Saltar ao contido

Guitarra

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Guitarrista»)

Guitarra
Información
Clasificación
  • Instrumento de corda pulsada
  • Tesitura
    Instrumentos relacionados
  • Laúde
  • bandurra
  • ukelele
  • charango
  • guitarrón
  • Cuatro (instrumento)
  • Músicos notables
  • Guitarristas
  • Henriette Ronner-Knip

    A guitarra, un instrumento musical de corda pulsada, evolución da vihuela, é un invento español, desenvolto nos séculos XVI a XVIII e perfeccionada polo lendario Antonio de Torres que lle deu a forma e estrutura que aínda ten hoxe. A guitarra clásica, de concerto ou española, está feita de madeira (normalmente nobres) e ten seis cordas, os tres bordóns graves metálicas e as agudas de nailon ou carbono; antigamente as cordas eran de tripa. No século XX apareceron outros tipos de guitarra nos Estados Unidos, primeiro a chamada acústica, con cordas de aceiro, e despois a guitarra eléctrica, que ten unha pastilla ou imán bobinado que transforma as vibracións nun sinal eléctrico que se pode amplificar.

    A guitarra está afinada por tres cuartas, unha terceira e unha cuarta máis (dende o bordón grave ó agudo): Mi, La, Re, Sol, Si, Mi.

    As orixes e evolución da guitarra no son demasiado claros, xa que numerosos instrumentos semellantes eran utilizados na antigüidade, polo que é normal seguir xa traxectoria deste instrumento a través das representacións pictóricas e escultóricas atopadas ao longo da historia. Existen evidencias arqueolóxicas en baixorrelevos atopados en Alaça Hüyük (norte da actual Turquía) de que en torno ao ano 1000 a. C. os hititas e asirios crearon instrumentos de corda parecidos á lira (o instrumento de varias cordas máis sinxelo e antigo do mundo) pero co agregado dunha caixa de resonancia, polo que serían antecesores da guitarra. Tamén se atoparon representacións en debuxos do antigo Exipto que se asemellan a un instrumento parecido á guitarra.

    Existen dúas hipóteses sobre as súas orixes. Unha delas dálle unha orixe greco-romana e afirma que é un descendente da fidícula; e a outra considera que a guitarra é un instrumento introducido polos árabes durante a invasión musulmá da Península Ibérica, e que posteriormente evolucionou en España. Segundo a primeira hipótese, estes instrumentos chegaron ata os gregos, que deformaron lixeiramente o seu nome, kizára ou kettarah, que en galego converteuse en cítara. Este feito deu lugar a supoñer que a guitarra deriva da cítara grega e romana, ás que se le engadiu un mango ao comezo da nosa era. Moitos estudosos e musicólogos atribúen a chegada da guitarra á Península Ibérica por medio do Imperio Romano no ano 400. A outra hipótese sostén que o primeiro instrumento con mastro foi a ud árabe, cuxo nome os españois terminaron fundindo erroneamente co seu artigo. Foron precisamente os árabes que introduciron o instrumento na península, onde evolucionou de acordo aos gustos musicais da plebe baixo dominación musulmá.

    Na India estes instrumentos eran coñecidos en idioma sánscrito como sitar (instrumento descendente da vina), palabra que provén de dúas palabras indoeuropeas que darían orixe á palabra "guitarra": a raíz guīt (que produciu as palabras sánscritas guitá: "canción", ou sangīt: ‘música’) e a raíz tar, que significa "corda" ou "acorde".

    Idade Media

    [editar | editar a fonte]

    Nos séculos XI e XII poden distinguirse dous tipos de "guitarres" ou "guiternes". Por unha banda a mourisca ou mandora, con forma ovalada de media pera e que se asemella ao laúde árabe e á mandolina. Pola outra a guitarra latina, unha evolución das antigas cedras ou cítaras, de fondo plano, unida por aros con mango longo e cuxo caravilleiro era semellante ao do violín. A primeira delas concorda coa hipótese da orixe oriental da guitarra, unha especie de laúde asirio que se tería estendido por Persia e Arabia, ata chegar á Península Ibérica durante a estancia dos árabes. A segunda, reforzaría a hipótese da orixe greco-latina do instrumento. Ambos tipos están representados nas miniaturas das Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio de 1270, aínda que unha das representacións máis antigas que se conservan está en Europa Occidental, nun Paixonario da abadía de Zwiefalten do ano 1180.

    No século XIV, os poetas medievais franceses Guillaume de Machaut e Eustache Deschamps nomean nas súas obras á "guiterna" sen precisar o tipo.

    A guitarra latina evolucionou ata dar lugar a dous instrumentos diferentes: a vihuela, que estaba dotada de seis ordes (cordas dobres) e que tivo unha ampla difusión entre a aristocracia e os trobadores e músicos profesionais; e a guitarra, de catro ordes e de uso máis popular.

    Século XVI

    [editar | editar a fonte]

    No século XVI comezan a realizarse numerosas composicións para guitarra. A primeira obra para guitarra de catro ordes aparece na obra Tres libros de música en cifra para vihuela, publicada en 1546 por Alonso Mudarra en Sevilla. Nesa época era habitual confundir os nomes destes instrumentos e foi a finais de século cando comezaron a diferenciarse. A guitarra foi utilizada principalmente como instrumento de acompañamento e principalmente coa técnica do rasgueado.

    Século XVII

    [editar | editar a fonte]

    O tratado máis antigo sobre a guitarra española foi publicado en Barcelona en 1596 por Juan Carlos Amat. En 1606 Girolamo Montesardo publicou en Boloña a primeira grande obra para guitarra, titulada Nuova inventione d'involatura per sonare Il balleti sopra la chitarra espagnuola e G. A. Colonna publicou Intavolatura di chitarra alla spagnuola en 1620.

    Habitualmente atribúeselle a inclusión da quinta corda ao músico e poeta andaluz Vicente Espinel. A atribución desta invención realizouna Lope de Vega, pero foi refutada por Nicolao Doici de Velasco (1640) e por Gaspar Sanz (1684) nos seus tratados sobre a guitarra española. Sustentan as súas afirmacións no feito de que once anos antes do nacemento de Espinel, Bermudo mencionou unha guitarra de cinco ordes. Porén, aínda que Espinel non fose o inventor da guitarra española de cinco cordas, probablemente foi quen máis se encargou da súa difusión popular en todas as clases sociais de España. O Nuevo método por cifra para tañer guitarra de cinco cuerdas publicado en 1630 por Doici de Velasco é o máis antigo coñecido, e nel afírmase que "en Francia, Italia e demais países, á guitarra chámaselle española dende que Espinel puxo a quinta corda, quedando tan perfecta como o laúde, a arpa, a tiorba e o clavicordio e aínda máis abundante que estes".

    Outros autores contribuíron de forma destacada á literatura sobre a guitarra, como Luis de Briceño, Lucas Ruiz de Ribayaz e Francisco Guerau, entre outros. Na Península Ibérica a guitarra era xa moi utilizada a finais do século XVII, cando Gaspar Sanz compuxo a súa Instrucción de música sobre la guitarra española y método de sus primeros rudimentos, hasta tañerla con destreza. Anteriormente había guitarras de nove cordas: unha corda sinxela e catro ordes.

    En todo caso, parece claro que foi en España onde tomou carta de natureza, pois a diferenza das guitarras construídas noutros países e lugares de Europa, onde se fabricaban guitarras sobrecargadas de incrustacións e adornos que as facían case imposibles de tocar, a guitarra española facíase para ser tocada e foi tan popular que incluso Sebastián de Covarrubias, capelán de Filipe II e lexicógrafo español, chegou a dicir que "a guitarra non vale máis que un chocallo, é tan fácil de tocar que non existe un labrego que non sexa un guitarrista".

    Aínda que todos os países reivindican a súa intervención na invención da guitarra (con especial mención de Francia), aspectos tales como a forma, a estrutura e a afinación, derivan directamente da guitarra tal como os luthiers ibéricos a deseñaban, sen esquecernos dos europeos como Johan Stauffer, de quen derivan os deseños do seu discípulo C. F. Martin.

    Séculos XVIII e XIX

    [editar | editar a fonte]

    Iniciado o século XVIII Jacob Otto agrega a sexta corda á guitarra e estandarízase a afinación moderna, o cambio máis significativo sufrido por este instrumento. A mediados de século, a historia da guitarra moderna acada un grande apoxeo co español Francisco Tárrega, creador da escola moderna e autor do cambio no uso da posición das mans e o xeito de pulsar as cordas.

    A finais do século XVIII e principios do XIX, algunhas guitarras usaban seis cordas sinxelas e empregaron unhas barras de reforzo debaixo da tapa harmónica. Estas barras foron engadidas para reforzar a estrutura e permitiron adelgazar a tapa para obter unha maior resonancia e unha mellor distribución do son ao longo da tapa harmónica. Outras melloras contemporáneas inclúen o uso dun mastro reforzado e elevado usando madeira de ébano ou palisandro, e a aparición dun mecanismo de parafuso metálico en lugar das caravillas de madeira para afinar. É importante destacar que o rocho elevado tivo un grande impacto na técnica do instrumento, porque as cordas estaban demasiado lonxe da tapa harmónica de xeito que había que apoiar un dos dedos da man dereita para que servise de soporte aos demais. Estas guitarras serían recoñecidas inconfundiblemente como as primeiras guitarras clásicas.

    Nos comezos do século XIX, nos traballos dos españois Agustín Caro, Manuel González, Antonio de Lorca, Manuel Gutiérrez e outros construtores europeos, incluídos René Lacote e o vienés Johann Stauffer, atopamos as características dos precursores máis directos da guitarra clásica moderna. Johann Stauffer ten unha reputación lendaria. Na súa tenda aprendeu a construír guitarras C. F. Martin, que máis tarde se trasladaría a Estados Unidos, e cuxa firma segue constrinxindo guitarras hoxe en día. Tamén desenvolveu o rocho elevado, a petición de Luigi Legnani, o guitarrista e primeiro intérprete dos concertos do violinista xenovés Niccolò Paganini. Os seus outros avances na construción da guitarra inclúen un mastro axustable e reforzado con aceiro e as caravillas de parafuso sen fin, que aínda se usan nas guitarras modernas.

    Cara 1850 empezou o traballo de Antonio Torres Jurado. Co apoio de Julián Arcas, ambos almerienses, e as súas propias intuicións, Antonio Torres Jurado refinou os soportes estruturais da guitarra, incluíndo sete varas estendidas baixo a tapa harmónica. Aumentou tamén o tamaño da caixa de resonancia e o ancho do mastro. Estas innovacións influíron na mellora do volume do son e a resposta nos graves, así como o descubrimento dunha técnica para a man esquerda para o enriquecemento do repertorio. Agora a guitarra xa estaba preparada tanto para as demandas do solista como para as do conxunto instrumental. A tradición construtiva en Almería mantívose ata os nosos días con construtores como Gerundino Fernández García.

    Século XX

    [editar | editar a fonte]

    O luthier español José Ramírez III, xunto ao guitarrista Narciso Yepes, agregoulle catro cordas máis nas graves, sobre un amplo mastro cuxos múltiples trastes permiten ampliar notablemente a gama de son da man esquerda. Narciso Yepes tocou por vez primeira esta guitarra de dez cordas en Berlín en 1964 e, a partir dese ano, foi o seu instrumento habitual nos concertos, especializándose en pezas renacentistas e barrocas.

    Tipos de guitarra

    [editar | editar a fonte]

    Hai dous tipos básicos de guitarra: a guitarra clásica e a guitarra flamenca, de tamaño lixeiramente menor que a clásica, distintas madeiras e outras variacións que a fan menos resoante pero máis percusiva.

    Unha variedade da guitarra clásica ou española é a guitarra acústica, cuxa diferenza principal é o material das súas cordas, que é o metal en lugar da tripa ou o nailon. Procede de Estados Unidos, adoita a ser de maior tamaño e co tempo evolucionou para adoptar un sistema alimentado por enerxía eléctrica (pastillas eléctricas), dando lugar á guitarra eléctrica.

    Véxase tamén

    [editar | editar a fonte]

    Outros artigos

    [editar | editar a fonte]