Ciencia medieval
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
A ciencia medieval refírese aos descubrimentos no campo da ciencia (ou filosofía natural, como se denominaba daquela) que ocorreron na Idade Media, o período intermedio entre a Idade Antiga e o Renacemento, que representa o comezo de Idade Moderna, segundo a división tradicional dos períodos da historia da humanidade dentro da cultura occidental.
Considérase xeralmente, desde un punto de vista eurocentrista, que tras da caída do Imperio Romano de Occidente (476 d.C.),[1] gran parte de Europa (a Europa occidental) perdeu o contacto co coñecemento escrito, iniciándose a escura Idade Media.
Pero cómpre ter en conta os avances tecnolóxicos e a evolución do pensamento científico do mundo oriental (civilización árabe-musulmá) e, en primeiro lugar, os do Imperio Bizantino que, herdeiro do saber latino, e cos saberes que tomou do mundo árabe-musulmán, e mesmo dos da China, foi decisivo na construción da ciencia moderna.
O período da Idade Media esténdese desde a data antecitada até 1492 (data do descubrimento de América) e coñece un desenvolvemento sen precedente das técnicas e das disciplinas científicas, a despeito dunha imaxe escurantista, propagada polos manuais escolares. Na actualidade, é común considerar o desenvolvemento da ciencia como un proceso continuo e gradual, cos seus antecedentes tamén medievais, e tamén na Europa occidental.
De todos os xeitos, está claro que a Europa Occidental entrou na Idade Media sumida en grandes dificultades que minaron a produción intelectual do continente. Os tempos eran confusos e perdérase o acceso aos tratados científicos da antigüidade clásica en grego, quedando apenas as compilacións resumidas e até deturpadas que os romanos traduciran ao latín.
Porén, co inicio do chamado Renacemento do século XII, renovouse o interese pola investigación da natureza. A ciencia que se desenvolveu neste período áureo da filosofía escolástica daba énfase á lóxica e avogaba polo empirismo, entendendo a natureza como un sistema coherente de leis que poderían ser explicadas pola razón. Foi con esta visión coa que os sabios medievais se lanzaron na procura de explicacións para os fenómenos do universo e conseguiron avances importantes en áreas como a metodoloxía científica e a física.[2] Estes avances foron repentinamente interrompidos pola peste negra, e son case descoñecidos para a maior parte do público contemporáneo, que moitas veces aínda considera o período medieval como unha suposta Idade das Tebras.
De acordo con Pierre Duhem, que pensa que os estudos académicos da ciencia medieval están fundados na crítica que os positivistas da época das Luces, no século XVIII, antiaristotélicos e anticlericais, pódense ver as orixes conceptuais de varios avances da ciencia no renacemento do século XIII, entre os séculos XII e XIV, nas obras de eclesiásticos como Tomé de Aquino e Jean Buridan.[3][4]
Historia da ciencia na Europa medieval
[editar | editar a fonte]Acostúmase dicir, e non sen razóns, que os romanos eran un pobo de orientación práctica. A pesar de estaren marabillados cos descubrimentos do pasado grego, non chegaron a formaren novas institucións que buscasen especificamente entender o universo ou o mundo natural.
Os verdadeiros centros de produción de coñecemento do Imperio Romano localizábanse no seu lado oriental, de cultura grega, no chamado período helenístico. Fundáranse antes do dominio romano e xa non mantiñan a mesma forza creativa de períodos anteriores.[5][6][7]
Como a clase rica do Imperio era bilingüe, non se sentía a necesidade de traducir os tratados científico-filosóficos producidos pola civilización grega. E así, era común encontrar compilacións resumidas das principais correntes do pensamento grego en latín. Estes resumos eran lidos e discutidos nos espazos públicos da axitada vida social romana.
Durante o proceso de desestruturación do Imperio Romano de Occidente, o occidente europeo foi pouco a pouco perdendo contacto co oriente, e a lingua grega acabou por ser esquecida. Deste modo, a Europa Occidental perdeu o acceso aos tratados orixinais dos filósofos clásicos, quedando apenas coas versións truncadas deste coñecemento que foran anteriormente traducidas. Sería como se perdésemos case todos os traballos científicos e nos quedasen só textos de revistas destinadas ao consumo popular.
Idade Media antiga
[editar | editar a fonte]O Imperio Romano de Occidente, unido pola lingua latina, englobaba un gran número de culturas diferentes que foran asimiladas dunha maneira incompleta pola cultura romana. Debilitado polas migracións e as invasións das chamadas invasións bárbaras, pola desintegración política de Roma no século V e illado do resto do mundo pola expansión do islam no século VII, o occidente Europeo chegou a ser pouco máis que unha colcha de retallos de poboacións rurais e pobos seminómadas. A inestabilidade política e o declinar da vida urbana golpearon duramente a vida cultural do continente.
A Igrexa católica, como única institución que non se desintegrou neste proceso, mantivo o que restou de forza intelectual, especialmente a través da vida monástica.[8]
A educación dos leigos sobreviviu modestamente en Italia, España e no sur da Galia, onde a influencia romana foi máis duradeira. No século VII, a instrución comeza a emerxer en Irlanda e noutras terras célticas, nas que o latín era unha lingua estranxeira, e os textos latinos foron estudados e ensinados con afán.[9]
O home instruído destes primeiros séculos era case sempre un clérigo para quen o estudo dos coñecementos naturais era unha pequena parte da escolaridade. Eses estudosos vivían nunha atmosfera que daba prioridade á fe e tiñan a mente máis voltada para a salvación das almas do que para o cuestionamento de detalles da natureza. Alén diso, a vida case sempre insegura e economicamente difícil desta primeira parte do período medieval mantiña o home centrado nas dificultades do día a día. Deste modo, as actividades científicas reducíranse practicamente a citacións e comentarios de obras que facían referencia á antigüidade clásica; estes comentarios estaban por veces cheos de erros, xa que os textos usados como referencia, as obras que quedaran en latín, tiñan informacións truncadas e até deturpadas.
No final do século VIII, houbo unha primeira tentativa de rexurdimento da cultura occidental. Carlomagno conseguira reunir gran parte de Europa baixo o seu dominio. Para unificar e fortalecer o seu imperio, decidiu executar unha reforma na educación. O monxe inglés Alcuíno elaborou un proxecto de desenvolvemento escolar que buscou revivir o saber clásico establecendo os programas de estudo a partir das sete artes liberais: o trivium, ou ensino literario (gramática, retórica e dialéctica) e o quadrivium, ou ensino científico (aritmética, xeometría, astronomía e música). A partir do ano 787, dispuxo decretos que recomendaban, en todo o imperio, a restauración das antigas escolas e a fundación de novas. Institucionalmente, estas novas escolas podían ser monacais, baixo a responsabilidade dos mosteiros; catedralicias, xunto á sede dos bispados; e palatinas, xunto ás cortes reais.[10][11]
Estas medidas terían os seus efectos máis significativos séculos máis tarde. O ensino da dialéctica (ou lóxica) foi facendo renacer o interese pola indagación especulativa; desta semente xurdiría a filosofía cristiá da Escolástica.[12] Alén diso, nos séculos século XII e XIII, moitas das escolas que foran estruturadas por Carlomagno, especialmente as escolas catedralicias, adquiriron a forma de Universidades.
Idade Media clásica
[editar | editar a fonte]Despois da contención das últimas ondas de invasións bárbaras no século X, seguiu unha fase de relativa tranquilidade en relación ás ameazas externas, que tamén coincidiu cun período de condicións climáticas máis favorábeis.
A Europa occidental pasou entón por mudanzas sociais, políticas e económicas, que xeraron o chamado Renacemento do século XII. As evolucións técnicas posibilitaron o cultivo de novas terras e o aumento da diversidade dos produtos agrícolas, que sustentaban unha poboación que pasou a crecer rapidamente.
O comercio entrou en franca expansión, desenvolvéronse rotas entre os diversos pobos que reduciron as distancias, facilitando non só o comercio de bens físicos, senón tamén o intercambio de ideas entre os países.
As cidades tamén foron abandonando a súa dependencia agraria, crecendo en torno dos castelos e mosteiros. Neste ambiente receptivo, comezaron a abrirse novas escolas ao longo de todo o continente, incluso en cidades e vilas menores.
No campo intelectual, os cambios foron tamén froito do contacto co mundo oriental e árabe a través das Cruzadas e, sobre todo, do movemento de Reconquista da Península Ibérica. Nesta altura, o mundo islámico encontrábase bastante máis avanzado en termos intelectuais e científicos que o mundo cristián.
Os autores árabes mantiveran durante moito tempo un contacto regular coas obras clásicas gregas (Aristóteles, por exemplo), e fixeran un traballo de tradución que se tornaría valioso para os pobos occidentais, xa que por este medio volveron entrar en contacto coas súas raíces eruditas que foran "esquecidas".
De feito, sexa en España coa Escola de tradutores de Toledo, sexa no sur de Italia, os tradutores europeos levaron a cabo un traballo considerábel de traducións que permitiron avances importantes en coñecementos como a astronomía, a matemática, a bioloxía e a medicina, e que serían o xermolo da evolución intelectual europea dos séculos seguintes.[13]
A principios do século XII fundáronse as primeiras universidades (Boloña, 1088; París, 1170; Salamanca, 1218; Oxford, 1220) e, en 1500, xa serían máis de setenta. Este feito foi o punto de partida para o modelo actual de universidade.
Algunhas destas institucións recibían da Igrexa ou dos Reis o título de Studium generale, e estaban consideradas como os lugares de ensino máis prestixiados de Europa; os seus académicos eran animados a compartir documentos e a ditar cursos noutras institucións por todo o continente europeo.[14][15] Tratábase non só de institucións de ensino, senón que as universidades medievais eran tamén lugares de investigación e de produción do saber, alén de focos de vigorosos debates e moitas polémicas. Isto tamén quedou claro nas crises nas que estas institucións estiveron envolveitas, e polas intervencións que sufriron por parte do poder real e eclesiástico.
A filosofía natural estudada nas facultades de Arte destas institucións, trataba do estudo obxectivo da natureza e do universo físico. Este era un campo independente e separado da teoloxía, entendido ben como unha área de estudo esencial en si mesma, ben como un fundamento para a obtención doutros saberes.
Outro factor importante para o florecemento intelectual do período foi a actividade cultural das novas ordes mendicantes: especialmente os dominicos e os franciscanos. Ao contrario das ordes monásticas, voltas para a vida contemplativa nos mosteiros, estas novas ordes dedicábanse á convivencia co mundo leigo e procuraban defender a fe cristiá polas pregarias e polo uso da razón. A integración destas ordes nas universidades medievais proporcionaba a infraestrutura necesaria para a existencia de comunidades científicas e iría xerar moitos froitos para o estudo da natureza, especialmente coa famosa escola franciscana de Oxford.
O influxo dos textos gregos, as ordes mendicantes, e a multiplicación das universidades, actuarían neste novo mundo que se alimentaba do turbillón das cidades en crecemento. En 1200 xa había traducións latinas razoabelmente precisas dos principais traballos dos autores antigos máis cruciais para a filosofía: Aristóteles, Platón, Euclides, Tolomeo, Arquimedes e Galeno.[16]
Nesta altura a filosofía natural (é dicir, a ciencia) contida nestes textos comezou a ser traballada e desenvolvida por escolásticos notábeis como Robert Grosseteste, Roger Bacon, Alberte o Magno e Duns Escoto, que traerían novas tendencias para unha abordaxe máis concreta e empírica, representando un preludio do pensamento moderno.[17]
Grosseteste, o fundador da escola Franciscana de Oxford, foi o primeiro escolástico en entender plenamente a visión aristotélica do camiño duplo para o pensamento científico: xeneralización de observacións particulares para unha lei universal, e despois facer o camiño inverso: deducir de leis universais a previsión de situacións particulares. Alén diso, afirmou que estes dous camiños deberían ser verificados —ou invalidados— a través de experimentos que probasen os seus principios.
Grosseteste daba grande énfase á matemática como un medio de entender a natureza, e o seu método de investigación contiña xa a base esencial da ciencia experimental.
Roger Bacon, alumno de Grosseteste, prestou atención especial á importancia da experimentación como medio de aumentar o número de feitos coñecidos con respecto ao mundo. Describiu o método científico como un ciclo repetido de observación, hipótese, experimentación e necesidade de verificación independente. Bacon rexistraba a forma na que conducía os seus experimentos con detalles precisos, a fin de que outros puidesen reproducir os seus experimentos e comprobar os resultados (esta posibilidade de verificación independente é parte fundamental do método científico contemporáneo).
Idade Media tardía
[editar | editar a fonte]A primeira metade do século XIV viu o traballo científico de grandes pensadores. Inspirado en Duns Escoto, William de Ockham entendía que a filosofía só debería tratar de temas sobre os cales puidese obter un coñecemento real. Os seus estudos en lóxica levárono a defender o principio hoxe chamado da Navalla de Occam: se hai varias explicacións igualmente válidas para un feito, entón debemos escoller a máis simple. Iso debería levar a desbotar os debates infrutíferos e mover a filosofía natural en dirección ao que hoxe é considerado como a ciencia.
Nesta altura, académicos como Jean Buridan e Nicole Oresme comezaron a cuestionar aspectos da mecánica aristotélica. En particular, Buridan desenvolveu a teoría do ímpeto[18], na que explica o movemento de proxectís e que foi o primeiro paso en dirección ao moderno concepto de inercia. Buridan anticipouse a Isaac Newton cando escribiu:
...despois de deixar o brazo do lanzador, o proxectil moverase por un ímpeto que lle dá o lanzador, e continuará movéndose mentres ese ímpeto permaneza máis forte que a resistencia. Ese movemento sería de duración infinita caso de non ser diminuído e corrompido por unha forza contraria que se lle resista, ou por algo que incline o obxecto cara a un movemento contrario.Jean Buridan [18]
Nesa mesma época, os denominados Calculatores de Merton College, de Oxford, elaboraron o teorema da velocidade media. Usando unha linguaxe simplificada, este teorema estabelece que:
Un corpo en movemento uniformemente acelerado percorre, nun determinado intervalo de tempo, o mesmo espazo que sería percorrido por un corpo que se desprazase con velocidade constante e igual á velocidade media do primeiro.
Máis tarde, ese teorema sería a base da Lei da caída libre dos corpos, de Galileo. Hoxe sabemos que as principais propiedades cinemáticas do movemento rectilíneo uniformemente variado (MRUV), que aínda hoxe atribúense a Galileo polos textos de física, foran descubertas e probadas por eses académicos.
Nicolao de Oresme, á súa vez, demostrou que as razóns propostas pola física aristotélica contra o movemento do planeta Terra non eran válidas e invocou o argumento da simplicidade (da navalla de Occan) en favor da teoría de que é a Terra quen se move, e non os corpos celestiais. En xeral, o argumento de Oresme a favor do movemento terrestre é máis explícito e máis claro do que o que foi dado séculos despois por Copérnico. Entre outras proezas, Oresme foi o descubridor do cambio de dirección da luz a través da refracción atmosférica; porén, até hoxe, o crédito por ese feito teña sido dado a Robert Hooke.
En 1348, a peste negra levou este período de intenso desenvolvemento científico cara a un fin repentino. A praga matou un terzo da poboación europea. Durante case un século, novos focos da praga e outros desastres causaron un continuo decrecemento poboacioal. As áreas urbanas, xeralmente o motor das innovacións intelectuais, víronse especialmente afectadas.
Renacemento
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Renacemento.
Ademais de estancar o proceso de innovación, a peste negra foi un dos factores que puxeron en xaque todo o modelo de sociedade que encontrara o seu apoxeo nos séculos anteriores. Pero o século XV viu o inicio do florecemento artístico e cultural do Renacemento. O redescubrimento de textos antigos foi facilitado despois da Caída de Constantinopla, a mediados do século XV, cando moitos eruditos bizantinos tiveron que buscar refuxio no occidente, especialmente en Italia. Ese novo influxo alimentou o interese crecente dos académicos europeos polos textos clásicos de períodos anteriores ao triunfo do cristianismo na cultura europea. No século XVI xa existía, paralelamente ao interese pola civilización clásica, un menosprezo pola Idade Media, que pasou a ser cada vez máis asociada a expresións como "barbarismo", "ignorancia", "escuridade", "gótico", "noite de mil anos" ou "sombrío".
O humanismo renacentista rompeu coa visión teocéntrica e coa concepción filosófico-teolóxica medieval. Entón, conceptos como a dignidade do ser humano pasaron a estar en primeiro plano. Por outro lado, ese humanismo representou tamén unha ruptura coa importancia que se lle viña dando ás ciencias naturais desde o (re)descubrimento de Aristóteles, no século XII.
A pesar do florecemento artístico, o período inicial do Renacemento vese por algúns como un momento de estancamento nas ciencias. Hai pouco desenvolvemento de disciplinas como a física e a astronomía. O apego aos escritos antigos facía que as visións ptolomaica e aristotélica do universo estiveran aínda máis enraizadas. En contraste coa escolástica, que supuña unha orde racional da natureza na cal o intelecto podería penetrar, o chamado naturalismo renacentista pasaba a ver o universo como unha creación espiritual opaca á racionalidade e que só podería ser comprendida pola experiencia directa; ao mesmo tempo, a filosofía perdeu moito do seu rigor cando as regras da lóxica pasaron a seren vistas como secundarias ante a intuición ou a emoción.
Por outro lado, a invención da imprenta, que ocorrera simultaneamente á caída de Constantinopla, tería grande efecto na sociedade europea. A diseminación máis fácil da palabra escrita democratizou a aprendizaxe e permitiu a propagación máis rápida de novas ideas. Entre esas ideas estaba a álxebra, que fora introducida na Europa por Fibonacci no século XIII, pero que só se popularizou ao ser divulgada en forma impresa.
Esas transformacións facilitaron o camiño para a Revolución científica, pero iso só ocorrería despois de que o movemento Renacentista chegase ao norte da Europa, con figuras como Nicolao Copérnico, Francis Bacon e René Descartes. Foron estas figuras as que levaron adiante os avances ensaiados polos sabios da Idade Media. Pero estes personaxes xa son moitas veces descritos como pensadores preiluministas, en vez de seren vistos como parte do renacemento tardío.
O Cristianismo e o estudo da natureza
[editar | editar a fonte]O pensamento de Santo Agostiño foi fundamental ao orientar a visión do home medieval sobre a relación entre a fe cristiá e o estudo da natureza. Agostiño recoñecía a importancia do coñecemento, pero entendía que a fe en Cristo viña restaurar a condición decaída da razón humana, sendo, por tanto, máis importante. Agostiño afirmaba que a interpretación das escrituras debería facerse de acordo cos coñecementos dispoñíbeis en cada época sobre o mundo natural. Escritos como a súa interpretación "alegórica" do libro bíblico da Xénese influíron fortemente na Igrexa medieval, que tivo unha visión máis interpretativa e menos literal dos textos sagrados.[19]
Durante os tempos confusos da disolución do Imperio Romano de Occidente e dos primeiros séculos da Idade Media, perdérase moito da cultura clásica, pero o declive cultural sería máis intenso se non fose polo monasticismo, máis especificamente pola acción dos monxes copistas. É verdade que os textos en grego xa non estaban máis accesíbeis polo esquecemento do idioma e que os escritos que pasaban polo traballoso proceso de copia manual eran seleccionados de acordo coa importancia que lles daban os relixiosos. A Igrexa tamén estivo a cargo da estrutura educativa, ou polo menos supervisando a mesma.
Cando Carlomagno chamou o monxe Alcuíno para elaborar unha reforma na educación europea, a Igrexa permaneceu responsábel tanto polas escolas monacais como polas escolas catedralicias. A maioría das universidades nos séculos XII e XIII xurdiron precisamente de escolas ligadas ás catedrais e funcionaban baixo a protección da xurisdición eclesiástica.
Con relación á investigación da natureza, que renaceu na Idade Media Clásica, xa foi mencionada a importancia das ordes relixiosas mendicantes. Aínda que Bernaldo de Claraval e algúns outros relixiosos chegasen a desaconsellar o estudo das ciencias por entenderen que moitos buscaban eses coñecementos só por vaidade, os seus puntos de vista nunca foron adoptados. A Inquisición estaba presente, pero a Igrexa concedía os profesores moita elasticidade nas súas doutrinas e, en moitos casos, estimulou as investigacións científicas.[20][21]
Nas universidades, o campo da filosofía natural dispuña de grande liberdade intelectual, sempre que restrinxise as súas especulacións ao mundo natural. Aínda que se esperasen vinganzas e castigos se os filósofos naturais pasaran dese límite, os procedementos disciplinarios da Igrexa volvíanse principalmente contra os teólogos, que traballaban nunha área máis perigosa.[22] En xeral, había soporte relixioso para a ciencia natural e o recoñecemento de que esta era un importante factor na aprendizaxe.
Grandes nomes da ciencia medieval
[editar | editar a fonte]- Robert Grosseteste (1168-1253), bispo de Lincoln, foi a figura central do movemento intelectual inglés na primeira metade do século XIII e está considerado como o fundador do pensamento científico en Oxford. Tiña grande interese polo mundo natural e escribiu textos sobre temas como a astronomía, a xeometría e a óptica. Afirmaba que os experimentos deberían ser usados para verificar unha teoría, verificando as súas consecuencias; tamén foi relevante o seu traballo experimental na área da óptica. Roger Bacon foi un dos seus alumnos máis coñecidos.
- Alberte o Magno (1193-1280), o Doutor Universal, foi o principal representante da tradición filosófica dos dominicos. Alén diso, é un dos trinta e tres santos da Igrexa católica que teñen o título de Doutor da Igrexa. Fíxose famoso polo seu vasto coñecemento e pola súa defensa da coexistencia pacífica da ciencia e a relixión. Alberte foi esencial en introducir a ciencia grega e árabe nas universidades medievais, pero nunca deixou de dubidar de Aristóteles. Nunha das súas frases famosas, afirmou: a ciencia non consiste en ratificar o que outros dixeron, senón en buscar as causas dos fenómenos. Tomé de Aquino foi o seu alumno.
- Roger Bacon (1214-1294), o Doutor Admirábel, ingresou na Orde dos Franciscanos contra 1240, onde, influído por Grosdeteste, se dedicou a estudos nos cales introduciu a observación da natureza e a experimentación como fundamentos do coñecemento natural. Bacon propagou o concepto de "leis da natureza" e contribuíu con estudos en áreas como a mecánica, a xeografía e principalmente a óptica. As investigacións en óptica de Grosseteste e Bacon posibilitaron o inicio da fabricación de anteollos, no século XII. No futuro, estes coñecementos serían imprescindíbeis para a invención de instrumentos como o telescopio e o microscopio.
- Tomé de Aquino (1227-1274), tamén coñecido como o Doutor Anxélico, foi un frade dominico e teólogo italiano. Igual que o seu profesor Alberte o Magno, é santo católico e doutor desta mesma Igrexa. Os seus intereses non se restrinxían á filosofía; interesouse tamén polo estudo da alquimia, e publicou unha importante obra alquímica chamada Aurora Consurxens. Non obstante, a verdadeira contribución de San Tomé á ciencia do período foi a de ser o maior responsábel da integración definitiva do aristotelismo na tradición escolástica.
- Duns Scoto (1266-1308), o Doutor Sutil, foi membro da Orde franciscana, filósofo e teólogo. Formado no ambiente académico da Universidade de Oxford, onde aínda perduraba a aura de Robert Grosseteste e Roger Bacon, tivo unha posición alternativa á de Tomé de Aquino no enfoque da relación entre a razón e a fe. Para Escoto, as verdades da fe non poderían ser comprendidas pola razón. A filosofía, así, debería deixar de ser unha serva da teoloxía e adquirir autonomía. Duns Escoto foi o mentor doutro gran nome da filosofía medieval, William de Ockham.
- William de Ockham (1285-1350), o Doutor Invencíbel, foi un frade franciscano, teórico da lóxica e teólogo inglés. Ockham defendía o principio da parsimonia ou da economía (a natureza é por si mesma económica), que xa se podía ver no traballo de Duns Escoto, o seu mestre. Ockham formulou o principio da Navalla de Occam: se hai varias explicacións igualmente válidas para un feito, entón debemos escoller a máis simple. Isto chegou a ser unha parte básica do que sería coñecido posteriormente como método científico, e un dos piares do reducionismo na ciencia. Ockam morreu vítima da peste negra. Jean Buridan e Nicole Oresme foron os seus seguidores.
-
Johannes Duns Scotus, coñecido como Duns Scoto
-
Expositio et Quaestiones, en Aristtelis De Anima, por Johannes Buridanus (Jean Buridan), 1362.
- Jean Buridan (1300-1358) foi un filósofo e relixioso francés. Aínda que fora un dos máis famosos e influentes filósofos da Idade Media tardía, está hoxe entre os nomes menos coñecidos do período. Unha das súas contribucións máis significativas foi desenvolver e popularizar a teoría do ímpeto, que explicaba o movemento de proxectís e obxectos en caída libre. Esa teoría pavimentou o camiño para a dinámica de Galileo e para o famoso principio da inercia, de Isaac Newton.
- Nicole Oresme (ca. 1323-1382) foi un xenio intelectual e talvez o pensador máis orixinal do século XIV. Teólogo dedicado e bispo de Lisieux, foi un dos principais propagadores das ciencias modernas. Alén das súas contribucións estritamente científicas, Oresme combateu fortemente a astroloxía e especulou sobre a posibilidade de que houberen outros mundos habitados no espazo. Foi o último grande intelectual europeo que viviu antes do xurdimento da peste negra.
Idade das Tebras?
[editar | editar a fonte]Nocións preconcibidas sobre a Idade Media foron amplamente propagadas, incluso por motivacións políticas, e aínda hoxe permanecen mitos no imaxinario popular. Iso tamén é verdadeiro cando se trata das nocións da ciencia no período: refírese a el pexorativamente como idade das tebras, suxerindo que nel non houbo ningunha creación filosófica ou científica autónoma.
Para xustificar o título de "Idade das Tebras", xa se dixo que na "noite de mil anos" que supostamente fora a era medieval, a ciencia coñecería un longo período de "falta de inspiración" en comparación coa produción científica clásica. Este prexuízo débese ao pequeno volume de produción científica e filosófica elaborada na Idade Media en relación ao período clásico e helenístico.
Queda a dúbida de se sería adecuada a comparación dunha era na cal Europa comezou en faragullos co período áureo da antigüidade clásica, xa que as condicións sociais e económicas eran diferentes. Mesmo a produción científica do Imperio Romano queda empalidecida diante dos descubrimentos teóricos do pasado grego, incluso durante o longo período de prosperidade proporcionado pola Pax romana e máis aínda despois da morte de Marco Aurelio, en 180 d.C.
Aínda que ningún historiador serio utilice a expresión "Idade das Tebras" para suxerir atraso cultural, aínda hoxe, mesmo nas escolas, ensínanse[Cómpre referencia] nocións equivocadas como a idea falsa de que os estudosos medievais crían que a Terra fose plana.[23]
O legado científico medieval occidental
[editar | editar a fonte]Despois de superado o abalo de desastres como a peste negra, na parte final da Idade Media, o Occidente puido demostrar un crecemento científico aínda máis exuberante no período subsecuente. Os avances na óptica, obtidos durante a Idade Media, decontado xerarían aparellos como o microscopio e o telescopio.
Estes dous instrumentos, xuntamente coa imprenta, son vistos por moitos como os equipamentos máis importantes creados para o avance do coñecemento humano.
É preciso tamén resaltar os avances na física, pero foron probabelmente o nacemento e desenvolvemento das universidades, xuntamente coas primeiras sementes do que se tornaría na metodoloxía científica contemporánea, as herdanzas máis importantes do período.[24]
Moi en breve aquela civilización que herdara un imperio en faragullos iría revolucionar o entendemento do home acerca do seu lugar no mundo e no universo.
Por máis que os homes do Renacemento e de momentos históricos posteriores ás veces fixesen intención de esquecer, moito diso foi posibilitado polas conquistas medievais.[25]
A ciencia medieval fóra do ámbito cristián occidental
[editar | editar a fonte]Non sería xusto cerrarmos este artigo sen unha referencia á ciencia desenvolvida durante a Idade Media en espazos e culturas alleas á Europa occiental, e que tanta influencia tiveron no propio desenvolvemento da ciencia en occidente.
Mundo musulmán
[editar | editar a fonte]O mundo árabe-musulmán tivo o seu apoxeo intelectual desde o século VIII até o século XIV, o que permitiu o desenvolvemento dunha cultura científica específica, iniciada en Damasco baixo os últimos Omeias, e despois en Bagdad baixo os primeiros Abásidas.
A ciencia árabe-musulmá está fundada na tradución e a lectura crítica das obras da Antigüidade.[26] A expansión do saber árabe-musulmán está estreitamente ligada ás guerras de conquista do islam que permitiu aos árabes entrar en contacto coas civilizacións hindú e chinesa. O papel, empréstito dos chineses, substituíu rapidamente ao pergameo no mundo musulmán. O califa Harun al-Rashid, apaixonado da astronomía, crea en 829 en Bagdad o primeiro observatorio permanente, o que permitiu aos seus astrónomos realizar os seus propios estudos do movemento dos astros.
Al-Biruní, retomando os escritos de Eratóstenes de Alexandría, calcula o diámetro da Terra e afirma que xira sobre si mesma, moito antes que Galileo. En 832 fúndanse as Casas da sabedoría (Bait al-hikma), lugares onde se comparte e desde onde se difunde o saber. En medicina, Avicena (980 - 1037) redacta unha monumental enciclopedia, o Canon da Medicina (al-Qanun). Ibn Nafis describe a circulación sanguínea pulmonar, e al-Razi recomenda o uso do alcohol en medicina. No século XI, Abu-l-Qasim az-Zahrawi (coñecido como Abulcasís en Occidente) escribe unha obra de referencia para a época, sobre a cirurxía. En matemáticas a herdanza antiga salvagárdase e profundízase, permitindo o nacemento da álxebra. A utilización das cifras árabes e do cero fan posíbel os avances en análise combinatoria e en trigonometría.
A ciencia na China medieval
[editar | editar a fonte]A China da Antigüidade contribuíra sobre todo á innovación técnica, con tres inventos principais[27] que son: o papel (que data do século II a.C.), a pólvora (o primeiro rexistro escrito recoñecido parece ser o Wujing Zongyao que dataría de arredor de 1044) e o compás, utilizado desde o século XI, na xeomancia. O científico chinés Shen Kuo (1031 - 1095) da Dinastía Song describe o compás magnético como instrumento de navegación. Para o historiador Joseph Needham, en Science et civilisation en Chine,[28] vasto estudo de dezasete volumes, a sociedade chinesa produciu unha ciencia innovadora, desde os seus inicios. O mesmo Needham relativiza a concepción segundo a cal a ciencia debe todo a Occidente. Para el, a China estaba incluso animada dunha ambición de recoller de maneira desinteresada o saber, antes inluso que as universidades occidentais.[29] Karine Chelma igualmente demostrou que a opinión estendida segundo a cal a demostración matemática sería de orixe grega é parcialmente falsa, xa que os chineses arranxaban os mesmos problemas na súa época; di tamén: non pode quedar centrada en occidente, a historia das ciencias exixe unha posta en perspectiva internacional dos saberes[30]. Os tratados matemáticos e de demostración son abondosos, como Os Nove capítulos (que presentan preto de 246 problemas) transmitidos por Liu Hui (século III) e por Li Chunfeng (século VII) ou aínda os Reflexos das medidas dos círculos no mar de Li Ye, que datan de 1248, estudados por Chemla e que abordan as nocións aritméticas das fraccións, da extracción de raíces cadradas e cúbicas, do cálculo da área do círculo e do volume da pirámide, entre outras.[31]
A India dos matemáticos medievais
[editar | editar a fonte]Os matemáticos hindús da Idade Media eran particularmente abstractos e non estaban orientados cara á práctica, en contraste cos exipcios, por exemplo. É con Brahmagupta (598 - 668) e a súa obra, particularmente complexa e innovadora, cando as diferentes facetas do "cero", a "cifra" e o "número" son perfectamente comprendidas, e cando se perfecciona a construción do sistema de numeración decimal de posición. O período remata co matemático Bhaskara II (1114 - 1185) que escribiu varios tratados importantes. Á maneira de Nasir ad-Din at-Tusi (1201 - 1274) desenvolve a derivación. Encontra as ecuacións polinómicas e fórmulas de trigonometría, entre as cales están as fórmulas da adición. Bhaskara é tamén un dos pais da análise, porque introduciu varios elementos relevantes do cálculo diferencial: a derivada, a diferenciación e a aplicación aos extremos, e incluso unha primeira forma do teorema de Rolle.
Pero é sobre todo con Âryabhata (476 - 550), cuxo tratado de astronomía leva o seu nome, o Aryabatîya, escrito en verso contra 499 a.C., cando as matemáticas hindús se manifestan.[32] Trátase dun curto tratado de astronomía que presenta 66 teoremas de aritmética, álxebra, ou trigonometría plana e esférica. Estes gromos retomáronse e amplificáronse polos matemáticos e astrónomos da escola de Kerala, entre eles: Madhava de Sangamagrama, Nilakantha Somayaji, Parameswara, Jyeshtadeva, ou Achyuta Panikkar, durante o período medieval do século V ao século XV. Así, o Yuktibhasa ou Ganita Yuktibhasa é un tratado de matemáticas e de astronomía, escrito polo astrónomo hindú Jyesthadeva, membro da escola matemática de Kerala en 1530.[33] Jyesthadeva adiantouse tres séculos ao descubrimento do cálculo infinitesimal polos occidentais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A convención histórica determinou que o Imperio Romano de Occidente acabou o 4 de setembro de 476, cando Odoacro depuxo a Rómulo Augústulo. Pero na práctica este asunto aínda é unha cuestión en debate. Porque Xulio Nepote reivindicou para si o título de emperador romano de Occidente, gobernando a provincia de Dalmacia, e foi recoñecido como tal polo emperador Bizantino Zenón I e por Siagrio, que conseguira manter un enclave romano no norte da Galia (coñecido como Reino de Siagrio). Odoacro autoproclamouse gobernador de Italia e comezou a negociar con Zenón. Este concedeulle a Odoacro o status de patricio como unha forma de recoñecemento da súa autoridade, e aceptouno como o seu vicerrei en Italia. Pero ao tempo insistiu en que Odoacro prestase honras a Nepote como emperador occidental. Odoacro aceptou as condicións e até emitiu moedas co nome de Nepote en Italia. Pero iso foi, porén, só un xesto político baleiro, xa que Odoacro nunca devolveu a Xulio Nepote ningún poder político ou calquera territorio. Nepote foi morto en 480 e Odoacro rapidamente invadiu e conquistou Dalmacia.
- ↑ Oliveira, Terezinha (xuño de 2007): Origem e memória das universidades medievais a preservação de uma instituição educacional [1] (HTML). En Varia história 26 (37): páxs. 113-129. Belo Horizonte. DOI:10.1590/S0104-87752007000100007. ISSN 0104-8775. Consultada o 10 de maio de 2011. (en portugués)
- ↑ Duhem traballou en Les origines de la statique en 1903, cando topou coas referencias de Jordanus Nemorarius. Isto provocou o seus sagaces estudos sobre a ciencia e a cosmoloxía medieval, que apareceron por primeira vez publicados en 1913 como Le Système du monde (só cinco dos seus dez volumes foron publicados antes da súa morte). Foron traducidos ao inglés por Roger Ariew baixo o título Medieval Cosmology. Cf. Pierre Maurice Marie Duhem Arquivado 26 de xullo de 2011 en Wayback Machine.. (en inglés)
- ↑ Jordanus Nemorarius foi un matemático do século XIII do que se teñen poucos datos. Coñécense varios traballos seus, pero non se sabe nada da súa vida. O dominico inglés Nicolás Triveth nunha crónica, identifícao con Jordanus Saxo ou Xordán de Saxonia, quen en 1222 fora o sucesor de San Domingos de Guzmán como superior da orde, e a quen atribúe as obras de Nemorarius De ponderibus Jordani e De lineis datis Jordani. Sobre esta base afírmase que naceu en Borgentreich, actualmente distrito de Höxter, Renania do Norte-Westfalia, Alemaña, e que morreu nun naufraxio. Porén, Hughes (1981) cuestiona esta identificación, porque nin Nemorarius se identifica como sacerdote, nin como Saxo, nin o superior dominico se refire como Nemorarius nos documentos da época, nin o nome de Jordanus Nemorarius aparece en ningunha lista de clérigos. A única referencia probada é unha nota de 1250 de Richard de Fournival, chanceler da Catedral de Amiens, que enumera as obras que desexaba obter para a biblioteca, e inclúe catro libros de "Jordanus Nemorarius".
- ↑ William Stahl (1962): Roman Science, Madison: Univ. of Wisconsin, 1962, páxs. 120–33.
- ↑ Edward Grant (1996): The Foundations of Modern Science in the Middle Ages. Cambridge University Press. páxs. 13–14. ISBN 0-521-56137-X
- ↑ Ronan, Colin A., "6. Ciência Romana e Medieval", Jorge Zahar Editor / Círculo do Livro S.A., História Ilustrada da Ciência da Universidade de Cambridge, Volume II, São Paulo, Brasil, 1987. páxs. 130-158.
- ↑ Pierre Riché, Education and Culture in the Barbarian West: From the Sixth through the Eighth Century, Columbia: Univ. of South Carolina, 1976, páxs. 100–29.
- ↑ Pierre Riché, Education and Culture in the Barbarian West: From the Sixth through the Eighth Century, Columbia: Univ. of South Carolina, 1976, páxs. 307–23.
- ↑ Wolff, Philippe (1968): O despertar da Europa. Lisboa: Ulisseia.
- ↑ Butzer, Paul Leo & Lohrmann, Dietrich (ed.) (1993): Science in Western and Eastern Civilization in Carolingian Times. Basel / Boston / Berlin: Birkhäuser Verlag. ISBN 0-8176-2863-0
- ↑ Eastwood, Bruce S. (2007): Ordering the Heavens: Roman Astrology and Cosmology in the Caroligian Renaissance. Leiden / Boston: Brill. páx. 23. ISBN 978-90-04-16186-3
- ↑ Howard R. Turner (1995): Science in Medieval Islam: An Illustrated Introduction. University of Texas Press. ISBN 0-292-78149-0.
- ↑ Oliveira, Terezinha (2007): Origem e memória das universidades medievais a preservação de uma instituição educacional [2] HTML. Varia história 26 (37): páxs. 113-129. Belo Horizonte: SciELO. ISSN 0104-8775. (en portugués) Consultada o 10 de maio de 2012.
- ↑ Oliveira, Terezinha (2006): A universidade medieval: uma memória. Revista Eletrônica de História Antiga e Medieval. Volume 6. ISSN 1676-5818. [3] Arquivado 14 de abril de 2009 en Wayback Machine. HTML. (en portugués)
- ↑ Franklin, James (1982): The Renaissance Myth. Quadrant 26 (11): 51-60.
- ↑ Oliveira, Terezinha (xuño 2007): Origem e memória das universidades medievais a preservação de uma instituição educacional [4](HTML) Arquivado 10 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine.. En Varia história 26 (37).
- ↑ 18,0 18,1 Zupko, Jack (outono de 2008). "John Buridan". En Edward N. Zalta. The Stanford Encyclopedia of Philosophy'. Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2013. Consultado o 11 de maio de 2011. (en inglés). Consultada o 11 de maio de 2011.
- ↑ A. Young, Davis (1988): The Contemporary Relevance of Augustine's View of Creation. Perspectives on Science and Christian Faith. [5] (en inglés). Consultada o 11 de marzo de 2011.
- ↑ Durant, Will (1950): Ciência Cristã: 1095-1300, Record, História da civilização ocidental: volume IV, p. 882, Petrópolis, RJ.
- ↑ Will Durant, na súa História da civilização ocidental, volume IV, páx. 882. di: Guillerme de Auvergne, bispo de París (falecido en 1249), promoveu tales investigacións [científicas] e ridiculizou os que crían ver un acto de Deus en calquera acontecemento extraordinario. O bispo Grosseteste, de Lincoln, estaba tan adiantado no estudo das matemáticas, óptica e ciencia experimental, que Roger Bacon o situou no mesmo plano que Aristóteles. As ordes dos dominicos e os franciscanos non puxeron obxección ningunha aos estudos científicos de Alberte o Magno ou de Roger Bacon.
- ↑ Aínda así, non hai que esquecer casos como os de Abelardo, Erasmo de Róterdam, Copérnico, Galileo e outros.
- ↑ Myths and Truths in Science and Religion: A historical perspective. Debate en vídeo de Ronald Numbers, dispoñíbel na páxina [6] Arquivado 14 de maio de 2011 en Wayback Machine. Universidade de Cambridge (Howard Building, Downing College). Publicado por The Faraday Institute for Science and Religion. (en inglés). Consultada o 11 de maio de 2011.
- ↑ Ronan, Colin A., "6. Ciência Romana e Medieval", Jorge Zahar Editor / Círculo do Livro S.A., História Ilustrada da Ciência da Universidade de Cambridge, Volume II, São Paulo, Brasil, 1987.
- ↑ Oliveira, Terezinha (2007): Origem e memória das universidades medievais a preservação de uma instituição educacional (HTML). Varia história 26 (37). Belo Horizonte, SciELO. [7]. ISSN 0104-8775. (en portugués)
- ↑ Certas obras dos mecánicos de Alexandría, como o libro dos aparellos pneumáticos de Filón de Bizancio, non se coñecen hoxe máis que por medio da civilización islámica.
- ↑ Francis Bacon consideraba que tres grandes inventos cambiaran o mundo: a pólvora para os canóns, o compás magnético para a navegación e a imprenta.
- ↑ Joseph Needham, Science et civilisation en Chine, Picquier Philippe, 1998, (versión resumida dos dous primeiros tomos).
- ↑ Para unha análise da obra de Needham, véxase o artigo: Joseph Needham: The grand Filtration. Science and Society in East and in West por P. Huard, Bulletin de l’École française d’Extrême-Orient, 1971, n° 58, páxs. 367-371, consultábel en liña. (en francés)
- ↑ Véxase a presentación, no sitio do CNRS, de Karine Chelma Arquivado 19 de outubro de 2011 en Wayback Machine. pdf. (en francés)
- ↑ K. Chemla & Guo Shuchun, Les neuf chapitres. Le classique mathématique de la Chine ancienne et ses commentaires, Dunod, 2004, París.
- ↑ Exemplos de problemas de extracción de raíces cadradas e fotografías dos manuscritos do Aryabatîya en CultureMath Arquivado 07 de marzo de 2008 en Wayback Machine.. (en francés)
- ↑ K. V. Sharma et S. Hariharan, Yuktibhasa of Jyesthadeva Arquivado 28 de setembro de 2006 en Wayback Machine. (en inglés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ciencia medieval |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Balta, Paul (compilador) (1994): Islam: civilización y sociedades. Madrid: Siglo XXI de España Editores.
- Basham, Arthur L. (2009): El prodigio que fue India. Valencia: Pre-Textos. ISBN 978-84-8191-950-9.
- Bork, Robert. De re metallica. The uses of metal in the Middle Ages. Ashgate. Aldershot. 2005.
- Costa, Ricardo da. (2002): Reordenando o conhecimento: a Educação na Idade Média e o conceito de Ciência expresso na obra Doutrina para Crianças (c. 1274-1276) de Ramon Llull. En Oliveira, Terezinha (coord.). Anais Completos da II Jornada de Estudos Antigos e Medievais: Transformação Social e Educação. Universidade Estadual de Maringá, páxs. 17-28. ISSN 1676-6733. [8] (en portugués)
- Costa, Ricardo da. (2003): A Educação na Idade Média. A busca da Sabedoria como caminho para a Felicidade: Al-Farabi e Ramon Llull. En Dimensões - Revista de História, da UFES 15. Dossiê História, Educação e Cidadania. Vitória: Ufes, Centro de Ciências Humanas e Naturais, EDUFES. páxs. 99-115. ISSN 1517-2120. [9] (en portugués)
- Costa, Ricardo da. (2006): Las definiciones de las siete artes liberales y mecánicas en la obra de Ramon Llull. En Anales del Seminario de Historia de la Filosofía. Madrid: Publicaciones Universidad Complutense de Madrid (UCM), vol. 23, páxs. 131-164 ISSN 0211-2337. [10] (en castelán)
- Crombie, Alistair Cameron (2000): Historia de la ciencia: de San Agustín a Galileo. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 978-84-206-2994-0
- Esposito, John (2000): Oxford History of Islam. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-510799-9.
- Frugoni, Chiara (2007): Invenções da Idade Média: óculos, livros, bancos, botões e outras invenções geniais. Rio de Janeiro: Jorge Zahar.
- Grant, Edward (1966): The foundations of modern science in the Middle Ages: their religious, institutional, and intellectual contexts. Cambridge (UK): Cambridge University Press. ISBN 0-521-56762-9
- Grant, Edward (1974): A source book in medieval science. Cambridge (USA): Harvard University Press ISBN 0-674-82360-5
- Grellard, C. (ed.) (2004): Méthode et statut des sciences à la fin du Moyen Âge. Presses Universitaires du Septentrion. ISBN 2-85939-839-2
- Heers, Jacques (2000): La invención de la Edad Media. Madrid: Crítica. ISBN 978-84-8432-032-6
- Huff, Toby E. (2003): The rise of early modern science: Islam, China, and the West. Cambridge (UK). Cambridge University Press ISBN 0-521-52994-8 [11]
- Kneller, Karl A. (1955): Christianity and the Leaders of Modern Science. Real-View-Books.
- Lindberg, David C. (ed.) (1978): Science in the middle ages. Chicago: University of Chicago Press. ISBN 0-226-48233-2
- Lindberg, David C. (1992): The Beginnings of Western Science. Chicago: University of Chicago Press. ISBN 0-226-48230-8
- Lindberg, David C. (2002): Los inicios de la ciencia occidental: la tradición científica europea en el contexto filosófico, religioso e institucional (desde el 600 a. C. hasta 1450). Ediciones Paidós Ibérica. ISBN 978-84-493-1293-9
- Marcondes, Danilo (1998): Iniciação à história da filosofia: dos pré-socráticos a Wittgenstein. Rio de Janeiro: Jorge Zahar Ed. ISBN 85-7110-405-0.
- Montesinos Sirera, José (ed.) (2003): Ciencia y cultura en la Edad Media. [12]. Fundación Canaria Orotava de Historia de la Ciencia. (en castelán)
- Needham, J. (1998): Science et civilisation en Chine. Picquier Philippe. (Versión resumida dos dous primeiros volumes). ISBN 978-2-87730-247-0
- Parkinson, Claire (1985): Breakthroughs. A chronology of great achievements in science and mathematics. Mansell. ISBN 0-7201-1800-X
- Principe, Lawrence M. History of Science: Antiquity to 1700.[Ligazón morta permanente] Teaching Company, curso en son Nº 1200. (en inglés)
- Restivo, Sal P. (2005): Science, technology, and society: An Encyclopedia. Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-514193-8 [13]
- Ronan, Colin A.. História ilustrada da ciência. Volume II, 1987.
- Shank, M. H. (ed.) (2000): The Scientific Enterprise in Antiquity and the Middle Ages. Chicago: University of Chicago Press. ISBN 0-226-74951-7
- Théodoridès, J. (1977): Les Sciences biologiques et médicales à Byzance. París: Centre national de la recherche scientifique, Centre de documentation Sciences humaines.
- Vericat, J. (1976): Ciencia, historia y sociedad. Madrid: Itsmo.
- Verdet, J.-P. (1990): Une Histoire de l'astronomie. París: Seuil, col. "Points".
- Walsh, James (2003): Popes and Science the History of the Papal Relations to Science During the Middle Ages and Down to Our Own Time. Kessinger Publishing. ISBN 0-7661-3646-9 [14] Reviews: The Popes and Science
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Medieval Science Page, páxina cun directorio de ligazóns a recursos de Internet relacionados coa ciencia medieval (en inglés).
- Ciencia medieval, igrexas e universidades (en inglés).
- La ciencia en la Edad Media (en castelán).
- Historia de la ciencia occidental (en castelán).
- Historia del pensamiento Científico (en castelán)
- Historia de la ciencia | Ciencia en la Edad Media (en castelán).
- Projeto Ockham - O mito da Terra plana (en portugués).
- Medieval Technology Pages (en inglés).
- Medieval Science, the Church and Universities por James Hannam (en inglés).
- Medieval astrology Arquivado 28 de xuño de 2011 en Wayback Machine. (en inglés).
- MacKinney Collection of Medieval Medical Illustrations (en inglés).