Saltar ao contido

Protestas da Praza Tian'anmen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Praza Tian'anmen, centro das protestas

As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.

Tralas protestas e as chamadas do goberno pedindo a súa disolución, no interior do Partido Comunista produciuse unha división de criterio sobre como responder ós manifestantes. Finalmente a decisión tomada foi suprimir as protestas pola forza, en troques de ceder perante as súas demandas. O 20 de maio o goberno declarou a lei marcial e, na noite do 3 de xuño e mañanciña do 4 de xuño, enviou os tanques e a infantaría á Praza Tian'anmen para dar remate ás protestas. As estimacións de civís mortos diverxen: 400-800 (New York Times[1]), 1.000 (CIA), 2.600 (Cruz Vermella Chinesa) e os manifestantes din ser sobre 7000 o número de mortos. O número de feridos compréndese entre os 7.000 e os 10.000. Trala protesta, o goberno emprendeu un gran número de arrestos para suprimir os instigadores do movemento, expulsou a prensa foránea e controlou estritamente a cobertura dos acontecementos na prensa chinesa. A violenta supresión das protestas na Praza Tian'anmen causou a condena internacional da actuación do goberno da República Popular Chinesa[2].

Nos derradeiros días da protesta foi tomada a fotografía gañadora do World Press Photo de 1989, “O rebelde descoñecido”, tomada por Jeff Widener e que mostra un rebelde solitario detendo o progreso dunha columna de tanques.

Precedentes

[editar | editar a fonte]

Dende 1978, Deng Xiaoping liderara unha serie de reformas políticas e económicas que comportaban o estabelecemento gradual dunha economía de mercado e certa liberalización política que relaxaba o sistema estabelecido por Mao Zedong. A comezos de 1989, estas reformas políticas e económicas levaran dous grupos de xente a estaren insatisfeitos co goberno.

O primeiro grupo incluía estudantes e intelectuais, que pensaban que as reformas non eran dabondo e que China necesitaba reformar o seu sistema político, xa que as reformas económicas tan só afectaban ós granxeiros e obreiros industriais. Ademais, os ingresos dos intelectuais quedaban moi atrás respecto ós beneficiados polas reformas. Estaban descontentos cos controis políticos e sociais que exercía o Partido Comunista Chinés. Por engadido, este grupo coñecía a liberalización política emprendida na Unión Soviética co nome de glasnost por Mikhail Gorbachev. O segundo grupo estaba constituído principalmente por obreiros industriais das cidades, que crían que as reformas foran demasiado lonxe. As reformas económicas empezaran a causar inflación e desemprego, o que ameazaba as súas formas de vida.

En 1989, o principal apoio do goberno estaba constituído polos campesiños rurais, que viron como os seus ingresos se incrementaban considerabelmente durante a década de 1980 como resultado das reformas do Partido. Non obstante, este apoio tiña unha utilidade limitada xa que os campesiños rurais estaban distribuídos ó longo de todo o país, e permaneceron desorganizados e con dificultades para se mobilizaren, a diferenza dos grupos urbanos, que estaban organizados en escolas e unidades de traballo.

O acontecemento que precipitou as protestas foi a morte, por mor dunha doenza cardíaca, do ex-Secretario Xeral do Partido Comunista Chinés, Hu Yaobang, que fora expulsado do goberno por Deng Xiaoping en febreiro de 1987. Hu Yaobang era visto como un liberal, e a súa expulsión en resposta ás protestas estudantís de 1987 foi interpretada como inxusta nalgúns círculos. Ademais, a morte de Hu permitiulles ós cidadáns do Partido Comunista Chinés expresaren o seu descontento cos seus sucesores, sen medo á represión política, pois sería unha grande torpeza do Partido Comunista prohibiren ó pobo ir ó funeral dun ex-Secretario Xeral do Partido.

Comezan as protestas

[editar | editar a fonte]

As protestas comezaron en pequena escala, na forma de rezos por Hu Yaobang e demandas para que o partido revisara a visión oficial da súa figura. As protestas medraron tralas novas de confrontación coa policía; os estudantes pensaron que os medios de comunicación chineses estaban a deformar a natureza das súas actividades, o que incrementou o apoio á súa protesta. No funeral de Hu, un grande grupo de estudantes encontrouse na Praza Tian'anmen e pediu reunirse co Primeiro Ministro Li Peng, amplamente recoñecido como rival político de Hu, petición que non foi atendida. Nesta situación, os estudantes fixeron un chamamento á folga nas universidades de Pequín. O 26 de abril, un editorial no Xornal do Pobo, tras un discurso interno feito por Deng Xiaoping, acusou os estudantes de crearen disturbios. O discurso non aledou os estudantes, e o 29 de abril 50.000 estudantes acudiron a unha das rúas de Pequín, facendo caso omiso das advertencias disuasorias realizadas polas autoridades e insistiron na retirada do dito no discurso.

En Pequín, a maioría de estudantes da cidade participou nas protestas co apoio dos seus instrutores e outros intelectuais. Os estudantes rexeitaron as asociacións oficiais de estudantes controladas polo Partido Comunista e estabeleceron as súas propias asociacións autónomas. Os estudantes sentíronse eles mesmos como patriotas chineses; os herdeiros do Movemento do Catro de Maio pola "ciencia e a democracia" de 1919. As protestas evocaban tamén a memoria das Protestas de Tian'anmen de 1976 que levaron á expulsión da Banda dos Catro. Dende as súas orixes no funeral de Hu Yaobang, que estaba considerado polos estudantes un defensor da democracia, a actividade estudantil desenvolveuse gradualmente durante o curso das súas protestas dende protestas contra a corrupción política até demandas de liberdade de prensa ou a fin, ou a reforma, do control da República Popular Chinesa por parte do Partido Comunista Chinés e a inmediata deposición do líder Deng Xiaoping. Tamén se realizaron algúns intentos, cun parcial éxito, de entraren en contacto con estudantes e obreiros doutras cidades e vilas.

Aínda que as protestas iniciais foron realizadas por estudantes e intelectuais que crían que as reformas de Deng Xiaoping non foran suficientemente lonxe e a China necesitaba reformar o sistema político de seu, pronto encontraron o apoio dos traballadores urbanos, que crían á súa vez que as reformas foran demasiado lonxe. Isto ocorreu porque os líderes enfocaron as súas protestas na corrupción, protesta que ámbolos dous grupos exercían en común, e porque os estudantes foron capaces de invocar os arquetipos chineses de intelectuais desinteresados que lle dicían a verdade ó poder.

A diferenza das protestas de 1987, que foron realizadas principalmente por estudantes e intelectuais, as protestas de 1989 conseguiron un amplo apoio do proletariado, alarmados pola inflación crecente e a corrupción. En Pequín foron apoiadas por unha grande fracción da cidadanía. Noutras cidades como Urumqi, Shanghai e Chongqing conseguíronse porcentaxes semellantes de apoio, e despois en Hong Kong, Taiwán e as comunidades chinesas de Norteamérica e Europa.

Medran as protestas

[editar | editar a fonte]

O 4 de maio, aproximadamente 100.000 estudantes e obreiros marcharon por Pequín pedindo reformas pola liberdade de expresión e un diálogo formal entre as autoridades e os representantes estudantís. O goberno rexeitou a proposta de diálogo tal como se lle presentaba, mostrándose en troques disposto a falar coas organizacións estudantís oficiais. O 13 de maio grandes grupos de estudantes ocuparon a Praza Tian'anmen e emprenderon unha folga de fame, pedindo ó goberno a retirada da acusación realizada no editorial do Xornal do Pobo e que comezaran as conversacións cos representantes elixidos polos estudantes. Centos de estudantes seguiron a folga de fame e recibiron o apoio doutros miles de estudantes e residentes de Pequín, que continuaron as protestas durante toda a semana.

As protestas e as folgas comezaron en moitas outras universidades doutras cidades, dende onde viaxou un feixe de estudantes a Pequín para unírense ás manifestacións. Xeralmente, as manifestacións na Praza Tian'anmen mantiñan unha certa orde, con marchas diarias de estudantes de varias universidades de Pequín mostrando a súa solidariedade co boicot ás clases académicas e co desenvolvemento das protestas. Os estudantes entoaron "A Internacional" en varias manifestacións e mostraron o seu apoio ó socialismo chinés axudando á policía a arrestar tres homes da provincia de Hunan que lanzaran tinta sobre un grande retrato de Mao[3] que se atopaba ó norte da Praza Tian'anmen. Un destes homes, Yu Dongyue, permaneceu no cárcere até o 22 de febreiro de 2006[4].

A principal estratexia dos manifestantes baseouse nunha folga de fame emprendida por un número estimado de entre varios centos e máis de mil estudantes. Esta folga tivo unha grande resonancia entre o pobo chinés. Aínda que non se observaron folguistas de aspecto cadavérico, na China mantense unha lenda que di que algúns deles chegaron a morrer de fame.

Fixéronse algúns intentos parcialmente satisfactorios para os propósitos dos manifestantes co obxectivo de negociaren cos gobernantes e líderes da República Popular Chinesa, que estaban preto, nos edificios centrais do Partido Comunista en Zhongnanhai. A causa da visita de Mikhail Gorbachev, en maio, moitos xornalistas de medios de comunicación estranxeiros achegáronse até China. A cobertura que realizaron das protestas foi intensiva e xeralmente favorábel ós manifestantes, pero pesimista no referente ás súas posibilidades de lograren os seus obxectivos. Cara a fin das protestas, o 30 de maio, erixiuse unha estatua á Deusa da Democracia na praza, esculpida polos estudantes de Belas Artes, a semellanza da Estatua da Liberdade, e que constituíu un símbolo visual da protesta para os espectadores do mundo enteiro.

O Comité do Politburó do Partido Comunista Chinés, xunto cos anciáns do partido (oficiais do goberno e do partido xa retirados pero que aínda exercían influencia política), albergaban, nun principio, a esperanza de que as protestas tiveran unha curta vida ou que unhas pequenas reformiñas satisfarían ós manifestantes. Desexaban evitar a violencia en canto lles fora posíbel, e confiaron nun comezo no aparato do Partido para persuadir os estudantes de abandonaren a protesta e regresaren ós seus estudos. Unha barreira á acción efectiva foi que até o propio líder do goberno, Zhao Ziyang, apoiaba moitas das demandas dos estudantes, en especial as atinxentes á corrupción. Porén, os manifestantes estaban compostos de grupos diversos con demandas diversas, o que complicou estas primeiras medidas. Incluso non estaba claro con quen debía negociar o goberno, e cales eran as peticións dos diferentes grupos. A confusión e a indecisión entre os manifestantes reflectiuse así en confusión e indecisión do goberno. Os medios oficiais tamén mostraron esta indecisión no Xornal do Pobo, alternando entre a simpatía cos manifestantes coa súa denuncia.

Entre os líderes do partido, o secretario xeral Zhao Ziyang estaba fortemente en prol dunha aproximación suave ós manifestantes, mentres que Li Peng amosouse partidario do acoso pola forza. Definitivamente, a decisión de disolveren as manifestacións pola forza tomouse por un grupo de anciáns do Partido que vían a posibilidade de abandono do estado unipartidista como unha volta ó caos da Revolución Cultural. Aínda que moitos non tiñan cargo oficial, tiñan a capacidade de controlaren o exército, pois Deng Xiaoping era o presidente da Comisión Militar Central e tiña a capacidade de declarar a lei marcial. Os anciáns do partido pensaron que as protestas longas no tempo eran unha ameaza á estabilidade do país. Os manifestantes foron considerados polo goberno como unha ferramenta dos partidarios do "liberalismo burgués", que estarían a mover os fíos na sombra, e como ferramentas de membros do partido que procuraban satisfacer as súas ambicións persoais.

A ofensiva

[editar | editar a fonte]
Memorial erguido en Wrocław por estudantes polacos, no décimo cabodano das protestas. Mostra unha bicicleta esnaquizada e a marca da pegada dun tanque

Aínda que o goberno chinés declarou a lei marcial o 20 de maio, os militares que entraron en Pequín foron bloqueados por unha multitude de manifestantes, e o exército foi ordenado a retirarse eventualmente. A folga de fame aproximábase á fin da terceira semana, e o goberno decidiu acabar co asunto antes de que se produciran mortes. Tras unha deliberación entre os líderes do Partido Comunista, ordenouse o emprego da forza militar para resolveren a crise, e Zhao Ziyang foi desprazado do liderado político como resultado do seu apoio ós manifestantes. O Partido Comunista decidiu deter a situación antes de que fora aínda máis lonxe.

Os soldados e tanques das Divisións 27ª e 28ª do Exército Popular de Liberación foron enviados para tomaren control da cidade. A División 27ª estaba dirixida por un comandante afín a Yang Shangkun. A División tiña experienza e estaba ben armada, non coma os primeiros enviados o 20 de maio que eran reticentes a esmagaren a rebelión. Os xornalistas describen ós militares da 27ª coma os que tiveron a maior responsabilidade da carnizaría feita, e despois do ataque na praza, de ter estabelecido posicións defensivas no centro e no leste de Pequín, non contra ó levantamento civil, pero si anticipando o ataque por parte doutras unidades militares. A División 28ª, por outra banda, tal e como se dicía foi favorábel ás protestas. Eles non tiñan munición e eran os que, como se dicía, estaban a queimar os seus propios vehículos, sobre varias rúas, deixándoos abandonados para unírense ás protestas.

Aínda que o goberno ordenou a tódolos civís de Pequín que permaneceran nas súas casas mediante emisións de televisión e megafonía, as advertencias non foron tidas en conta e moitos manifestantes pacíficos foron atacados polos soldados; a violencia exercida tivo como resultado enormes baixas civís e algunhas mortes de soldados. O goberno chinés confirmou a morte de varios centos de persoas.

A entrada das tropas na cidade recibiu a activa oposición de moitos cidadáns de Pequín, e a súa resistencia causou baixas entre os militares. Os cidadáns construíron grandes barricadas nas estradas que fixeron máis lento o progreso dos tanques. A loita proseguiu nas rúas que rodeaban a praza, cos manifestantes avanzando repetidamente cara ás tropas armadas do Exército Popular de Liberación (EPL) ou construíndo barricadas con vehículos, ó que o EPL respondía abrindo fogo directamente sobre a multitude. Moitos cidadáns feridos foron postos a salvo por homes que cargaban cunha carruaxe oriental de dúas rodas e que se aventuraron a entrar en terra de ninguén, entre os soldados e a multitude, levando ós feridos ós hospitais. Despois do ataque na praza, a xente podía estar mirando en directo pola televisión moitos brazaletes negros en protesta pola acción do goberno.

A eliminación da protesta viuse simbolizada nos medios de comunicación occidentais pola fotografía dun manifestante solitario e desarmado, tomada o 5 de xuño, despois do ataque na praza, en pé fronte a unha columna de tanques, detendo o seu progreso. O home continuou en pé desafiante ós tanques durante media hora antes de ser expulsado do lugar. A pesar dos esforzos, até o día de hoxe os medios de comunicación occidentais non foron capaces de identificar á figura solitaria. A Revista Time elixiulle como unha das cen persoas máis influentes do século XX[5]. Pouco despois do incidente, o diario británico Sunday Express identificoulle como Wag Weilin, un estudante de 19 anos de idade; porén, a veracidade desta identificación é dubidosa. O que lle aconteceu a este misterioso home despois da demostración está moi escuro. Bruce Herschensohn, asistente especial do Presidente dos Estados Unidos Richard Nixon e membro do equipo de Ronald Reagan asegurou nun discurso en 1999 que foi executado catorce días despois da revolta, outras fontes din que foi asasinado algúns meses despois, por un pelotón de fusilamento. Jan Wong escribiu que este home segue con vida e se oculta nunha área rural da China. William Bell, escritor canadense, asegura en troques que se chamaba Wang Ai-min e foi executado o 9 de xuño.

Dentro da praza, había un debate entre aqueles, incluíndo Han Dongfang, que desexaban retirarse tranquilamente, e aqueles, incluíndo Chai Ling, que desexaban soportaren dentro da praza, a risco da, posibelmente, creación dun baño de sangue. Os partidarios da retirada gañaron e os manifestantes deixaron a praza.

O goberno da República Popular Chinesa demandou que ninguén foi asasinado na mesma praza, mais non rebate que houbo moitas vítimas nos accesos á mesma. O asalto na praza comezou ás 5:40 AM, cunha compañía de persoal reforzado e tropas armadas con baionetas ríxidas achegándose dende varias posicións. Os transportes blindados de persoal rodeaban á xente nos camiños e abrían fogo cara a diante e cara aos lados, quizabes matando ou ferindo ós propios soldados. Un xornalista da BBC non identificado falou de "fogo indiscriminado " e de ao menos 20 persoas cribadas dentro da praza. Os estudantes que procuraron refuxio nos autobuses foron sacados polos grupos de soldados e golpeados con pesadas porras. Incluso os estudantes que intentaron deixar a praza foron entregados ós soldados e golpeados. Os líderes da protesta dentro da praza, onde algúns intentaran erixir febles barricadas diante dos transportes blindados de persoal, imploraron que os estudantes non empregaran armas, como cócteles Molotov, contra os soldados que se achegaban, todo isto namentres moitos estudantes semella que berraban, "Por que nos matades?"

O número de mortos e feridos segue sendo un segredo de estado. Un oficial non identificado da Cruz Vermella Chinesa asegurou que houbo 2.600 mortos, 2.000 cidadáns feridos e perdeuse contacto con 400 soldados. De acordo coas universidades, morreron 23 estudantes. O Comité Central de Asociacións Autónomas da Universidade de Tsinghua falou de 4.000 mortos e 30.000 feridos. Chen Xitong, o alcalde de Pequín, informou, aos 26 días tralos acontecementos, de que 36 estudantes e decenas de soldados morreron, ascendendo ata un total de 200 mortos, 3.000 civís e 6.000 soldados feridos. Os xornalistas estranxeiros que estaban en Pequín afirmaron que morreron polo menos 3.000 persoas. Creáronse algunhas listas de baixas a partir de fontes clandestinas que falaban de 5.000 mortos. Con todo, é interesante remarcar que os documentos da NSA desclasificados en 1999 mostran que a intelixencia americana estimou de 180 a 500 mortos. Desta forma, as estimacións do goberno chinés concordan coa estimación oficial estadounidense. Por outra banda, antes de que o goberno de Pequín restabelecera o control das noticias en toda China, unha emisión en inglés dende Pequín afirmou que morreran cando menos 3.000 estudantes. Ó mesmo tempo, a Cruz Vermella Chinesa informou de que a súa conta alcanzara os 2.600 mortos (e seguía incrementándose). Dado que é imposible ter acceso a información obxectiva debido á lei marcial, aínda non se resolveron as discrepancias entre as diferentes fontes, e o número de asasinados segue a ser até o de agora un dato que necesita esclarecerse.

Logo da disolución das protestas de Pequín o 4 de xuño, estas continuaron en gran parte da China durante uns días. Estas foron unhas masivas protestas, de centos de miles, en Hong Kong, onde a xente levaba brazales negros. Había protestas en Cantón, enormes protestas en Shanghai, cunha folga xeral, as rúas e as pontes foron bloqueadas en todo o país, e producíronse protestas en ao menos outras seis cidades principais do interior da China Comunista, nas cales se pedía a retirada do 'goberno criminal'. Ademais houbo máis protestas en todo o mundo, en solidariedade co pobo chinés.

O Goberno da República Popular Chinesa foi incapaz de finalizar estas protestas fóra de Pequín sen a perda dun número significativo de vidas.

Repercusións

[editar | editar a fonte]

Detencións e purgas

[editar | editar a fonte]

Durante e trala represión da protesta realizáronse intentos de arrestar e perseguir ós líderes do Movemento Democrático da China, en especial a Wang Dan, Chai Ling e Wu'er Kaixi. Wang Dan foi apresado e enviado á cadea, e máis tarde permitíuselle emigrar ós Estados Unidos, coa razón de liberdade médica condicional. Wu'er Kaixi escapou a Taiwán. Na actualidade está casado e traballa como comentarista político da Televisión Nacional Taiwanesa. Chai Ling escapou a Francia e máis tarde rematou nos Estados Unidos.

Os obreiros que foron detidos en Pequín foron xulgados e executados. En troques, os estudantes, moitos dos cales proviñan de familias relativamente influentes, recibiron sentenzas moito máis lixeiras. Até Wang Dan, o líder estudantil que encabezaba a lista dos máis buscados, rematou pasando só sete anos no cárcere.

No goberno, Zhao Ziyang, que se opuxera á lei marcial foi expulsado do poder, e Jiang Zemin, por entón o alcalde de Shanghai, que non estivo involucrado nos acontecementos, tomou posesión do cargo de Presidente da República Popular Chinesa. Os membros do goberno prepararon un informe do incidente, que se publicou en occidente en xaneiro de 2001 co nome dos Documentos de Tiananmen, que dá o punto de vista do goberno sobre os manifestantes e foi proporcionado por unha fonte anónima do goberno chinés. Os documentos inclúen unha cita do membro do Partido Comunista Wang Zhen que alude á resposta do goberno ás manifestacións.

Os dous presentadores de CCTV que informaban o 4 de xuño foron despedidos poucos días despois dos acontecementos. Wu Xiaoyong, fillo dun membro do Comité Central do Partido Comunista, e o Viceprimeiro Ministro Wu Xueqian, foron expulsados do Departamento de Programas en Inglés da Radio Internacional Chinesa. Qian Liren, director do Xornal do Pobo, o xornal do Partido Comunista Chinés foi así mesmo expulsado por mor dos artigos en apoio ós estudantes.

A cobertura nos medios

[editar | editar a fonte]

As protestas da Praza Tian'anmen danaron a reputación da República Popular Chinesa nos países occidentais. Os medios de comunicación occidentais foran invitados para cubrir a visita de Mikhail Gorbachev en maio, e achábanse polo tanto nunha posición excelente desde a que cubriren en directo a represión do goberno chinés, especialmente a BBC e a CNN. Os manifestantes aproveitaron esta oportunidade, creando carteis dirixidos á audiencia internacional. A cobertura facilitouse polos conflitos gobernamentais sobre a maneira de tratar as protestas, o que tivo como resultado que as emisións non fosen interrompidas inmediatamente.

Durante a disolución das protestas, o 4 de xuño, ordenouse á CNN que finalizase as súas emisións, e aínda que trataron de desafiar estas ordes e cubrir as protestas vía telefónica, o goberno inhabilitou as ligazóns por satélite. A única canle de televisión que puido gravar no interior da praza na noite de 3 ó 4 de xuño foi TVE[6]. A maioría das canles atopábanse no Hotel Pequín, dende onde non se tiña contacto visual coa praza de Tian'anmen[7].

As imaxes das protestas xunto co colapso do comunismo, que estaba a ocorrer ó mesmo tempo na Unión Soviética e na Europa do Leste, contribuíron a formar a opinión e a política occidentais sobre a República Popular Chinesa durante a década de 1990 e os primeiros anos do século XXI. Produciuse unha considerábel simpatía polas protestas estudantís en occidente e, case inmediatamente, os Estados Unidos e a Unión Europea anunciaron un embargo concernente ó comercio de armas, e a imaxe da década de 1980 da China como un país que emprendía reformas e un contrapeso aliado contra a Unión Soviética foi substituída pola dun réxime autoritario moi represivo. As protestas de Tian'anmen nomeáronse frecuentemente nos Estados Unidos como argumento contra a liberalización do comercio coa China e como evidencia de que o goberno da China era unha ameaza para a paz mundial e os intereses dos Estados Unidos. Por outra banda, os medios de comunicación occidentais non tiveron en conta, con frecuencia, que os estudantes cantaban A Internacional nas súas manifestacións e citaban a Abraham Lincoln.

Entre os estudantes chineses no estranxeiro, as protestas de Tian'anmen causaron a formación de servizos de noticias en Internet como China News Digest e a ONG China Support Network. Tamén se formaron organizacións como a Alianza Chinesa pola Democracia e a Federación Independente de Estudantes e Eruditos Chineses, aínda que o impacto político destas organizacións foi limitado.

Futuro das reformas políticas

[editar | editar a fonte]

En Hong Kong, a revolta da Praza Tian'anmen provocou o temor de que a República Popular Chinesa non cumprise as súas promesas do plan un país, dous sistemas no inminente traspaso de soberanía de 1997. Unha consecuencia deste temor foi que o novo gobernador de Hong Kong, Chris Patten intentou expandir a franquía do Concilio Lexislativo de Hong Kong, o que trouxo consigo friccións co goberno chinés.

As protestas da Praza Tian'anmen danaron a crecente sensación de liberalización política que estivo ben vista nos últimos anos da década de 1980, o que resultou no esquecemento de moitas das reformas democráticas propostas durante a década. Aínda que se produciu un certo incremento na liberdade individual dende 1989, as discusións sobre os cambios estruturais no goberno e o papel do Partido Comunista Chinés continúan sendo un tabú.

Con todo, malia as expectativas occidentais de que o goberno chinés se colapsara e fose trocado polo Movemento Democrático da China, durante os primeiros anos do século XXI o Partido Comunista Chinés continúa tendo o control da República Popular Chinesa, e o movemento estudantil que comezou en Tian'anmen desarraigouse completamente.

Impacto económico

[editar | editar a fonte]

Nos días inmediatamente posteriores á disolución das protestas, a á conservadora do Partido Comunista intentou recortar algunhas das reformas de liberalización do mercado que se emprenderon como parte da reforma económica da China, e restituír os controis administrativos sobre a economía. Con todo, estes esforzos atoparon a dura resistencia dos gobernadores provinciais e abandonáronse completamente a principio da década de 1990 a causa do colapso da Unión Soviética e a viaxe de Deng Xiaoping ó sur. A continuidade da reforma económica levou ó crecemento económico na década de 1990, o que lle devolveu ó goberno unha boa parte do apoio que perdera en 1989. Ademais, ningún dos dirixentes actuais do goberno chinés desempeñaron un papel decisivo na toma de decisión de reprimir pola forza ós manifestantes, e unha das figuras prominentes do goberno, Wen Jiabao foi axudante de Zhao Ziyang e acompañoulle nos seus encontros cos manifestantes.

Por outra banda, os líderes estudantís de Tian'anmen foron incapaces de producir un movemento ou ideoloxía coherentes. Moitos destes líderes proviñan de sectores da sociedade relativamente ben estabelecidos e percibíuselles máis tarde como persoas sen contacto coa xente común. Ademais, moitas das organizacións que naceron como consecuencia de Tian'anmen pronto perderon forza debido a loitas internas. Por outra banda, un bo número de ONGs estabelecidas nos Estados Unidos co obxectivo de fomentar as reformas democráticas na China e protestar contra as violacións de dereitos humanos que ocorren na China continúan o seu labor. Unha das máis antigas e importantes, China Support Network, fundouse en 1989 por un grupo de activistas americanos e chineses en resposta á represión en Tian'anmen.

Unha fenda xeracional

[editar | editar a fonte]

Na actualidade, moitos chineses non consideran a liberalización política inmediata como unha medida sabia, mostrando preferencia por unha democratización lenta. Apuntáronse como causas a valoración da prosperidade e o incremento de influencia internacional da República Popular Chinesa, así como as dificultades que experimenta Rusia dende a fin da guerra fría. Moitos rapaces chineses, ante o rexurdir económico da China, están máis concienciados co desenvolvemento económico, o nacionalismo, a restauración do prestixio internacional da China e perciben a actitude do goberno respecto de asuntos como o status político de Taiwán ou o conflito polas illas Diaoyu co Xapón como debilidade.

Entre os intelectuais da China, o impacto das protestas de Tian'anmen creou unha certa fenda xeracional. Os intelectuais que se atopaban na vintena durante as protestas tenden a apoiar menos o goberno da República Popular Chinesa que os novos estudantes nados trala fin das reformas de Deng Xiaoping.

Para os obreiros industriais das cidades, a continuación das reformas de mercado na década de 1990 trouxo consigo un nivel de vida superior cabo dunha certa incerteza respecto ó crecemento económico. As protestas dos obreiros industriais contra a corrupción local seguiron sendo frecuentes, e estímase que ocorreron centos de protestas cada ano. O Partido Comunista Chinés mostrouse reticente a sufrir a publicidade negativa de reprimir as protestas e, dado que se dirixiron a dirixentes locais, non consistiron en reclamos de reformas máis profundas e non estaban coordinados con outras cidades, non os estimaron unha ameaza. Na actualidade, en contraste coa situación de 1989, as principais áreas de descontento na China parecen ser as zonas rurais, que viron como os seus ingresos estancábanse durante a década de 1990 e non participaron do "boom" económico da década. Porén, da mesma forma que a falta de organización e a dispersión dos campesiños impediu que se mobilizasen en apoio ó goberno en 1989, estes factores tamén inhiben a mobilización deste grupo contra o goberno no comezo do século XXI.

Aínda un asunto tabú na China

[editar | editar a fonte]
Estatua erguida en Ávila por Amnistía Internacional en conmemoración dos 10 anos do suceso

As protestas da Praza Tian'anmen son aínda un tabú político na China e falar diso considérase inapropiado ou arriscado. A única opinión dos medios de comunicación realízase dende o punto de vista do Partido Comunista: que foi unha acción apropiada para asegurar a estabilidade. Cada ano hai manifestacións en Hong Kong contra a decisión do partido en 1989 e en recordo das vítimas.

Porén, as cartas de petición sobre o incidente xorden de cando en vez, sobre todo do Doutor Jiang Yanyong e as Nais de Tian’anmen, unha organización fundada por unha nai dunha vítima asasinada en 1989. A Praza Tian'anmen patrúllase frecuentemente cada 4 de xuño para impedir calquera tipo de conmemoración.

Tralo troco no goberno central de 2004, moitos membros do goberno mencionaron Tian'anmen. En outubro de 2004, durante a visita do presidente Hu Jintao a Francia, reiterou que "o goberno emprendeu unha acción determinada para acougar a tormenta política en 1989, que permitiu a China gozar dun desenvolvemento estábel". Tamén insistiu en que o punto de vista do goberno respecto ó incidente non cambiaría.

En marzo de 2004, o Primeiro Ministro Wen Jiabao dixo nunha conferencia de prensa que durante a década de 1990 produciuse unha grave tormenta política na República Popular Chinesa a causa do colapso da Unión Soviética e os cambios radicais en Europa do Leste. Declarou que o Comité Central do Partido Comunista estabeleceu con éxito unha política de portas abertas e protexeu o "transcurso do socialismo coas características chinesas".

En xaneiro de 2006, un trato con Google[8] e Yahoo! confirmou que aínda é un asunto sensible para o goberno chinés, pois a web chinesa de Google (Google.cn), aplica restricións locais ás procuras de información sobre a revolta de Tian'anmen, así como con outros asuntos como a independencia do Tíbet, a prohibición do Falun Gong, e Taiwán.[9] Yahoo! proporcionou correos electrónicos e outra información á República Popular Chinesa, conducindo ó arresto de individuos como Li Zhi. Outras empresas como Cisco e Microsoft tamén proporcionaron tecnoloxías á República Popular da China que fan cumprir o control policial, a interceptación de mensaxes, e o bloqueo de medios de comunicación; isto é a pesar dunha lei dos Estados Unidos que impide axudar á República Popular Chinesa na aplicación da lei.

Embargo UE-EUA

[editar | editar a fonte]

A Unión Europea, os Estados Unidos de América e a ONU[10] manteñen un embargo sobre a venda de armas á República Popular Chinesa, por mor da violenta represión das protestas pro-democráticas na Praza Tian'anmen, dezasete anos despois. A República Popular Chinesa pediu a suspensión do embargo durante moitos anos, e recibiu un apoio variábel de membros do Consello Europeo. Gerhard Schröder engadiu a súa voz á de Jacques Chirac pedindo a suspensión do embargo.

O embargo armamentístico discutiuse no Cumio UE-China nos Países Baixos do 7 ó 9 de decembro de 2004. No transcurso do cumio, a República Popular Chinesa intentou incrementar a presión sobre o Consello Europeo advertindo que podería danar a relación entre a China e a UE. O viceministro de exteriores chinés Zhang Yesui aplicou ó embargo o adxectivo de "desfasado" ante os medios de comunicación, e engadiu: "se o embargo mantense, as relacións bilaterais veranse afectadas definitivamente". Ó final, o Consello Europeo non suspendeu o embargo. A portavoz da UE, Françoise le Bail, dixo que persistían as preocupacións sobre o respecto ós dereitos humanos na República Popular Chinesa. Pero ó mesmo tempo, a Unión Europea formulou a promesa de traballar pola suspensión do embargo. Bernard Bot, o Ministro de Asuntos Exteriores neerlandés, que exercía a presidencia europea nesa época dixo "estamos traballando asiduamente pero o momento non é o adecuado para suspender o embargo". Tralo cumio, o Consello confirmou que ten a intención de traballar pola suspensión do embargo. Wen Jibao, Primeiro Ministro da República Popular Chinesa dixo tralo encontro que o embargo non reflicte as boas relacións entre a China e a Unión Europea.

A China continúa apremando para que o embargo se suspenda, e algúns estados membros comezan a relaxaren a súa oposición. Jacques Chirac pediu que o embargo se suspendera a mediados de 2005. Non obstante, a lei antisecesión de Taiwán aprobada en Pequín (marzo de 2005), incrementou as tensións e danou os intentos de suspender o embargo e varios membros do Consello Europeo trocaron de opinión. Algúns membros do Congreso estadounidense propuxeron tamén restricións á transferencia de tecnoloxía militar á Unión Europea se esta suspende o embargo. Desta forma o Consello Europeo fracasou no intento de alcanzar un consenso e aínda que Francia e Alemaña fixeron presión para que se suspendese o embargo, non se tomou ningunha decisión nas reunións seguintes.

O Reino Unido tomou posesión da Presidencia da Unión Europea en 2005, facendo imposíbel a suspensión do embargo durante o seu mandato. O Reino Unido mostrou sempre reservas respecto da suspensión do embargo. Ademais, o fracaso da Constitución Europea e os desencontros respecto ó Orzamento Europeo e a Política Común Agraria superaron en importancia ó embargo de armas coa China. A elección dun novo Presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, só fixo poñer máis trabas ó levantamento do embargo.

A política cambiou tamén nos países máis favorábeis á suspensión do embargo. Gerhard Schröder perdeu as eleccións federais en setembro de 2005. A súa opoñente, Angela Merkel, tomou posesión do cargo de Chanceler o 22 de novembro de 2005 e mostra unha firme oposición á suspensión do embargo. Jacques Chirac pode atopar dificultades para permanecer como presidente en 2007. Nicolas Sarkozy é un posíbel candidato á presidencia francesa e non partidario de suspender o bloqueo de armas a China.

Ademais, o Parlamento Europeo opúxose reiteradamente á suspensión do embargo de armas. Aínda que non é necesario o seu apoio para suspender o embargo, moitos aducen que reflicte o desexo do pobo europeo.

O embargo de venda de armas limitou as opcións da China para proverse de tecnoloxía militar. Entre as fontes nas que procurou inclúense algúns países que pertencían ó bloque soviético, grupo co que ten unha relación tensa como resultado da separación entre a China e a Unión Soviética. Outros provedores foron Israel e Suráfrica.

  1. http://users.erols.com/mwhite28/warstat7.htm#Chinat_sources
  2. (en inglés) Andrew J. Nathan (2001). Foreign Affairs, ed. "The Tiananmen Papers". Arquivado dende o orixinal o 06-07-2004. Consultado o 09-07-2007. 
  3. http://tsquare.tv/film/transcript.html
  4. http://news.bbc.co.uk/1/hi/world/asia-pacific/4742478.stm
  5. "The Unknown Rebel". Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2002. Consultado o 08 de marzo de 2008. 
  6. "A TVE en Tian'anmen". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 08 de marzo de 2008. 
  7. (en castelán) Eugenio Bregolat: "Es imprescindible estar en China" Arquivado 08 de outubro de 2007 en Wayback Machine.
  8. Google censors itself for China, BBC News, 25 de xaneiro de 2006
  9. BBC: Google censors itself for China
  10. "«L'UE demande à la Chine d'ouvrir davantage son marché», no xornal Le Monde". Arquivado dende o orixinal o 02/06/2007. Consultado o 08/03/2008. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]