Guerra de Vietnam
Guerra de Vietnam | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Explosión dunha bomba de napalm sobre posicións do Viet Cong ó sur de Saigón en 1965.
| |||||||||||
| |||||||||||
Combatentes | |||||||||||
Vietnam do Sur Estados Unidos |
Vietnam do Norte Fronte Nacional de Liberación de Vietnam | ||||||||||
Efectos | |||||||||||
Mortes: |
Mortes: | ||||||||||
Feridos: |
Feridos: |
A guerra de Vietnam[2], chamada tamén segunda guerra de Indochina, foi un conflito bélico que enfrontou entre 1958 e 1975 aos Estados de Vietnam do Sur e Vietnam do Norte, apoiados polos seus respectivos aliados e especialmente os Estados Unidos que axudaron directamente aos survietnamitas até a súa retirada en 1973, no contexto xeral da guerra fría.
As faccións en conflito foron, por unha banda, a República Democrática de Vietnam co apoio de movementos guerrilleiros survietnamitas como o Vietcong ou a Fronte de Liberación Nacional (NLF, polas súas siglas en inglés) e de subministracións soviéticas e chinesas. Polo outro lado, a República de Vietnam co apoio militar e loxístico dos Estados Unidos. En axuda dos estadounidenses tamén participaron, con tropas de combate, Australia, Corea do Sur, Filipinas, Nova Zelandia e Tailandia, mentres que Alemaña, Irán, Marrocos, o Reino Unido e Suíza contribuíron con subministracións materiais e equipamento médico. Outros continxentes testemuñais en apoio dos Estados Unidos foron enviados por Taiwán e tamén España, que mobilizou un reducido grupo de médicos militares en misión sanitaria[3].
A guerra distinguiuse na súa vertente militar por transcorrer sen a formación das tradicionais liñas de fronte, salvo as que se establecían ao redor dos perímetros das bases ou campos militares, de xeito que as operacións se sucederon en zonas non delimitadas, proliferando as misións de guerra de guerrillas ou de "procura e destrución", xunto con accións de sabotaxe nas retagardas das áreas urbanas, o uso da forza aérea para bombardeos masivos e o emprego extensivo de axentes e armas químicas, constituíndo estas últimas operacións flagrantes violacións a diversas convencións internacionais de guerra que prohiben a utilización de armas químicas e biolóxicas.
A cobertura do conflito realizada polos medios de comunicación permitiu a denuncia dos frecuentes abusos dos dereitos humanos e a brutalidade sobre a poboación civil por parte dos contendentes, alimentando a crecente oposición da opinión pública internacional cara á intervención norteamericana en particular.
Ante a contestación e división da sociedade norteamericana, os acordos de paz de París en 1973 supuxeron a retirada das tropas estadounidenses e o cesamento da súa intervención directa, pero non lograron pór fin ao conflito que proseguiu até que en 1975, tras a toma de Saigón, se forzou a rendición incondicional das tropas survietnamitas e a unificación do país, baixo o control do goberno comunista de Vietnam do Norte, co nome da República Socialista de Vietnam, o 2 de xullo de 1976.
A guerra causou a morte, segundo as distintas fontes, de entre 2 e 5,7 millóns de persoas [4], a meirande parte delas civís, e graves danos ambientais.
Para os EUA, o conflito resultou ser a confrontación máis longa na que participou o país dende a súa creación e alimentou o sentimento de derrota ou "Síndrome de Vietnam" en moitos cidadáns que se viu reflectido no mundo cultural e a industria cinematográfica, así como un repregamento na política exterior até a chegada de Ronald Reagan en 1980[5].
Preliminares
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Guerra de Indochina.
Pese a que coleccións como Nam, Crónica de la guerra de Vietnam comezan a tratar o tema en profundidade dende o ano 1965, cando os marines desembarcaron na base Da Nang, outros autores, como Peter Arnett, veñen unila coa guerra de Indochina nun só conflito; este último autor chámao A guerra dos 10 000 días[6].
Na guerra de Indochina os ilegalizados comunistas do Viet Minh loitaron contra o colonialismo francés. Pero non debe considerarse que a metrópole combatía soa contra todo o pobo vietnamita; os nacionalistas apoiaron durante todo o conflito aos franceses, até na angustiosa Batalla de Dien Bien Phu, onde estaban cercadas as mellores tropas francesas e se consideraba case imposible levantar o asedio, sempre saían voluntarios vietnamitas dispostos a saltar en paracaídas sobre a posición [7].
Ao principio daquel conflito, Estados Unidos axudou a Francia co 20% dos gastos, aproximadamente. Ao terminar xa contribuía co 80% do esforzo bélico e chegou a ofrecer aos franceses dúas armas nucleares (que rexeitaron por non ver a utilidade do seu uso)[7]. Pese a non prestarlles todo o apoio solicitado polos colonizadores, o presidente Eisenhower enviou asesores e axuda, especialmente aérea: así, un terzo do material levado a Dien Bien Phu formaba parte da axuda estadounidense[8].
Tras a derrota francesa e os acordos obtidos na Conferencia de Xenebra de 1954, o apoio estadounidense ao réxime de Vgo Dinh Diem en Vietnam do Sur continuou, o mesmo que a oposición case total da administración estadounidense á unión das dúas nacións chamadas Vietnam[6]. Pola súa banda, Vietnam do Norte continuou recibindo axuda da China e, en moita menor medida, da URSS. Inicialmente a axuda militar recaía principalmente na primeira nación, especialmente con armas lixeiras e portátiles; pero ao mesmo tempo con este tipo de envíos Pequín trataba de marcar as liñas mestras que debían seguir os vietnamitas, como comenta María Teresa Largo[8].
Vietnam non se reunifica
[editar | editar a fonte]Aínda que nos acordos de Xenebra se aprobaba a independencia de Camboxa, Laos, Vietnam do Norte e Vietnam do Sur incluíuse unha cláusula pola cal se celebraría un referendo en 1958 para decidir se os dous Vietnam seguían por separado ou se reunificarían.
Pero antes que o devandito referendo se levase a cabo, Ngo Dinh Diem deu un golpe de estado e anulou os comicios, o que indica a escasa confianza que tiña en gañalo. Como indica Eduard Punset:
Os referendos celébranse cando convén ao goberno.
Ao mesmo tempo, a escasa entidade de Vietnam do Sur como país e a enorme corrupción existente no goberno, provocou que o réxime de Vgo Dinh Diem se volvese moi impopular.
Ante esta situación ocorreron dúas accións paralelas, pero complementarias:
- Comezo da presión de Vietnam do Norte sobre o Sur en forma de entrega de subministracións e armas aos opositores ao réxime prooccidental.
- Lenta creación dun movemento de resistencia contra o réxime ditatorial do presidente Diem denominado Fronte Nacional de Liberación de Vietnam, máis coñecido como Vietcong. O Vietcong comezou a loita en 1960 pola caída do réxime de Saigón e a reunificación do país. A súa táctica consistía na guerra de guerrillas que tantos éxitos lles trouxera no conflito anterior.
Ao Vietcong resultáballe moi doado lograr voluntarios para terminar cun goberno incompetente, represivo e corrupto. Un aldeán que se uniu a eles declarou que cando chegaba o cobrador de impostos esixía aos habitantes da aldea os tributos e cando marchaba practicamente non lles quedaba nada[1]; ademais, o Vietcong contaba cun bo número de veteranos do Viet Minh que derrotaran aos franceses unha década antes, aínda que a maioría daqueles veteranos foron repatriados ao Norte tras a guerra de Indochina[8].
O presidente Diem morreu en 1963 nun golpe de estado, auspiciado pola administración estadounidense de John Fitzgerald Kennedy a quen non lle conviña apoiar un xeneral católico dentro dun país con outra maioría relixiosa; escenas como a que deu a volta ao mundo dun monxe budista sentado nunha rúa e cuberto polas lapas polo ritual bonzo (imaxe), para protestar contra a opresión budista por parte do primeiro ministro, marcaba as diferenzas relixiosas entre os dirixentes e o seu pobo. Diem, malia a súa man dura era o único xefe de Estado capaz de controlar a agresión das guerrillas. Diem foi substituído polo feble e falto de vontade Nguyen Van Thieu.
Novamente en guerra
[editar | editar a fonte]Mentres, en Vietnam do Norte a cancelación do referendo non constituíu un atranco insuperable. O seu presidente Ho Chi Minh, Vo Nguyen Giap como ministro de Defensa e o politburo, consideraron a independencia de Francia como un paso máis da súa estratexia a longo prazo. Segundo esta estratexia, a reunificación do país por votación ou pola forza sería o seguinte paso, e aínda máis coa posterior dominación de toda Indochina (vello soño vietnamita dende a Idade Media)[1].
Os combates por parte dos guerrilleiros do Vietcong comezaron axiña, axudados polos comunistas do norte en forma de envíos de municións, armas, víveres e outros útiles por ruta marítima. Tamén se realizaron algúns envíos por terra no que despois foi a famosa Ruta Ho Chi Minh; pero inicialmente os homes do sur levaron a iniciativa axudados dende o mar.
Pola súa banda o ARVN, o exército de Vietnam do Sur, resultaba moi ineficaz loitando no seu propio país. O armamento pouco axeitado, os escasos pilotos de helicópteros nativos e especialmente a gran corrupción e ineptitude dos seus mandos (a maioría colocados por compromisos políticos entre familias cunha escasa cualificación militar e aínda máis escaso valor) facían que os soldados do sur se arriscasen o imprescindible; até vendo loitar os seus compañeiros a escasas decenas de metros, non tiveron confianza nos seus mandos e non seguiron as mínimas obrigacións dun soldado. Como exemplo, valla a testemuña dun estadounidense que se asombraba ao velos facer garda cun transistor a todo volume.
Malia os puntos a favor dos insurxentes, as vitorias e a dominación masiva de territorio déronse cando chegaron os homes do norte (como eran chamados por veces os soldados do EVN[1]), porque pese ao que poida parecer, non todos os vietnamitas do sur vían con bos ollos os comunistas. Tampouco o Vietcong confiaba moito nos seus aliados, e estes non terminaban de vencer a súa resistencia a obedecer as ordes dadas dende Hanoi.
Por estas razóns, o réxime do Sur non se derrubou, pero cada vez cedía máis territorio. En 1965, ano da intervención directa dos Estados Unidos, aproximadamente o 60% do país estaba en poder do Vietcong e non había expectativas dunha mudanza na tendencia porque a iniciativa nos combates levábana os guerrilleiros e os soldados do Norte.
Estados Unidos e a teoría do dominó
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Teoría do dominó.
Os avances do comunismo preocupaban aos Estados Unidos desde case a fin da segunda guerra mundial. Países como Malaisia, Indonesia ou Filipinas estiveran moi preto de caer do lado comunista; xa o fixeran a China, Vietnam do Norte, Birmania, Cuba e todas as nacións europeas baixo o mando soviético.
Estados Unidos, que xa era unha superpotencia con vontade de dominio global, temía quedar rodeada dunha constelación comunista da que Vietnam sería unha peza máis dunha cadea. Era a teoría do dominó.
Ás razóns políticas de xeoestratexia xúntanse os intereses económicos das empresas estadounidenses nesa rexión. Xa na época do presidente Eisenhower se lle instara a dar apoio aos franceses para manter baixo control as explotacións de caucho, volframio, estaño (todas elas materias primas estratéxicas) ademais do famoso arroz e opio vietnamita, polas que Vietnam era considerada a alfaia de Asia.
Pero non se debe caer no erro de pensar que a intervención estadounidense se debeu a motivos principalmente económicos. Os motivos foron esencialmente políticos: conter o comunismo que, segundo a mentalidade estadounidense, avanzaba por todas as partes. Esta foi a razón pola que Kennedy continuou coas axudas ao réxime do Sur e o envío de asesores (até chegar a uns 60 000). Na década dos 50, Estados Unidos xa axudara economicamente a outras nacións e comezara a carreira espacial para conseguir que países como Indonesia non cambiasen de bando [9]. O caso indonesio foi un éxito e a posibilidade de repetilo considerábase posible.
Ao principio os asesores estadounidenses estaban alí para instruíren o exército de Vietnam do Sur en tácticas, mantemento de avións e helicópteros, formación dunha defensa irregular nas Terras Altas Centrais e outras funcións auxiliares; pero non tiñan permiso para interviren nos combates e moito menos para prepararen accións contra os guerrilleiros; aínda que se rumorea que máis dunha vez saltaron esta prohibición na que sería, quizais, a primeira dunha longa lista de violacións xurídicas e ilegalidades que farían famosa esta guerra [1]. En xullo de 1959 o comandante Dale Buis e o sarxento Chester Ovnard foron os primeiros estadounidenses mortos en Vietnam durante os ataques á base de Bien Hoa.
O comezo
[editar | editar a fonte]Ao longo da década dos 60 os asesores estadounidenses foran atacados en varias ocasións e até existen rumores de que participaron en operacións de pescuda e destrución xunto aos vietnamitas ou de forma individual, pero foi en agosto de 1964 cando dous destrutores que navegaban no golfo de Tonquín informaron ser atacados dúas veces por lanchas vietnamitas; na segunda ocasión chegaron a dicir que lles foron lanzadas decenas de torpedos. O presidente Lyndon B. Johnson decidiu actuar con todo o poder de que dispoñía.
Despois do incidente, o propio presidente Johnson comentou que os tripulantes dos buques confundiran os vietnamitas cunha bandada de peixes voadores e actualmente é difícil, ou mesmo imposible, atopar expertos que non consideren o de Tonquín un erro provocado polas condicións meteorolóxicas; pero resultou a escusa definitiva de Johnson para solicitar ao Congreso que se aprobase a "Resolución do golfo de Tonquín". Esta resolución conferiría plenos poderes para que os asesores presentes en Vietnam realizasen operacións fóra do recinto das súas bases, ademais de poder incrementar a presenza militar nese país. A estes factores debe engadirse o feito de estar en campaña electoral nos Estados Unidos e necesitar mostrar unha imaxe de forza ante o comunismo que lle permitise gañar votos. Até o seu rival tivo que apoiar a petición.
O Congreso aprobou a Resolución solicitada polo Presidente uns días logo dos mencionados ataques. Entón o goberno dos Estados Unidos tiña o que se cualificou como o camisón da avoa, onde debaixo cabe todo. A principios de marzo de 1965 desembarcaron na base de Da Nang os 3 500 marines que se unirían aos 22 500 asesores que xa servían en Vietnam.
Pese ao que puidese parecer pola marcha que tomaron posteriormente os acontecementos, o primeiro continxente de marines foi moi ben recibido polos habitantes de Da Nang, con grilandas de flores e bailes. Ao mesmo tempo, nos Estados Unidos, o apoio popular roldaba o 60% da poboación, pese a que as protestas en contra e as denuncias ao descaradamente clasista sistema de recrutamento comezaron moi pronto.
Tampouco debe pensarse que os Estados Unidos entrou en guerra contra ningunha nación dende o punto de vista do Dereito Internacional. Non houbo declaración de guerra nin tampouco unha invasión de Vietnam do Sur que este país non solicitase. Estes motivos fan que sempre deba escribirse guerra de Vietnam, con minúsculas, pois nunca foi recoñecida como tal. Este punto facía imposible impoñer unha censura de prensa como en calquera outra contenda até o momento. Por estas características particulares os xornalistas puideron lanzarse á caza de historias, cousa que resultou máis difícil noutros conflitos posteriores, como foi o caso das dúas guerras do golfo Pérsico.
Do mesmo xeito que boa parte da poboación estadounidense e parte da vietnamita, no ano 1965 a maioría dos medios de comunicación estaba a favor da intervención[1]. Foi despois cando a actitude dos xornalistas comezou a cambiar. Con motivo das matanzas que puido mostrar o movemento pacifista, que falaba con coñecemento de causa, o cambio de actitude de varios políticos, como o propio McNamara, e o horror dunha guerra de guerrillas foron invertendo a actitude dos xornalistas cara ao conflito de Vietnam, sendo a falta de apoio popular unha das causas da derrota. Outros autores, entre os que destaca o propio Exército dos Estados Unidos, prefiren concretar que foron as restricións impostas polos políticos aos militares, a consecuencia da presión dos medios entre outras causas, as que contribuíron decididamente á derrota[1]. Estados Unidos quería deixar claro que chegara ao sueste asiático para quedar e, en segundo lugar, desexaba despregar a súa enorme potencia de fogo coa que aniquilar o seu inimigo en pouco tempo.
Para lograr o primeiro obxectivo, os envíos de máis soldados non cesaron en varios anos e a finais de 1965 xa eran máis de 100 000 os efectivos destinados a Vietnam. Na parte orzamentaria o primeiro ano de conflito Estados Unidos destinou 1 000 millóns de dólares en axuda. Grazas a esta riada económica, as subministracións alcanzaron a cifra de case 10 millóns de toneladas ao mes. Ademais diso, Estados Unidos sempre se sentiu orgulloso de abastecer ben os seus soldados con uniformes limpos cando non podían bañarse, agasallos da casa e até xornais[10]. Os militares chegaban incluso a garantir polo menos unha comida quente ao día para todos os seus homes, levadas en recipientes de aluminio en helicóptero, aínda que ás veces a variedade creaba algo de desorganización e erros na rotación dos inxentes recursos dispoñibles. Un veterano queixábase de que recibían uniformes novos, galletas e outros artigos, pero nin unha soa comida decente en sete días[10].
As cousas resultaban moi diferentes para os inimigos. Eles pasaban necesidades de medicamentos, víveres e até auga nos seus magníficos sistemas de túneles (tanto é así que os norteamericanos montaron unha base sobre o sistema de túneles de Cu Chi, sen darse conta nunca do que tiñan debaixo), desde os que os vietnamitas saían para roubar comida.
Todo este enorme número de materiais e subministracións requiría unha enorme cadea loxística que lastrou moito o Exército e o convertía nun elefante lento e torpe, como o vían os comunistas. Así, un de cada sete soldados estadounidenses viuse realmente envolvido en combate, os demais pertencían a corpos loxísticos, administrativos, médicos, mecánicos etc[10].
Para cumprir a segunda meta, o despregamento de potencia de fogo, os camións e os helicópteros levaban canóns de distintos calibres a onde fixese falta para dar cobertura ás tropas de infantaría. Cando as pezas non podían descargarse polo mesto da selva, avións de distintos tipos lanzaban bombas de centos de quilos de explosivo que abrían un cráter para permitir a aterraxe dos helicópteros[11]. Tamén comezou a equiparse os helicópteros con mísiles e pronto aparecerían os novos helicópteros artillados.
Con todo este poder nas súas mans organizáronse varias operacións de grande envergadura, sendo a primeira e máis importante a chamada Operación Starlight, contra o Vietcong, e a máis sanguenta, a do val de Ia Drang contra o EVN principalmente.
Os primeiros enfrontamentos
[editar | editar a fonte]Aínda que por veces talvez dependesen demasiado dos helicópteros, resultaron unha arma formidable como quedou perfectamente demostrado no val de Drang, onde estas máquinas realizaron unha fundamental misión para transportar os homes ao centro da batalla, aprovisionalos e extraer os feridos. Máis aínda o foi na Operación Starlight, que foi a primeira proba de fogo para os marines. A principios de 1965 os estadounidenses puxeron en marcha a Starlight e lograron sorprender primeiro e acantoar despois o Vietcong na península de Noh Nang. Unha vez alí puideron destruír os guerrilleiros con todo o armamento ao seu alcance: armas portátiles, artillaría, aviación e artillaría naval dos cruceiros fondeados no golfo de Tonquín. A vitoria estadounidense resultou contundente.
O éxito da Operación Starlight e no val de Drang, xunto ao aprendido en Corea en evacuacións sanitarias (tamén sobre as mesmas selvas de Vietnam cando só eran asesores) foron a proba de fogo para este novo medio de transporte e tamén de guerra, en palabras do propio xeneral William Westmoreland[11]. Non só para salvar feridos, senón para levar todo o necesario a calquera sitio por difícil que fose e até atacar a terra con metralladoras e pouco despois con foguetes[12].
Xa en agosto de 1962 o informe Howse cualificou de "necesaria e desexable a adopción do concepto de mobilidade aérea no Exército"[13]; as reticencias que o Pentágono puido ter aos aparellos de á variable quedaron disoltas por completo. Redactáronse planos para formar novas unidades que formarían a Cabalaría Aérea, transportada, apoiada e abastecida por helicóptero. Homes da 2ª División de Infantaría foron transferidos á nova división e o 1 de xullo de 1965 naceu a 1ª División de Cabalaría Aérea[13].
Con todo, en batallas máis ou menos convencionais, os guerrilleiros vietnamitas aínda tiñan cartas que xogar e demostrárono no mes de xuño, cando desintegraron por completo o 51º batallón do ARVN, nunha acción sorpresa, preto do golfo de Tonquín.
Pero a lección do terrible que podía ser a potencia de fogo e o emprego do helicóptero recibiuna tamén o EVN en novembro cando esperaron aos estadounidenses no val da Drang, nas Terras Altas Centrais. Pese á desproporción no número de contendentes, un batallón de cabalaría aérea (case 400 homes) por parte dos estadounidenses contra case 4 000 combatentes do EVN e o Vietcong, a potencia de fogo dos primeiros foi tan grande que a batalla se perdeu con terribles baixas para os homes do norte[13].
As primeiras leccións
[editar | editar a fonte]Vitorias como as anteriores animaron os estadounidenses a seguiren as mesmas tácticas. Estas serían:
- 1. Emprego do helicóptero para dispoñer de mobilidade necesaria nun país montañoso e selvático e tamén como plataforma de ataque[12]. Así xurdiu o primeiro helicóptero artillado, o AH-1H, máis coñecido como Cobra, e o UH1-H ou Huey (só con velo a maioría das persoas asóciano a Vietnam), ambos aínda en servizo a principios do século XXI.
- 2. Gran despregamento de artillaría, até helitransportada se fose preciso.
- 3. Procurar o inimigo en campo aberto e obrigalo a practicar unha loita «convencional».
- 4. Emprego de infantaría e cabalaría lixeira, preparadas para andar sobre terreo pouco apto. Así, os vehículos pesados como o tanque Sheridan foron fácil branco para as armas anticarro portátiles[14].
Deste xeito pronto estiveron dispoñibles batallóns de cabalaría aérea e gran cantidade de helicópteros. Non obstante, autores como os redactores de Nam, crónica de la guerra de Vietnam opinan que os vietnamitas aprenderon moito máis do seu opoñente naqueles reveses[1]. A gran capacidade do Vietcong e do xeneral Giap para adaptarse e aprender dos seus erros fíxoos rectificar o seu modo de loita, abandonando a idea de medirse cos estadounidenses como un exército e pasando a unha contenda prolongada e sanguenta, en forma de guerra de guerrillas. Os vietnamitas seguiron as seguintes pautas:
- 1. Evitar o combate en campo aberto ou en terreo doadamente abarcable.
- 2. Loitar sempre o máis preto posible do seu inimigo para evitar o fogo da súa artillaría.
- 3. Non permanecer demasiado tempo na mesma posición e abandonala en canto os seus adversarios ofrecesen excesiva resistencia. Até chegaban a lanzar tres granadas de morteiro e marchar antes de ver onde caían.
- 4. Continuar a construción de túneles tanto nas chairas coma en outeiros para ofrecer un refuxio relativamente seguro ao Vietcong e ao EVN para descansar, recibir algúns coidados médicos e «evaporarse» diante do inimigo.
- 5. Compartir todos as mesmas condicións de vida e facelos sentirse partes dunha loita común. Así os oficiais adoitaban vivir nos mesmos buracos que os seus soldados, os membros do politburo de Hanoi adoitaban penetrar na Ruta Ho Chi Minh para animar os zapadores e as Brigadas de Choque das Mocidades especiais. Sen dúbida este foi un gran logro como testifica o diario da vietnamita Duong Thi Xuan Quy:
Ao andar soa no bosque deime conta do vulnerable que era. Todo estaba moi tranquilo: non tiña a ninguén diante nin detrás, estaba completamente soa no carreiro. Pero sentíame segura pois sabía que os meus camaradas estaban preto, que marchaban xuntos cara á fronte.
Estas tácticas descolocaban moito ao alto mando da coalición, aos seus oficiais e aos propios soldados. Un membro das Forzas Especiais afirmou anos despois:
Gustábame máis no 65 e 66. Entón eras ti contra eles. Agora sentas e agardas a que salten polo aire ou o fagas ti.
Así, a guerra de Vietnam converteuse nunha serie de larguísimos momentos de inactividade ou de marcha interrompidos por algúns instantes de loita sanguenta[16], o cal esnaquizaba os nervios dos soldados e enfurecíaos enormemente. O resultado era que a emboscada se converteu nunha obsesión e o evitar caer nunha resultaba ser unha das primeiras prioridades dos homes, antes que as ordes ou a obediencia aos seus oficiais. Este tedio na selva e ao mesmo tempo a tensión ante un posible ataque esnaquizou moitos nervios e máis da metade dos soldados norteamericanos terminaban drogadictos. Esta foi outra causa que lles custaría a derrota[8].
Se dura resultaba a táctica para os soldados non o era moito menos para o alto mando. O desexo de conseguir unha batalla campal chegou a ser a particular obsesión para o Pentágono, que organizaba operacións co fin de localizar o Cuartel Xeral do Vietcong. Na súa mente seguía fixa a idea de que os guerrilleiros defenderían aquela valiosa posesión con profusión e, xa que logo, terían unha oportunidade para destruílos. Pero, por máis operacións que levaron a cabo, o Cuartel Xeral nunca apareceu (supoñendo que non fose na realidade unha oficina en Hanoi).
No entanto, o primeiro ano da guerra, Estados Unidos venceu na práctica a totalidade das batallas onde loitou. Isto fíxoos pensar nunha vitoria rápida pero da que podían obter experiencia en combate para os seus oficiais, polo que decidiron enviar alí a todos os posibles. Este resultou ser outro dos erros que os levou á derrota. Os oficiais rotaban cada 6 meses no canto de cada 12, cando as estatísticas informaban de que un militar comezaba a desenvolverse ben aos tres meses e alcanzaba o seu óptimo operativo aos 10. Isto facía que as unidades se sentisen permanentemente mandadas por novatos ineptos, o que os facía candidatos ás temidas emboscadas, situación na que os soldados non dubidaban en rematar os seus xefes e calquera recruta non moi hábil. O cálculo de case 800 oficiais mortos nas mans dos seus propios homes considérase moi optimista.
Os vietnamitas
[editar | editar a fonte]Para os vietnamitas do norte e os Vietcong a presenza estadounidense só era outro inimigo imperialista máis ao que podían vencer, como fixeran xa dúas veces antes, e conseguir a reunificación do país, se non a unidade de toda a península Indochina. Foi este espírito nacionalista nun país do Terceiro Mundo, segundo autores como María Teresa Largo Alonso[8], algo que os estadounidenses non chegaron a entender e a longo prazo outro motivo da súa derrota, en frase tantas veces pronunciada polos seus líderes: "loitaremos durante mil anos".
O exército de Vietnam do Norte
[editar | editar a fonte]A guerra de Vietnam comparouse, e probablemente seguirase a comparar, con calquera outra contenda onde os Estados Unidos non gañen coa claridade que se espera do seu armamento, como na Operación Devolver a esperanza en Somalia ou invasión de Iraq. Porén a de Vietnam conta con dúas diferenzas que non se volveron a repetir dende aquela:
- Os estadounidenses e outras forzas da coalición loitaban contra un exército regular que estaba invadindo o país, ademais de contra os guerrilleiros. O EVN empregaba principalmente tácticas guerrilleiras e o adestramento estaba destinado principalmente a crear o que se pode chamar forzas irregulares. Pero era un exército regular en canto a recrutamento, organización, armamento etc. Ademais Vietnam do Norte non contaba con veciños inimigos que debese vixiar con unidades, polo que podía destinar practicamente todos os seus recursos a infiltracións no Sur.
- O exército e o país que o mandaba contaba coa axuda dunha superpotencia, como era a Unión Soviética, que lle facilitou a adquisición do máis moderno armamento e adestramento. Certamente a cantidade non era semellante á entregada polos Estados Unidos ao seu aliado, pero si era unha axuda que non pode compararse coas outras forzas que se enfrontaron aos Estados Unidos posteriormente. Esta afirmación non quere dicir que sen a axuda soviética o Norte non conseguiría a vitoria, pero si que a acelerou notablemente.
A Ruta Ho Chi Minh: o abastecemento dos guerrilleiros
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Ruta Ho Chi Minh.
Posto que a frota dos Estados Unidos facía imposible o abastecemento por mar, Vietnam do Norte decidiu reforzar, ampliar e empregar profusamente a ruta que abrira en 1959.
Esta ruta foi bautizada co nome do primeiro presidente do Vietnam moderno, Ho Chi Minh, e distaba moito de ser unha estrada, ou incluso un camiño. Discorría por Laos e Camboxa e na súa meirande parte era unha colección de vieiros e vereas empregadas para transportar todo tipo de provisións e soldados.
Pese a que se sobrevalorou a súa importancia, esta ruta foi unha peza chave na vitoria do Norte sobre o Sur. Especialmente porque nunca puido ser cortada nin detida. Utilizáronse todo tipo de técnicas dende os bombardeos masivos até o sementado de sensores intelixentes; pero pola acción dos animais, a selva, os innumerables vieiros e a perseveranza dos vietnamitas todos resultaron inútiles. Así unha vietnamita relataba no seu diario o seu esgotamento e a dor que lle producía nas costas a carga que levaba; pero tamén o desexo de seguir adiante e non ser deixada atrás polos seus compañeiros, pese a todas as privacións.
Co tempo, a ruta foi sementándose de zonas para descansar e repoñerse, ademais de cultivar alimentos para aliviar a presión sobre as mercancías transportadas. Estes centros foron obxectivo de bombardeos, de ataques por parte de mercenarios contratados pola CIA e até de incursións en Camboxa (véxase máis adiante) e Laos (véxase máis adiante). Pero, como no caso dos bombardeos, volveron resultar inútiles e a Ho Chi Minh foi unha das pezas claves para poder lanzar a Ofensiva do Tet, despois a Ofensiva de Pascua e, para rematar, a Ofensiva de Primavera, que terminou con Vietnam do Sur.
Así mesmo, foi a ruta e os postos levantados nela o que abriu as portas a que Vietnam do Norte mobilizase o seu exército cando o goberno prooccidental de Laos caeu e convertese ese país nun protectorado de facto.
O Vietcong
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Vietcong.
O Goberno Provisional da República de Vietnam do Sur aprendeu pronto o mortífero da potencia de fogo estadounidense e decidiu empregar a guerra da pulga con pequenos golpes pero de gran contundencia. En teoría tratábase de esmagar unha unidade pola superioridade numérica (dez a un, aínda que non sempre era posible esa proporción) e retirarse antes da reacción do inimigo.
Entre as axudas que conseguían nos países veciños, as que achegaba o norte e as obtidas de bombas e granadas sen estoupar dos Estados Unidos permitían un limitado fornecemento de material explosivo para fabricar bombas e bombas-trampa. O armamento era unha prioridade e as demais necesidades ocupaban un segundo plano, case oposto ao bando inimigo, onde a superioridade loxística das tropas estranxeiras non carrexaba máis que envexa e xenreira, e con ela gañas de golpear con máis forza. Un ex-membro do Vietcong recordaba:
Os nosos oficiais de intelixencia dicían que os norteamericanos tiñan filetes, cervexa e xeados nas súas bases, e que a guerra só lles ocupaba parte do seu tempo. Levabamos a guerra sobre as nosas costas onde queira que fósemos, con ou sen armas. Áo contrario deles, tiñamos poucas medicinas e ningún hospital cando nos ferían.
Ademais, a súa adaptación ao terreo permitíalles vivir agochados ou traballando durante o día e á noite realizar todo tipo de ataques empregando o terreo e a vexetación para acosar o seu inimigo. Desta forma, a noite realmente lles pertencía, porque durante esas horas eran eles quen dominaban o terreo.
O seu contacto e proximidade coa poboación local permitíalles ter acceso a alimento e información. Antes de seleccionar un obxectivo os comandantes de rexemento enviaban un explorador que tomase contacto coa poboación local e preparasen a entrada, o ataque e a retirada. Se as tres accións se consideraban posibles realizábase o ataque. Este moitas veces consistía en ondadas humanas, pero con coidado de non desperdiciar vidas humanas e limpar o terreo de cadáveres para poder honralos cunha cerimonia cando a operación terminase.
A cadea de mando dos vietcong funcionaba como a de calquera exército ou até mellor. Tanto é así que sorprenderon os estadounidenses organizando ataques a nivel de división. Unha unidade atacaba a outra inferior en número e cando se solicitaban reforzos para repeler a agresión, as forzas enviadas eran atacadas por unha unidade aínda maior que a primeira. Así conseguíase aumentar a impaciencia en auxiliados e auxiliadores contribuíndo á vitoria e ao derrubamento da moral. Esta foi unha das causas pola que fracasou a Operación Attleboro en 1966. Se os reforzos eran demasiado grandes, o Vietcong sempre podía desaparecer na selva, excepto quizais unha unidade: os pixamas negros. Esta unidade estaba formada polos homes máis motivados, vestían as clásicas pezas dos campesiños e portaban un fusil ou subfusil, un cadeado e unha cadea para atarse a unha árbore co fin de loitar sen retirada nin rendición, para ferir con forza os inimigos ou permitir a retirada dos seus compañeiros[17].
Os guerrilleiros non eran comunistas na súa maioría, nin sequera eran homes na súa totalidade. Cando algunha unidade estaba escasa de efectivos recrutaban mulleres que combatían coa mesma gallardía cós seus compañeiros masculinos. Esta fereza, determinación e renuncias sorprendeu moito aos estadounidenses, a miúdo chegados ao sueste asiático chamados a filas.
A moral dos vietnamitas
[editar | editar a fonte]Aqueles homes e mulleres miúdos e xeralmente magros sorprenderon dende entón a todo o mundo pola súa tenacidade e vontade de vencer a cantos inimigos se lles opuxesen. Esta motivación, nalgunhas ocasións, era confundida polos norteamericanos con fanatismo ou exemplos do desprezo dos líderes comunistas e ditatoriais polo seu pobo. Aínda que é certo que os dous Vietnam eran ditaduras e que foron moi comúns os casos de execucións sumarias por parte dos oficiais do EVN, os vietnamitas tiñan un gran desexo de vencer e unha fe de ferro nos seus sacrificios.
Como exemplo pode servir a testemuña dada por Duong Thi Xuan Quy ao cruzar a Autoestrada 9 ao final da Ruta Ho Chi Minh:
A miña pel estase a desfolar e estou extenuada... Cheguei coxeando e eran as seis en punto cando crucei a Autoestrada 9. A estrada non era ancha, pero tivemos que alixeirar o paso para non chamar a atención dos avións inimigos. Apareceu de súpeto ante min unha curva difuminada polo sol de verán e sementada de seixos. No entanto parecía o suficientemente intacta. Así crucei a Autoestrada 9, unha vía cuxo recordo se perpetuará na historia do noso heroico pobo.
Outro exemplo de laboriosidade sen desesperanza dérono os habitantes de Vietnam do Norte tras os bombardeos. Un membro da comunidade relatábao do seguinte xeito:
Dende que comezaron os bombardeos da "Operación Rolling Thunder", todo o Norte, excepto Hanoi e Haiphong, sufrira ataques aéreos de todo tipo: napalm, fósforo branco, minas antipersoa, alto explosivo, desfoliantes. Cada ponte, cada encrucillada, cada estación de ferrocarril, cada fábrica foran atacadas, reconstruídas, camufladas, atacadas novamente, trasladadas e reconstruídas novamente.
Para os homes provenientes de rexións temperadas, a xungla pódelles resultar un lugar hostil, amiga dos seus inimigos e inimiga súa, como crían os ingleses en Birmania durante a segunda guerra mundial[18]. Os vietnamitas debían alimentarse de serpes, ratos, lagartos e, cando había sorte, arroz; por esta razón cando os alimentos faltaban podían sobrevivir da selva sen que se resistise a súa moral e cando aqueles chegaban, tras o roubo nunha base, vivíanse momentos de euforia e satisfacción. Iso foi algo que experimentaran os franceses da Columna Alessandri na súa penosa marcha cara á China: cando os avións estadounidenses lanzaron racións de comida foi para eles un manxar[19]; cousa que para os membros das unidades estadounidenses perdidas na selva non supoñía ningunha exquisitez e até se chegaba a establecer quendas para que puidesen elixir as que máis lles gustaba[1].
O Sur recupera terreo
[editar | editar a fonte]O xefe das forzas estadounidenses en Vietnam, o xeneral William Westmoreland, solicitou e conseguiu os medios para realizar as accións que pensaba que levarían á vitoria.
As accións estadounidenses
[editar | editar a fonte]- 1. Operación Rolling Thunder: que comezou a principios de marzo de 1965 para atacar obxectivos en Vietnam do Norte e reducir ou eliminar as incursións das súas unidades no Sur. Como se demostrou despois, foi un dos primeiros fracasos tanto nos obxectivos alcanzados (pensábase reducir a industria norvietnamita en poucos días) como nas mortes de civís causadas. Ademais de constituír un constante quebracabezas para as familias dos pilotos desaparecidos en combate (en inglés MIA).
- 2. Cortar a chegada de subministracións dende o Norte. Para iso intensificáronse as accións dos Boinas Verdes nas Terras Altas Centrais formando unha milicia de montagnes e conseguindo moitos éxitos na Ruta Ho Chi Minh (algúns autores opinan que foi a máis eficiente acción dos Estados Unidos). Ao mesmo tempo a frota estadounidense bloqueou case todos os envíos por mar.
- 3. Atacar o inimigo no seu propio terreo. Intensificáronse as operacións de procura e destrución, patrullouse con lanchas o Delta do Mekong, formáronse e enviaron os SEAL para realizar accións de contrainsurxencia, entre as accións máis destacadas.
- 4. Desenvolver a campaña Corazóns e Mentes, que tanto éxito lles reportou aos ingleses en Malaisia [20], para atraer a poboación coa reconstrución de poboados, sanidade ou entrega de maquinaria agrícola.
Estados Unidos e os seus aliados lanzaron unha misión tras outra e libraron unha batalla tras outra, das que se poden destacar as seguintes (algunhas xa comentadas):
- Operación "Starlight" para acantoar o Vietcong.
- Batalla do val de Ia Drang para localizar e destruír os rexementos do EVN que fustrigaban a súa forza na zona montañosa.
- Operación "Rolling Thunder" para destruír a industria militar norvietnamita e outros obxectivos supostamente militares.
- Operación "Market Time" para cortar as subministracións chegadas por mar.
- Operación "Prairia" onde se libraron durísimos combates no chamado Cerro dos besbellos co fin de deter a infiltración pola Zona desmilitarizada.
- O emprego do Axente Laranxa para eliminar a cobertura vexetal que protexía as goridas e as posicións desde as que os guerrilleiros atacaban as tropas regulares.
Así mesmo, en decembro de 1965, a Forza Aérea puxo en marcha o Programa Big Belly para permitir que os B-52 transportasen case 10 000 kg de bombas e en abril do ano seguinte foron desprazados á illa de Guam para poder alcanzar Vietnam do Sur. Dende alí realizábase unha media de 300 saídas ao mes. Con esta nova arma logrouse derrotar en 1966 a novena división do Vietcong, para o que tiveron que realizar 225 saídas[21].
As operacións, os bombardeos e as vitorias daban unha sensación á opinión pública de pacificar o país, especialmente á dos Estados Unidos; pero a imaxe que se tiña ao chegar a calquera parte de Vietnam do Sur era de inseguridade. Así o comprobaron os soldados españois cando chegaron a Saigón en abril de 1966. Os edificios oficiais víanse protexidos por sacos terreos, o autobús que os transportaba levaba os portelos cubertos por reixas para impedir a entrada de granadas. Até no propio hotel Península, onde se aloxaron, tiveron que interromper a emisión dunha película por explosións próximas e o posterior contraataque con helicópteros. Iso dentro da propia capital do país[3].
Con esta campaña de misións e ataques o avance comunista parou case en seco. Porén o alto mando estadounidense vía varios problemas: o propio Westmoreland recoñeceu en 1965 que o número de baixas norteamericanas resultou desproporcionadamente alto, en 1966 o número de vitorias reduciuse (os vietnamitas estaban empezando a levar a iniciativa) ao que o Westmoreland respondeu solicitando, e obtendo, máis soldados e seguir empregando a artillaría, a aviación, o alto explosivo e demais medios devastadores ao seu alcance. Desta forma as operacións seguiron sucedéndose unha tras outra:
- Operación "Cedar Falls" que permitiu destruír as infraestruturas do Vietcong, infrinxirlle fortes perdas e abrir o camiño cara á vitoria.
- Operación "Junction City" para localizar e destruír o suposto cuartel xeral do Vietcong nunha batalla convencional.
- Levantar a Liña McNamara para detectar e neutralizar calquera intento de penetrar pola Zona desmilitarizada.
- Traslado dos B-52 a Tailandia para poder realizar as misións sen necesidade de reaprovisionamiento en voo.
- Aumento das saídas dos B-52 até unha media de 800 ao mes.
- Desenvolver a Forza Fluvial Móbil para patrullar o delta do Mekong co fin de patrullar, localizar e limpar os santuarios do Vietcong e calquera cargamento de armas ou subministracións que intentase infiltrar por este inmenso río.
Grazas a toda esta axuda e esforzo, o goberno de Saigón foi recuperando boa parte do territorio perdido os anos anteriores e en 1967 nos Estados Unidos críase que a vitoria estaría do seu lado en non moito tempo. Pero a desmesurada potencia de fogo empregada estaba a resultar contraproducente en moitas ocasións. Un aldeán comentaba
A aldea xa non existe[...] Foi destruída polos norteamericanos, reconstruída e despois destruída novamente por eles. Logo disto chamárona zona de fogo libre. Dixeron que, coa aldea morta, xa non había razón para que ninguén fose alí, nin sequera para visitar a tumba dos nosos devanceiros.
Do mesmo xeito, o emprego dunha arma tan devastadora como os superbombardeiros B-52 causou rexeitamento en boa parte do mundo, incluídos os propios Estados Unidos.
Outras participacións estranxeiras
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Campaña Máis bandeiras.
O presidente Johnson desde un principio tratou de atraer a tantos países como puido para dar unha idea de que o "Mundo ceibe" estaba a loitar contra o comunismo. Moitos países enviaron axuda, principalmente en forma de subministracións médicas, que é unha das axudas mellor vista pola poboación do país emisor e receptor; pero só sete países mandaron soldados á península como resposta do citado "Mundo ceibe", pese a que o adxectivo "ceibe" é máis un eufemismo ca unha realidade[1].
A máis contundente foi a ditadura coreana. Seúl decidiu apoiar o seu aliado americano, que os salvara da invasión comunista na década anterior, cun envío de forzas para misións de segunda liña, polo menos en teoría porque pronto comezaron a realizar accións de combate.
Inicialmente eran 200 homes en febreiro de 1965, é dicir, antes da entrada masiva das tropas dos Estados Unidos; pero o seu número foi aumentando até situarse en 47 829 soldados en 1967, cunha preparación e adestramento envexable. As súas tácticas eran estadounidenses, os seus adestradores na península coreana, pero os seus métodos eran propios e en moitas ocasións brutais.
A zona asignada era a costa leste do país, entre as cidades de Cam Ranh e Qui Nhon e patrullábana con gran fanatismo. Despois de todo eles coñecían de primeira man as accións dos réximes comunistas. En 1967 unha compañía surcoreana foi atacada por unha formación do EVN moi superior en número. A batalla terminou nun baño de sangue con 243 baixas para os vietnamitas e unha humillante retirada.
Os coreanos estiveron en Vietnam do Sur até marzo de 1973 coa misión de manter abertos os portos e vías de comunicación, ademais de enfrontarse aos vietcong.
Pola súa banda Australia enviou unha forza aínda maior. Os primeiros australianos na Indochina chegaron en 1962 como asesores; pero en 1965 o goberno de Canberra aumentou o continxente a 1 400. Esta achega resultaba dunha grande importancia para Estados Unidos e o seu intento de unir todo o Mundo ceibe contra o comunismo, tanto é así que aquel destacamento foi recibido polo propio xeneral Westmoreland. Ademais os australianos xa tiñan experiencia na loita na xungla, xa que combateran contra os comunistas en Malaisia xunto aos británicos[22].
As tropas do Novísimo Continente seguiron ascendendo en número até chegar aos 7 672 soldados e oficiais en 1967, que realizaron principalmente misións de procura e destrución en pequena escala por todo Vietnam, pero principalmente na provincia de Phuoc Tuy.
En 1968, co cambio da situación, fíxose necesaria a realización de misións conxuntas cos norteamericanos para defender as bases de Binh Hoa e Long Binh, pero este incremento na loita non foi nin moito menos apreciado no seu país. En Australia a participación na guerra foi moito menos popular que nos Estados Unidos e provocou gran controversia.
En decembro de 1972 retirouse o último soldado australiano deixando un balance de 46 852 participantes, 492 mortos, 2 398 feridos e 500 millóns de dólares.
Con todo, o continxente máis numeroso enviouno Tailandia cun total de 11 568 soldados. Ademais permitiu aos Estados Unidos empregar o seu territorio para operar os B52, os cazas e avións de recoñecemento e o Centro de Vixilancia da Infiltración. O temor a que Vietnam quixese apropiarse de toda a península de Indochina e estender o comunismo contribuíu moito para enviar unha participación tan numerosa.[3].
As accións vietnamitas
[editar | editar a fonte]Pola banda vietnamita o EVN e sobre todo o Vietcong tiñan moi claro que a súa táctica de atacar e causar todo o dano posible volvería ser a correcta. Novamente se facía certa a metáfora:
Será unha pelexa entre un elefante e un tigre. Se o tigre queda parado o elefante esmagarao sen remedio; pero o tigre nunca quedará quieto. Saltará sobre o lombo do elefante arrincándolle grandes pedazos de carne para esconderse despois na xungla. Así o elefante morrerá desangrado.[23]
Esta frase pecha a esencia cruel e ás veces atroz daquela guerra, como adoitan ser todas as guerras de guerrillas. Un membro do Vietcong explicouno claramente:
Os nosos camaradas non sentían mágoa. Sabían que tiñan que matar tantos norteamericanos como fose posible. Dixérannos que masacráramos tantos soldados imperialistas como puidésemos xa que, se ascendía o número de norteamericanos mortos, o pobo estadounidense —ao que non gustaba esta guerra— derrocaría o seu goberno.
Así mesmo a frase anterior contén outra das bazas que soubo xogar extraordinariamente o pobo vietnamita: a utilización do terreo no seu propio beneficio. Na xungla podían ocultarse sen seren vistos nin tan sequera por visores luz de estrela ou de infravermellos, podían crear refuxios máis ou menos seguros e podían esconderse tras unha emboscada ou para fuxir dunha acción de pescuda e destrución. Os vietnamitas sabían utilizar a hostil selva no seu beneficio, algo que os estadounidenses non chegaron a comprender de todo, como demostra o desexo de terminar coa vexetación con defoliantes ou converter o terreo nunha lameira baldía a base de bombas.
As leccións que os Estados Unidos de América non aprenderon
[editar | editar a fonte]Pese ao extraordinario esforzo realizado e á sensación de triunfo, Estados Unidos non terminara de comprender o tipo de guerra na que loitaba e o inimigo ao que se enfrontaba. Esta incomprensión pálpase nas continuas estatísticas e informes cuantitativos solicitados e manexados polos mandos sen prestar excesiva atención aos discursos dos dirixentes comunistas[8]; mostrando que se comportaban como en calquera guerra convencional, onde o importante son os datos do potencial inimigo, en lugar dunha guerra de guerrillas, onde o vital é separar os guerrilleiros do apoio popular.
Así mesmo a Zona Desmilitarizada seguía sendo un foco de infiltración comunista, pese aos duros combates librados alí, pese á Liña McNamara e a súa avanzada tecnoloxía e ás baterías instaladas.
Peor era a situación no chamado Triángulo de Ferro, unha zona a 50 km de Saigón callada de túneles do Vietcong e cheos de vietcong e soldados do EVN. Aquela zona sempre foi unha daga sobre a capital do Sur, a medio camiño entre os refuxios seguros en Camboxa e a principal cidade do Sur, xunto ás súas áreas máis ricas. A Operación Attleboro foi o exemplo dunha grande operación montada para localizar e destruír os refuxios e as unidades, pero os soldados da 196ª División de Infantaría Lixeira recibiron unha formidable malleira cando o intentaron en agosto de 1966. Os comunistas lograron evitar o cerco e refuxiarse en Camboxa. Novamente se intentou en xaneiro de 1967 no marco da Operación Cedar Falls e novamente se libraron combates, pero o Vietcong fixo o que os norteamericanos consideraban imposible: desaparecer. Capturouse gran cantidade de material e destruíronse moitos túneles, pero a maioría das forzas guerrilleiras volvera zafarse do ataque.
A maioría da Administración Jonhson defendía a idea de incrementar os fondos e o persoal destinado ao sueste asiático, pero Robert McNamara, un dos primeiros e máis ferventes defensores da intervención estadounidense, comezou a ter dúbidas en 1966 e a suscitar abertamente a imposibilidade de gañar esa guerra en 1967. Segundo el a iniciativa dos combates levábana os comunistas, eles podían elixir cantas baixas sufrir e cantas infrinxir aos seus opoñentes, desta forma, afirmaba McNamara
Manterán as súas perdas a un nivel suficientemente baixo para poder aguantar indefinidamente, pero suficientemente alto para tentarnos a aumentar as nosas forzas até o extremo de que a opinión pública norteamericana rexeite a guerra.
Unha opinión semellante tiña a CIA, axencia que tamén postulaba a imposibilidade de gañar o conflito por medios unicamente militares.
1968, o ano en que a guerra mudou o rumbo
[editar | editar a fonte]Até o ano 1968 existía certa autocompracencia nos mandos militares norteamericanos pola marcha da contenda. Pese ás baixas e ás manifestacións contra a mesma, as vitorias obtidas e o terreo recuperado facían pensar que se estaba no bo camiño[8], existían informes de intelixencia que anunciaban unha grande ofensiva comunista, pero os devanditos informes non eran suficientemente claros ou fiables. Xa o ano anterior se lanzara unha grande operación, a Cedar Falls, a consecuencia doutra tamén grande operación de intelixencia, a Operación Rendezvous, pero non conseguiu máis contactos co Vietcong dos habituais[1].
Por estes motivos 1968 foi unha sorpresa para practicamente todos os militares, políticos e analistas, arruinou todas as expectativas estadounidenses e demostrou a tenacidade e perseveranza do pobo vietnamita.
A bandeira ondea en Khe Sanh
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Sitio de Khe Sanh.
O mes de xaneiro de 1968 comezou para os estadounidenses cun forte bombardeo na base de Khe Sanh que, cercada por dúas divisións do EVN mais outros efectivos do Vietcong, ameazaba con converterse nunha desfeita para os vitoriosos ánimos norteamericanos. O Alto Mando realizou un esforzo enorme por manter esa posición no seu poder[10]. Estados Unidos non deixou de enviar avións con subministracións, e cando as aterraxes foron imposibles desenvolveron a saída da carga con paracaídas, socorreron os asediados por medio da Operación Pegasus, tomaron os outeiros que rodeaban as instalacións etc. para reter a posición. Parecía que aquela loita sería unha das poucas de grande envergadura que as minguadas forzas guerrilleiras podían emprender tras case tres anos de loita.
Durante ese sitio os marines tomaron a cota 811 e izaron nela a bandeira das barras e estrelas. Isto recriminouno o mando, pois era territorio de Vietnam do Sur, pero alegaron que o único sangue derramado alí era o norteamericano e así deron título a esta parte da contenda, aínda optimista.
A Ofensiva do Tet
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Ofensiva do Tet.
A finais de xaneiro dese ano, cando se celebra o aninovo vietnamita (a festividade do Tet) 38 das 52 capitais de Vietnam do Sur foron atacadas e moitas practicamente tomadas. A antiga capital do Imperio Vietnamita, Hué, caeu en poder dos rebeldes e tardou varios días en ser recuperada, Saigón estivo en estado de sitio e a propia embaixada dos Estados Unidos foi atacada por un comando suicida que case chega ao interior do edificio.
A sorpresa foi total para os norteamericanos e o ARVN. Aí se atopa outra clave da derrota dos Estados Unidos nesta guerra: a intelixencia militar non era capaz de ofrecer información clara e concreta do que estaba a pasar e do que se aveciñaba. Pese ás toneladas de documentos incautados ao inimigo nas operacións, o emprego masivo de fotografía aérea e, ao final do conflito, de satélites espía, á dispersión de miles de sensores pola selva e ao emprego dos moi sofisticados, para a época, ordenadores de terceira xeración, a Axencia de Seguridade Nacional non era consciente dos preparativos para a ofensiva, nin da magnitude dos complexos de túneles que tanto axudaron a ela, nin da existencia ou non dun cuartel xeral do EVN en territorio sudvietnamita. Así se chegaba en moitas ocasións a situacións onde os oficiais de intelixencia marcaban como brancos importantes lugares que non sabían realmente se o eran ou non, pero que en caso de selo faríanos subir puntos. Naturalmente eses lugares debían ser inspeccionados pola infantaría, que se xogaba a vida por eles no canto de que traballase a intelixencia para evitarlles eses riscos.
Con todo a Ofensiva do Tet tamén gardaba unha pequena sorpresa para o mando norvietnamita. Os soldados do sur resistiron o ataque con poucas desercións e si gañaron varias loitas encarnizadas. O poder aéreo varreu case por completo os guerrilleiros do Vietcong (uns 40 000 mortos segundo os estadounidenses) e poucos días despois todo o territorio gañado polos guerrilleiros era recuperado, perdendo o EVN boa parte dos efectivos que tan penosamente conseguira levar ao sur[24]. A Ofensiva do Tet volvía a ser un fracaso como o foi 14 anos antes.
Moito se discutiu se o resultado era ou non o desexado por Giap e os xerarcas de Hanoi, pero as opinións son case unánimes sobre os efectos carrexados en Estados Unidos.
Unha imaxe para a posteridade da Ofensiva do Tet foi a fotografía do Xeneral Nguyen Ngoc Loan asasinando o membro do Vietcong Nguyễn Văn Lém, en Saigón. A imaxe pode verse aquí.
O derrubamento da moral
[editar | editar a fonte]Paradoxalmente unha vitoria como esta fixo ver aos norteamericanos comúns que os rebeldes non só podían dar un bo susto aos seus soldados senón que podían atacar calquera lugar de Vietnam do Sur, podían entrar na súa embaixada e violar o seu territorio. Resultaran inútiles tantos bombardeos, tres anos de loita con abundantes baixas, a riada de millóns enviados e a multitude de manifestacións e contramanifestacións? Así se produciu o que algúns autores denominaron «O colapso da moral». Tantas mensaxes de vitoria eran pouco menos que un engano.
De pouco serviron os comunicados sobre o altísimo índice de baixas inferido ao Vietcong e ao EVN, a resistencia que demostrou o ARVN ou os achados das matanzas de Hué. As manifestacións de protesta multiplicáronse. Moito máis cando en 1969 se fixeron públicos os feitos acaecidos en My Lai. O descubriren que as atrocidades cometidas polos nazis durante a segunda guerra mundial podían estar repetíndose en Vietnam, era un acicate que deixaba a poucos indiferentes, especialmente cando se constatou que o sistema de medir o cumprimento dos obxectivos podía converter actos como o de My Lai na punta do iceberg.
Esta foi outra das características da guerra de Vietnam: os problemas de integración que sufriron moitos veteranos á súa volta. O arriscar a súa vida nunha xungla indómita, contra unha poboación sempre sospeitosa ou até hostil, esgotándose en extenuantes marchas entre trampas e riscos de ataques, todo por un país que, á súa volta, lonxe de agradecérllelo, desprezábaos ou até os acusaba de asasinatos e atrocidades parecidas (máis aló de se participaran nelas ou non). Certamente non era a totalidade da poboación pero só o feito de que unha parte cada vez máis numerosa da mesma tivese este sentimento afectaba moito aos combatentes que, como todo combatente, volvían pensando que o país polo que se arriscaron os ía consentir e querer.
A vietnamización
[editar | editar a fonte]Pese a que este termo e esta idea xa fora suscitada polo presidente John F. Kennedy a principios dos anos 60 do século XX non foi até a vitoria de Richard Nixon cando comezou a levarse á práctica.
Levada á práctica polo famoso analista Henry Kissinger a vietnamización perseguía fortalecer e preparar o ARNV para defender o territorio do Sur que mantiña baixo o seu control (aproximadamente o 94%). Ao mesmo tempo debía crear un contexto para desafogar o réxime do presidente Thieu do acoso constante ao que o sometían os comunistas do Vietcong e de Vietnam do Norte. Deste xeito ofreceríalle unha posición máis forte nas negociacións que debían establecerse para atopar unha saída: xa en febreiro de 1969, Kissinger reuníase secretamente en París con dirixentes comunistas para estudar posibles condicións de paz.
Nixon di mudar o rumbo
[editar | editar a fonte]Discútese se, tras a Ofensiva do Têt en 1968, o Presidente decidiu a progresiva desvinculación do conflito ou se esta decisión foi uns meses despois, tras a Batalla do Outeiro da Hamburguesa. O que indubidablemente si sucedeu foi a percepción do presidente Johnson de non contar xa coa maioría da cidadanía.
Pese a todo, os envíos de tropas continuaron e en 1969 aumentou o número de norteamericanos a máis de 500 000, pero para entón o Presidente xa sabía que aquela guerra ía custarlle a reelección e non se presentou ás lexislativas.
Johnson deixou a Casa Branca en 1969 e Richard Nixon foi elixido novo presidente. Os eixes sobre os que basearía a súa política sobre Vietnam serían:
- Retirada progresiva de tropas.
- Manter o apoio financeiro ao goberno de Vietnam do Sur.
- Conseguir unha paz con honra levando a Vietnam do Norte e o Vietcong á mesa de negociacións a base de bombas, se for preciso.
- Non estender os bombardeos e as accións bélicas a ningún outro país.
O segundo punto do proxecto foino cumprindo progresivamente. Non se pode dicir o mesmo dos demais. Este feito, o prometer unha cousa dentro dun tema de capital importancia, facer exactamente o contrario e volver gañar as eleccións quedou como exemplo en moitos estadounidenses de como un gran "vendedor de coches" pode arrastrar todo un pobo[25]. Tamén proba a determinación de Nixon para non ser o único presidente dos Estados Unidos en perder unha guerra[1].
Nixon amosouse implacable cos bombardeos para obrigar a Hanoi a sentar na mesa. Negociáronse todos os detalles para que parecese unha paz honrosa: chegaron a suspenderse momentaneamente os preparativos da conferencia para atopar unha forma de entrar as catro delegacións á vez (en diplomacia, a orde de entrada marca os vencidos e os vencedores), mesmo se parou todo até decidir se a mesa sería redonda ou cadrada, mentres continuaban os combates e as mortes.
Tras a retirada do Norte das negociacións renováronse os ataques aéreos para obrigalos a reincorporarse. Cando o fixeron pretendeuse presentar como unha vitoria, pero o certo é que Hanoi non cambiou substancialmente as súas esixencias que obrigaban, entre outras cousas, ao Sur a non poder reconquistar territorio.
Respecto á non extensión da guerra, Nixon ordenou unha campaña secreta de bombardeos sobre Laos, que rapidamente foi coñecida e publicada entre outras cousas por ser Laos o país máis bombardeado da Terra, con máis de 2 500 000 bombas de todos os tamaños[26]. Así mesmo o ARVN invadiu parcialmente ese país con pésimos resultados e o mesmo fixeron con Camboxa acompañando os estadounidenses. Isto terminou de estender o conflito a esas zonas, xa en guerra civil contra movementos guerrilleiros.
Outro problema que afrontaron foi a recompilación de abundante información sobre a organización e disposición das forzas inimigas. Por volta de 1969 a CIA, que levaba moito tempo insistindo en que aquela guerra non podía gañarse por medios convencionais, xa tiña listo o seu Programa Phoenix que comezara en 1967 para ser máis selectivos e causar menos carnizarías con bombardeos e granadas de alto explosivo. Mais pese aos esforzos de varios mandos e oficiais no sentido contrario, o Programa Phoenix terminaría sendo máis un terrorismo de Estado que unha fonte de información fidedigna.
Mentres, o Exército dos Estados Unidos levou centos de oficiais de ARNV a cursos de instrución para mandos, pilotos e persoal de mantemento do custoso material que lles regalaría (especialmente medios aéreos). Pero os progresos resultaron moi lentos e víanse entorpecidos pola corrupción crónica (os mandos seguían sendo seleccionados segundo os compromisos dos dirixentes políticos e non polas súas calidades militares). Nesta mesma liña os oficiais estadounidenses comezaron a ver que regalarlles helicópteros e substituílos cando fosen derrubados non conducía a nada se os pilotos continuaban tendo unha capacitación como máximo mediocre.
A retirada de tropas comezou en 1970, empezando polo persoal de infantaría para terminar cos pilotos dos que sempre estaba necesitado o ARNV para o seu vital apoio aéreo. Para esta misión o xeneral Westmoreland foi retirado das súas funcións e regresou ao Pentágono.
A guerra espállase
[editar | editar a fonte]Os dous veciños neutrais de Vietnam do Sur, Laos e Camboxa, estaban sendo incapaces de conter a agresión dos seus guerrilleiros comunistas e tampouco lograban cortar a Ruta Ho Chi Minh, que fora moi importante na preparación das principais ofensivas.
Se Estados Unidos pretendía que o seu aliado puidese sobrevivir a unha guerra co Norte debía cortar esas vías de infiltración e, de paso, terminar co Cuartel do Exército Norvietnamita, vello espellismo que pensaban atoparían en Camboxa e finalmente poderían librar e gañar unha batalla convencional.
A principios de 1969, o recentemente elixido Richard Nixon comezou unha campaña de bombardeos secretos sobre Laos e Camboxa. Os pilotos debían engalar, ir a unha posición determinada e agardar ordes. Unha vez na posición os controladores dábanlles as coordenadas que debían atacar. Á volta os mesmos controladores deberían destruír todo documento sobre estas incursións en territorio neutral. Pese a todas as precaucións, en menos dun mes o New York Times xa publicaba noticias sobre estes documentos (filtradas por membros da Forza Aérea desconformes con estas operacións). Segundo a edición de 1986 do Libro Guinness dos Récords Laos foi o país máis bombardeado do planeta con varios megatóns de bombas convencionais.
Estes bombardeos perseguían un obxectivo táctico: cortar a Ruta Ho Chi Minh, e outro máis estratéxico: demostrar a Vietnam do Norte que a nova presidencia estaba disposta a todo con tal de terminar con aquela guerra, até a opción nuclear. Pero os vietnamitas do norte non se amedrentaron por iso e continuaron co seu fluxo cara ao sur.
A invasión de Camboxa
[editar | editar a fonte]O 14 de abril de 1970 o ARVN realizou unha primeira incursión e o 29 de abril o tenente xeneral Do Cao Tri lanzou os seus 12.000 homes sobre o Pico de Papagaio (véxase o mapa). Pero foi o 1 de maio de 1970 cando o xeneral Robert Shoemaker enviou a orde de avanzar sobre o Pico de Papagaio e o Anzol aos oficiais destacados na fronteira con Camboxa. Aínda que algúns a tomaron con resignación, na súa maioría estaban contentos de poder golpear o santuario do Vietcong e, especialmente os vietnamitas, de vingar todos os mortos que os camboxanos enviaran flotando polo río Mecong.
A incursión estivo precedida de grandes bombardeos que causaron moitos mortos entre os campesiños o que, a longo prazo, foi terrible para o goberno prooccidental de Camboxa, pois as guerrillas comunistas conseguiron lexitimidade e máis voluntarios para a súa vitoria. Nixon era consciente das repercusións que traerían aquelas accións pero, como el mesmo declarara, prefería perder a reelección a ser o primeiro presidente en perder unha guerra.
A incursión no Anzol atopou algunha resistencia de grupos esporádicos que, como era costume, desaparecían na selva tras un breve tiroteo. Aínda que a resistencia foi incrementándose algo por parte do EVN, nin sequera na localidade de Snuol a oposición intentou resistir a potencia de fogo despregada polos M40 Patton. Axiña, as localizacións de artillaría do EVN foron capturadas e enviáronse 100 carros de exploración Sheridan que atoparon resistencia. Utilizando toda a potencia de fogo venceron a resistencia, arrasaron o poboado e, mentres interrogaban aos campesiños, saquearon todo o que puideron.
Os camboxanos informaron que había toda unha cidade guerrilleira na xungla. Pouco despois un helicóptero Lonch avistaba unha casa ben camuflada e comezou o bombardeo de artillaría e aviación. Cando os infantes puideron entrar no que eles mesmos chamarían A Cidade atoparon 400 cabanas de palla e 180 escondedoiros albergando subministracións médicas, alimentos, roupa; ademais de 480 fusís e 120 000 cartuchos.
Entre as dúas incursións acháronse 4 793 armas individuais, 730 morteros, 7 285 foguetes, 124 camións, tres millóns de cartuchos de fusil e nove millóns de quilogramos de arroz, ademais de abundante documentación. A Cabalaría Aerotransportada realizou 6 436 saídas para levar a Vietnam do Sur as 25 000 toneladas capturadas.
O 30 de xuño todos os soldados volveron ás súas bases.
En toda a incursión morreron 354 norteamericanos e resultaron feridos 1 689. O ARNV dixo perder 866 homes e ter feridos a outros 3 274. Ademais o Presidente dixo capturar subministracións e armas para todo un ano e ter matado 11 349 inimigos, aínda que a propia CIA cualificou ese reconto de altamente sospeitoso.
Para Nixon era como un agasallo de Nadal e ordenou o envío de 31 000 soldados máis a Camboxa para destruír todo o que non se puidese transportar. Con todo o famoso cuartel do EVN para Vietnam do Sur (o COSVN) non apareceu e si fortes manifestacións nos Estados Unidos, sendo a de Kent State a máis dura de todas.
Con todo, estes ataques e os bombardeos estadounidenses animaron a poboación en contra do seu goberno, que non podía ou non quería defendelos, e acenderon os sanguinarios Khmer vermellos, que xa combatían dende había anos e lograran consolidar unha base de operacións no norte do país. Con esa base e un pobo desexoso de terminar co seu corrupto goberno, o terreo estaba disposto para que os campesiños da morte sementasen aqueles campos.
Entrando en Laos: o camiño do inferno
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Operación Lan Som 719.
Autorizada o 18 de xaneiro de 1971 e nomeada como a famosa vitoria vietnamita sobre os chineses en 1427, a Operación Lam Son 719 tiña como obxectivos desbaratar calquera posible ofensiva comunista sobre Vietnam do Sur durante todo un ano. Laos era considerada a fronteira máis empregada para o fornecemento de material e armamento ás guerrillas e debía ser golpeada con contundencia por dous motivos:
- Dar máis tempo ao ARVN para culminar unha preparación que lle permitise derrotar o EVN.
- Advertir aos norvietnamitas de que Nixon estaba disposto, como no caso de Camboxa, a utilizar todos os medios ao seu alcance para forzar a paz.
Para isto planificouse e lanzou a Operación Lan Som 719.
O obxectivo militar de Lam Son 719 era abrir un corredor de 25 km de ancho por 35 de longo entre a fronteira de Vietnam do Sur e a cidade laosiana de Tchepone. Iso cortaría a Ruta Ho Chi Minh e detería as operacións dos guerrilleiros no Sur.
Desgraciadamente para o xeneral Xuan Lam e os seus homes, o EVN opuxo moita máis resistencia e con moitas mellores armas que un ano antes en Camboxa e, a metade de camiño, as numerosísimas baixas sufridas na Estrada 9 e nos outeiros ao norte desta obrigaron a deter o avance e comezar a evacuación en helicópteros.
As imaxes de centos de helicópteros entrando en Vietnam do Sur ateigados de atemorizados feridos frustrou as esperanzas de moitos en poder contar co ARVN para defender só Vietnam do Sur.
O desastre de Lan Som 719 custou ao exército de Vietnam do Sur case 10 000 homes, o que supuxo algo menos da metade dos efectivos cos que contaba e unha derrota que facía temer pola operatividade dese exército no futuro.
Con todo, dous anos despois os vietnamitas do sur demostraron que aínda lles quedaban cartas por xogar fronte ao mesmo inimigo que tan duramente os expulsou.
O poder da tecnoloxía contra o poder da tecnoloxía
[editar | editar a fonte]Sobre a guerra de Vietnam, como sobre calquera conflito librado entre un país grande e outro pequeno, existen varios tópicos que non son de todo certos por máis repetidos que sexan. Un deses tópicos é a afirmación de que os vietnamitas loitaban con armas rudimentarias contra a máis avanzada tecnoloxía. Certamente varios informes de intelixencia mostraban que o Vietcong obtiña a maior parte do seu material de exército do Sur e das minas e outros artefactos sen estoupar lanzados polos Estados Unidos[8]. Hai rexistros de que o Vietcong e o EVN preparaban trampas case artesanais, como as estacas punji cubertas de excrementos para acelerar a gangrena ao soldado que a pisaba. Pola súa banda Estados Unidos empregaba as bombas lazy dogs cargadas con miles de coitelas para xerar unha morte máis lenta ás vítimas que atopasen ao seu paso.
Aínda que sexa verdade que os Estados Unidos utilizou en Vietnam os máis sofisticados produtos electrónicos de que dispoñía (detectores de movemento, bombas intelixentes guiadas por láser, helicópteros artillados etc.) non é menos certo que os vietnamitas do norte, e algo menos os membros do Vietcong, dispoñían do mellor que o arsenal soviético producira, especialmente na segunda e terceira parte da contenda.
Así a reconquista dos outeiros de Laos debeuse, en boa medida, á intervención dos carros de combate enviados pola URSS. Do mesmo xeito os veteranos norteamericanos queixábanse en moitas ocasións de teren que combater con armas que non funcionaban, polo mal funcionamento do M-16 fronte ao AK-47 (pola súa sinxeleza e fiabilidade).
Durante as incursións aéreas sobre Vietnam do Norte dos anos sesenta e setenta Hanoi lanzou os seus MIG-17. Os occidentais ao principio pensaban que o MIG 17 era unha simple mellora de aparello anterior utilizado na guerra de Corea, na década anterior[27]. Con todo os pilotos vietnamitas terminaron de demostrar que dispoñían dun aparello totalmente diferente, moito máis manexable e máis certeiro. Aínda máis sofisticados era os mundialmente famosos reactores MIG-21, un aparello concibido en 18 meses e desenvolvido a finais dos 50[27] que realizou numerosos derrubamentos de todo tipo de avións estadounidenses (incluídos os F-4 Phantom lanzados na súa contra). Aínda mellor era o MIG-23 que entrou en servizo cando o conflito xa terminaba.
En varias publicacións destacáronse proezas aéreas como as realizadas polo tenente Randall Cunnigham aos mandos do seu Phantom[28], pero o certo é que os pilotos vietnamitas derrubaron multitude de cazas e bombardeiros coas dúas máquinas antes mencionadas, pese a contar con menor mantemento e sobre todo menor adestramento que os seus inimigos. Un vietnamita que non desexaba ser identificado describíao do seguinte xeito:
A fiabilidade e resistencia do armamento vietnamita foron superiores ao estadounidense. Tanto é así que moitas desas armas, coma o AK-47, foron posteriormente algúns dos enxeños máis vendidos en todo o mundo, grazas á súa altísima relación calidade-prezo, por riba dos seus homólogos estadounidenses. O MIG-21 resultou un avión tan sobresaínte que nacións como a República Checa nos anos 90 do século XX decidiron dar de baixa modelos máis modernos e modernizar estes aparellos[29]. Para rematar, o MIG-23 fixo render certa preocupación na Forza Aérea dos Estados Unidos e levounos a comezar o desenvolvemento dunha nova xeración de cazas[27].
A Ofensiva de Pascua: o ARVN resiste
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Ofensiva de Pascua.
Ás dúas da mañá do 30 de marzo de 1972, a artillaría e os mísiles do EVN atacaron as posicións do ARVN na zona desmilitarizada cunha potencia tal que recordaba os peores momentos en Khe Sanh.
12 000 proxectís, 4 000 homes e 200 blindados lanzáronse contra as posicións survietnamitas co fin de dominalas, cercar Quang Tri e volver ocupar Hué, como xa conseguiran en 1968. Pero non era a Ofensiva do Tet, esta chamaríase a Ofensiva de Pascua.
Pouco despois, dende Camboxa, outra incursión avanzou pola rexión do Anzol e o Pico de Loro[Cómpre referencia] e cercou as cidades de An Loc e Tay Ninh, camiño de Saigón. Unha terceira vaga saíu do sur de Camboxa para infiltrarse no delta do Mecong.
Con todo, isto só resultou un engado para distraer a atención do ataque principal que se lanzou días despois no centro do país sobre a cidade de Kontum.
As imaxes de estradas inundadas por desprazados, avións tratando de levantar das súas ramplas con homes colgados delas e vehículos ateigados de asustados vietnamitas parecían dar a idea de que aquel réxime terminaría en poucos días.
Giap lanzou sobre o sur a práctica totalidade do seu exército coa intención do aterrorizar os soldados do sur, desfacer o exército inimigo e dar o golpe de graza ao réxime de Saigón. Con todo a realidade foi diferente.
Foi necesario un golpe deste tipo para que o timorato presidente Thieu relevase do mando o xeneral Giai e o tenente xeneral Ngo Dzu (covardes e corruptos) e colocase á fronte dos seus homes o xeneral Ngo Quang Truong, cualificado por algúns como o mellor oficial de Vietnam do Sur [1]. Este home enérxico detivo as retiradas e ordenou que todos os desertores e saqueadores fosen executados.
Co novo mando e, quizais, loitando desesperadamente para que non se repetisen de novo as atrocidades de 1968 Hué puido ser salvada ao mesmo tempo que Kontum e An Loc resistiron un ataque tras outro. Todo isto aumentou a confianza dos soldados no seu exército.
Alén do Pacífico Nixon declarou que lanzaría un ataque como o que xamais verían e cumpriuno. Os 700 avións desprazados ao sueste asiático, incluídos os B-52 cos seus 24 500 kg de bombas, e os buques fondeados nas augas de Vietnam do Sur lanzaron un feroz ataque que detivo nunhas ocasións e desintegrou noutras ás unidades do norte.
Giap volveu á súa táctica de lanzar onda tras onda, que funestos resultados lle deu en Dien Bien Phu, até quedar sen efectivos. Ao mesmo tempo os carros de combate recentemente traídos da URSS foron esnaquizados polos cazas estadounidenses ou polos soldados do ARVN cos seus lanzagranadas portátiles.
Finalmente as incursións do EVN detivéronse e os bombardeos cesaron, paralizándose a ofensiva. As perdas para Hanoi foran terribles e quedou case sen folgos para realizar operacións de certa envergadura en 1973 e 1974. Conquistara máis do dobre de territorio de Vietnam do Sur do que tiña até entón (do 3,7% ao 9,7%) aínda que o 15% destas conquistas as perdeu nos seguintes anos fronte ao ARVN, que xa loitaba só.
O fracaso da vietnamización
[editar | editar a fonte]Certamente o programa de vietnamización lograra éxitos. Entre eles podemos citar:
- Infrinxir un duro golpe á infraestrutura do Vietcong e o EVN na veciña Camboxa.
- Apoderarse de abundante munición, provisións e subministracións destinados ao Sur.
- Armar o réxime de Thieu con abundantes provisións de munición e equipo (esta mesma opción tomárona os soviéticos antes da súa retirada en Afganistán[30]).
- Reducir os cadros de mando dos comunistas polas accións terroristas do Programa Phoenix.
- Resistir o grande ataque que supuxo a Ofensiva de Pascua.
Con todo os vietnamitas lograran pola súa banda:
- Aumentar o territorio baixo o seu poder.
- Causar unha seria derrota ao ARNV en Laos.
- Conservar a súa capacidade de acción e as súas liñas de abastecemento.
- Manter a moral de combate das súas tropas, danada polos bombardeos e a eliminación dos seus membros.
Os logros obtidos polos vietnamitas comunistas coinciden case totalmente co que a Administración Nixon pretendía evitar. Por este motivo o resultado final da vietnamización pode cualificarse de fracaso[8]. Esta opinión parecen confirmala as ordes que daría Nixon de bombardear masivamente Vietnam do Norte e minar tanto os portos como os estuarios, accións todas elas case desesperadamente para conseguir un acordo de paz.
A vitoria do norte e a derrota dos Estados Unidos de América
[editar | editar a fonte]Pese ao que os acontecementos demostraron despois, en 1972 e 1973 a derrota do Sur non estaba clara para ningunha das dúas partes. Por unha banda combatían xa a soas, pero pola outra estaban recuperando territorio e os Estados Unidos entregoulles 2 500 millóns de dólares en armas e municións, suficiente para resistir durante varios anos.
Tampouco as circunstancias internacionais llo poñían doado a ningún dos dous bandos.
Problemas económicos
[editar | editar a fonte]A pesar da xenerosa carga do arsenal que deixaran os norteamericanos, a saída da guerra reduciu por dúas veces as axudas económicas ao réxime de Saigón (primeiro por Nixon e despois polo Congreso) até deixalas en 700 millóns de dólares anuais.
Este recorte nas axudas aumentou aínda máis en 1975, o que obrigou a deixar en terra máis de 200 avións, a metade da forza aérea survietnamita.
A crise do petróleo aumentou o prezo dos alimentos e outros produtos de primeira necesidade en todo o Sur, o que obrigou a moitos soldados a realizaren traballos extras fóra das filas ou a deixar o seu posto para poderen gañar o suficiente como para manter as súas familias reducindo, está claro, o tempo dispoñible para adestramentos e operacións.
Para o norte as cousas non marchaban moito mellor. A política de achegamento de Nixon á China (a famosa Diplomacia do Ping Pong de 1971 e a visita a Pequín de Nixon en 1972[31]) facía pensar nunha diminución da axuda militar do xigante asiático a Vietnam do Norte.
Unido a isto a URSS tamén baixou as súas xenerosas achegas de fondos e armas ao ter que preocuparse da seguridade da súa fronteira coa China, na que chegaron a darse enfrontamentos esporádicos.
As Linebaker: os bombardeos sobre o Norte
[editar | editar a fonte]No 8 de maio de 1972 Richard Nixon suspendeu as negociacións de París polos continuos ataques do EVN e ordenou a campaña de bombardeos Linebaker para minar os portos, os obxectivos militares, as vías férreas, as instalacións petrolíferas, os aeródromos e os peiraos de todo Vietnam do Norte. Segundo as fontes estadounidenses, o Presidente estaba indignado polas continuas incursións do Norte sobre o Sur e dixo que aqueles vietnamitas ían sufrir un bombardeo como nunca antes sufriran. El tiña moi presente que a Operación Rolling Thunder desgastara moito ao seu antecesor e unha moito máis dura faría o mesmo con el, pero era home enérxico e non dubidou en ordenar a saída dos B-52.
Nesta ocasión os Phantom e os B-52 (na segunda parte) ían equipados con bombas intelixentes, que tan famosas se farían en conflitos posteriores, e, segundo a Administración Nixon, só atacarían brancos militares ou económicos, nunca zonas habitadas por civís. Desta forma, dicían eles, a ferocidade das bombas veríase compensada coa súa precisión. Con todo os vietnamitas víano dunha forma moi diferente, como comentaba un membro da súa comunidade:
Os norteamericanos din que bombardeaban obxectivos militares ou económicos e declararon que nós os colocabamos xunto ás nosas escolas e hospitais. Só son escusas para a terrible cantidade de vítimas que ocasionaron entre a poboación civil. As escolas e hospitais foron construídas nos tempos dos franceses, antes das hostilidades, e nós non eramos tan estúpidos como para atraer o fogo sobre os nosos fillos ou colocar obxectivos potenciais xunto a eles. A súa definición de "bombas de precisión" non pode manterse á vista de veciñanzas enteiras destruídas, como as zonas densamente poboadas de Kham Thien, ou o hospital de Bac Mai, de 1 000 camas, ambos destruídos por bombas.
Esta campaña de bombardeos foi aínda máis terrible que a Rolling Thunder da década anterior e a eficacia destas armas superou moitísimo ás anteriores. Nesta ocasión lanzáronse 155 548 toneladas de bombas en 41 000 misións. Así as fábricas foron destruídas case por completo, o mesmo que as vías férreas (incluída a famosa ponte de Thanh Hoa que foi alcanzada por 15 bombas guiadas por láser e derrubouse). As cidades aínda intactas de Hanoi e Haiphong tamén foron atacadas por primeira vez no conflito.
Segundo as fontes occidentais os bombardeos non perseguían levar a Vietnam do Norte de novo á mesa de negociacións, senón demostrar a Vietnam do Sur que os seguirían apoiando pese a retirar os seus soldados. No entanto Nixon desexaba unha saída honrosa da que sería a primeira derrota para o seu país e esta circunstancia tamén influíu en lanzar os bombardeos.
Dende o punto de vista estadounidense as operacións Linebakers minguaron a moral vietnamita e o goberno de Hanoi comezou a pensar en volver á mesa de negociacións. Certamente a situación na que os avións norteamericanos colocaron o pobo vietnamita foi moi dura, un vietnamita relataba:
A sirena soaba nalgunhas ocasións até 20 veces por día. As incursións continuaban de noite, obrigándonos a saír da cama no medio do frío invernal e meternos nos húmidos refuxios.
O 23 de outubro os bombardeos pararon e retomáronse as negociacións.
Con todo, uns meses logo de cesar os bombardeos os xerarcas de Vietnam do Norte non viron satisfeitas as súas demandas para comezar a negociar e retiráronse novamente. Por aquelas datas recibiran da URSS mísiles SAM (terra-aire) e confiaban en presentar resistencia aos novos ataques, pero ademais coñecían a resistencia do seu pobo e a situación nos Estados Unidos polo que a ameaza de novos ataques non os impresionaba demasiado.
Nixon, habitualmente firme nas súas decisións e enérxico na súa aplicación, renovou os bombardeos (o que se coñeceu extraoficialmente como Operación Linebacker II) entre o 18 e o 29 de decembro de 1972 (só pararon o día de Nadal).
Nesta segunda fase da campaña caeron 20 370 toneladas de bombas, matando 1 000 persoas, detendo as comunicacións internas, danando a rede eléctrica e terminando coa totalidade da forza aérea norvietnamita.
Con todo o prezo foi alto. Os norvietnamitas derribaron 26 avións (quince deles B-52) e capturaron varios pilotos, o que aumentaba algo a súa marxe de negociación en París e constituíndo unha das maiores preocupacións que o conflito deixou en anos posteriores: onde estaban todos os pilotos desaparecidos en combate?
Para Nixon lográronse case todos os obxectivos: demostrar ao seu aliado do sur que o seu apoio continuaría pese á retirada e retomar as conversacións. Para moitos vietnamitas a conclusión foi outra:
O 30 de decembro Nixon suspendeu os bombardeos e, nove días despois, renováronse as conversacións en París. Le Duc Tho, o noso negociador xefe, non se apartou da posición que mantivera antes dos bombardeos. Non se aceptaron os cambios estadounidenses. Nixon anicouse e asináronse os acordos de paz entre Vietnam do Norte e Estados Unidos o 27 de xaneiro, en gran parte nos mesmos términos suscitados en outubro anterior. A vontade de ferro do noso pobo e a súa crenza no destino dera os seus froitos. Sobrevivíramos ao poder dos Estados Unidos.
O alto o fogo de París
[editar | editar a fonte]O 27 de xaneiro de 1973 a delegación de Vietnam do Sur, a norvietnamita, a estadounidense e a do Goberno Provisional da República de Vietnam do Sur (o Vietcong) asinan os acordos de paz de París. O documento compoñíase de 23 artigos coas misións de cada bando e foi arduamente preparado até nos máis mínimos detalles, pero Vietnam do Sur quedou excluído. Os estadounidenses desexaban pechar ese capítulo da súa historia canto antes.
Os acordos de paz supoñían o alto o fogo, a retirada dos estadounidenses en 60 días a cambio da celebración de eleccións no Sur e o intercambio de prisioneiros.
Estes acordos supoñían para Estados Unidos un respiro. Co final da súa participación na guerra aforraba uns 8 100 millóns de dólares e especialmente a gran tensión que se vivía no país. Con todo para Vietnam (tanto do Norte como do Sur) non era máis que unha pausa na loita. Unha vietnamita do sur comentou en Saigón:
A que terminou é a guerra dos norteamericanos, pero a nosa segue e ninguén sabe nin cando nin como terminará.[31]
Pola súa banda o goberno do Sur anunciou que non celebraría eleccións no seu territorio.
Ante a chegada do alto o fogo os combates recruaron para gañar o máximo territorio posible. Con todo, o goberno de Saigón acolleu a noticia con indiferenza e decidiu afrontar o ataque do Norte. Estados Unidos prometera continuar axudando economicamente ao Sur, pero moi rapidamente foi reducindo as partidas económicas até practicamente suspendelas en tempos xa do presidente Gerald Ford.
Hanoi prepárase
[editar | editar a fonte]Pese a que a vitoria non se vía a curto prazo e os homes de Giap estaban retrocedendo fronte ao ARVN, si había indicios de que o tomado na Ofensiva de Pascua e afianzado cos acordos de paz de París constituía unha base sólida para o ataque final.
- A finais de 1974 Hanoi aumentara os seus combatentes de 150 000 a 300 000 (o dobre).
- Construíra unha rede de estradas dende a provincia de Quang Tri até o Mecong (todo en Vietnam do Sur) para permitir a marcha de homes e máquinas.
- O aeródromo de Khe Sanh estaba novamente operativo e no seu poder.
- O oleoduto até Loc Ninh quedou aberto para mandar combustible cara ao Sur.
- A Ruta Ho Chi Minh, libre xa de bombardeos, era transitada por todo tipo de vehículos, grandes, pequenos e pesados.
A principio de 1974 son atacadas as zonas de Quang Nam e Quang Ngai, en maio rexístranse intensos combates en Ben Cat e Thuong Duc é recuperado polo ARNV con moita dificultade. Pero na primavera de 1974 o EVN recuperara o perdido no delta do Mecong.
Os preliminares da Ofensiva de Primavera
[editar | editar a fonte]Inicialmente a seria derrota colleitada na Ofensiva de Pascua facía recear ao politburo dunha rápida vitoria. Máis ben o que trataban de conseguir era unha posición máis forte, se é posible cortando o país en dous, para o ataque final que tería lugar en 1976.
Con todo, dende o Sur, o xeneral norvietnamita Tran Van Tra pedía unha grande acometida a uns 10 km da capital. El insistía en que se podía conseguir unha vitoria rápida. O plan consistía en partir das Terras Altas Centrais até a cidade de Pleiku e cortar a súa conexión con Ban Me Thuot. Inicialmente aprazouse a petición, pero finalmente Hanoi decidiu comezar a ofensiva, e o xeneral Van Tieng Dung foi enviado ao Sur para preparar todas as actuacións.
O 1 de marzo de 1975 o EVN cortou os enclaves terrestres con Ban Me Thuot e a cidade caeu o 13 dese mesmo mes. O ataque fixo tomar ao presidente Thieu dúas de tantas decisións trabucadas, pero que naqueles momentos resultaron extraordinariamente tráxicas:
- Sacar as súas forzas de Pleiku e Kontum para concentralas na cidade que acababa de caer.
- Abandonar a zona desmilitarizada, repregando todos os efectivos da cidade de Quang Tri cara a Hué e Da Nang.
A retirada converteuse nunha desbandada. A presión do exército inimigo, o pánico dos civís que fuxiron aterrados e a ineptitude do mando que non puido realizar unha retirada ordenada (unha operación das máis difíciles que se lle poden pedir a un oficial) minaron por completo a cohesión e espírito de loita dos soldados que, no canto de defenderen as cidades citadas, fuxiron entre a multitude que baixaba espavorecida. Nun intento de evitar unha derrota catastrófica, o presidente do Sur decretou en marzo a mobilización xeral para tratar de conter a ofensiva que moi poucos vían irremediable[31]. Pero o esforzo resultou inútil: Hué caeu o 25 de marzo e Da Nang o 30. Nas Terras Altas Centrais tamén se propagou o pánico e caeron en poder do Norte dous días despois.
Como recoñeceu posteriormente o xeneral Van Tieng Dung, aquel foi un golpe de sorte co que non contaban. Ante estas noticias o buró político dirixido por Le Duc Tho e o militar ás ordes de Giap enviaron cadanseu cable aprobando a mobilización solicitada por Dung. Este xeneral comentou as discusións que houbera por cal sería o campo de batalla elixido. Finalmente optouse pola rexión de Tay Nguyen por ter o Sur só dúas divisións para defendelo e ademais diseminadas. Pero nin sequera estas ofreceron gran resistencia porque todo o país era un caos.
Ao goberno de Saigón só lle quedaba xogar a carta de loitar nas provincias do sur (as máis ricas) á espera do monzón que detería ou paralizaría todo. Mentres, o Vietcong asentaba as súas bases e organizaba un Goberno Revolucionario Provisional.
Mentres tanto, os contactos cos Estados Unidos para conseguir apoio aéreo non cesaron, pero nesta ocasión só lograron boas palabras dun país que quería esquecer canto antes aquela contenda.
A Ofensiva de Primavera
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Ofensiva de Primavera.
Aquel derrubamento na parte norte do país e as Terras Altas Centrais mudou a percepción que tiñan os dirixentes dunha vitoria para o ano seguinte. Tamén o cambiou para Saigón que tratou de entrar en negociacións cos comunistas. Estes esixiron a desaparición de Thieu da escena política, quen finalmente deixou o poder o 21 de abril, sendo substituído polo Xeneral Duong Van Minh[31].
A finais de marzo o buró político reuniuse novamente e decidiuse lanzar a Ofensiva. Dung recordou o discurso lanzado tras a reunión:
A nosa ofensiva estratéxica xeral empezou na campaña de Tay Nguyen. Agora chegou unha nova oportunidade estratéxica e as condicións permiten un rápido final para a nosa resolución de liberar o Sur. Decidimos concentrar rapidamente as nosas forzas, armas e material para liberar Saigón antes da estación das choivas.
O 22 de abril varios avións A-37 capturados ao inimigo voaron até Tan Son Nhut e, valéndose da súa aparencia, atacaron a torre de control e destruíron numerosos cazas. O fume puido verse dende Saigón coa conseguinte sensación de pánico.
O xeneral Cao Van Vien ordenou aos seus homes defenderen as posicións até a fin e pouco despois fuxiu. As mesmas dúas cousas fixo o presidente Thieu. O seu cargo foi ocupado o 28 de abril por Duong Van Minh (Gran Minh).
Unidades enteiras do Saigón rendíanse ao paso dos comunistas que avanzaban tomando unha cidade tras outra baixo o lema
No mellor momento, coa maior rapidez, a maior ardideza e a maior sorpresa, e seguros da vitoria.
Rendición incondicional
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Caída de Saigón.
Ás 24 horas do 29 de abril (a Hora H) Saigón foi atacada desde todas as direccións, excepto dende o mar. Pola zona desmilitarizada penetraron máis unidades, o mesmo que dende Laos e dende o centro norte de Camboxa.
Nun bosque de caucho próximo a Dau Giay agardaba unha unidade de ataque en profundidade formada por unha brigada de carros de combate, un rexemento de infantaría e algunhas unidades máis. Levaban os vehículos camuflados con ponlas, os brazos con cintas vermellas para distinguirse e uniformes impecables para tomar a capital.
O xeneral Cao Van Vien asinou a orde de resistir coa frase "defender até a morte, até o final, a porción da terra que nos queda", pero pouco despois desertaba do seu posto e fuxía do país.
Ás 15 horas do 29 de abril os transportes, os blindados e carros de combate da unidade de ataque en profundidade saíron do bosque e chegaron á capital esmagando toda a resistencia que puideron atopar. Ao día seguinte chegaron a Saigón mentres a xente trataba de fuxir por calquera medio e con asombro ocuparon as rúas da capital avanzando cara ao cuartel xeral do Estado Maior, o Palacio da Independencia, o cuartel xeral da Zona Capital Especial, o Directorio Xeral da Policía e o aeródromo de Tan Son Nhut cunha enorme rapidez. Até os xornalistas quedaron sorprendidos cando recibiron a noticia de que penetraran no palacio presidencial (os tanquistas vietnamitas tiveron a cortesía de repetir o acto pouco despois para que o puidesen fotografar). Era a Caída de Saigón.
Os comunistas subiron as escaleiras do Palacio coas súas bandeiras. Chegaron ao despacho do presidente e entraron. Con certa dignidade Minh dixo:
Estivémolos agardando para poder transferirlles o goberno.
A contestación foi:
Vostede non ten nada que transferir. Pode renderse incondicionalmente [1].
Repercusións do conflito
[editar | editar a fonte]Probablemente poucos conflitos tiveron tantas repercusións na historia contemporánea como o de Vietnam e tamén poucos atraeron máis atención de novelistas e sobre todo cineastas.
Nos Estados Unidos de América
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Síndrome de Vietnam.
Os bombardeos masivos e a crueldade da guerra retransmitida por vez primeira polos medios de comunicación terminaron de cambiar a imaxe que aínda había en moitos países dos Estados Unidos e especialmente a que tiñan os estadounidenses de si mesmos. A imaxe dun país enorme esmagando a outro pequeno e a dos seus soldados cometendo matanzas fóra e dentro resultaron demoledoras, deixando esmagado (pero non morto) o espírito do Destino Manifesto. Nas eleccións de 1968 un presidente dedicado ás reformas sociais como Lyndon Johnson enfrontouse a fortes desafíos por parte de dous demócratas opostos á guerra: os senadores Eugene McCarthy e Bob Kennedy (irmán do asasinado presidente Kennedy e asasinado tamén ao final da campaña). O 31 de marzo, en vista dunha humillante derrota nas enquisas de opinión pública e da incesante prolongación do conflito en Vietnam, Johnson retirouse da contenda presidencial e ofreceu negociar a fin da guerra. A reelección de Nixon en 1972 provocou un éxodo masivo de cidadáns descontentos a países como Canadá[32].
A oposición á guerra estendeuse dentro e fóra dos Estados Unidos entre a mocidade, sendo unha das causas dos movementos contra o sistema, como o movemento hippie. As universidades estadounidenses foron escenario de manifestacións de protesta contra a implicación dos Estados Unidos nesta guerra non declarada e, en opinión de moitos, inxustificada. Houbo encontros violentos entre os estudantes e a policía con masacres. En outubro de 1967, 200 000 manifestantes marcharon fronte ao Pentágono, en Washington DC, esixindo a paz, sendo un dos puntos máis culminantes do movemento pacifista. Tamén é certo que dita situación coincidiu cun dos momentos de máxima prosperidade económica e cunha gran demanda de emprego, o que confería moita seguridade á mocidade e posibilidades de cambiar modas e costumes.
A sinatura dos acordos de paz en París non foi unha saída con honor, como pretendía Nixon, como demostrou despois a sensibilidade da sociedade estadounidense cara aos desaparecidos en combate e, en décadas posteriores, a todos os que evitaron o conflito por un ou outro camiño. Ademais a contenda deixou centenares de miles de soldados cunha ampla adicción ás drogas e afectados polos efectos do axente laranxa usado durante a guerra, que lograron décadas despois a prestación sanitaria gratuíta ou a supresión de barreiras arquitectónicas.
O exército estadounidense afirmou sempre que loitara como debía, e se non logrou a vitoria foi por ter as mans atadas ás costas, tendo que levar os xornalistas á mesma fronte, non podendo empregarse como desexaba etc. Pero o trauma de Vietnam durou moito máis entre os militares que na sociedade en xeral. Así as referencias a esta contenda en calquera guión de cine que requira axuda do Pentágono son discutidas até a saciedade, mesmo con ameaza de rachar a colaboración se non se atende as súas demandas[33].
Para Vietnam
[editar | editar a fonte]A vitoria fronte ao capitalismo non trouxo a paz a Vietnam, como o cambio de nome da súa festa nacional por Día da Paz podería facer crer. Poucos anos despois a nación invadía Kampuchea e os homes das balsas (refuxiados) seguiron aumentando sen que ningún país quixese facerse cargo deles. Aínda que a invasión do seu veciño trouxo a liberación dos camboxanos do seu réxime maoísta, un dos máis sanguinarios do planeta se non o que máis, non logrou a paz. As loitas contra o que quedaba dos Khmer vermellos prolongáronse durante máis dunha década, con continuos anuncios de retirada que se aprazaban ou non se cumprían, até que nos anos 90 se celebraron eleccións naquel país (ver Historia de Camboxa).
O antigo Vietnam do Norte perdeu o 70% da súa infraestrutura industrial e de transportes, ademais de 3 000 escolas, 15 centros universitarios e 10 hospitais[8].
O medio ambiente vietnamita quedou fondamente danado pola utilización do axente laranxa que defoliou grandes extensións de selva que non volveron a recuperarse pola invasión do bambú e outras plantas. Pero peor aínda foron os efectos na poboación desas substancias, aparentemente inocuas para os humanos, con miles de abortos prematuros, esterilidade (especialmente dolorosa para as mulleres do medio rural)[1] e nacementos con malformacións, ao que debe engadirse todos os fillos ilexítimos de trazos caucásicos e africanos deixados na pobreza e marxinación polos soldados dos Estados Unidos.
Así mesmo causaron moitos danos á agricultura, mortes entre os campesiños e amputacións (especialmente a nenos) os miles de explosivos, municións e minas sen estalar nin retirar nos bosques e arrozais. Estes efectos provocaron a baixada de produción nas explotacións agrícolas e o aumento da poboación urbana que fuxía do campo, convertido en campo de batalla. Contabilizáronse 10 500 000 de refuxiados, creando unhas perdas de 200 000 millóns de dólares[8].
Tamén é verdade que, aínda acalados pola censura oficial, moitos vietnamitas botaban de menos os tempos dos "iankis" e o seu diñeiro[1]. Pero coa apertura de relacións diplomáticas nos anos 90 e a axuda económica estadounidense producíronse situacións de certo desconcerto ante tanta xenerosidade.
As enormes infraestruturas de túneles escavados por todo Vietnam agora forman parte das atraccións que visitan os turistas. Pódense ver as entradas camufladas, percorrer as súas galerías, sentar nas mesas de reunións e até disparar as AK-47[15]. Este turismo de guerra contribuíu a erguer a economía do país, moi enfraquecida tras a caída da URSS.
Para o resto do mundo
[editar | editar a fonte]A constatación de que un pobo pobre, pero moi motivado podía derrotar a maior potencia mundial empregando a guerra de guerrillas calou moi fondo na maioría dos países, até o punto de considerarse o medio definitivo de loita das nacións pobres contra as ricas, cousa da que se afastaron despois movementos como o dos Sen terra americanos.
Unha nefasta consecuencia daquela guerra foi a falta de atención prestada por Occidente ao xenocidio camboxano por ser un pobo subdesenvolvido que lograra derrotar tamén a un aliado dos Estados Unidos. Polo tanto, na mentalidade esquerdista ou revolucionaria, non podía ser malo, ou se o fose as informacións achegadas por organizacións como Amnistía Internacional cualificábanse de falsas ou manipuladas polos servizos de intelixencia estadounidenses.
Pódese dicir que o Exército dos Estados Unidos aprendeu moitísimo do vivido en Vietnam. Aínda que os políticos daquel país tiveron coidado despois en non facer combater os seus asesores á beira das forzas locais en rexións como Centroamérica, a experiencia obtida no sueste asiático serviu para formar as forzas de países como O Salvador, Guatemala, Honduras etc. e ser unha das causas para lograr deter os movementos guerrilleiros de ideoloxía comunista en Centroamérica que preocupaban aos Estados Unidos nas décadas posteriores[35]. Nesa rexión só Nicaragua venceu na súa revolución[34].
Dentro do continente africano só en Etiopía venceu unha revolución marxista, en 1977[34]. A famosa e ineficaz liña McNamara foi posta en práctica novamente no Sáhara Occidental para frear os ataques do Fronte Polisario que a punto estiveron de derrotar por completo a Marrocos. Estes muros de separación entre o chamado Sahara Útil e o resto do deserto empregan a mesma tecnoloxía de sensores de movemento, detectores de persoal e baterías tras as barreiras físicas que a utilizada na zona desmilitarizada, pero a experiencia obtida permitiu mellorar acertadamente a táctica empregada na selva e supuxo unha das razóns para que Marrocos lograse conter ao Polisario.[36].
En Europa, nin ELA en Grecia nin o Dev Sol en Turquía lograron imporse[34].
Finalmente, en Asia e Oceanía ningún movemento marxista alcanzou o éxito dos vietnamitas[34].
Tras a desfeita de Vietnam as distintas administracións estadounidenses trataron de evitar a participación directa en calquera conflito, especialmente en América. Así mesmo, cando estas se levaron a cabo os distintos gobernos reaccionaron con certa rapidez: a Administración Clinton retirou a tempo as forzas enviadas a Somalia para evitar que aquela intervención se sentise como unha nova derrota; na década anterior, o presidente Ronald Reagan retirou do Líbano as súas forzas tras o atentado suicida en Beirut[34].
A utilización masiva do helicóptero nunha guerra asimétrica demostrouse correcta, pese á derrota final. Tanto é así que nos conflitos posteriores dos anos 80 e especialmente no século XXI empregáronse masivamente. Nas invasións de Iraq e Afganistán demostráronse como o mellor método para combater un inimigo disperso e extremadamente móbil na chamada guerra contra o terrorismo. Así a maioría dos exércitos de principios do século XXI tenderon a reforzar e diversificar as súas frotas de helicópteros fronte aos rechamantes, pero menos eficaces, cazas e bombardeiros.[37]
Ademais esta guerra caracterizouse polas impactantes imaxes que deixou para a posteridade. Entre as que pasaron á historia da fotografía atópanse a imaxe do Xeneral Nguyen Ngoc Loan asasinando o membro do Vietcong Nguyễn Văn Lém, en Saigón ( pode verse aquí) e a duns nenos correndo atemorizados fuxindo das bombas de napalm, en Trảng Bàng (pode verse aquí).
Unha guerra de película
[editar | editar a fonte]Aínda que inicialmente a guerra de Vietnam non chamou excesivamente a atención da industria cinemetográfica, nos anos oitenta a produción de películas sobre o tema floreceu con títulos moi destacados como Apocalypse Now, Platoon ou Full Metal Jacket.
Ao contrario das análises históricas e até a propia sociedade estadounidense, o cine si soubo asimilar a derrota norteamericana.
Certamente os distintos estudios crearon cintas de todo tipo. Desta forma quizais a visión cinematográfica máis ficticia deste conflito sexa a dada por Rambo.
Información sobre uniformes
[editar | editar a fonte]Estadounidenses: como roupa de campo ou de faena, o soldado que se acababa de instalar no Exército de EUA recibía 4 pantalóns de algodón de cor verde oliveira ou verde boreal, confeccionados cun peto por cadeira e 2 petos traseiros con solapas abotoadas.
Recibía 4 camisas de faena de algodón de cor verde oliveira, cun só peto colocado na pecheira. As insignias de rango e grao levábanse nestas camisas de faena. Os uniformes do Exército estadounidense posiblemente fosen os máis sofisticados, aínda que ás veces fosen bastante incómodos, debido a que, en parte, estaban feitos de material sintético. Os EUA chegaron a producir preto de 30 000 000 de pantalóns e camisas, case o triplo que soldados.
Sobra dicir que, malia seren fabricados en cantidades inxentes, os uniformes militares estadounidenses eran de maior calidade cós artesanais do Vietcong. Houbo controversia no debate referente a se a roupa interior debía ser de cor de camuflaxe tamén, no caso de que os soldados estadounidenses destinados a primeira liña de fogo tivesen problemas de camuflaxe ao ter que facer as súas necesidades. A idea rexeitouse e, aos partidarios de que ao final non se pintasen, un feito curioso deulles a razón: un grupo de soldados americanos quedaran perdidos na selva, e, para chamaren a atención dalgún piloto, colocaron no verde chan a roupa interior mostrando as siglas SOS. Ao final, conseguiron salvarse grazas a este ocorrente método.
Documentación
[editar | editar a fonte]A guerra de Vietnam foi un dos conflitos máis documentados por non ser unha guerra declarada e, xa que logo, non poder aplicar a censura militar. Con todo, en países como España produciuse un esquecemento interesado, segundo palabras de María Teresa Largo Alonso[8], durante os anos oitenta, sendo moi escasa a produción histórica. Nalgunhas ocasións tense a sensación, comenta a mesma autora, de atoparse ante un conflito moi difícil de analizar pola enorme cantidade de material existente (traducións, reportaxes, crónicas). Fronte a este fenómeno aparece en contraposición o pouco tratada que foi a visión vietnamita para Occidente, creándose así, segundo Tad Szulc, unha visión mitificada ante a falta de análises máis profundas[8].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 Varios, Nam, Crónica de la guerra de Vietnam, 1988, Editorial Planeta-De Agostini, Barcelona, ISBN 84-396-0755-6.
- ↑ pódese escribir en minúsculas pois nunca foi declarada como tal
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Alfredo Bosque Coma, Españoles en Vietnam, nº 30 de La aventura de la Historia, Arlanza Ediciones, Madrid, abril de 2001
- ↑ Segundo informou o goberno de Hanoi con ocasión do 20º cabodano, Agence France Presse, 4 de abril de 1995 (http://www.rjsmith.com/kia_tbl.html)
- ↑ José María Carrascal, Es mi héroe, La aventura de la Historia, Arlanza Ediciones, Madrid, xullo de 2006
- ↑ 6,0 6,1 Peter Arnett, Vietnam, la guerra de los 10.000 días (1945-1975), Editorial Planeta-De Agostini, Barcelona, 1993, Depósito Legal NA-212/1993
- ↑ 7,0 7,1 David Solar, "Ocaso Francés en Indochina", nº 62 de La aventura de la Historia, Madrid, Arlanza Ediciones, decembro de 2003.
- ↑ 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 8,10 8,11 8,12 María Teresa Largo Alonso, La guerra de Vietnam, Ediciones Akal, Madrid, 2002, ISBN 84-460-0454-2
- ↑ Carl Sagan, Un punto azul pálido, Editorial Planeta, Barcelona, 1996, ISBN 84-08-01645-8
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 Varios, "Los músculos de la guerra", capítulo 13 de Soldados, Londres, BBC, 1984
- ↑ 11,0 11,1 Peter Arnett, Bombardeos aéreo - Vietnam, la guerra de los 10.000 días (1945-1975), Editorial Planeta-De Agostini, Barcelona, 1993, Depósito Legal NA-212/1993
- ↑ 12,0 12,1 José María Saenz, De todo y para todo, nº 275 de Avion Revue, Motor Press Ibérica, Madrid, maio de 2005
- ↑ 13,0 13,1 13,2 Varios, 1º de Caballería: Vietnam, nº 9 de Cuerpos de Élite, Barcelona, Planeta de Agostini, 1986, ISBN 84-7598-185-2
- ↑ "El carro de combate", capítulo 4 de Soldados, BBC, Londres. 1984
- ↑ 15,0 15,1 Noticias con Historia, La aventura de la Historia, Madrid, Arlanza Ediciones, julio de 2006
- ↑ Varios, Capítulo 1 de Soldados, Londres, BBC, 1984
- ↑ Max Walmer, Guía Ilustrada de Fuerzas de Elite 2, Tecnología Militar, Ediciones Orbis, Barcelona, 1986, ISBN 84-7634-926-2
- ↑ 18,0 18,1 John Williams Mañana será un día maravilloso, capítulo 14 de El mundo en guerra, Thames Television Int. Ltd, Londres
- ↑ Alfredo Bosque, Lucha o revienta, un español en Indochina, número 62 de La aventura de la Historia, Madrid, Arlanza Ediciones, decembro de 2003
- ↑ Varios, Irregulares, capítulo 12 de Soldados, Londres, BBC, 1984.
- ↑ Varios, Guía ilustrada de guerra aérea sobre Vietnam (I) - Tecnología militar, Ediciones Orbys, Barcelona, 1986, ISBN 84-7634-711-1
- ↑ Nugus/Martin Productinos, Cuerpos de élite, BBC, Londres, 2005, del Libro-DVD, Cuerpos de elite Misión Imposible, ISBN 84-609-6758-1
- ↑ Peter Batty, Visiones de la guerra. La batalla de Dien Bien Fu, editor Margaret Harris, Pamplona, IVS (Internacional Video Sistemas), D.L., 1990
- ↑ Varios, de Indochina a Vietnam, nº 10 de Grandes Batallas de la Historia, Ediciones Dolmen, Madrid, 2004, ISBN 84-96193-46-2
- ↑ Julio Martín Alarcón, Tribulaciones de un vendedor, La aventura de la Historia Madrid, Arlanza Ediciones, julio de 2006
- ↑ Varios, Libro Guinness de los Récords, Ediciones MAEVA, Estella, 1987, ISBN 84-86478-04-9
- ↑ 27,0 27,1 27,2 Varios, Guía Ilustrada de Cazas Modernos, Tecnología Militar, Ediciones Orbis, Barcelona, 1986, ISBN 7634-579-8
- ↑ Varios, Phanton contra Mig, nº 2 de Cuerpos de Elite, Editorial Delta, Barcelona, ISBN 84-7598-185-2
- ↑ Julio Maíz, La mejor opción, nº 279 de Avion Revue, Motor-Press Ibérica, Madrid, septiembre de 2005
- ↑ Arturo Arnalte, El Vietnam soviético, nº 37 de La aventura de la Historia, Arlanza Ediciones, Madrid, noviembre de 2001
- ↑ 31,0 31,1 31,2 31,3 Varios, Crónica del siglo XX, Plaza & Janés Editores, Barcelona, 1986, ISBN 84-01-60298-X
- ↑ Informativo Antena 3, Antena 3 TV, Madrid, 5 de noviembre de 2004
- ↑ David L. Robb, Operación Hollywood, Editorial Océano, Barcelona, 2006, ISBN 84-494-2696
- ↑ 34,0 34,1 34,2 34,3 34,4 34,5 Varios, Historia de la Guerra - The Times (Atlas), La esfera de los libros, Madrid, 2006, ISBN 84-9734-505-3
- ↑ Varios, El patio Trasero, nº 90 de Cuerpos de Elite, Planeta-Agostini, Barcelona, 1986, ISBN 84-7598-185-2
- ↑ David Solar, Sin Solución. Sáhara, 30 años de conflicto, nº 89 de La aventura de la Historia, Arlanza Ediciones, Madrid, marzo de 2006
- ↑ José Mª Sainz, El día que cambió el poder aéreo, nº 291 de Avion Revue, Motor Press Ibérica, Madrid, 2006
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Colonialismo
- Forzas Armadas da República Democrática de Vietnam
- Guerra fría
- Historia de Vietnam
- Historia de Laos
- Historia de Camboxa
- Kampuchea Democrática
- República Socialista de Vietnam
- Dólar de prata conmemorativo do monumento aos veteranos de Vietnam
- Phan Thị Kim Phúc
Bibliografía
[editar | editar a fonte]Boa parte da información para confeccionar este artigo, especialmente as citas textuais, obtíveronse da monografía Nam, Crónica de la guerra de Vietnam.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Guerra de Vietnam |
- https://web.archive.org/web/20060827110612/http://www.stopusa.be/scripts/texte.php?section=CL&langue3&id=24471 (en inglés)
- The Pacifica Radio/UC Berkeley Social Activism Sound Recording Project: Anti-Vietnam War Protests in the San Francisco Bay Area & Beyond (en inglés)