Saltar ao contido

Miguel de Cervantes

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaMiguel de Cervantes

Retrato atribuído a Xoán de Jáuregui.
Nome orixinal(es) Miguel de Cervantes Saavedra Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 29 de setembro de 1547 Editar o valor en Wikidata
Alcalá de Henares, España Editar o valor en Wikidata
Morte22 de abril de 1616 Editar o valor en Wikidata (68 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortediabetes mellitus tipo 2 (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaconvent of the Barefoot Trinitarians (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Grupo étnicoPobo español Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
EducaciónEstudio de la Villa
Universidade de Salamanca Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoFiction (en) Traducir, literatura, teatro e militar Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónnovelista, soldado, escritor, contable, letrista, dramaturgo, poeta, recadador de impostos Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticonovela, poesía e drama
MovementoSéculo de Ouro, Manierismo e Renaissance literature (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Influencias
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeCatalina de Salazar y Palacio Editar o valor en Wikidata
ParellaAna de Villafranca y Rojas Editar o valor en Wikidata
FillosIsabel de Saavedra
 () Ana de Villafranca y Rojas Editar o valor en Wikidata
PaisRodrigo de Cervantes Editar o valor en Wikidata  e Leonor de Cortinas Editar o valor en Wikidata
Sinatura

Descrito pola fonteEnciclopedia soviética armenia
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0148859 Allocine: 38101 Allmovie: p218015 IBDB: 84306
BNE: XX1718747 Bitraga: 351 Dialnet: 2995919 Last fm: Miguel+de+Cervantes Musicbrainz: c9224cbf-0b24-4bc7-809d-3c9cf0efb3b6 Discogs: 2284087 IMSLP: Category:Cervantes,_Miguel_de Allmusic: mn0001679527 WikiTree: Cervantes-289 Find a Grave: 7014808 Editar o valor en Wikidata

Miguel de Cervantes Saavedra, nado en Alcalá de Henares o 29 de setembro de 1547[1] e finado en Madrid o 23 de abril de 1616, foi un escritor en lingua castelá de novela, poesía e teatro, considerado a máxima figura da literatura castelá. É universalmente coñecido, sobre todo, por ser o autor de Don Quixote da Mancha[2][3], que moitos críticos describen como a primeira novela moderna e unha das mellores obras da literatura universal. Iso deulle o sobrenome de "Príncipe dos Enxeños".

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Miguel de Cervantes foi bautizado en Alcalá de Henares (España). O día exacto do seu nacemento é descoñecido, aínda que é probábel que nacese o 29 de setembro, data en que se celebra a festa do arcanxo San Miguel, pola tradición de recibir o nome do santoral. Foi bautizado o 9 de outubro de 1547 na parroquia de Santa María a Maior, en Alcalá de Henares. Na acta do bautizo reza:

Domingo, nove días do mes de outubro, ano do Señor de mil e cincocentos e corenta e sete anos, foi bautizado Miguel, fillo de Rodrigo Cervantes e a súa muller dona Leonor. Bautizouno o reverendo señor Bartolomé Serrán, cura de Nosa Señora. Testemuñas, Baltasar Vázquez, Sancristán, e eu, que o bauticei e firmei do meu nome. Bachiller Serrán.

O seu pai, de ascendencia cordobesa, chamábase Rodrigo de Cervantes e era cirurxián, oficio máis parecido ao actual practicante que á nosa idea de médico. Cervantes ten ascendencia conversa por ambas as liñas familiares, segundo sinalaron Américo Castro, Daniel Eisenberg e outros cervantistas. Polo contrario, Jean Canavaggio insiste en que "non está probado" e compárao cos documentos que apoian esta ascendencia, sen lugar a dúbidas, para Mateo Alemán. A súa nai foi Leonor de Cortinas Sánchez. De pais galegos[4], pouco máis se sabe dela, feito en si sospeitoso de indicar unha orixe conversa. Os seus irmáns foron Andrés (1543), Andrea (1544); Luísa (1546), que chegou a ser prioritaria dun convento carmelita; Rodrigo (1550), tamén soldado que o acompañou no cativerio alxerino; Magdalena (1554) e Juan, só coñecido porque o seu pai o menciona no testamento.

Hai que notar que o apelido "Saavedra" non aparece en ningún documento nos comezos literarios de Cervantes, nin o usa ningún dos seus irmáns. De nacemento, sería "Miguel de Cervantes Cortinas". Só comezou a usar o apelido "Saavedra" despois de volver do cativerio alxerino, posibelmente para se diferenciar daquel Miguel de Cervantes Cortinas desterrado da corte.

En 1551, Rodrigo de Cervantes trasladouse coa súa familia a Valladolid. Por débedas, estivo preso varios meses, e os seus bens foron embargados. En 1556, dirixiuse a Córdoba para recoller a herdanza de Juan de Cervantes, o avó do escritor, e fuxir dos acredores.

Non hai datos precisos sobre os primeiros estudos de Miguel de Cervantes que, sen dúbida, non chegaron a ser universitarios. Parece ser que puido estudar en Valladolid, Córdoba ou Sevilla. Tamén é posíbel que estudase na Compañía de Xesús, xa que na novela El coloquio de los perros elabora unha descrición dun colexio de xesuítas que parece unha alusión da súa vida estudantil.

En 1566, establécese en Madrid. Asiste ó Estudo da Vela, rexentado polo catedrático de gramática Juan López de Hoyos, quen en 1569 publicou un libro sobre a enfermidade e morte da raíña Isabel de Valois, a terceira esposa de Filipe II. López de Hoyos inclúe nese libro tres poesías de Cervantes, o noso caro e amado discípulo. Esas son as súas primeiras manifestacións literarias. Nestes anos Cervantes afeccionouse ó teatro vendo as representacións de Lope de Rueda e, segundo declara na segunda parte de Don Quixote, ó parecer por boca da personaxe principal, "íanselle os ollos tras a farándula".

Fuxida a Italia e a batalla de Lepanto

[editar | editar a fonte]
A batalla de Lepanto.

Conservouse unha providencia de Filipe II que data de 1569, onde manda prender a Miguel de Cervantes, acusado de ferir nun duelo un tal Antonio Sigura, mestre de obras. Se se tratase realmente de Cervantes, ese sería o motivo que lle fixo ir a Italia. Chegou a Roma en decembro do mesmo ano. Alí leu os poemas cabaleirescos de Ludovico Ariosto e os Diálogos de amor do xudeu sefardita León Hebreo (Yehuda Abrabanel), de inspiración neoplatónica, que influirán na súa idea do amor. Cervantes imbúese do estilo e arte italianos.

Entra ao servizo de Giulio Acquaviva, que será cardeal en 1570; a quen, probabelmente, coñeceu en Madrid. Seguiuno por Palermo, Milán, Florencia, Venecia, Parma e Ferrara. Axiña o deixará para ocupar praza de soldado na compañía do capitán Diego de Urbina, do terzo de Miguel de Montcada. Embarcou na galera Marquesa. O 7 de outubro de 1571 participou na batalla de Lepanto, formando parte da armada cristiá dirixida por Xoán de Austria, fillo do "raio da guerra" Carlos V e medio irmán do rei. Nunha información legal elaborada oito anos máis tarde dicía:

Cando se recoñeceu a armada do Turco, na dita batalla naval, o dito Miguel de Cervantes estaba malo e con quentura, e o dito capitán... e outros moitos amigos seus dixéronlle que, pois estaba enfermo e con quentura, que estivese quedo embaixo na cámara da galera; e o dito Miguel de Cervantes respondeu que que dirían del, e que non facía o que debía, e que máis quería morrer pelexando por Deus e polo seu rei, que non se meter so cuberta, e que coa súa saúde... E pelexou como valente soldado cos ditos turcos na dita batalla no lugar do esquife, como o seu capitán o mandou e lle deu orde, con outros soldados. E acabada a batalla, como o señor don Juan soubo e entendeu o ben que o fixera e pelexara o dito Miguel de Cervantes, acrecentoulle e deulle catro ducados máis da súa paga... Da dita batalla naval saíu ferido de dous arcabuzazos no peito e nunha man, de que quedou mancado da dita man.

De aí procede o alcuño de "o manco de Lepanto". A man esquerda non lle foi cortada, senón anquilosada. Aquelas feridas non deberon ser demasiado graves; pois, tras seis meses de permanencia nun hospital de Messina, Cervantes renovou a súa vida militar en 1572. Tomou parte nas expedicións navais de Navarino (1572), Corfú, Bizerta e Tunisia (1573). Todas elas baixo o mando do capitán Manuel Ponce de León e no rexemento de Lope de Figueroa.

Despois, percorrería as principais cidades de Sicilia e Sardeña, Xénova e Lombardía. Permaneceu, finalmente, dous anos en Nápoles, ata 1575.

Cervantes sempre se mostrou moi orgulloso de loitar na batalla de Lepanto, como dicía no prólogo da segunda parte do Quixote: "a máis alta ocasión que viron os séculos pasados, os presentes, nin agardan ver os vindeiros".

Cativerio en Alxer

[editar | editar a fonte]
Miguel de Cervantes Saavedra (outro retrato imaxinario).

Durante o seu regreso desde Nápoles a España a bordo da galera "Sol", unha flotilla turca comandada por Arnaut Mamí fixo presos a Miguel e ao seu irmán Rodrigo o 26 de setembro de 1575. Foron capturados á altura de Cadaqués de Rosas ou Palamós, actualmente chamada Costa Brava, e levados a Alxer. Cervantes é adxudicado como escravo ao renegado grego Dali Mamí. O feito de que lle encontraron no seu poder as cartas de recomendación que levaba de Juan de Austria e do Duque de Sessa, fixo pensar aos seus captadores que Cervantes era unha persoa moi importante e por quen poderían conseguir un bo rescate. Pediron quiñentos escudos de ouro pola súa liberdade. Nos cinco anos de aprisionamento, Cervantes, un home cun forte espírito e motivación, tratou de escapar en catro ocasións. Para evitar represalias nos seus compañeiros de cativerio, fíxose responsábel de todo ante os seus inimigos. Preferiu a tortura á delación. Grazas á información oficial e ó libro de frei Diego de Haedo Topographia e historia general de Argel (1612),[5] temos posesión de novas importantes sobre o cativerio. Tales notas compleméntanse coas súas comedias El Trato de Argel, Los Baños de Argel, e o relato da "Historia do cativo", que se inclúe na Primeira parte do Quixote, entre os capítulos 39 e 41. Non obstante, desde xa hai tempo sábese que a obra publicada por Haedo non era súa, algo que el mesmo xa recoñece. Segundo Emilio Sola, o seu autor foi Antonio de Sosa, beneditino compañeiro de cativerio de Cervantes e dialoguista da mesma obra. Daniel Eisenberg propuxo que a obra non é de Sosa, quen non era escritor, senón do grande escritor cativo en Alxer, escritos cos cales a obra de Haedo mostra moi extensas semellanzas. De ser certo, a obra de Haedo deixa de ser confirmación independente da conduta cervantina en Alxer, senón un máis dos escritos do mesmo Cervantes que loan o seu heroísmo.

O primeiro intento de fuga fracasou, porque o mouro que tiña que conducir a Cervantes e aos seus compañeiros a Orán, abandonounos na primeira xornada. Os presos tiveron que regresar a Alxer, onde foron encadeados e vixiados máis que antes. Mentres tanto, a nai de Cervantes conseguira reunir certa cantidade de ducados, coa esperanza de poder rescatar os seus dous fillos. En 1577 concertáronse os tratos, mais a cantidade non era abonda para rescatar aos dous. Miguel preferiu que fose posto en liberdade o seu irmán Rodrigo, quen regresou a España. Rodrigo levaba un plan elaborado polo seu irmán para liberalo a el e aos seus catorce ou quince compañeiros máis. Cervantes reuniuse cos outros presos nunha cova oculta, á espera dunha galera española que viría a recollelos. A galera, efectivamente, chegou e tentou achergarse por dúas veces á praia; mais, finalmente, foi apresada. Os cristiáns escondidos na cova tamén foron descubertos, debido á delación dun cómplice traidor, de alcume "o Dorador". Cervantes declarouse como único responsábel de organizar a evasión e inducir aos seus compañeiros. O rei de Alxer, Azán Baxá, encerrouno no seu "baño" ou presidio, cargado de cadeas, onde permaneceu durante cinco meses.

O terceiro intento trazouno Cervantes coa finalidade de chegar por terra ata Orán. Enviou alí un mouro fiel con cartas para Martín de Córdoba, xeneral daquela praza, explicándolle o plan e pedíndolle guías. Porén, o mensaxeiro foi preso e as cartas descubertas. Nelas demostrábase que era o propio Miguel de Cervantes quen o tramara todo. Foi condenado a recibir dous mil paus, sentenza que non se realizou porque moitos foron os que intercederon por el.

O último intento de escapar produciuse grazas a unha importante suma de diñeiro que lle entregou un mercador valenciano que estaba en Alxer. Cervantes adquiriu unha fragata capaz de transportar sesenta cativos cristiáns. Cando todo estaba a piques de solucionarse, un dos que debían ser liberados, o ex dominico doutor Juan Branco de Paz, revelou todo o plan a Azán Baxá. Como recompensa o traidor recibiu un escudo e unha xerra de manteiga. Azán Baxá trasladou a Cervantes a unha prisión máis segura, no seu mesmo palacio. Despois, decidiu levalo a Constantinopla, onde a fuga resultaría unha empresa case imposíbel de realizar. De novo, Cervantes asumiu toda a responsabilidade.

En maio de 1580, chegaron a Alxer os padres Trinitarios frei Antonio da Bela e frei Juan Gil. Frei Antonio partiu cunha expedición de rescatados. Frei Juan Gil, que unicamente dispuña de trescentos escudos, tratou de rescatar a Cervantes, polo cal se esixían quiñentos. O frade ocupouse de colleitar entre os mercadores cristiáns a cantidade que faltaba. Reuniuna cando Cervantes estaba xa nunha das galeras en que Azán Baxá había partir rumbo a Constantinopla, atado con "dúas cadeas e un grillón". Grazas aos 500 escudos tan arduamente reunidos, Cervantes é liberado o 19 de setembro de 1580. O 24 de outubro regresou, por fin, a España con outros cativos tamén rescatados. Chegou a Dénia, desde onde se trasladou a Valencia. En novembro ou decembro regresa coa súa familia en Madrid.

Regreso a Castela

[editar | editar a fonte]
Estatua de Cervantes na Praza da Universidade de Valladolid.

En maio de 1580 Cervantes trasladouse a Portugal, onde estaba a corte de Filipe II, co obxecto de atopar algo co que refacer a súa vida e pagar as débedas que contraera a súa familia para rescatalo de Alxer. Encomendáronlle unha misión secreta en Orán, xa que tiña moitos coñecementos da cultura e costumes do norte de África. Por ese traballo recibiu 50 escudos. Regresou a Lisboa e a finais de ano volveu a Madrid. En febreiro de 1582, solicita un posto de traballo vacante nas Indias; sen conseguilo. Nestes anos, o escritor ten relacións amorosas con Ana Villafranca (ou Franca) de Rojas, a muller de Alonso Rodríguez, un taberneiro. Da relación naceu unha filla que se chamou Isabel de Saavedra, que el recoñeceu.

O 12 de decembro de 1584, contrae matrimonio con Catalina de Salazar y Palacios na vila toledana de Esquivias. Catalina era unha moza que non chegaba aos vinte anos e que achegou un pequeno dote. Suponse que o matrimonio non só foi estéril, senón un fracaso. Aos dous anos de casados, Cervantes comeza as súas extensas viaxes por Andalucía. Cervantes é quen estreou na literatura española o tema do divorcio, entón imposíbel nun país católico.

É moi probábel que entre os anos 1581 e 1583 Cervantes escribise La Galatea, a súa primeira obra literaria en volume e transcendencia. Publicouse en Alcalá de Henares en 1585. Ata entón só publicara algunhas composicións en libros alleos, en romanceiros e cancioneiros, que reunían producións de diversos poetas.

La Galatea apareceu dividida en seis libros, aínda que só escribiu a "primeira parte". Cervantes prometeu continuar a obra; porén, nunca chegou a imprimirse. No prólogo a obra é cualificada como "égloga" e insístese na afección que Cervantes tivo sempre á poesía. Trátase dunha novela pastoril, xénero que establecera en España a Diana de Jorge de Montemaior. Aínda se poden observar as lecturas que realizou cando foi soldado en Italia.

O matrimonio coa súa esposa non resultou. Separouse da mesma aos dous anos, sen chegar a ter fillos. Cervantes nunca fala da súa esposa nos seus moitos textos autobiográficos, a pesar de ser el quen estreou na literatura española o tema do divorcio co entremés El juez de los divorcios. Suponse que o matrimonio foi infeliz, aínda que nese entremés sostén que "máis vale o peor concerto / que non o divorcio mellor".

Últimos anos

[editar | editar a fonte]
Primera edición de O Quixote (1605).
Casa que ocupou o escritor en Valladolid entre os anos 1604 e 1606 e que coincidiría coa publicación da primeira edición de O Quixote, en 1605. Actualmente é un museo.

En 1587, viaxa a Andalucía como comisario de provisións da Armada Invencible. Durante os anos como comisario, percorre unha e outra vez o camiño que vai de Madrid a Andalucía, pasando por Castela-A Mancha. Ese é o itinerario de Rinconete y Cortadillo.

Establécese en Sevilla. Posteriormente, traballa como cobrador de impostos. É encarcerado en 1597, tras a quebra do banco onde depositaba a recadación. No cárcere "crea" Don Quixote da Mancha, segundo o prólogo a esta obra. Non se sabe se con ese termo quixo dicir que comezou a escribilo mentres estaba preso ou, simplemente, que se lle ocorreu a idea alí.

O outro encarceramento documentado de Cervantes foi moi breve, en Castro del Río (Córdoba). Non consta que estivese nunca en Cueva de Medrán, Argamasilla de Alba.

En 1605, publica a primeira parte da que será a súa principal obra: El ingeniosos hidalgo don Quijote de la Mancha'. Iso marcou o fin do realismo como estética literaria e creou o xénero da novela moderna, a novela polifónica, de amplísimo influxo posterior. A segunda parte non aparece ata 1615: O enxeñoso cabaleiro don Quixote da Mancha. Ambas as obras gáñanlle un posto na historia da literatura universal e converten ao seu autor, xunto con Dante Alighieri, William Shakespeare, Michel de Montaigne e Goethe nun autor canónico da literatura occidental. Un ano antes, aparece publicada unha apócrifa continuación de Alonso Fernández de Avellaneda. Unha novela escrita, ao parecer, por un discípulo e amigo de Lope de Vega de orixe aragonesa ou por un grupo de amigos de Lope.

Entre as dúas partes de "Don Quixote", aparecen en 1613, as "Novelas exemplares"[6]. Son un conxunto de doce narracións breves, compostas algunhas delas moitos anos antes. A súa fonte é propia e orixinal. Nelas ensaia distintas fórmulas narrativas como a sátira lucianesca (El coloquio de los perros), a novela picaresca (Rinconete y Cortadillo), a miscelánea (El licenciado vidriera), a novela bizantina (La española inglesa, El amante liberal) ou, mesmo, a novela policial (La fuerza de la sangre). Dalgunhas delas, como por exemplo El celoso extremeño, consérvase unha segunda redacción testemuñada polo manuscrito chamado de Porras de la Cámara, descuberto no século XIX. Só esta colección de novelas podería en si mesma terlle creado un posto moi salientado na historia da literatura castelá.

A crítica literaria foi unha constante na súa obra. Aparece en La Galatea, en Don Quixote e a ela consagroulle o Viaje del Parnaso (1614). Extenso poema en tercetos encadeados. En 1615, publica Ocho comedias y ocho entremeses nuevos nunca representados, mais o seu drama máis popular hoxe, La Numancia, ademais de El trato de Argel, quedou inédito ata o século XVIII.

Un ano despois da súa morte, aparece a novela Los trabajos de Persiles y Sexismunda, cuxa dedicatoria ao Conde de Lemos firmou tan só dous días antes de morrer. Esta novela bizantina, que pretende competir co modelo clásico grego de Heliodoro, coñeceu algunhas edicións máis na súa época; mais foi esquecida e escurecida polo triunfo indiscutíbel de Don Quixote. Cervantes utiliza un grupo de personaxes como fío condutor da obra, en vez de dous. Anticipa, así, o chamado realismo máxico. En certo xeito, cristianiza o modelo orixinal utilizando o tópico do homo viator, alcanzándose o clímax ao final da obra coa anagnórise dos dous namorados principais, chamados ata entón Periandro e Auristela, na cidade santa de Roma:

"As nosas almas, como ti ben sabes e como aquí me ensinaron, sempre están en continuo movemento e non poden parar senón en Deus, como no seu centro. Nesta vida os desexos son infinitos e uns encadéanse doutros e líganse e van formando unha cadea que talvez chega ao ceo e tal súmese no inferno"

A súa influencia foi tal, que a mesma lingua española acostuma ser chamada a lingua de Cervantes.

Alcances artísticos

[editar | editar a fonte]
Ilustración de Honoré Daumier.

Cervantes é sumamente orixinal. Parodiando un xénero que empezaba a periclitar, como é os libros de cabalerías, creou outro xénero sumamente vivaz, a novela polifónica, onde se superpoñen as cosmovisións e os puntos de vista ata confundirse en complexidade coa mesma realidade, recorrendo incluso a xogos metaficcionais. Na época a épica podía escribirse tamén en prosa, e co precedente no teatro do pouco respecto aos modelos clásicos de Lope de Vega, creou en suma a fórmula do realismo tal como fora preparada en España por toda unha tradición literaria desde o Cantar de Mío Cid, ofrecéndolla a Europa, onde Cervantes tivo máis discípulos que en España. A novela realista enteira do século XIX está marcada por este maxisterio. Por outra parte, outra grande obra mestra de Cervantes, as Novelas exemplares, demostra a amplitude de miras do seu espírito e o seu desexo de experimentar coas estruturas narrativas. Nesta colección de novelas o autor experimenta coa novela bizantina (La española inglesa), a novela policial ou criminal (La fuerza de la sangre, El celoso extremeño), o diálogo lucianesco (El coloquio de los perros), a miscelánea de sentenzas e donaires (El licenciado vidriera), a novela picaresca (Rinconete y Cortadillo), a narración constituída sobre unha anagnórise (La gitanilla) etc...

Obra de Cervantes

[editar | editar a fonte]

Miguel de Cervantes está considerado como o precursor da novela moderna. Cultivou os xéneros narrativos vixentes na segunda metade do século XVI, como a novela bizantina, pastoril, sentimental, picaresca e mourisca. Renovou un xénero que se entendía entón á italiana, como relato breve e exento de retórica.

Orde cronolóxica:

La Galatea

[editar | editar a fonte]

La Galatea foi a primeira novela de Cervantes, en 1585. Fai parte do subxénero pastoril (unha "égloga en prosa" como define o autor), triunfante no Renacemento. A súa primeira publicación apareceu cando tiña 38 anos co título de Primera parte de La Galatea.

Como noutras novelas do xénero (similar ao de La Diana de Jorge de Montemaior), os personaxes son pastores idealizados que relatan as súas coitas e expresan os seus sentimentos nunha natureza idílica (locus amoenus).

La Galatea divídese en seis libros nos cales se desenvolve unha historia principal e catro secundarias que comezan no amencer e finalizan ao anoitecer, como nas églogas tradicionais.

Don Quixote da Mancha

[editar | editar a fonte]
Primeira edición do Quixote (1605).
Ilustración de Gustave Doré.

É a novela cume da literatura en lingua española. A súa primeira parte apareceu en 1605 e obtivo unha grande acollida pública. Pronto se traduciu ás principais linguas europeas e é unha das obras con máis traducións do mundo.

Inicialmente, a pretensión de Cervantes foi combater o auxe que alcanzaran os libros de cabalerías, satirizándoos coa historia dun fidalgo manchego que perdeu a cordura por lelos, créndose cabaleiro andante. Para Cervantes, o estilo das novelas de cabalerías era pésimo, e as historias que contaban eran disparatadas. Malia iso, á medida que ía avanzando o propósito inicial foi superado, e chegou a construír unha obra que reflectía a sociedade do seu tempo e o comportamento humano.

É probábel que Cervantes se inspirase no Entremés de los romances, no que un labrador perde o xuízo pola súa afección aos heroes do romanceiro vello.

Novelas exemplares

[editar | editar a fonte]

Entre 1590 e 1612 Cervantes escribiu unha serie de novelas curtas que despois acabaría reunindo en 1613 na colección das Novelas exemplares, dada a grande acollida que obtivo coa primeira parte do Quixote. Inicialmente recibiron o nome de Novelas ejemplares de honestísimo entretenimiento.

Dado que existen dúas versións de Rinconete y Cortadillo e de El celoso extremeño, pénsase que Cervantes introduciu nestas novelas algunhas variacións con propósitos morais, sociais e estéticos (de aí o nome de "exemplares"). A versión máis primitiva atópase no chamado manuscrito de Porras de la Cámara, unha colección miscelánea de diversas obras literarias entre as cales atópase unha novela habitualmente atribuída tamén a Cervantes, La tía fingida. Por outra parte, algunhas novelas curtas áchanse tamén inseridas no Don Quixote, como O curioso impertinente ou a Historia do cativo, que conta con elementos autobiográficos. Ademais, alúdese a outra novela xa composta, Rinconete y Cortadillo.

La Gitanilla é a máis longa das novelas exemplares, e pode ter elementos autobiográficos nunha historia amorosa que tivo un parente afastado de Cervantes. Como moitas outras destas tramas, céntrase no artificio da agnición ou recoñecemento dunha persoa ao final da obra. Trátase dunha moza de orixe nobre raptada por uns xitanos e educada por eles, e un nobre que se namora e decide levar vida de xitanos tras ela, ata que ao fin se descobre todo e a historia termina felizmente, posibilitándose o matrimonio da parella.

El amante liberal é unha novela mourisca onde tamén aparece o tema do rapto e onde se satirizan os amores homosexuais dos árabes.

En Rinconete y Cortadillo dous rapaces foxen da casa familiar e emprenden unha vida picaresca con axuda da baralla e do furto, ata que van parar a Sevilla e son captados por unha asociación mafiosa de malfeitores, unha especie de sindicato do crime sevillano gobernado como unha confraría polo irmán máis vello, Monipodio. Diversas escenas de entremés onde se presentan alguacís corruptos, ladróns, matóns, chulos e putas constitúen o final da novela, tras o cal os rapaces deciden rexenerarse.

En La española inglesa o rapto volve a aparecer na persoa dunha moza raptada na invasión inglesa de Cádiz e que se educa en Londres como dama de compañía da raíña Isabel I de Inglaterra. Perde o cabelo por un bebedizo pero todo se arranxa ao final.

En El licenciado Vidriera o estudante pobre Tomás Rodalla marcha a Salamanca a estudar acompañando un nobre e alí licenciase con honra, pero enlouquece a causa dun filtro de amor que lle subministraron en segredo e cre ter o corpo de vidro. Porén, a súa agudeza é sorprendente e todos o consultan. A novela é en realidade unha colección de agudezas en prosa, ao estilo dunha miscelánea. Finalmente recobra o xuízo, pero xa ninguén o contrata nin vai velo.

En La fuerza de la sangre constrúese un relato case policial, no que unha doncela violada cos ollos tapados logra reconstruír intelectualmente o crime ata dar co culpábel e forzar del que se reúna con ela restituíndo a súa honra.

El celoso extremeño narra os celos patolóxicos dun vello indiano que volve para España enriquecido e encerra a súa novísima esposa nunha casa hermeticamente, sen permitir que nada masculino pase a porta, na que instalou un escravo negro con orde de non deixar pasar a ninguén. O sedutor Loaysa lógrao engaiolando o negro, ao que lle encanta a música, cunha viola, e déitase coa moza. Mais non fan nada, aínda que no manuscrito de Porras de la Cámara si é así. O vello, humillado, morre de pena.

En La ilustre fregona foxen da súa casa dous mozos que pretenden facerlle as beiras á moi bela moza dunha pousada. Un logra o seu propósito, outro non.

El casamiento engañoso narra a estafa que fai unha señorita a un militar casando con el; el ignora que é unha prostituta, e esta abandónao deixándolle unha enfermidade venérea que debe purgar con suores no hospital de Atocha, onde transcorre a próxima novela.

En El coloquio de los perros o militar, que está purgando a súa enfermidade no medio de fortes febres, asiste de noite á conversación entre dous cans, Cipión e Berganza; un conta ao outro a historia da súa vida e os seus moitos (e moi desvergonzados) amos e deixan para o día seguinte a relación do outro.

Los trabajos de Persiles y Sexismunda, historia setentrional

[editar | editar a fonte]

É a última obra de Cervantes. Pertence ao subxénero da novela bizantina. Nela escribiu a dedicatoria ao Conde de Lemos o 19 de abril de 1616, catro días antes de falecer, onde se despide da vida citando estes versos:

Posto xa o pé no estribo,
con ansia da morte,
gran señor, esta che escribo.

O autor ve claramente que lle queda pouca vida e despídese dos seus amigos; non se fai ilusións, mais porén desexa vivir e terminar obras que ten no maxín, cuxo título escribe: Las semanas del jardín, El Bernardo e unha segunda parte de La Galatea. No xénero da novela bizantina, conta Cervantes, atrévese a competir co modelo do xénero, Heliodoro.

A novela, inspirada na crónica de Saxo Grammático e Olao Magno, conta a peregrinación levada a cabo por Persiles e Sexismunda, dous príncipes nórdicos namorados que se fan pasar por irmáns cambiándose os nomes por Periandro e Auristela. Separados por todo tipo de peripecias, emprenden unha viaxe desde o norte de Europa ata Roma, pasando por España, con finalidade expiatoria antes de contraer matrimonio. A obra é importante porque supón no autor certo distanciamento das fórmulas realistas que ata o momento cultivou, pois aparecen feitos tan peregrinos como que unha muller salte dun campanario librándose de esnafrarse grazas ao paracaídas que forman as súas saias ou que haxa personaxes que adiviñen o futuro. Os personaxes principais aparecen algo esvaecidos e na realidade a obra está protagonizada por un grupo, no que se integran dous españois abandonados nunha illa deserta, Antonio e o seu fillo, criado na illa como unha especie de bárbaro arqueiro en contacto coa natureza. As últimas pasaxes do libro están pouco limadas, xa que o autor faleceu antes de corrixilas. A obra tivo certo éxito e reimprimiuse varias veces, mais foi esquecida no século seguinte.

Cervantes afanouse en ser poeta, aínda que chegou a dubidar da súa capacidade, como el mesmo dixo antes da súa morte en El viaxe del Parnaso:

"Eu que sempre traballo e me desvelo
por parecer que teño de poeta
a graza que non quixo darme o ceo".

Perdéronse ou non se identificaron case todos os versos que non estaban incluídos nas súas novelas ou nas súas obras teatrais. Cervantes declara ter composto gran número de romances, entre os cales estimaba especialmente un sobre os celos. En efecto, participou xunto a outros grandes poetas contemporáneos como Lope de Vega, Góngora ou Quevedo na recompilación dos romances que se produce para 1580 e que deu orixe ao Romanceiro novo, chamado así fronte ao tradicional Romanceiro vello do século XV, o cal era anónimo.

Inicia a súa obra poética coas catro composicións dedicadas a Exequias de la reina Isabel de Valois. Outros poemas foron: A Pedro Padilla, A la muerte de Fernando de Herrera, A la Austriada de Juan Rufo. Como poeta porén salienta no ton cómico e satírico, e as súas obras mestras son os sonetos Un valentón de espátula y greguesco e Al túmulo del rey Felipe II, do cal se volveron famosos os últimos versos:

Calou o chapeo, requiriu a espada,
mirou de esguello, foise, e non houbo nada

A Epístola a Mateo Vázquez é unha falsificación escrita polo erudito do século XIX Adolfo de Castro, como así mesmo o é El buscapié, unha vindicación do Don Quixote escrita en prosa tamén por este erudito. Asentou algunhas innovacións na métrica, como a invención da estrofa denominada ovillello e o uso do soneto con estrambote.

Viaje del Parnaso

[editar | editar a fonte]

O único poema narrativo extenso de Cervantes é Viaje del Parnaso (1614). Está formado por tercetos encadeados, onde o autor critica a algúns poetas españois, satirizando a algúns e eloxiando a outros.

Escrito, como di o propio Miguel, á imaxe e semellanza do 'Viaggio di Parnaso' (1578) de Cesare Caporali di Perugia. Narra de xeito autobiográfico en oito capítulos unha viaxe ao monte Parnaso, a bordo dunha galera dirixida por Mercurio, na que algúns poetas eloxiados tratan de defendelo fronte aos poetastros ou malos poetas. Reunidos no monte con Apolo, saen airosos da batalla e o protagonista regresa de novo ao seu fogar. A obra complétase coa 'Adjunta al Parnaso', onde Pancracio de Roncesvalles entrega a Cervantes dúas epístolas de Apolo.

Dadas as súas penurias económicas, o teatro foi a gran vocación de Cervantes. Escribe que cando era mozo "íanselle os ollos" tras o carro dos comediantes e que asistiu ás austeras representacións de Lope de Rueda. Porén, o seu éxito, que o tivo, pois as súas obras representáronse "sen ofrenda de cogombros", como di no prólogo aos seus Ocho comedias y ocho entremeses nunca representados, foi efémero ante o éxito da nova fórmula dramática de Lope de Vega, máis audaz e moderna que a súa, que fixo aos empresarios desestimar as comedias cervantinas e preferir as do seu rival. O teatro de Cervantes posuía un fin moral, incluía personaxes alegóricos e procuraba someterse ás tres unidades aristotélicas de acción, tempo e lugar, mentres que o de Lope rompía con esas unidades e era moralmente máis desvergonzado e desenvolto, así como mellor e máis variadamente versificado. Cervantes nunca puido aturar este fracaso e mostrouse desgustado co novo teatro lopesco na primeira parte do Don Quixote, cuxo carácter teatral aparece ben asentado a causa da abundancia de diálogos e de situacións de tipo entremesil que entremedian a trama. E é, en efecto, o entremés o xénero dramático onde loce en todo o seu esplendor o xenio dramático de Cervantes, de xeito que pode dicirse que xunto a Luis Quiñóns de Benavente e Francisco de Quevedo é Cervantes un dos mellores autores do xénero, ao que proporcionou unha maior profundidade nas personaxes, un humor inimitábel e un maior calado e transcendencia na temática. Que existía interconexión entre o mundo teatral e o narrativo de Cervantes o demostra que, por exemplo, o tema do entremés de El viejo celoso apareza na novela exemplar de El celoso extremeño. Outras veces aparecen personaxes sanchopancescos, como no entremés da Elección de los alcaldes de Daganzo, onde o protagonista é tan bo catador ou "chiquiteiro" de viños como Sancho. O barroco tema da aparencia e a realidade móstrase en El retablo de las maravillas, onde se adapta o conto medieval de don Juan Manuel (que Cervantes coñecía e lera nunha edición contemporánea) do rei espido e dáselle un contido social. El juez de los divorcios tocaba tamén biograficamente a Cervantes, e nel chégase á conclusión de que "máis vale o peor concerto / que non o divorcio mellor". Tamén posúen interese os entremeses de El rufián viudo, La cueva de Salamanca, El vizcaíno fingido e La guarda cuidadosa. Para os seus entremeses adopta Cervantes tanto a prosa como o verso e atribúenselle algúns outros, como o de Los habladores.

Nas súas pezas maiores o teatro de Cervantes foi inxustamente pouco apreciado e representado, a excepción da que representa o exemplo máis acabado de imitación das traxedias clásicas: El cerco de Numancia, tamén titulada La destrucción de Numancia, onde se escenifica o tema patriótico do sacrificio colectivo ante o asedio do xeneral Escipión e onde a fame toma a forma de sufrimento existencial, engadíndose figuras alegóricas que profetizan un futuro glorioso para Castela. Trátase dunha obra onde a Providencia parece ter a mesma función que tiña para o Eneas escapado da Troia incendiada en Virxilio. Parecida inspiración patriótica posúen outras comedias, como La conquista de Jerusalén, descuberta recentemente. Outras comedias súas tratan o tema, que tan directamente padeceu o autor e ao que incluso se alude nunha pasaxe da súa última obra, o Persiles, do cativerio en Alxer, como Los baños de Argel, Los tratos de Argel, La gran sultana e El gallardo español, onde se quixo tamén atopar a denuncia da situación dos antigos soldados como o propio Cervantes. De tema máis novelesco son La casa de los celos e selvas de Ardenia, El laberinto de amor, La entretenida. Carácter picaresco teñen Pedro de Urdemalas e El rufián dichoso.

Cervantes reuniu as súas obras non representadas en Ocho comedias y ocho entremeses nunca representados; ademais, consérvanse outras obras en manuscrito: Los tratos de Alger, El gallardo español, La gran sultana e Los baños de Alger.

  1. Sobre a orixe de Miguel de Cervantes, o historiador Cesar Brandariz sostén a tese de que nacera na vila de Cervantes, en Sanabria, no antigo Reino de Galicia [1].
  2. "La primera traducción al gallego de 'El Quijote', nueva donación a la RAG". elcorreogallego.es (en castelán). 9 novembro de 2011. Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2018. Consultado o 6 abril 2018. 
  3. 3,0 3,1 Cervantes Saavedra, Miguel de (1992). O enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha (1ª. ed.). Laracha: Xuntanza. ISBN 8486614643. 
  4. Artigo Arquivado 07 de agosto de 2007 en Wayback Machine. publicado en La Voz de Galicia con motivo do IV Centenario da publicación de O enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha
  5. "Topographia e historia general de Argel :". Biblioteca Digital Hispánica. Consultado o 2021-03-17. 
  6. 6,0 6,1 Cervantes Saavedra, Miguel de (2014). Novelas exemplares. Vigo: Trymar. ISBN 9788492959976. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

En castelán

[editar | editar a fonte]
  • González de Amezua y Mayo, Agustín: Cervantes creador de la novela corta española, 2ª edición, Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Madrid, España, 2001. ISBN 84-00-05227-7.
  • Rodríguez-Luis, Julio: Novedad y ejemplo de las Novelas de Cervantes (ensaio), José Porrúa Turanzas, S.A. Librería-Editorial, Madrid, España, 2005. ISBN 84-7317-088-1.
  • Alvar, Carlos; Menéndez y Pelayo, Marcelino; Sevilla Arroyo, Florencio: Cervantes, cultura literaria, Centro de Estudios Cervantinos, Alcalá de Henares, España, 2001. ISBN 84-88333-15-3.
  • Álvarez Vigaray, Rafael: El derecho civil en las obras de Cervantes, Comares, Granada, España, 2001. ISBN 84-86509-16-5.
  • García Alonso, Agustín: Antología "Cervantes" de poesía, Castrocalbón, España, 2001. ISBN 84-404-7944-1.
  • Alonso A.: "Las prevaricaciones idiomáticas de Sancho", en Nueva Revista de Filología Hispánica, II, 1948.
  • Anderson, Ellen; Pontón Gijón, Gonzalo: La composición del Quijote, Rico, 1998.
  • Cervantes, Miguel de: Don Quijote de la Mancha, edición do IV Centenario (RAE), Alfaguara, 2004.
  • Bajtin, Mijail: La cultura popular en la Edad Media y en el Renacimiento. El contexto de François Rabelais, Alianza, 1987.
  • Canavaggio, Jean: Cervantes, Espasa-Calpe, 2004.
  • Fernández Álvarez, Manuel: Cervantes visto por un historiador, Espasa-Calpe, 2005.
  • Castro, Américo: El pensamiento de Cervantes, Crítica, 1987.
  • Castro, Américo: Hacia Cervantes, Taurus, 1967.
  • Arrabal, Fernando: Un esclavo llamado Cervantes, Espasa-Calpe, 1996.
  • Astrana Marín, Luis: Vida ejemplar y heroica de Miguel de Cervantes Saavedra, Instituto Editorial Reus, 1958.
  • Fernández de Navarrete, Martín: Vida de Miguel de Cervantes Saavedra, Atlas, 1943.
  • Cotarelo y Mori, Emilio: Efemérides cervantinas ó sea resumen cronológico de la vida de Miguel de Cervantes Saavedra, Tipografía de Revista de Archivos, 1905.
  • Cotarelo y Mori, Emilio: Los puntos obscuros en la vida de Cervantes, Tipografía de Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos", 1916.
  • Close, Anthony J.: Cervantes: pensamiento, personalidad, cultura, Rico, 1998.
  • Eisenberg, Daniel: La interpretación cervantina del Quijote, Compañía Literaria, 1995.
  • Mayans y Siscar, Gregorio: Vida de Miguel de Cervantes Saavedra, Espasa-Calpe, 1972.
  • Frenk, Margrit: Entre la voz y el silencio (la lectura en tiempos de Cervantes), Centro de Estudios Cervantinos, 1997.
  • Garcés, María Antonia: Cervantes en Argel: Historia de un cautivo, Gredos, Madrid, 2005.
  • Iffland, James: De fiestas y aguafiestas: risa, locura e ideología en Cervantes y Avellaneda, Universidad de Navarra-Iberoamericana-Verbuert, 1999.
  • Pellicer, Juan Antonio: Vida de Miguel de Cervantes Saavedra, D. Gabriel de Sancha, 1800.
  • Rey Hazas, Antonio; Sevilla Arroyo, Florencio: Cervantes: vida y literatura, Ayuntamiento de Madrid, 1996.
  • Maestro, Jesús G.: La escena imaginaria. Poética del teatro de Miguel de Cervnates, Vervuert, 2000.
  • Maestro, Jesús G.: Crítica de los géneros literarios en el Quijote, Editorial Academia del Hispanismo, 2009.
  • Martín Morán, José Manuel: Cervantes: el juglar zurdo de la era Gutenberg, Cervantes, 1997.
  • Lázaro Carreter, Fernando: Las voces del Quijote, Rico, 1998.
  • Menéndez Pelayo, Marcelino: Cultura literaria de Miguel de Cervantes y la elaboración del Quijote, Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos, 1905.
  • Riquer, Martín de: Para leer a Cervantes, Acantilado, 2003.
  • Rosenblat, Ángel: La lengua del Quijote, Gredos, 1971.
  • Riley, Edward C.: Teoría de la novela de Cervantes, Taurus, 1966.
  • Zimic, Stanislav: El teatro de Cervantes, Castalia, 1992.
  • Zimic, Stanislav: Las "Novelas Ejemplares" de Cervantes, Siglo XXI, 1996.
  • Sánchez, Alberto: Cervantes: bibliografía fundamental (1900-1959), C.S.I.C., 1961.
  • Rosales, Luis: Cervantes y la libertad, Gráficas Valera, 1960.
  • Rodríguez Marín, Francisco: Estudios cervantinos, Atlas, 1952.

En inglés

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]