Grigore Antipa
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de novembro de 1867 Botoșani, Romanía (pt) |
Morte | 9 de marzo de 1944 (76 anos) Bucarest, Romanía |
Educación | Universidade de Jena |
Actividade | |
Ocupación | biólogo, ictiólogo, zoólogo |
Empregador | “Grigore Antipa” National Museum of Natural History (en) , director (1892–1944) |
Membro de | |
Profesores | Ernst Haeckel |
Obra | |
Abreviatura do autor en zooloxía | Antipa |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2017.) |
Grigore Antipa, nado o 27 de novembro de 1867 en Botoșani, Romanía e finado o 9 de marzo en 1944 en Bucarest, foi un naturalista romanés, especializado en ecoloxía, zooloxía e oceanografía.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou na universidade de Jena, Alemaña, cun dos fundadores da ecoloxía, Ernst Haeckel (1834-1919).
Antipa comezou as súas investigacións en Francia (nas estacións de bioloxía mariña de Roscoff, Banyuls-sur-Mer e Villefranche-sur-Mer e en Italia (en Capri), onde fixo importantes descubrimenos farmacoloxicamente importantes no timo dos peixes, e describiu unha especie nova de medusa, a Capria sturdzii.
De volta a Romanía, convenceu ao rei Carol I da importancia dun sólido coñecemento científico do Danubio e o mar Negro, de xeito que o soberano lle prestou o buque insignia da frota romanese de buques de guerra, o cruceiro Elisabeta, para que fixera unha expedición oceanográfica que durou nove meses, durante o ano 1893 ao longo do mar Negro. Os datos que recolleu daquela aínda serven hoxe en día como base para os oceanógrafos que traballan nese mar.
Grigore Antipa iniciou nesta época unha colaboración con científicos rusos, búlgaros e turcos, cos que compartiu os resultados das súas investigacións.
Antipa é coñecido, sobre todo, por ser o precursor da xeonomía, a ciencia da xestión da Terra que xorde directamente dos coñecementos ecolóxicos. En 1898 Antipa propuxo ao rei Carol I a primeira aplicación concreta dos principios desta ciencia ao curso baixo do Danubio e á costa romanesa do mar Negro.
En virtude dela creouse unha rede de cooperativas de pesca, discutido cos pescadores e tendo en conta tanto os seus costumes e prácticas como o coñecemento científico adquirido recentemente, desenvolvendo un plan para a xestión dos hábitats e as poboacións de peixes que, sen opoñerse á natureza (correntes, ciclos biolóxicos, vida animal) fixo que se duplicara en dez anos a produción de peixes, tanto nas augas do Danubio como nas do mar Negro. Entre outras cousas, fixo de Romanía o segundo maior produtor de caviar do mundo, despois de Rusia e por diante de Irán.
En 1892 fundou o Museo de Historia Natural en Bucarest (que agora leva o seu nome), e en 1932, o Instituto de Oceanografía de Constanța, coas súas dúas estacións de bioloxía mariña e as dúas reservas naturais costeiras correspondentes, de Agigea e o cabo Kaliakra.
En 1904 describiu unha nova especie de peixe, para a que creou un novo xénero, Sardina, denominándoo Sardina dobrogica (é dicir, a "sardiña da Dobruxa"). Máis tarde, os ictiólogos comprobaron que se trataba da mesma especie que a Clupea pilchardus descrita por Walbaum en 1792, así que o seu nome actual é Sardina pilchardus, a nosa popular sardiña (o novo xénero, por tanto, mantívose).
Despois da súa morte, e baixo o réxime comunista, o Instituto Oceanográfico de Constanza transformouse en 1949 na Estación de Investigación Mariña e da Pesca, unha institución máis técnica e, despois, en 1970, no Instituto de Investigacións Mariñas de Romanía, baixo a autoridade militar. Das súas dúas estacións, a primeira está hoxe moi lonxe do mar, e a súa reserva foi destruída polos traballos portuarios realizados durante a época de Ceauşescu, e a segunda está en ruínas, pero a reserva aínda existe en Bulgaria na actualidade.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Grigore Antipa |