Saltar ao contido

Teatro Cine Fraga

Teatro Cine Fraga
Vista do cinema dende a rúa Uruguai con Colón durante as obras de rehabilitación en 2012
Edificio
EstiloRexionalismo (eclecticismo) e historicismo galegos
LocalizaciónRúa do Uruguai 3,5 con rúa Isabel II, Vigo (Galiza)
Coordenadas42°14′12″N 8°43′11″O / 42.236763888889, -8.7196444444444
PropietarioAbanca, ant. NovaGalicia Banco
Uso(s)Teatro (obras de rehabilitación paralizadas)
Construción
Inicio1942
Remate1948
Remodelación2005-(segue)
Equipo
Arquitecto(s)Luis Gutiérrez Soto coa axuda de Bernardo Carratalá e Arturo Fraga Framil
PromotorIsaac Fraga Penedo
OutrosCésar Portela (rehabilitación comezada en 2007)
editar datos en Wikidata ]

O Fraga é unha construción senlleira concibida como teatro e principalmente cinema, construída en 1942 na rúa do Uruguai, no centro da cidade de Vigo.

Proxecto e traballos

[editar | editar a fonte]

Isaac Fraga Penedo decide e presenta no concello de Vigo no verán de 1941, o proxecto dun cinema, o máis maxestoso de Galicia, convencido de que o puxante Vigo era un lugar perfecto para negocios. Xa nos anos 20 do século XX, este carballiñés produtor de cinema e propietario da empresa Fraga, xestionaba a gran parte das salas de cinema nas principais vilas en Galicia e noutras cidades do noroeste de España.

O soar onde se ergue o edificio, no cruzamento das rúas Uruguai e a calexa de Isabel II, tiña unhas casiñas propiedade de Fraga, que derruban baixo a supervisión do arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez (fillo do tamén arquitecto, Jenaro de la Fuente Domínguez), que nun principio se encargaría do proxecto, mais que finalmente se desbotou. O arquitecto Francisco Castro Represas fixo outro deseño: a Sala Universum en 1933, unha gran sala de espectáculos promovida por Eugenio González de Haz, que non se executou. Finalmente o proxecto é deseñado polo arquitecto madrileño Luis Gutiérrez Soto, que tiña sona na construción de cinemas en Castela ademais de ser o arquitecto oficial do franquismo. O seu primeiro proxecto é tamén desbotado, escolléndose o seu segundo deseño, cos gustos galeguistas (inspirados en construcións compostelás) de Fraga Penedo.

As obras duran seis anos por mor dos problemas técnicos xurdidos. Os arquitectos Bernardo Carratalá e Arturo Fraga Framil, fillo do mesmo Isaac Fraga, axudan ao madrileño nas obras durante as ausencias deste. Arturo Fraga fai algunhas modificacións interesantes do proxecto inicial, sendo en parte gran responsábel do coidado resultado final. As esixencias en calidade foron máximas, incluso contratáronse escaiolistas estranxeiros, e resultando un exterior de cantaría de perpiaño de granito galego perfecta. Algúns dos seus elementos foron premiados nos concursos celebrados pola Escola de Artes e Oficios de Vigo.

O Fraga abre as súas portas o 27 de marzo de 1948, coa estrea do filme Botón de áncora da Suevia Films, un drama ambientado en Galiza, dirixido polo galego Ramón Torrado e protagonizado por Fernando Fernán Gómez, o compostelán Antonio Casal, Jorge Mistral, Isabel de Pomés, María Isbert, Encarna Paso, Mary Santpere e o coruñés Xan das Bolas. Os xornais locais loaron a beleza da nova sala, que, con 1758 localidades, se converte na principal da cidade. O cine vive a época dourada até os anos oitenta do pasado século.

Decaemento

[editar | editar a fonte]

Cos anos o cinema comeza a perder espectadores, coa aparición nos oitenta da variada oferta dos multicines (Multicines Centro en María Berdiales, hoxe desaparecidos, e Multicines Norte, na Vía do Norte), nese momento (1988) decídese adaptar a sala Velázquez a unha nova sala de proxeccións con setenta e cinco butacas (Fraga 2). A privilexiada situación do inmóbel nun rueiro tan céntrico levan a pensar que foron intereses inmobiliarios os que provocaron un grande incendio o 23 de setembro de 1988.[Cómpre referencia] Porén, a empresa asume a rehabilitación, rematando os traballos en tres meses. En abril de 1996 adapta a antiga cafetaría para crear unha sala adicional de noventa e cinco butacas (Fraga 3).

O Fraga non consegue remontar a crise, e o 28 de xuño de 2001 pecha as súas portas para sempre co filme norteamericano de aventuras Lara Croft: Tomb Raider na sala principal e a arxentina Una noche con Sabrina Love e a americana The Mummy Returns nas salas 2 e 3 respectivamente. O gran cartel de Tomb Raider coa imaxe de Angelina Jolie coma Lara Croft ficou na parede exterior do pórtico durante meses até coller mofo.[1]

En agosto de 2007 fechou a discoteca Nova Olimpia que se inaugurara no soto do edificio en maio de 1973. O feche contou coa actuación de Georgie Dann, que tamén fora o padriño da discoteca, logo de que Nino Bravo, o verdadeiro invitado, morrera unhas semanas antes. Pola discoteca, moi sonada en Vigo, e de espectacular acústica, actuaron artistas coma Miguel Bosé, Massiel, Antonio Machín, Cecilia ou o galés Tom Jones.[2]

En 2013 saíron á venda varias pezas do antigo cinema: vellos carteis de filmes, a báscula, tacos de entradas, e en especial as butacas feitas en madeira de carballo americano e nogueira, e tapizadas en veludo vermello.

Proxecto de rehabilitación

[editar | editar a fonte]
Detalle da entrada ao cinema durante as obras de rehabilitación de 2012.

No mesmo mes do feche, a entidade Caixa Galicia decide montar na cidade olívica un centro social e cultural, polo que decide comprarlle o inmóbel a Ignacio e Mercedes Fraga por 1.290 millóns de pesetas. O coñecido arquitecto galego César Portela fai o proxecto, intentando manter totalmente a estrutura orixinal e os detalles de Gutiérrez Soto. O novo centro social terá unha sala principal para espectáculos e salas para diversas actividades culturais. O soto acollerá unha sala de exposicións.

Os traballos comezaron en agosto de 2007, despois do feche da discoteca Nova Olimpia logo de 34 anos de actividade. Limpáronse as fachadas e comezaron os traballos; a día de hoxe[cando?] as obras están avanzadas mais paradas, en parte pola crise económica que atravesa o país, e en parte porque a entidade Caixa Galicia desapareceu para se fusionar con Caixanova para formar Nova Caixa Galicia, e posteriormente Novagalicia Banco.

Descrición e estilo

[editar | editar a fonte]

O cine Fraga deseñouse por Luis Gutiérrez Soto coma un edificio de carácter rexionalista por presión de Isaac Fraga, que quixo incorporar elementos da arquitectura histórica galega, especialmente elementos do barroco compostelán con engadidos neorrenacentistas. O sino da construción era xa acoller un teatro-cine de 1758 localidades, unha sala de festas, un salón de té (cafetaría) e oficinas de alugueiro. Os muros da fachada son de cantaría de perpiaño de granito galego procedente da canteira de Castrelos, coa pedra de maior calidade empregada nos enfeites. A estrutura interna é de formigón. A galería superior da fachada amosa arcos enlazados, que lembran á fachada do Tesouro do claustro da Catedral de Santiago de Compostela, ou os enfeites dos vans da balconada da rúa do Uruguai, semellantes aos do Hospital Real de Santiago de Compostela. O elemento máis característico é o gran pórtico aberto na esquina das rúas, de formas rectangulares e decoración neobarroca.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]