Virusoide
Os virusoides son moléculas de ARN circular monocatenario infectivas sen cápside propia parecidas aos viroides, que para a súa replicación e encapsidación dependen doutro virus de plantas.[1][2] O seu xenoma está formado por ARN monocatenario circular e é moi pequeno, xa que consta só duns centos de nucleótidos e non codifica proteínas.
Os virusoides son similares aos viroides en tamaño e modo de replicación do ARN (polo mecanismo dos "círculos rodantes"), pero diferéncianse en que os viroides poden replicarse por si sós utilizando encimas do hóspede, polo que non necesitan o acompañamento doutro virus para replicarse, e os virusoides deben infectar xunto con outro virus específico para a súa replicación. O virus do que dependen denomínase virus axudante (helper virus), e tamén os encapsida. Isto é característico de todas as partículas subvirais satélites, das que os virusoides forman parte.
Aínda que os virusoides son estudados pola viroloxía, non son considerados virus, senón partículas subvirais. Como dependen doutro virus para poder infectar clasifícanse dentro do grupo máis amplo dos satélites. Nas clasificacións taxonómicas aparecen clasificados como Satélites/ácidos nucleicos satélites/Subgrupo 3: ARNs satélites circulares. Neste grupo están incluídos todos os satélites sen cápside e con ARN monocatenario circular, que son os virusoides. Algúns satélites codifican proteínas da cápside e outros non e poden ter ADN ou ARN segundo a especie (os virusoides son sempre de ARN monocatenario e sen cápside). Na literatura non sempre se distinguiu ben estre os termos virusoide e satélite, de modo que ás veces virusoide pode aparecer utilizado nun sentido amplo referíndose a todos os satélites, pero en realidade na clasificación actual os virusoides son un subgrupo dentro dos satélites.
Exemplos de virusoides son:
- ARN satélite pequeno do virus do mosaico de Arabis
- ARN satélite do virus RPV do ananismo amarelo dos cereais
- ARN satélite do virus das manchas amarelas da endivia
- ARN satélite do virus do veteado transitorio da alfalfa
- ARN satélite do virus das manchas de Solanum nodiflorum
- ARN satélite do virus das manchas do trevo subterráneo
- ARN satélite do virus das manchas en anel do tabaco
- ARN satélite do virus das manchas do tabaco
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Symons RH. (1991). "The intriguing viroids and virusoids: what is their information content and how did they evolve?". Mol Plant Microbe Interact. (Mar-Apr;4(2)): 111–21. PMID 1932808.
- ↑ "Virusoid (Molecular Biology)". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2012. Consultado o 26 de maio de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Viroide
- Satélite (partículas subvirais satélites)
- Prión
- Obelisco
- Clasificación dos virus