Concello de Oza
Oza | |
---|---|
Capela de Santa María de Oza | |
Situación | |
Catro das cinco parroquias do concello da Coruña formaban o concello de Oza: San Cristovo das Viñas, Santa María de Oza, San Pedro de Visma e San Vicenzo de Elviña. | |
Xeografía | |
Provincia: | Provincia da Coruña |
Poboación: | 9.434 hab. (1910) |
Área: | 29 km² |
Densidade: | 327,34 hab./km² |
Capital do concello: | Monelos |
Santa María de Oza[1], chamado abreviadamente Oza, foi un concello da provincia da Coruña, desaparecido en 1912 trala súa anexión ó concello da Coruña. Ó concello de Oza pertencían as parroquias de Visma, San Cristovo das Viñas, Elviña e Oza. Limitaba polo norte co océano Atlántico e co concello da Coruña; polo oeste e o suroeste co concello de Arteixo; polo sur co concello de Culleredo; e polo leste coa ría do Burgo que o separaba do concello de Oleiros.
Historia
[editar | editar a fonte]No século XIX, coa creación dos concellos constitucionais, foi formado o concello de Santa María de Oza, conformado pola parroquia do mesmo nome e as de San Cristovo das Viñas, San Pedro de Visma e San Vicenzo de Elviña.
Xa de antes, o núcleo histórico de Oza atopábase na costa da súa parroquia, arredor da Capela de Santa María de Oza (templo parroquial ata ese mesmo século) e ó pé da praia de Oza, máis tarde coñecida como praia de Lazareto (destruída, e que non se debe confundir coa nova praia de Oza construída en 1994), na área situada entre Casabranca, A Pasaxe –topónimo alternativo para referise ás Xubias– e a batería de Oza. Porén, co paso do tempo Monelos foise convertendo no núcleo máis poboado, dado que era atravesado pola principal estrada de saída da Coruña. Este feito provocou que unha vez creado o concello, a casa consistorial rematase sendo establecida en Monelos e non en Oza, en torno a 1860[2].
O concello de Oza ten unha historia un tanto convulsa, desde o punto de vista político. En 1884, tras unha inspección fiscal, o Goberno Civil suspende as actividades do concello por irregularidades[2][3]. Alén diso, tamén se decretou a retirada de tódolos documentos do concello co obxectivo de efectuar unha investigación da que non se coñece o resultado. O que en principio ía ser só un paro temporal prolongouse no tempo, provocando que a corporación municipal non puidese recadar impostos e en consecuencia o endebedamento do concello dous anos despois acadaba unha suma de máis de 50.000 pesetas, das cales 28.283 pesetas se lle debían á Facenda en concepto de contribución territorial[2].
En 1887 celébranse eleccións municipais, pero a situación non se soluciona xa que o Gobernador civil decreta nulos os comicios e nomea un alcalde interino. Os veciños de Oza litigaron pola devolución da documentación ó concello, xa que tiñan medo de que puidese ser utilizada polos grandes industriais coruñeses. De feito, nese período a casa do concello muda de localización en varias ocasións e desaparecen documentos sobre os bens, momento que é aproveitado polo concello da Coruña para modifica-la situación dos marcos que sinalan os lindes entre ámbolos dous concellos na zona da Palloza, aparecendo logo os territorios a nome de José Marchesi Dalmau, quen instalou unha refinaría. Lino María Ferreiro, párroco de Oza, interpuxo unha denuncia que, así e todo, foi resolvida a favor do concello da Coruña. Marchesi Dalmau tamén se fixo cos territorios da costa da parroquia de Oza nos que instalou un lazareto (no cal se trataron enfermos da Guerra de Cuba), que dúas décadas despois sería convertido en Sanatorio Marítimo para nenos tuberculosos[2][3].
Seis anos despois do inicio da suspensión, en 1890, Oza recupera a corporación e vende o pazo municipal situado en Monelos co obxecto de liquidar débedas. Os concelleiros tamén conseguen recuperar parte dos documentos, os cales son trasladados ó novo local que o concello alugou en Eirís[2].
Especulouse coa posibilidade de que a disolución da corporación fose unha estratexia para abocar a Oza a aceptar unha absorción por parte do concello da Coruña[2].
A desorde chegou á súa máxima expresión tralas eleccións do 10 de novembro de 1901, cando o concello chegou a dividirse en dous: un constituído o 1 de xaneiro de 1902 con sede en Monelos e rexido por José Galán; e outro con sede na Moura, constituído o 19 de febreiro de 1902 con José Gantes como alcalde, manténdose esta situación ó longo de máis dun ano[4].
En 1907, trasladouse a casa do concello á Moura, xerando descontento entre os veciños. Aproveitando o descontento, os industriais coruñeses promoveron unha solicitude de anexión da parroquia de Oza ó concello da Coruña, acadando un gran número de sinaturas, mais finalmente a operación foi desautorizada dende Madrid por ser Oza a única parroquia do concello que xeraba ingresos. As protestas provocaron que o concello movese a súa sede a unha casa alugada no Corgo, a cal aínda se conserva en ruínas. Tamén nese mesmo ano, o novo párroco Enrique Martínez Esparís pide a anexión da parroquia de Oza á Coruña[2][3][5].
No ano 1909, a falta de espazo impide o crecemento da Coruña e o movemento a favor da anexión pide a súa execución. O concello herculino solicita información ó de Vigo, que anos antes anexionara o antigo concello de Bouzas, co fin de coñece-lo procedemento. Tamén Juan Fernández Latorre, naquela altura deputado nas cortes e gran partidario da anexión, procura apoios no goberno e no senado español en Madrid co obxectivo de logra-la anexión, alén de emprega-lo seu xornal como medio de propaganda a favor da mesma[2][3].
As dificultades económicas ás que chegara o concello de Oza, así como a necesidade de espazo para expandi-la cidade da Coruña, propiciaron a unión.
O 28 de xaneiro de 1912, tivo lugar unha reunión na casa consistorial de Oza na que, durante máis dunha hora, se estudou o xeito de levar a cabo a fusión. Na xuntanza participaron representantes de cada un dos dous concellos. En marzo do mesmo ano levouse a proposta ó Congreso dos Deputados, acadándose dita anexión por Lei de 11 de xullo de 1912. O 1 de outubro quedou disolta a Corporación Municipal de Oza, reuníndose ese mesmo día a nova corporación coruñesa en sesión extraordinaria[3].
Oza proporcionou ó concello da Coruña dous concelleiros e dous vogais asociados á Xunta Municipal, aínda que foran prometidos nove concelleiros nun primeiro momento. Porén, os devanditos concelleiros desenvolveron unha actividade nula unha vez tomaron posesión do seu cargo. Do mesmo xeito, outros acordos foron incumpridos, deixando ó territorio do antigo concello sen servizo contra incendios ou ameazando con catalogar edificacións en estado de ruína, o que motivou que Alejandro Barreiro Noya e mailo derradeiro alcalde de Oza, Juan Rodríguez Paz, organizasen unha candidatura pro-Oza no ámbito municipal[2][3].
Quedaba así amplamente incrementada a superficie do concello coruñés. A anexión de Oza supuxo máis do 70% do actual territorio municipal herculino[6].
Demografía
[editar | editar a fonte]
|
Lugares de Oza
[editar | editar a fonte]Segundo a Geografía General del Reino de Galicia, da que Carré Aldao elaborou a parte correspondente á provincia da Coruña, contaba cos seguintes lugares[8]:
|
|
|
Segundo o Diccionario de Madoz, contaba cos seguintes lugares:
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ayuntamiento constitucional de Santa María de Oza". Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña nº128. 29/10/1849. p. 4.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Un final traumático para Oza La Opinión A Coruña
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Santa Maria de Oza 1912
- ↑ Xunta de Galicia, ed. (2010). "Concello de Oza (Arquivo Municipal da Coruña)" (PDF). Norma Galega de Descrición Arquivística. p. 115. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de xuño de 2012. Consultado o 02 de setembro de 2014.
- ↑ El banquete de la anexión de Oza La Voz de Galicia (5/11/2010)
- ↑ Las zonas rurales de la ciudad proceden del antiguo municipio de Oza, anexionado en 1912 La Voz de Galicia (28/3/2010)
- ↑ "Alteraciones de los municipios en los Censos de Población desde 1842". Instituto Nacional de Estadística (INE) España. Consultado o 23 de abril de 2020.
- ↑ Ediciones Gallegas, ed. (1980). Geografía general del Reino de Galicia, dirigida por F. Carreras y Candi. (A Coruña, por Eugenio Carré Aldao). ISBN 84-248-0581-X. [Reprodución facsímile da edición: Geografía General del Reino de Galicia. Barcelona: Casa Editorial Alberto Martín, 1929]
- ↑ 9,0 9,1 Lugar dividido entre as parroquias de San Cristovo das Viñas e San Pedro de Visma.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: A Coruña |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Concello de Oza |