Viquingos en Galicia
A presenza de viquingos[a] en Galicia tivo lugar entre os séculos IX e XII, cando estes deviran unha potencia naval e militar, lanzando expedicións de saqueo e conquista polo océano Atlántico e subindo polo leito dos ríos até as cidades que pretendían saquear. Así chegaron até o mar Mediterráneo, e no camiño estaba Galicia.
As primeiras invasións
[editar | editar a fonte]Existen discusións sobre a data na que os viquingos realizaron a súa primeira incursión en terras galegas. Arne Melvinger sostén que a chegada dos viquingos á Península Ibérica puido acontecer case un século antes da data sinalada pola maioría de estudos.[1] A teoría de Melvinger susténtase nunha pasaxe dunha crónica mozárabe do ano 754, e interpreta que os angeli citados na mesma serían os anglos, asociados cos homes nórdicos. Con todo esta hipótese foi criticada por Ferreiro Alemparte[2] por considerar dubidosa a súa veracidade etimolóxica e porque é contraditoria con case todos os relatos contemporáneos sobre viquingos, que apuntan a que estes eran un pobo descoñecido na Península Ibérica ata o ano 844.[3] A maioría dos traballos sosteñen que a primeira incursión dos viquingos en Galicia aparece reflectida nos Annales Bertiniani, e data do 1 de agosto de 844, cando un grupo procedente dunha expedición que viña de saquear varios enclaves na costa francesa no ano 843, e logo de pasar o inverno na illa de Noirmoutier, internouse polo Garona, chegou ata Galicia empurrado por unha tempestade e foi ao cabo rexeitado nos arredores do Farum Brecantium, é dicir, da Torre de Hércules (chamada por eles Fár),[4][5][6][7] despois de saquear algunhas aldeas da costa. Reinaba daquela Ramiro I. Trala derrota os viquingos seguiron a súa singradura rumbo Lisboa.[7]
A lenda do bispo Gonzalo da diocese de Bretoña dátase nesta época: ao chegaren á entrada do río Masma un gran número de embarcacións viquingas, a xente fuxiu onda o bispo, que consideraban santo. Gonzalo pregou ao ceo protección contra o ataque e daquela desatouse unha gran tempestade que afundiu a meirande parte da frota.[b][8][9]
Ata o 858, reinando Ordoño I, non volveron os viquingos a Galicia. Tratábase dun continxente dunhas cen naves procedente de expedicións de saqueo polas costas francesas que se dirixiu cara á ría de Arousa. Tras saquear Iria Flavia chegaron ata Santiago de Compostela, ao que puxeron sitio. Por outra banda, os seus veciños pagaron un tributo para evitar o saqueo, malia o cal os viquingos tentaron entrar na cidade, e nese momento un exército dirixido polo conde Pedro enfrontouse a eles, derrotándoos e destruíndo trinta e oito barcos; os sobreviventes dirixíronse cara ao sur. Como consecuencia desta expedición cambiouse a sé episcopal de Iria a Santiago de Compostela[Cómpre referencia].
No ano 951 os viquingos reapareceron de novo atacando as costas galegas; as cidades galegas reforzaron nos anos seguintes as súas defensas en previsión dalgún ataque. De novo no 964 os viquingos fixéronse presentes en Galicia, pois o propio bispo de Mondoñedo, Rosendo de Celanova, tivo que lles facer fronte.
As segundas invasións
[editar | editar a fonte]No ano 968 o segundo duque de Normandía, vendo o seu reino en perigo, pediu auxilio aos seus parentes daneses e noruegueses e acodiron os viquingos. Unha vez derrotado o rei de Francia os viquingos decidiron ficar en Normandía, o que orixinou non poucos problemas de orde pública, polo que se lles suxeriu que partisen á conquista de Galicia, "esa terra tan rica da que tanto falan os peregrinos"[10].
Chegaron a Galicia arredor de duascentas naves baixo o mando de Gudrød (Guðrǫðr), irmán de Harald Gråfeldr[11], coñecido por Gunrod nas fontes galegas, cen das cales se detiveron no Cantábrico para atacar a diocese de Bretoña mentres as outras cen se internaban pola ría de Arousa e desembarcaban no porto de Juncariae (Xunqueira)[12] para dirixirse a pé a Santiago. A súa chegada coincidiu co remate das disputas entre Rosendo e Sisnando II polo control de Compostela. O bispo Sisnando, que acababa de expulsar a Rosendo da cidade, intentou detelos nas proximidades de Iria, a onde chegaran remontando o curso do río Ulla, mais non o conseguiu e morreu nunha sanguenta batalla o 29 de marzo, atravesado por unha frecha. Xa sen resistencia, os viquingos esparexéronse polo país chegando até o Courel. En Lugo o bispo Hermenexildo logrou defender a cidade, mais non puido facer nada para protexer as terras da Bretoña, cuxa antiga sé quedou totalmente destruída.
Os viquingos decidiron volver ás súas naves cargados co botín e os prisioneiros, e foi nese momento cando un exército ao mando do conde Gonzalo Sánchez conseguiu vencelos nos arredores da ría de Ferrol no ano 970, dando morte a Gunrod, o seu sækonungr[c], e queimando a maioría das súas naves.
Ao deixaren Galicia, dirixíronse de novo cara ao sur e saquearon a costa entre o río Douro e Santarém.
As últimas invasións
[editar | editar a fonte]Os viquingos apareceron en Galicia esporadicamente, en xeral, sen moitas consecuencias; non obstante, no ano 1015, dirixidos quizais polo rei Olavo Haraldson, atacaron Castropol, Betanzos, Ribas de Sil e Tui. Nesta vila desembarcaron por sorpresa subindo polo río Miño, masacraron o exército do conde Menedus, esnaquizaron a cidade e tomaron como prisioneiro ao bispo, Afonso.
Do ano 1026 tense un documento que revela unha práctica común dos normandos como é o secuestro. Así aparece Octicio negociando a liberación de dúas mulleres, Meitilli e Gocina, nai e filla, polas que finalmente entregou unha capa, unha espada, unha camisa, tres lenzos, unha vaca e tres modios de sal[14].
No ano 1028, reinando Vermudo III, Ulv Galiciefarer (Ulv o galego, tamén coñecido como Galicieulv 'o lobo de Galicia') dirixiu unha expedición contra as costas galegas, subindo pola ría de Arousa, mais foi rexeitado polas forzas do bispo Cresconio. No 1066 o bispo Cresconio, que fortalecera a ría de Arousa edificando os Castellum Honesti, houbo de combater de novo cos viquingos.
A finais do século XI cesaron as incursións viquingas en Galicia, se ben pode que a principios do século XII aínda se producise algún ataque illado.[15] Coa fin do período das invasións viquingas, comezou a chegada de peregrinos nórdicos a Santiago de Compostela seguindo o Camiño de Santiago. O primeiro famoso foi o rei Sigurd de Noruega, no outono de 1108. A ruta do vestvegr (Camiño do Oeste), que ía de Escandinavia ata Galicia, levaba 8 días de travesía.
Efectos das invasións
[editar | editar a fonte]Os ataques viquingos ás costas galegas motivaron o traslado das sedes episcopais de Britonia e Iria Flavia cara a localizacións máis seguras no interior. A vella sede britana fora destruída polos ataques viquingos e reapareceu en Mondoñedo anos máis tarde, nunha localización máis interior e montañosa. Pola súa banda as incursións influíron na conversión de Santiago de Compostela en sede episcopal logo de que Iria Flavia fose destruída en varias ocasións.[16]
Os numerosos ataques sufridos polas cidades episcopais galegas (Bretoña, Iria Flavia, Ourense, Santiago de Compostela e Tui) obrigaron aos seus bispos a adoptar cada vez máis o papel de xefes militares, combatendo ás xentes do norte que atacaban as cidades galegas.[16]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Recreación histórica moderna dun desembarque viquingo.
-
Drakkar no Museo de Oslo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tamén denominados normandos ou lordimani, nos documentos galegos da época das vagas.
- ↑ Se ben hai autores que sinalan que os feitos da lenda de San Gonzalo, se ben non existe ningún bispo chamado Gonzalo na diocese na época das últimas incursións, polo que a contextualización nas primeiras incursións podería ser certa, xa que non se coñecen os nomes de ningún dos bispos da diocese entre os anos 693 e 866.
- ↑ Xefe viquingo. Literalmente "rei do mar".[13]
- Referencias
- ↑ Melvinger, Arne (1955). Les premières incursions des Vikings en Occident d'après les sources arabes. Uppsala: Almqvist & Wiksell.
- ↑ Ferreiro Alemparte, Jaime (1999). Arribadas de normandos y cruzados a lascostas de la Península Ibérica (PDF). Madrid: Sociedad Española de Estudios Medievales. pp. 22–25.
- ↑ Sánchez Pardo 2010, p. 60.
- ↑ Gago Mariño, Manuel (15 de xuño de 2010). "Repúblicas de Homes Libres: na procura dos Lordomani (I)". Capítulo 0.
- ↑ Menéndez-Pidal, Gonzalo (2003). "Hacia una nueva imagen del mundo" (en castelán). Real Academia de la Historia. p. 75. ISBN 84-259-1245-8.
- ↑ Raño García, Domingo. "La Torre de Hércules. De Farum Brigantium a Patrimonio de la Humanidad" (PDF) (en castelán). Universidade Jaume I. p. 47.
- ↑ 7,0 7,1 Sánchez Pardo 2010, p. 61.
- ↑ Sánchez Pardo 2010, p. 69.
- ↑ González López 1978, p. 151-152.
- ↑ Armesto, Victoria (1971). Galicia Feudal. Editorial Galaxia.
- ↑ A. Fabricius, Forbindelserne mellem Norden og den Spanske Halvø i ældre Tider, Copenhagen, 1882.
- ↑ Izquierdo Díaz, Jorge Simón (2009). Os viquingos en Galicia. Lóstrego.
- ↑ "sækonungr (noun m.) ‘[sea-kings]...’" (en inglés). Lexicon Poeticum. Consultado o 11 de xuño de 2019.
- ↑ Almazán, Vicente, Gallaecia Scandinavica, Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-524-1.
- ↑ Carballo, Francisco; López, Felipe Senén; López Carreira, Anselmo; Obelleiro, Luís; Alonso, Bieito (1996). "A Consolidación do feudalismo". Historia de Galicia. Edicións A Nosa Terra. p. 84-85. ISBN 84-89138-65-6.
- ↑ 16,0 16,1 González López 1978, p. 158.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Almazán, Vicente (1986). Gallaecia Scandinavica. Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-524-4.
- Christys, Ann (2015). Vikings in the South. Voyages to Iberia and the Mediterranean (en inglés). Bloomsbury Academic. ISBN 9781474213783.
- González López, Emilio (1978). Grandeza e decadencia do Reino de Galicia. Editorial Galaxia. p. 158. ISBN 84-7154-303-6.
- Morales Romero, Eduardo (1997). Os vikingos en Galicia. A Coruña: Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 978-84-8121-661-5.
- Pires, Hélio Fernando Vitorino (2012). Incursões Nórdicas no Ocidente Ibérico (844-1147): Fontes, História e Vestígios (PDF) (Tese). Faculdade de Ciências Sociais e Humanas, Universidade Nova de Lisboa.
- Sánchez Pardo, José Carlos (2010). "Los ataques vikingos y su influencia en la Galicia de los siglos IX-XI" (PDF). Anuario Brigantino (en castelán) (Betanzos) (33): 57–86. ISSN 1130-7625. Consultado o 26 de abril de 2019.
- García Losquiño, Irene (2019). "Campamentos y asentamiento temprano durante la diáspora vikinga: Inglaterra, Irlanda, y el caso de Galicia. Camps and early settlement in the viking diaspora: England, Ireland and the case of Galicia". SVMMA (en español e inglés) (Barcelona) (13): 22–55. ISSN 2014-7023.