, xunto coa rexión do Véneto. A orixe do nome da illa é incerta, mais é posible que proveña dunha tribo chamada os Sardos. Foi ademais chamada Ichnusa polos fenicios e Sandalyon polos gregos, xa que a súa forma lembra unha pisada.
Xeografía
[editar | editar a fonte]A capital da rexión de Sardeña é Cagliari, estando divida a rexión en oito provincias: Cagliari, Sassari, Nuoro, Oristán, Olbia-Tempio, Ogliastra, Carbonia-Iglesias e Medio Campidano.
Sardeña é, pola súa extensión, a segunda illa do Mediterráneo e da República Italiana, logo de Sicilia. É unha das cinco rexións da República Italiana que dispoñen dun estatuto de autonomía especial, xunto con Sicilia, Trentino-Tirol do Sur, Friúl-Venecia Xulia e o Val de Aosta.
A illa, con 1800 km de costa, está a 200 km ó oeste da península italiana, 200 km ó norte de Tunisia e a só 12 km ó sur da illa francesa de Córsega.[2]
Xeografía física
[editar | editar a fonte]O territorio de Sardeña caracterízase por ser relativamente montañoso, estando arredor do 80% do territorio conformado xa sexa por montañas ou outeiros. Canto aos outeiros e altiplanos rochosos representan o 67,9% da superficie, algúns deles, moi característicos, son chamados giare ou gollei. As montañas son o 13,6% e están conformadas por antigas rochas niveladas por un lento e continuo proceso de erosión.
Estas montañas teñen o seu cumio máis elevado no Perdas Caprias (en italiano: Punta La Marmora), cunha altura de 1834 m sobre o nivel do mar, no macizo do Gennargentu. Ao norte distínguense os montes de Limbara (1362 m), o monte Rasu (1269 m), o monte Albo (1127 m) e o Corriasi de Oliena (1463 m). Ao sur o monte Linas (1236 m) e os montes do Iglesiente que posúen menos altitude a medida que se aproximan ao mar.
A zona das planicies comprende o 18,5% do territorio; a chaira máis extensa é o Campidano, que separa os relevos centro setentrionais dos montes do Iglesiente, mentres a chaira de Nurra atópase na parte noroccidental, cara á cidade de Sassari.
Os ríos teñen natureza artificial, xa que os máis importantes están contidos por diques que conforman encoros utilizados, principalmente, para irrigación dos campos. O dique do lago Omodeo é o máis grande de Italia; séguenlle os diques de Flumendosa, Coghinas e Posada. Os ríos máis importantes son o Tirso, o Flumendosa, o Coghinas, o Cedrino e o Temo. O único lago natural é o de Baratz, ao norte de L'Alguer.
A costa se curva nos golfos de Asinara ao norte, de Orosei ao leste, de Cagliari ao sur, e de Oristano ao oeste. As costas son altas, rochosas e con pequenas enseadas que, cara ao nordés, vólvense profundas. Litorais baixos, areosos e ás veces pantanosos, atópanse nas zonas meridionais e occidentais: son os estanques costeiros, zonas húmidas moi importantes dende o punto de vista ecolóxico. A illa de Sardeña está circundada por múltiples illas e illotes entre as que se atopan Asinara, San Pietro, Sant'Antioco, Tavavola, e o arquipélago da Magdalena con Caprera.
Clima
[editar | editar a fonte]O clima mediterráneo é típico en gran parte de Sardeña, excepto nalgunhas zonas do interior marcadas por un clima máis ríxido. Ao longo da zona costeira, onde reside gran parte da poboación, teñen invernos suaves, grazas á presenza do mar, con raras nevadas e veráns calorosos e secos. No interior da illa, a baixa humidade e o forte vento permite soportar facilmente as elevadas temperaturas estivais, capaces de alcanzar normalmente os 35-40 °C. Porén, nas zonas máis próximas á costa raramente se acadan ditas temperaturas. Nas zonas internas o clima é máis ríxido. Sobre os montes do Gennargentu nos meses de inverno neva e a temperatura descende baixo cero. No verán o clima é fresco, abrigo durante as horas nocturnas e raramente caloroso durante días consecutivos.
As precipitacións resultan escasas ao longo da costa e na zona meridional cunha media inferior aos 500 mm anuais; en particular, a localidade de Capo Carbonara rexistrou o valor mínimo absoluto tanto da rexión coma de todo o territorio italiano cunha media de 266 mm anuais. Nas áreas internas da meirande parte da illa a precipitación media é de 500–800 mm, e nas proximidades dos principais relevos montañosos pódense superar os 1.000 mm anuais.
Rexións históricas
[editar | editar a fonte]Sardeña está dividida historicamente en subrexións que derivan directamente, nas denominacións e nas extensións, dos distritos administrativos, xudiciais e electorais, chamados en sardo curadorias.
Algunhas denominacións xa non están en uso, namentres outras resistiron até hoxe e son aínda utilizadas de xeito habitual polos sardos. Algunhas das máis coñecidas son: Anglona, Barbagia, Barigadu, Baronie, Campidano, Logudoro, Gallura, Goceano, Mandrolisai, Marghine, Marmilla, Meilogu, Monteacuto, Montiferru, Nurra, Ogliastra, Planargia, Quirra, Romangia, Sarcidano, Sarrabus, Sulcis ou Trexenta.
Historia
[editar | editar a fonte]Prehistoria
[editar | editar a fonte]A historia da Sardeña data xa de moi antigo. Por exemplo en 1979 foron datados vestixios humanos do 150.000 a.C. Na Prehistoria os habitantes da Sardeña estabelecéronse e comercializaron obsidiana, unha pedra usada na produción de bastas ferramentas, e este comercio revelou algúns contactos entre os sardos e a meirande parte do mediterráneo. Entre o Neolítico e a época do Imperio Romano, deuse a civilización nuráguica. Mesmo actualmente, 7.000 anos despois, Nuraghe sobrevive. Hai sospeitas de que a misteriosa poboación Shardana chegou á Sardeña, vindo do Mediterráneo Oriental, arredor do século 20 a.C.
Pouco se sabe sobre esta xente, cuxo nome (que probabelmente signifique Xentes do Mar) foi atopado nunhas inscricións exipcias. Segundo algúns estudos lingüísticos, este pobo partira de Sardis (Lidia) e chegou ao mar Tirreno, formando relacións con sardos e etruscos.
A partir do 1000 a.C., os mariñeiros fenicios estabeleceron varios portos na costa sarda, que introduciron a escritura na illa arredor do 600 a.C. Porén, no 509 a.C., a guerra estalou entre os nativos e os propios fenicios, que pediron axuda a Cartago, pasando finalmente a illa a formar parte do Imperio Cartaxinés. No 238 a.C., despois de ser derrotada pola República Romana durante a primeira guerra púnica, Cartago cedeu Sardeña a Roma.
Roma
[editar | editar a fonte]Coa chegada dos romanos á illa foi desenvolvida unha rede de estradas organizada, que facilitaba o desprazamento das tropas e dos comerciantes. Esa rede serviu como base ao sistema actual de estradas. Os romanos aproveitaron abundantemente os recursos de Sardeña, que chegou a ser un celeiro do imperio debido ás súas abundantes colleitas de trigo de alta calidade. Construíronse anfiteatros, e posteriormente a relixión cristiá difundiuse en Sardeña debido á chegada de xudeus e cristiáns exiliados, disidentes do Imperio. No 227 Córsega formou parte da provincia romana de Córsega e Sardeña. Cando o imperio se debilitou, a presenza de tropas romanas comezou a declinar.
Vándalos
[editar | editar a fonte]Entre 456 e 534, Sardeña formou parte do curto imperio dos vándalos, un pobo de orixe xermánica que migrara cara ao sur das súas terras orixinarias durante todo o século V. Este pobo, a parte das illas, conseguiu dominar o Norte de África, onde se estabeleceron tomando Cartago no ano 439. Finalmente a illa foi reconquistada por Xustiniano, emperador bizantino. Baixo dominio de Bizancio, o representante imperial gobernaba a partir de Caralis, mais ese goberno era practicamente inexistente na rexión montañosa de Barbagia, na parte oriental da illa, onde un reino bárbaro persistiu por nove séculos.
Idade Media
[editar | editar a fonte]Comezando o Século VIII, os árabes e bérberes realizaron varios ataques á Sardeña. Especialmente logo da conquista de Sicilia en 832. Os bizantinos non foron quen de defender este territorio, o máis afastado deste Imperio, polo que o gobernador local asumiu unha autoridade independente. Para mellor defensa, dividiu a illa en catro Giudicati: Gallura, Logudoro, Arborea e Caralis. No ano 900 estes distritos tornáronse en catro monarquías constitucionais independentes, caendo por varias veces no poder de Xénova, de Pisa ou mesmo do papado.
No 1323, o Reino de Aragón comezou unha campaña para conquistar a Sardeña da man do infante Afonso, en alianza co reino, ou giudicato, de Arborea. Este reino, máis tarde, tornariase o seu inimigo e, por un tempo, gobernou case a totalidade da illa con Eleonora di Arborea, até que o último xuíz decidiu vender as terras remanentes por 100.000 florins de ouro. Os habitantes ligures nativos de Alghero, cuxa cidade foi cedida polos reis de Arborea, foi repoboada polos invasores cataláns, cuxos descendentes aínda hoxe falan catalán.
Reino de Sardeña
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Reino de Sardeña.
O dominio da Coroa de Aragón prolongouse até o século XVIII, mantendo na illa unha ríxida organización de tipo feudal. Máis tarde a Guerra de Sucesión española provocou que Sardeña fose ocupada por un exército anglo-holandés no 1708 e pasase no 1713 ao dominio da Austria mediante o Tratado de Utrecht. Aínda que a illa foi rapidamente recuperada no 1717 por Filipe V de España, mais ao ano seguinte este tivo que regresala tras a súa derrota fronte a Cuádrupla Alianza, formada polo Sacro Imperio Romano Xermánico, as Provincias Unidas dos Países Baixos, o Reino de Francia e o Reino da Gran Bretaña.
Finalmente no 1720, Sardeña tornouse en reino independente baixo a Casa de Savoia, os gobernadores do Piemonte. Co Reunificación de Italia, no 1860, o reino sardo pasou a formar parte da nova Italia unificada.
Actualidade
[editar | editar a fonte]No 1948, co nacemento da República Italiana, fóiselle outorgado á Sardeña un Estatuto especial, ao igual ca outras catro rexións (Sicilia, Trentino-Tirol do Sur, Friúl-Venecia Xulia e Val de Aosta) co obxectivo de evitar separatismos.[3]
Xa que logo, a lei constitucional número 3 do 26 de febreiro de 1948 permitiu unha transferencia do poder da república á rexión. Daquela, Sardeña, xunto coas súas illas menores, constitúese nunha Rexión Autónoma. Dende ese intre a rexión organizouse en tres provincias (Cagliari, Nuoro e Sassari, e posteriormente agregaríase Oristano) e tres órganos dos poderes rexionais. O poder executivo é administrado pola Xunta Rexional, o poder lexislativo polo Consello Rexional, e finalmente, o Alto Comisario (pouco despois chamado Presidente da Xunta ou Comisión rexional), elixido polo Consello para ser o representante da rexión sarda. No 2004 o Presidente da Xunta cambiou de nome outra vez a Presidente da Rexión. Con isto, a rexión de Sardeña tenta unir a súa identidade propia, o mantemento da súa cultura e o legado da súa longa historia.
Demografía
[editar | editar a fonte]Cunha densidade de poboación de 69 hab./km², un pouco máis dun terzo da media estatal, Sardeña é a cuarta rexión menos poboada de Italia. A distribución da poboación é anómala en comparación coa doutras rexións italianas situadas no mar, de feito contrariamente á tendencia xeral, os asentamentos urbanos non tiveron lugar principalmente ao longo da costa, senón cara ao centro da illa. As razóns históricas para este propósito son os repetidos ataques sarracenos durante a Idade Media, que facían insegura a costa, as actividades gandeiras do interior e a natureza pantanosa das chairas costeiras, recuperada só no século XX. Con todo a situación inverteuse coa expansión do turismo de praia e hoxe tódolos principais centros urbanos sardos están situados preto das costas, mentres que o interior da illa é moi pouco poboado.
Ademais Sardeña é a rexión italiana coa máis baixa taxa de fecundidade total (1,087 nacementos por muller) e a rexión coa segunda menor taxa de natalidade. A esperanza media de vida é 81,1 anos (84,5 para as mulleres e 77,7 para os homes). É destacable que Sardeña comparte coa illa xaponesa de Okinawa a maior taxa de centenarios no mundo con 22 centenarios por cada 100.000 habitantes).
Particularidades xenéticas
[editar | editar a fonte]Os habitantes orixinarios de Sardeña, que agora están concentrados no interior da illa debido á presión dos colonos, son unha "anomalía xenética" na rexión mediterránea occidental. Pertencen ao Haplogrupo I do cromosoma Y, que só ten unha alta frecuencia nos países escandinavos, Alemaña e a zona norte de Croacia e Bosnia.
Ademais, o haplogrupo I dos pobos indíxenas dos sardos pertence ao subtipo I1b1b, que é case exclusivo da illa. Este haplogrupo tamén ten unha distribución baixa ao redor dos Pireneos, que indican unha certa migración dos sardos e os habitantes desa zona. Con todo, o sardo está máis estreitamente relacionado subgrupo croata-bosníaco que o subtipo escandinavo. Compre destacar que na illa ten especial relevancia unha enfermidade xenética chamada talasemia.
Localidades Sardas
[editar | editar a fonte]Dentro da Sardeña destacan principalmente as localidades que son capitais das catro provincias, é dicir, Cagliari (Casteddu), con preto de 250.000 habitantes, Sassari (Sassari), con máis de 130.000 habitantes, Nuoro (Nùgoro) e Oristano (Aristanis).
Ademais das capitais, outras vilas de importancia son Alghero (L'Alguer), Arzachena (Alzachena), Bitti (Bithi), Bonorva (Bonolva), Bosa, Cabras (Crabas), Carbonia, Castelsardo (Caltheddu), Cuglieri (Culiri), Dorgali (Durgale), Gavoi (Gaboi), Iglesias (Igresias), La Maddalena (A Maddalena), Lanusei (Lanuse), Macomer (Maccumele), Mogoro (Mogoru), Olbia (Terranoa), Oliena (Uliana), Orune, Ozieri (Othieri), Perfugas (Peifugas), Ploaghe (Piaghe, Porto Torres (Posthudorra ), Posada (Pasata), Pozzomaggiore (Puthumajore), Cartu Sant'Elena (Cartu Sant'Aleni), Sanluri (Seddori), San Teodoro (Santu Diadoru), Sant'Antioco (Sant'Antiogu), Carloforte (U Pàize), Selargius (Cedraxius), Siniscola (Thiniscole), Tempio Pausania (Tempiu), Teulada, Villacidro (Biddexirdu) ou Villaputzu (Biddeputzi).
Divisións administrativas
[editar | editar a fonte]Até o ano 2005, Sardeña estaba dividida en catro provincias: Cagliari, Nuoro, Sassari e Oristano. En 2005, o Consello Rexional decidiu crear catro novas provincias: Carbonia-Iglesias, Medio Campidano, Ogliastra, Olbia-Tempio.
Provincia | Area (km²) | Poboación | Densidade |
---|---|---|---|
Provincia de Cagliari | 4.570 | 559.416 | 122,4 |
Provincia de Carbonia-Iglesias | 1.495 | 130.538 | 87,3 |
Provincia de Medio Campidano | 1.516 | 103.107 | 68,0 |
Provincia de Nuoro | 3.934 | 161.453 | 41,0 |
Provincia de Ogliastra | 1.854 | 58.088 | 31,3 |
Provincia de Olbia-Tempio | 3.399 | 153.886 | 45,2 |
Provincia de Oristano | 3.040 | 167.357 | 55,0 |
Provincia de Sassari | 4.282 | 336.374 | 78,5 |
Economía
[editar | editar a fonte]En xeral Sardeña ten unhas mellores condicións económicas que a meirande parte das rexións do sur de Italia. O sector primario goza aínda dunha importancia excepcional, sobre todo a cría de cabras e de ovella. A agricultura foi modernizada, sobre todo na zona chaira do Campidano, onde se cultivan verduras, cítricos, arroz, e onde se producen os famosos viños sardos.
Con todo, a pesar de ser unha illa, hai moi pouca tradición pesqueira, aínda que nas últimas épocas esá a gañar moita importancia, sobre todo na pesca do atún, exportado principalmente e o Xapón. É destacable tamén a minería, restrinxida ao carbón, ao antimonio, ao ouro, ao chumbo e ao zinc. A extracción de granito representa un gran parte da industria no norte da illa. As industrias principais son químicas, produtos petroquímicos, traballo de metais, cemento, farmacéutico, estaleiros e alimentación.
Con todo, hoxe a economía sarda está enfocada cara ao sector terciario, que supón o 67,8 % de emprego, co comercio, servizos, tecnoloxía da información, e sobre todo sobre o turismo, que representa a industria principal da illa con 2.721 empresas activas e 189.239 prazas hoteleiras. En 2008 rexistráronse 11.896.674 pasaxeiros nos aeroportos da illa.
Comercio
[editar | editar a fonte]Na Sardeña, tal como en Italia, a moeda oficial é o euro, mais os sardos aínda se refiren, non oficialmente, ao su Francu (ou "su Pidzu"). 1 francu equivalía 1.000 liras italianas.
Enerxías renovables
[editar | editar a fonte]As enerxías renovables aumentaron notablemente nos últimos anos, principalmente a enerxía eólica, favorecida polos abondosos ventos que cruzan a illa, e a enerxía solar, ademais da creación dunha central de enerxía solar térmica e de biocombustibles, sobre a base de aceite de Jatropha. Sardeña é hoxe a rexión italiana que absorbe a maior porcentaxe de gases de efecto invernadoiro por habitante.
Turismo
[editar | editar a fonte]A illa conta con varias zonas de turismo extraordinarias, incluíndo a Costa Smeralda e Gennargentu. A illa é particularmente famosa polas súas praias, como en costa Smeralda, Alghero e Villasimius,[2] se ben goza doutros lugares interesantes.
Cultura
[editar | editar a fonte]Linguas
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Lingua sarda.
As linguas máis faladas en Sardeña son o italiano e o sardo, un romance con influencias do fenicio, do etrusco e doutras linguas do oriente próximo. Aínda que estea a perder falantes (principalmente na xente nova de Cagliari, a prol do italiano), segue a ser moi falada, por mor das medidas oficiais.
Amais destas dúas, outras linguas son faladas na illa. Nas rexións do norte de Gallura e Sassari, a lingua falada é unha variante do corso. Na illa de San Pietro fálase o ligur de Xénova. En Alghero, ao norte, fálase tamén un dialecto medieval do catalán, lembrándonos que a illa foi unha colonia catalá.
Música
[editar | editar a fonte]Sardeña é fogar dunha das máis vellas formas da polifonía vocal, coñecido comunmente como cantú a tenore, que varios músicos famosos atoparon irresistible, incluíndo a Frank Zappa, Ornette Coleman e Peter Gabriel. Este último viaxou á cidade de Bitti, na rexión montañosa central, onde gravou os agora famosos Tenores di Bitti. Outro estilo de canto polifónico, semellante ao corso paghjella coñécese como o cantu a cuncordu.
Un instrumento único dos sardos é o launeddas, que consiste en tres tubos con lingüeta sinxela, que forman parte do mesmo corpo de cana. Téñense rexistros deste instrumento en restos de até o ano 2000 a.C..
Tamén dentro das música do país salienta o cantu a chiterra (cancións de guitarra), que ten a súa orixe en prazas, cando os artistas competían entre si. Sardeña tamén produciu un notable número de músicos de jazz como Antonello Salis, Marcello Melis ou Paolo Fresu. O principal teatro de ópera da illa é o Teatro Lírico de Cagliari.
Hoxe en día a cultura sarda atópase nun bo estado de saúde, e a xente máis nova está involucrada activamente na súa propia música e danza. No ano 2004 o coñecido presentador da BBC Andy Kershaw viaxou á illa co especialista en música sardo Pablo Fabra, entrevistando a moitos artistas.
Ecosistemas
[editar | editar a fonte]Sardeña é fogar dunha gran variedade de raras ou pouco comúns razas e especies animais e vexetais. Os ecosistemas da illa están protexidos grazas ás estritas leis de protección e conservación ambiental, e grazas a un enorme plan de reforestación converteuse na rexión italiana coa maior extensión forestal, con 1.213.250 hectáreas de bosques. O Plan Rexional de Paisaxe prohibe a construción na costa, salvo nos centros urbanos, xunto aos bosques, lagos ou outros sitios culturais ou ambientais.
Parques naturais
[editar | editar a fonte]Sardeña ten tres parques nacionais:
- Parque Nacional do Arcipelagu de sa Maddalena
- Parque Nacional de S'Asinàra
- Parque Nacional do Golfo de Orosei e do Gennargentu
Ademais destes tres parques nacionais hai outros dez rexionais: Porto Conte, Molentargius - Saline, Limbara, Marghine e Goceano, Sinis - Montiferru, Monte Arci, Giara di Gesturi, Monte Linas - Oridda - Marganai, Sette Fratelli - Monte Genas e Sulcis. Tamén pódense atopar 60 reservas naturais, 5 oasis do Fondo Mundial para a Natureza e 25 monumentos naturais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sardo.
- ↑ 2,0 2,1 "Sardinia, Italy". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2021-01-22.
- ↑ Annie CHEMLA-LAFAY, Randhir AULUCK, Céline CHOL, Brigitte COUÉ, Marie-Thérèse DELEPLACE, Brigitte DENGLER, Michel MARÉCHAL, 25 ans de réforme de la gestion publique dans les pays de l'OCDE, Convergence et systémique, Institut de la gestion publique et du développement économique, Mai 2006, p.33. (en francés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial
- Sitio web oficial de turismo de Sardeña
- Biblioteca Dixital de Sardeña Arquivado 26 de febreiro de 2011 en Wayback Machine.