Saltar ao contido

Imperio mogol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A versión para imprimir xa non se actualiza e pode conter erros de renderizado. Actualice os marcadores do seu navegador e empregue mellor a función de impresión propia do navegador.
Modelo:Xeografía políticaImperio mogol
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata
CapitalDelhi
Lahore
Agra - आगरा (1526–1540)
Fatehpur Sikri (pt) Traducir (1571–1585)
Old Delhi (en) Traducir (1648–1857) Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación150.000.000 (1700) Editar o valor en Wikidata (37,5 hab./km²)
Lingua oficiallingua persa Editar o valor en Wikidata
RelixiónDin-e Ilahi (en) Traducir e Islam Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie4.000.000 km² Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación1526 Editar o valor en Wikidata
Disolución1857 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porGondal State (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía absoluta Editar o valor en Wikidata
Moedarupia Editar o valor en Wikidata

O Imperio mogol, Imperio mogol da India ou Gran mogol (en turco: Babür İmparatorluğu, en persa: شاهان مغول Shāhān-e Moġul; en urdú: مغل باد شاہ Mughal Baadshah) foi un estado poderoso túrquico islámico do subcontinente indio, que existiu entre os séculos XVI e XIX.[1] Abranguía no seu auxe a maioría dos territorios que actualmente corresponden á India, Paquistán e Bangladesh, chegando a posuír áreas de Afganistán, Nepal, Bután e o leste de Irán.

O imperio mogol chamábase así porque os seus gobernantes eran descendentes do khan turco[2] Tamerlán.

Os inicios do imperio mogol remóntanse a un período de feble poder timúrida. Os uzbecos en 1507 practicamente aniquilaron os mogois timúridas na área que fora o centro do seu poder: a Transoxiana e o Khurasan. Perseguidas, as tropas mogoles retiráronse ao sur do Hindu Kush, e desde esta área ata o centro do actual Afganistán. Un dos descendentes de Tamerlán, chamado Zahir al-Din Muhammad, máis coñecido como Babar ou Babur, aproveitou a discordia existente no subcontinente indio para invadilo tempo despois.

En 1526, Babur derrotou o último dos sultáns de Delhi, Ibrahim Lodi, na batalla de Panipat.

O imperio foi virtualmente conquistado durante o reinado de Humayun polo líder afgán Sher Shah Suri quen estableceu a dinastía Suri, aínda que Humayun finalmente recuperou o poder. Máis tarde, con Akbar no poder, o imperio creceu considerablemente e continuou crecendo ata o final do reinado de Aurangzeb. Trala morte de Aurangzeb en 1707, o imperio comezou un lento pero imparable declive, aínda que mantivo o poder no subcontinente indio durante outros 150 anos. O Imperio Británico acabou co mogol en 1857.

Este Imperio mogol (que gobernou a India desde principios do século XVI ata mediados do século XIX) non debe confundirse co Imperio Mongol (que gobernou gran parte de Asia entre os séculos XIII e XIV).

Nome

O nome "Mughal", ás veces tamén "Mogul", deriva do persa e é unha corrupción do termo mongol, aludindo á orixe do dinastía timúrida de Babur. Esta orixe mongol non era evidente nestes gobernantes, cunha cultura moi influenciada polo Persia.

En xeral non era empregado polos propios gobernantes, que preferían chamalo Imperio de Babur ou Gurkani (do persa: گورکانیان, gūrkāniyān "xenros") se se referían á dinastía.

A partir do século XVIII e en Occidente, porén, prevaleceu o nome "mogol"; nun principio como designación do seu soberano (O gran mogol) e por extensión do imperio. Desde o século XIX utilizouse en obras históricas.[3]

O Ain-i-Akbari, un documento que rexistra as características da administración de Akbar, usa Hindustán como nome do estado.

Historia

Establecemento do imperio e reinado de Babur (r. 1526-1530)

A principios do século XVI, os descendentes dos mongois, dos turcos, dos persas e dos afgáns invadiron a India baixo o liderado de Zahir-ud-Din Babur. Babur era o bisneto de Tamerlán que invadira a India en 1398 e que tamén foi brevemente o líder dun imperio con capital en Samarcanda. Babur estableceu inicialmente o seu goberno en Cabul, en 1504; máis tarde (1526-1530) converteuse no primeiro gobernante mogol.[4] A súa intención era estender o seu poder máis aló do Punjab onde xa fixera un número importante de incursións. Unha invitación dun líder afgán no Punjab deulle a oportunidade de chegar ao corazón do sultanato de Delhi, gobernado por Ibrahim Lodi.

Babur entrou na India en 1526 cun exército veterano de 12 000 homes. Enfrontáronse ao exército do sultán, 100 000 homes con pouca experiencia e moita desunión. Babur derrotou o sultán na batalla de Panipat, a uns 90 quilómetros ao norte de Delhi. Un ano despois derrotou unha confederación rajput dirixida por Rana Sangha. Babur morreu en 1530, antes de que puidese consolidar os seus triunfos militares. Deixou un libro de memorias, coñecido como Babur-nama, varios xardíns en Cabul e Lahore, e algúns descendentes que culminaron o seu desexo de establecer un imperio na zona.[4]

O reinado de Humayun (r. 1530-1556)

Tumba de Humayun en Delhi.

A Babur sucedeuno o seu fillo Humayun, que tivo que facer fronte a numerosos problemas. Foi atacado polas tropas afgás dirixidas por Sher Shah Suri (que fundou a dinastía Suri) e tivo que exiliarse en Persia, país en que pasou case dez anos. En 1545 conseguiu conquistar Cabul e retomou as reclamacións sobre a India; unha tarefa facilitada polo debilitamento do poder afgán na zona trala morte de Sher Shah Suri en maio de 1545. Humayun retomou o control de Delhi en 1555.[4]

O reinado de Akbar (1556-1605)

Humayun morreu en 1556, deixando o traballo de consolidar o imperio ao seu fillo de trece anos Akbar. Despois da vitoria decisiva na segunda batalla de Panipat en 1556, o rexente Bayram Khan continuou unha vigorosa política de expansión. Axiña que Akbar chegou á maioría de idade comezou a liberarse das influencias dos ministros e da corte e demostrou as súas propias capacidades de liderado. Era un adicto ao traballo e non durmía máis de tres horas ao día. Supervisou persoalmente a posta en marcha das súas políticas administrativas, a columna vertebral do imperio mogol durante máis de 200 anos. Continuou a conquistar, anexionando e consolidando territorios que se estendían desde Cabul ao noroeste, Caxemira ao norte, Bengala ao leste e máis aló do río Narmada no centro da India. O seu imperio só era comparable ao que hai 2300 anos consolidou o imperio mauria.

Os métodos de administración de Akbar atrincheiraron o seu poder sobre a aristocracia afgá e turca e sobre os intérpretes da lei islámica, os ulemas. Creou un servizo imperial que se baseaba na habilidade e non na clase social.[5] Os seus servidores eran remunerados en diñeiro e non en terras e non tiñan dereito a herdanza, de xeito que o poder se centralizaba no estado e aseguraba a súa supremacía. As funcións políticas e militares estaban separadas da recadación de impostos, que eran labor dos funcionarios do tesouro do imperio. Este sistema administrativo, chamado mansabdari, baseábase na lealdade e no pago en diñeiro, que era a base do Imperio mogol.

Akbar comezou en 1571 a construción dunha cidade amurallada preto de Agra chamada Fatehpur Sikri. Construíronse pazos para cada unha das raíñas, un extenso lago artificial e suntuosas fontes de auga. Porén, a cidade foi de curta duración e a capital foi trasladada a Lahore en 1585. O motivo deste cambio foi a falta de auga en Fatehpur. En 1599 Akbar devolveu a capital a Agra, cidade desde a que gobernou ata a súa morte.

Como un gobernante astuto, Akbar apreciou os retos de xestionar un imperio tan vasto. Introduciu unha política de asimilación do hindú que representaba a maioría da poboación. Recrutou varios xefes hindús e recompensounos con altos cargos no goberno; alentou os matrimonios entre os mogois e a aristocracia Rashput; permitiu a construción de novos templos; participou persoalmente en festivais hindús; e aboliu o jizya, imposto de capitación ou enquisa imposto sobre os non musulmáns. Por outra banda, declarouse o xuíz supremo de todas as disputas derivadas da interpretación do Corán e da xaria.

Akbar fundou unha nova relixión, chamada din-i-ilahi ("fe divina") que fusionou parte dos principios do hinduísmo, do islam e doutras relixións. A nova relixión era compatible con outras sempre que se demostrase a lealdade ao emperador. Con todo, esta nova relixión ofendeu profundamente os musulmáns ortodoxos. O principio de que o islam era a relixión suprema estaba comprometido. Os ulemas perderon influencia. A reconciliación entre relixións e a tolerancia cara aos hindús e aos musulmáns non ortodoxos provocou unha reacción entre os musulmáns sunnitas. Por outra banda, Akbar introduciu outros cambios: animou as viúvas a volver casar, opúxose ao matrimonio infantil e convenceu os comerciantes de Delhi para que reservasen días especiais de mercado para as mulleres, ata entón confinadas nas súas casas. Ao final do reinado de Akbar, o imperio mogol estendeuse por gran parte da India.

A tolerancia relixiosa provocou un movemento rebelde por parte dos musulmáns sunnitas. Na loita fratricida que precipitou a caída do reinado do neto de Akbar, Shah Jahan, en 1658, a aristocracia apoiou o militar islamista Aurangzeb na loita contra o seu irmán, o poeta e escritor Dara Shikoh, a quen derrotou e decapitou en 1662.

Os reinados de Jahangir (r. 1605-1627) e Shah Jahan (r. 1627-1658)

O Taj Mahal construído polo emperador Shah Jahan.

O imperio mogol baixo os gobernos de Jahangir e Sha Jahan caracterizouse pola estabilidade política, unha forte actividade económica, fermosas pinturas e edificios monumentais. Jahangir casou cunha princesa persa chamada Nur Jehan ("luz do mundo") que se converteu na figura máis importante da corte despois do emperador. Como resultado, poetas, artistas e funcionarios persas atoparon asilo na corte mogol. O número de funcionarios improdutivos, a corrupción e a excesiva representación persa acabaron coa imparcialidade do tribunal. Jahangir promoveu as conversións ao islam; perseguiu os seguidores do xainismo e executou o guru Arjun Dev, líder dos sikhs. O interese da emperatriz en conseguir o trono para un príncipe da súa elección fixo que Shah Jahan se rebelase en 1622. Ese mesmo ano os persas tomaron Kandahar no sur de Afganistán, o que supuxo un retroceso no prestixio do imperio mogol.

Entre 1636 e 1646, Shah Jahan enviou exércitos mogois para conquistar o Deccan e outras áreas do noroeste do imperio. Aínda que serviron para demostrar a destreza militar, estas campañas esgotaron a economía do imperio. O estado converteuse cada vez máis nunha máquina militar e os nobres multiplicáronse, o que aumentou a demanda de ingresos. A unificación política e o mantemento da lei e a orde nun territorio tan vasto propiciaron a aparición de grandes centros de comercio e artesanía como Agra, Lahore, Delhi e Ahmedabad. Estes centros estaban conectados por estradas e camiños fluviais con outros portos ou lugares máis afastados. O mundialmente famoso Taj Mahal foi construído en Agra durante o reinado de Shah Jahan como tumba para a súa amada esposa Mumtaz Mahal. Este monumento simboliza tanto a arquitectura mogol como os excesivos gastos que se producían nun momentoou en que a economía estaba en recesión. A posición económica dos campesiños e dos artesáns continuou sen mellorar, xa que a administración era incapaz de provocar cambios na estrutura social.

O reinado de Aurangzeb (1658-1707)

O último dos grandes emperadores mogoles foi Aurangzeb que chegou ao trono despois de asasinar todos os seus irmáns e encarcerar o seu pai, Sha Jahan. Durante os cincuenta anos que durou o seu reinado, o imperio acadou a súa máxima extensión territorial, conseguindo dominar case todo o territorio da India actual, unificando o Hindustan e o Deccan, pero tamén amosou inevitables signos de decadencia.

A burocracia creceu de forma desproporcionada e corrupta, e o exército quedou atrás en armas e tácticas militares. Aurangzeb restaurou a ortodoxia musulmá e adoptou políticas duras contra os musulmáns que non demostraban plenamente a súa fe.

O emperador estivo implicado nunha serie de guerras: loitou contra os paxtos en Afganistán, o Sultanato de Bijapur no Deccan, os Marathas en Maharashtra e os Ahoms en Assam. As revoltas campesiñas contra os líderes locais fixéronse comúns. A maior integración dos seus gobernos coa fe islámica fixo que o pobo, na súa maioría hindús, se sentise cada vez máis afastado do emperador.

Aurangzeb non só prohibiu a construción de novos templos hindús, senón que tamén destruíu un gran número dos existentes. Como fundamentalista islámico prohibiu a música na corte, aboliu as cerimonias e perseguiu os sikhs no Punjab. As continuas guerras contra as federacións Maratha non as debilitaron, mais as feroces represalias de Aurangzeb provocaron que numerosos clans leais ao imperio mogol se incorporasen aos marathas. As guerras lanzadas polo propio Aurangzeb provocaron un aumento da extensión territorial do imperio, mais a longo prazo foron excesivamente custosas en recursos, xa que os mogois gastaban un gran número de homes e soldados nestes conflitos a cambio de territorios devastados e case despoboados. Mesmo arredor de 1700, os fracasos de Aurangzeb para conquistar e controlar todo o Deccan fixeron que as federacións Maratha se convertesen no imperio maratha, que ao longo do século XVIII desafiou os mogois no mesmo plano.

A crise económica provocada polas guerras de Aurangzeb manifestouse no custo excesivo do mantemento da súa maquinaria militar e da súa burocracia, mentres que a recadación de tributos e o comercio comezou a declinar debido ás políticas restritivas e fundamentalistas do emperador. Mesmo antes da morte de Aurangzeb en 1707, estaba claro que o poder axiña ía cambiar de mans.

Declive e extinción

En 1709 subiu ao trono Bahadur Shah I, quen non puido reverter o declive que comezara nos últimos anos de Aurangzeb, e só reinou ata 1712. Os seus descendentes tiveron reinados moi curtos, sucedéndose ata seis emperadores entre 1712 e 1720. En 1720, subiu ao trono mogol o emperador Muhammad Shah, que a pesar das súas capacidades de goberno non puido evitar o crecente declive marcado polos ataques do imperio maratha, as revoltas dos afgáns e dos paxtos no norte, e a corrupción dos seus cortesáns. De feito, no reinado de Muhammad Shah os persas e os afgáns de Nadir Sah invadiron e saquearon Delhi en 1739, levando consigo numerosos tesouros, incluíndo o trono do pavón.

Despois deste terrible evento, o poder do imperio mogol debilitouse máis rapidamente, o baleiro foi cuberto polos marathas, o imperio sikh e os nizam de Hyderabad, mentres que os mogois viron reducido o seu poder efectivo á zona máis ao norte de Hindustan, perdendo toda presenza no Deccan. Mesmo cando a Compañía Británica das Indias Orientais comezou o seu predominio na India despois da batalla de Plassey en 1757, os británicos referíanse ao monarca mogol como "rei de Delhi" e xa non como "emperador".

O debilitamento da Confederación Maratha despois da terceira batalla de Panipat en 1761 non levou ningún alivio ao imperio mogol xa que a Compañía Británica das Indias Orientais era agora a principal potencia na India. Mesmo en 1803, despois dos intentos fracasados de asegurar a autoridade dos mogois sobre o seu pequeno territorio, o emperador Shah Alam II tivo que aceptar a protección do Reino Unido (o que equivalía a someterse ao poder británico); o seu dominio estaba agora reducido aos estados actuais de Punjab, Haryana e o norte de Uttar Pradesh. Os británicos non asumiron o dominio directo sobre o imperio mogol, mais si exerceron un control e mantemento indirectos e vían os emperadores mogois como meros símbolos sen poder efectivo; esta situación rematou cando na rebelión de 1857 os soldados sipaios rebelados invocaron o liderado do último emperador mogol, Bahadur Shah II. Coa derrota da sublevación, o Raj británico asumiu o dominio directo de toda a India e o imperio mogol foi formalmente abolido.

Notas

  1. Balfour, E.G. (1976). Encyclopaedia Asiatica: Comprising Indian-subcontinent, Eastern and Southern Asia. New Delhi: Cosmo Publications. S. 460, S. 488, S. 897. ISBN 978-81-7020-325-4
  2. "Archived Copy". Arquivado dende o orixinal o 3 de decembro de 2013. Consultado o 16 de novembro de 2013. 
  3. Metcalf,Barbara D. e Metcalf,Thomas R. (2006) A Concise History of Modern India. Cambridge University Press, páx. 20 ISBN 9781139458870
  4. 4,0 4,1 4,2 Berndl, Klaus (2005). National Geographic visual history of the world. University of Michigan. pp. 318–320. ISBN 978-0-521-52291-5.
  5. Ballhatchet, Kenneth A. "Akbar". Encyclopædia Britannica. Consultado o 17 de xullo de 2017.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Embree, Ainslee T.: India: historia del subcontinente desde las culturas del Indo hasta el comienzo del dominio inglés. México: Siglo Veintiuno, 1987.
  • Gascoigne, Bamber: Los grandes mogoles. Barcelona: Noguer, 1971. Tradución de Esteban Riambau.
  • Majumdar, Ramesh Chandra: An advanced history of India. Madrás: MacMillan India Limited, 1981.
  • Quintanilla, Sonya: "Visiones de la India" México D.F, Offset Rebosán.