Saltar ao contido

Ramón María del Valle-Inclán

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaRamón María del Valle-Inclán

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento28 de outubro de 1866 Editar o valor en Wikidata
Vilanova de Arousa, España Editar o valor en Wikidata
Morte5 de xaneiro de 1936 Editar o valor en Wikidata (69 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecancro de vexiga Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de Boisaca Editar o valor en Wikidata
Relixióncatólica
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta, dramaturgo, escritor, novelista Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoteatro, novela, poesía
MovementoLiteratura moderna (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeJosefina Blanco (1907–1932) Editar o valor en Wikidata
FillosMaría de la Concepción (1908)
Joaquín María Baltasar (1914-1914)
Carlos Luis Baltasar (1917-2006)
M.ª de la Encarnación Beatriz Baltasara (1919-2003)
Jaime Baltasar Clemente (1922-1985)
Ana María Antonia Baltasara (1924) Editar o valor en Wikidata
PaiRamón del Valle Editar o valor en Wikidata
ParentesJavier Valle-Inclán Alsina, neto Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnciclopedia soviética armenia
Ensayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX (1903-1904), (sec:Valle InNclán (Ramón del), p.466)
Obálky knih, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0884952 BNE: XX1055436 BUSC: valle-inclan-ramon-del-1866-1936 Dialnet: 819713 Discogs: 826596 WikiTree: Del_Valle-Inclán_y_de_la_Peña-1 Find a Grave: 6984251 Editar o valor en Wikidata

Ramón María del Valle-Inclán y de la Peña, nado en Vilanova de Arousa o 28 de outubro de 1866 e finado en Compostela o 5 de xaneiro de 1936, foi un dramaturgo, poeta e novelista galego en lingua castelá. É considerado un dos autores máis importantes da literatura en español do século XX, e encádrase na chamada Xeración do 98.

O 2016 foi declarado "Ano Valle-Inclán" en conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Formación e inicios literarios

[editar | editar a fonte]

Naceu co nome de Ramón José Simón Valle Peña, fillo do escritor liberal e galeguista Ramón del Valle Bermúdez de Castro (1823-1890) e de Dolores de la Peña y Montenegro; amigo de Manuel Murguía e Andrés Muruais. Rematou o bacharelato no Instituto de Pontevedra en 1885 e estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, con medianos resultados. Nesa época entrou no mundo da literatura a través de publicacións como a compostelá Café con gotas e a barcelonesa La ilustración ibérica. Aprendeu esgrima co florentino Attilio Pontinari e en 1888 matriculouse en "Debuxo e adorno de figura" na Escola de artes e oficios. El e o seu irmán Carlos participaban activamente na vida periodística da cidade. Ramón abandonou os estudos de Dereito, impostos polo seu pai, e volveu a Pontevedra en 1890 pola súa morte.

Viaxe a América e regreso a Pontevedra

[editar | editar a fonte]

Despois dunha hipotética estancia en Italia -aínda por documentar-, viaxou a Madrid a finais de 1890, onde acostumaba visitar o Museo do Prado e as bibliotecas da cidade. Colaborou en xornais coma El Globo e dedicou gran parte do seu tempo de lecer a asistir a representacións do "pequeno xénero". En 1892, Valle fixo a súa primeira viaxe a América, concretamente a México, onde ficou durante case un ano a cabalo entre Veracruz e Cidade de México. Alí colaborou cos xornais El Veracruzano Libre e El Universal, da capital, nos que publicou varios relatos. Parece ser que da súa estancia hai datos de que participou nun "dó" na Cidade de México e nunha soada pelexa en Veracruz. De México foi a Cuba e ficou algúns días en Matanzas, na casa duns amigos seus.

De volta a Galiza, en 1893, instalouse en Pontevedra, onde coñeceu a Jesús Muruais, bibliógrafo e mestre de latín no instituto da cidade, e fixéronse amigos. Na biblioteca do instituto Valle leu os máis importantes autores europeos da época. Perante a súa estancia en Pontevedra, prolongada até 1896, publicou o seu primeiro libro: a escolma de relatos amorosos Femeninas (1895)[1] corrixido por Javier Puig Llamas[Cómpre referencia] e prologado por Manuel Murguía.

Nesta época Valle comeza a cultivar a súa particular indumentaria: capa (no principio un jorongo mexicano), chalina, sombreiro e, por riba de todo, as súas longas e características barbas, as "barbas de chivo" das que falaba Rubén Darío nun poema dedicado a el.

Entrada na sociedade literaria madrileña

[editar | editar a fonte]
Busto de Valle-Inclán na Coruña.

En 1896 volveu a Madrid, onde frecuentou varios faladoiros nos que coñeceu figuras da época, como Pío e Ricardo Baroja, Azorín ou Jacinto Benavente.

En 1897 publicou o seu segundo libro, Epitalamio (Historias de amores), sen moito éxito. Durante eses anos, participou como actor en obras como La comedia de las fieras de Jacinto Benavente ou Los reyes en el destierro, adaptación de Alejandro Sawa dunha novela de Alphonse Daudet. En 1899, nunha discusión no Café da Montaña, o xornalista Manuel Bueno feriuno no brazo, que se gangrenou e tivo que ser amputado. Ese mesmo ano estreou no Teatro Lara de Madrid e publicou en libro Cenizas, a súa primeira obra teatral. Colaborou tamén en moitas revistas literarias, como La vida literaria, dirixida por Benavente, ou Revista Nueva, dirixida por Luis Ruiz Contreras. Viviu na bohemia literaria modernista e pasou moita fame e necesidades. Habitaba un lugar con tan pouco espazo que era preciso subir as cadeiras con poleas para poder pasar.

En 1900 participou nun concurso de contos organizado polo diario El Liberal. Malia non resultar premiado (o gañador foi o xornalista José Nogales), o seu relato "Satanás" foi moi eloxiado por Juan Valera, membro do tribunal, nun artigo de prensa. Parece ser que o tribunal non se quixo arriscar a premiar un relato tan innovador. Os anos seguintes colaborou en publicacións como La Ilustración Artística, La Ilustración Española y Americana[2] ou La España Moderna. En Alma Española publicou, en decembro de 1903, unha famosa autobiografía. En Los lunes del Imparcial comezou a publicar Memorias do marqués de Bradomín: Sonata de outono, onde apareceu por vez primeira o seu personaxe o marqués de Bradomín.

As súas catro Sonatas publicáronse en anos consecutivos, dende 1902 até 1905 (Sonata de outono en 1902, Sonata de estío en 1903, Sonata de primavera en 1904 e Sonata de inverno en 1905). Estas narracións, fragmentos das memorias ficticias do marqués de Bradomín, constitúen o exemplo máis salientable da prosa modernista da literatura en castelán. En 1905 publicou unha escolma de contos co título de Jardín novelesco; Historias de almas en pena, de duendes y de ladrones. O ano seguinte estreou no Teatro da Princesa unha obra baseada no protagonista das Sonatas. A súa futura muller, Josefina Blanco Tejerina, era parte do elenco da obra. A voda, celebrada en 1907, tivo lugar na madrileña igrexa de San Sebastián. O matrimonio tivo tres fillos: Joaquín María (1914), Carlos Luis (1917) e Jaime (1921).

En 1907 publicou libros como Águilas de blasón, Aromas de leyenda, Versos en loor de un santo ermitaño e El marqués de Bradomín. Coloquios románticos. No xornal El Mundo publicou por entregas Romance de Lobos. En 1908 comezou a publicación da súa serie de novelas La guerra carlista: Los cruzados de la causa, El resplandor de la hoguera e Gerifaltes de antaño. En 1909 escribiu Mi hermana Antonia, que narra a vinganza do estudante Máximo Bretal, namorado de Antonia e rexeitado pola súa nai. A súa simpatía polo carlismo non foi só literaria. En 1920 presentouse a deputado polo Partido Carlista, mais non obtivo escano.

Viaxou á Arxentina en 1910 coa compañía de teatro de F. García Ortega, na cal figuraba Josefina Blanco, e pronunciou algunhas conferencias sobre a literatura española. Na mesma xira visitaron tamén Chile, Paraguai, Uruguai e Bolivia. De volta a España, seguiu coa estrea de obras como Voces de gesta (1912) e La marquesa Rosalinda (1913). A súa obra El embrujado foi rexeitada polo Teatro Español, dirixido por Benito Pérez Galdós.

En 1915 escribiulle a Afonso XIII para solicitarlle, sen éxito, a rehabilitación dos títulos do marquesado do Valle, vizcondado de Vieixín e señorío do Caramiñal.

Durante a primeira guerra mundial foi invitado polo goberno francés a visitar as frontes de guerra. En París relacionouse con autores españois coma Pedro Salinas, Manuel Ciges Aparicio e Corpus Braga. Froito da súa visita á fronte foron os textos Visión estelar de la medianoche, publicado en El Imparcial entre outubro e decembro de 1916, e En la luz del día, no mesmo xornal, entre xaneiro e febreiro de 1917.

En 1920 editáronse Divinas palabras e a primeira versión de Luces de bohemia. En 1921 foi nomeado titular da cátedra de Estética das Belas Artes na escola de San Fernando. O mesmo ano publicou "La lámpara maravillosa", meditación sobre o feito literario, fortemente influído polo ocultismo de autores como Mario Roso de Luna e Helena Blavatsky.

En 1921 viaxou outra vez a México, invitado persoalmente polo presidente da República, Álvaro Obregón, por mediación de Alfonso Reyes Ochoa. En 1925 estableceuse de novo en Madrid. Participou en grupos de teatro experimental coma El mirlo branco, que levaba a cabo as súas representacións no enderezo dos Baroja, no barrio madrileño de Argüelles, e El cántaro roto no Círculo de Belas Artes. A fins de 1926 editou a que parte da crítica considera a obra mestra da súa narrativa, a novela Tirano Banderas, onde era patente a pegada da súa viaxe ao México da revolución. En 1927 comezou a publicación dun ambicioso proxecto narrativo, El ruedo ibérico. Este, de xeito semellante aos Episodios nacionales de Galdós, pretendía narrar a historia de España dende o reinado da súa odiada Isabel II até a época contemporánea ao autor. Porén, só chegou a escribir tres novelas: La corte de los milagros (1927), Viva mi dueño (1928) e Baza de espadas (1932).

Dende 1924 amosou a súa oposición á ditadura de Primo de Rivera, e en 1927 participou na creación da Alianza Republicana. En 1929 foi encerrado no cárcere Modelo de Madrid ao negarse a pagar unha multa por uns incidentes no Pazo da Música. Este incidente aparece transfigurado literariamente nunha escena de Luces de Bohemia.

Vicente Riestra Calderón, Enrique Peinador, Valle-Inclán, Ramón Cabanillas e Victoriano García Martí

Apoiou a República e mesmo chegou a se presentar a deputado pola provincia da Coruña nas listas do Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux, aínda que non foi elixido. En 1932 o goberno da República nomeouno conservador do Patrimonio Artístico Nacional e director do Museo de Aranjuez, pero, por problemas co seu superior, dimite pouco tempo despois. Elixido presidente do Ateneo de Madrid, dimite tamén ao non seren consideradas as súas propostas de reorganización. Ese mesmo ano divórcianse el e Josefina Blanco.

Na derradeira etapa da súa vida, Valle amosou marcadas simpatías cara ao comunismo. Pola súa iniciativa, en 1933 reuniuse no Ateneo de Madrid o Primeiro Congreso da Asociación de Escritores e Artistas Revolucionarios. Ese mesmo ano foi nomeado presidente de honor da Asociación de Amigos da Unión Soviética.

Valle-Inclán con outras personalidades no Ateneo Guipuzcoano en 1935

O 8 de marzo de 1933 foi nomeado director da Escola de Belas Artes de Roma, cargo no que se mantivo pouco máis dun ano, sen apenas medios de subsistencia, ata xuño de 1934. En marzo de 1935 retirouse a Santiago de Compostela e ingresou nunha clínica. Alí morreu de cancro de vexiga o 5 de xaneiro de 1936, tras negarse a recibir auxilio relixioso. Foi sepultado o día seguinte nunha cerimonia civil.

Narrativa

[editar | editar a fonte]

A súa produción narrativa comezou no Modernismo. Nesa estética, a súa obra máis senlleira son as Sonatas, en que relata, de xeito autobiográfico, os amores do Marqués de Bradomín.

A súa outra gran novela é Tirano Banderas. Narra a caída do ditador suramericano Santos Banderas, personaxe despótico e cruel que mantén o poder mediante o terror e a opresión. É unha excepcional descrición da sociedade suramericana e tamén o primeiro achegamento literario da ditadura.

Ramón Otero Pedrayo e Valle-Inclán na Praza Maior de Ourense en 1935

A obra poética de Valle-Inclán reúnese na triloxía Claves líricas (1930), formada por Aromas de leyenda, El pasajero e La pipa de Kif:

  • Aromas de leyenda (1907), de influencia modernista, consta de 14 poemas de métrica variada. Neles recrea diversos aspectos da súa Galiza natal, como descricións da paisaxe, traballos cotiáns, milagres ou supersticións. Varios dos poemas rematan cunha cantiga en lingua galega.
  • El pasajero (1920), tamén de estética modernista, desenvolve en 33 poemas temas de gran transcendencia, como a morte, a dor, a vida, a paixón ou a eternidade.
  • Con La pipa de Kif (1919), Valle-Inclán dá paso nos seus poemas ao grotesco, ao esperpéntico. Esta obra ten sido definida coma unha escolma de estampas tráxico-humorísticas.

A produción dramática de Valle-Inclán divídese, polo xeral, en cinco períodos:

Placa na praza Maior de Lugo cuns versos de Aromas de leyenda

Como Miguel de Unamuno ou Azorín, Valle enfrontouse directamente ao teatro comercial vixente. Os tres autores amosaban unha clara oposición ao teatro realista, costumista e de corte burgués que tanto éxito tiña nos escenarios, aínda que cada un tiña unha técnica de seu.

Valle-Inclán en galego

[editar | editar a fonte]

Ao entrar a obra de Valle-Inclán no dominio público, Producións Teatrais Excéntricas estreou o 3 de marzo de 2017,[3] baixo a dirección de Quico Cadaval, A cabeza do dragón[4] versión en galego da farsa infantil La cabeza del dragón (1910).[5]

Ese ano tamén foi publicado o seu poema Cantiga de vellas.[6]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Femeninas Arquivado 11 de febreiro de 2021 en Wayback Machine., facsímile no sitio web da RAG.
  2. Textos de Valle-Inclán en La Ilustración Española y Americana
  3. Ramos, Alberto (03/03/2017). Praza Pública, ed. "“'A cabeza do dragón' é o final dunha anomalía: imos facer a obra dun gran autor”". Consultado o 6 de marzo de 2017. 
  4. Ramos, Alberto (23/09/2016). Praza Pública, ed. "Excéntricas levará a escena en galego 'A cabeza do dragón' de Valle-Inclán". Consultado o 6 de marzo de 2017. 
  5. Sánchez Laílla, Luis (2004). Revista de Humanidades: Tecnológico de Monterrey, ed. "La cabeza del dragón, farsa infantil de Valle-Inclán" (en castelán). ISSN 1405-4167. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 6 de marzo de 2017. Consultado o 6 de marzo de 2017. 
  6. "Cantiga de vellas" no Archivo Digital Valle-Inclán

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Vídeos externos
Valle Inclán. A vixencia dun xenio TVG, 2016.