Artrite
Aparencia
Artrite | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Mans afectadas con artrite reumatoide, unha forma autoinmune de artrite. | |
DiseasesDB | 15237 |
MedlinePlus | 001243 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A artrite[1] (do grego articulación e inflamación) é a inflamación das articulacións, que doen, se inchan e están quentes ó tacto. As articulacións afectadas perden mobilidade e poden chegar a deformarse.
Se afecta só a unha articulación chámase monoartrite, cando son 2 ou 3 recibe o nome de oligoartrite e se afecta 4 ou máis simultaneamente, denomínase poliartrite.
Non debe confundirse a artrite coa artrose, a cal é unha doenza dexenerativa e non inflamatoria. Porén, a pesar diso en ocasións, sobre todo na literatura anglosaxoa, denomínase osteoartrite.[2]
Clasificación
[editar | editar a fonte]Existen numerosas doenzas e síndromes que poden producir artrite, nos cales esta é considerada a principal manifestación, tales como:
- Artrite reumatoide e as súas variantes, como a artrite xuvenil idiopática, provocadas por fenómenos de autoinmunidade. A artrite reumatoide é unha das formas de artrite máis frecuente. Pode afectar a todas as articulacións, provocando inflamación das cartilaxes e a membrana sinovial ó redor das unións dos ósos. Considérase unha doenza autoinmune na que se producen autoanticorpos contra o propio organismo. Os síntomas principais consisten en inchazón e dor, especialmente nas articulacións de mans e pés, deformación das rexións afectadas e perda de mobilidade. O tratamento farmacolóxico baséase na administración de fármacos antiinflamatorios, corticoides e inmunosupresores, dependendo da gravidade do cadro.
- Artrite por microcristais: padécena os afectados de gota e pseudogota.
- Artrite infecciosa tamén chamada artrite séptica. Está causada por unha infección de orixe bacteriano, vírico, micótico ou parasitario.
- Artrites secundarias a outras doenzas, como a artrite psoriásica, a artrite asociada a doenza inflamatoria intestinal, a artrite do lupus eritematoso sistémico, púrpura de Schönlein-Henoch, sarcoidose e moitas outras.
- Artrite reactiva. Recibe este nome a artrite que aparece tras unha infección intestinal, xenital ou urinaria. Por exemplo a artrite da síndrome de Reiter.
- Artrite neuropática: producida por lesións do sistema nervioso. En realidade non é unha artrite e a súa denominación correcta é artropatía neuropática ou articulación de Charcot.[3]
- Osteoartrite. O nome máis adecuado desta afección é artrose e non é unha verdadeira artrite, pois está provocada por fenómenos dexenerativos na articulación e non por inflamación da mesma.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para artrite.
- ↑ "¿Que es la artritis?. Sociedad española de reumatología. Consultado el 7 de junio de 2013." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de xullo de 2012. Consultado o 02 de maio de 2018.
- ↑ E. Noain, J. Martínez de Morentin, F. J. Artázcoz, S. Gozzi, P. Lasanta, J.J. Sánchez-Villares: Artropatía neuropática de hombro. Anales. Servicio de Cirugía Ortopédica y Traumatológica. Hospital García Orcoyen. Estella. Navarra, 2007.