Post-grunge
Post-grunge | |
---|---|
Orixe musical | grunge, rock alternativo, hard rock, pop-rock, modern rock |
Orixe cultural | Principios dos 90 en Florida, Ontario, sur de California, Seattle, Xeorxia |
Instrumentos típicos | Guitarra eléctrica, baixo, batería |
O post-grunge é un subxénero do rock alternativo que emerxeu a principios dos anos 90 como un derivado da música grunge, utilizando os sons e a estética deste pero cun estilo máis comercial. Isto fixo que bandas do xénero como Foo Fighters, Creed ou Matchbox Twenty estivesen entre as bandas de rock máis exitosas de finais dos anos 90 e principios dos 2000.
Orixes
[editar | editar a fonte]Xeralmente, as bandas etiquetadas como tal son bandas moi influídas polo grunge, e a súa música adoita incorporar guitarras distorsionadas, letras cheas de angustia, e o dinamismo "alto-baixo" do grunge, pero producido dun xeito máis comercial.
Aínda que hai excepcións, moitos grupos de post-grunge non especifican ás bandas de grunge como influencias. Máis ben, acostuman citar como tales ás bandas que influenciaron o desenvolvemento do grunge mesmo, coma os Melvins e as primeiras bandas de hard rock coma Led Zeppelin e Black Sabbath.
Historia
[editar | editar a fonte]Os primeiros álbums exitosos do post grunge foron Sixteen Stone, da banda británica Bush, e Throwing Copper de Live. Estes traballos contiñan gran cantidade de hits, ao contrario que os álbums máis recentes de bandas grunge como Nirvana e Pearl Jam, que só contaban cun ou dous hits. Bandas coma Everclear, Collective Soul, Silverchair e Candlebox non tardarían en seguilos.
Preto do 1994 o post-grunge, xunto co rock alternativo en xeral, adiantara ao grunge como o principal formato rock nos Estados Unidos, mentres que en Gran Bretaña o britpop fixérase masivamente popular. Porén, cara a finais da década, cunhas carreiras decepcionantes de moitos artistas post-grunge, só un feixe de bandas sobreviviron, entre elas Foo Fighters, a banda de Dave Grohl, ex-batería de Nirvana, xa que os seus dous primeiros traballos poden considerarse parte da corrente post-grunge.
Hoxe en día hai unha serie de bandas aínda comercialmente florecentes dentro deste xénero, entre elas destacan Nickelback, Three Days Grace, Puddle of Mudd, Seether e 3 Doors Down.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sobre o post-grunge no site All Music Guide Arquivado 01 de maio de 2011 en Wayback Machine.