Templo de Atenea Nike
Templo de Atenea Nike | |
---|---|
Presentación | |
Nome local | Ναός Αθηνάς Νίκης |
Localización | Atenas, Grecia |
Dirección | Acrópole de Atenas |
Estrutura | Pedra |
Estilo | Arquitectura clásica |
Tipo | Templo grego |
Propietario | Goberno de Grecia |
Construción | |
Inicio | 421 a. C. |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Calícrates |
O Templo de Atenea Nike (en grego antigo Ναός Αθηνάς Νίκης: Atenea Vitoriosa) ou Nike Áptera (Αθηνάς Νίκης: Vitoria sen ás) conmemora a vitoria sobre os persas na batalla de Salamina (448 a. C.). A idea da súa construción na Acrópole de Atenas, xurdiu no 449 a. C., trala paz cos persas. Porén, Pericles opúxose ao levantamento do mesmo e non se comezaron as obras ata o 421 a. C.,[1] ou o 425 a.C.,[2] comezada xa a Guerra do Peloponeso (431 a. C. - 404 a. C.).
Historia
[editar | editar a fonte]O proxecto encargáronllo Calícrates (Καλλικράτης),[2] arquitecto que tamén colaborou na construción do Partenón xunto con Ictino, e que deseñou un templo de orde xónica que tivo que adaptarse ao pequeno espazo que se lle asignou: un bastión (torre grande) dos Propileos, que domina o ascenso á Acrópole.
No seu interior houbo un xóanon, imaxe de Atenea personificada como Niké, ou deusa alada, símbolo das vitorias navais, á que lle cortaron as ás (áptera: sen ás) para que nunca puidese abandonar a cidade. Pero o templo non estaba destinado a grandes reunións, para iso tiña enfronte un altar que permitía celebrar cerimonias ao aire libre.
O templo no seu estado actual foi fielmente restaurado, pero perdeu parte do friso, a cuberta e os frontóns. É o templo xónico máis antigo da Acrópole.[1]
Os turcos desmontaron gran parte da estrutura para realizar fortificacións coa pedra, mais no século XIX foi restaurado.[2]
Vistas
[editar | editar a fonte]Alzado
[editar | editar a fonte]O alzado do templo (de 8 metros de altura): sobre a plataforma en chanzos (crepidoma) aséntanse os muros e as columnas xónicas de mármore compostas de basa, fuste monolítico con estrías de ángulos matados e chapitel con volutas. O entaboamento consta dunha arquitrabe de tres bandas, un friso corrido que tivo unha decoración mitolóxica alusiva ás Guerras médicas e unha cornixa, sobre ela os frontóns dedicados a Atenea.
O alzado tamén presenta unha anomalía particular: mentres a proporción da medida da altura da columna en relación ao diámetro da base na orde xónica é de 9:1, neste caso é baixa (7:1) quizais para axeitarse á proporción da estrutura dórica próxima, que eran o propíleos e que tiñan un módulo de 5:1[1]
Planta
[editar | editar a fonte]A planta, de moi pequenas dimensións, é propia dun templo anfipróstilo-tetrástilo,[1] no que tanto o vestíbulo dianteiro (pronao) como o traseiro (opistódomos) se converten en pequenos pórticos. A cella ou sala da deusa, é case cadrada (4 x 4 metros). É, polo tanto, un templo moi pequeno, de dimensións humanas; moi harmonioso nas súas proporcións. Todas as medidas están matematicamente estudadas para daren esa sensación de esvelteza, a pesar do seu escaso tamaño.
- A decoración escultórica no friso do templo, que representa a Atenea, Zeus e Poseidón axudando os atenienses, é sen dúbida un intento de elevar a moral da cidade, que naqueles anos estaba sumida noutra contenda que acabaría perdendo, a Guerra do Peloponeso. Así mesmo, o parapeto do bastión sobre o que se alza o edificio foi decorado con relevos (entre eles o de Atenea Niké atándose a sandalia) intentando expresar a determinación pola vitoria que nunca chegou. Este paramento, obra da escola de Fidias mostra as súas principais características, como os panos mollados (xa esculpidos ao trépano) ou figuras divinas (como a propia Atenea) en accións "cotiás" como atarse unha sandalia, que demostran o afastamento do idealismo do primeiro clasicismo.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Templo de Atenea Nike |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Hartt, Frederick (1989). Arte. Historia de la pintura, escultura y arquitectura. Col. Arte / Estética. Madrid: Akal. ISBN 84-7600-411-7.
- Trachtenberg, Marvin; Hyman, Isabelle (1990). Arquitectura. De la Prehistoria a la Postmodernidad. Madrid. Madrid: Akal. ISBN 978-84-7600-628-3.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fotografías do friso en ancient-greece.org (en inglés).
- Sitio oficial do Ministerio de cultura de Grecia sobre o templo de Atenea Niké Arquivado 04 de febreiro de 2015 en Wayback Machine. (en inglés).