Saltar ao contido

Francisco Tettamancy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFrancisco Tettamancy

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinalFrancisco Tettamancy Gastón
Biografía
Nacemento10 de outubro de 1854
A Coruña
Morte15 de maio de 1921 (66 anos)
A Coruña
Lugar de sepulturacemiterio de Santo Amaro da Coruña Editar o valor en Wikidata
EducaciónEscola Superior de Comercio da Coruña Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta Editar o valor en Wikidata
Membro de
LinguaGalego e castelán
Sinatura

Galiciana: 14218 BNE: XX1135525 BUSC: tettamancy-y-gaston-francisco-1854-1921 Dialnet: 3210116 Find a Grave: 241555023 Editar o valor en Wikidata

Francisco Tettamancy Gastón, nado na Coruña o 10 de outubro de 1854 e finado na mesma vila o 15 de maio de 1921, foi un escritor en lingua galega e castelá.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Orfo de pai, tivo que emigrar de moi novo á Arxentina, aínda que segundo Carré Aldaoo cariño da nai e da terra” enseguida o traerían de volta para o berce natal.[1] Xa na Coruña entrou a traballar como administrativo ao servizo da Deputación provincial, en cuxos negociados se ocuparía o resto da súa vida, e en 1899 obtivo aínda o título de profesor mercantil na Escola Superior de Comercio da Coruña, cunha meritoria memoria de grao sobre a historia comercial da vila que estará na base dunha das súas obras máis celebrada.[2]

Parente político e íntimo amigo de Uxío Carré Aldao, participou con regularidade nos célebres faladoiros da Cova céltica, que se desenvolvían polas tardes nos locais da Libraría Rexional de Carré, nucleados, desde o seu traslado á Coruña, arredor da figura de Manuel Murguía,[3] e onde tantas iniciativas a prol do rexurdimento político e cultural de Galiza se idearon.

Fixo parte Tettamancy, así, da redacción do importante xornal rexionalista coruñés Revista Gallega,[4] que dirixía Galo Salinas, e co seu propio nome ou so pseudónimo[5] asinou artigos (tanto en prosa galega como castelá) e poesías (sempre en galego) en moitas publicacións da Coruña, de Galiza, de España e da emigración galega en América.[6] Foi vogal da asociación rexionalista Liga Gallega na Cruña,[7] e un destacado impulsor do monumento Aos Mártires da Libertade que por iniciativa desta organización se levantou en Carral.[8] En 1904 constituíu, con outros 42 socios, a Asociación de la Prensa da Coruña,[9] e foi membro fundador e numerario da primeira Academia Gallega (1905-1906), institución na que tamén se ocupou até á morte.[10]

Tettamancy (o adulto da dereita de todo) co consello de redacción da Revista Gallega.

Na sede da xa denominada Real Academia Gallega é que terá lugar no 17-18 de maio de 1916 a reunión constituínte da Hirmandá de Amigos da Fala da Coruña, primeiro xerme das Irmandades da Fala, achándose entre os asistentes á mesma Antón e Ramón Villar Ponte, Uxío Carré Aldao, Florencio Vaamonde, Manuel Lugrís Freire, Luís Porteiro Garea, Manuel Banet, F. Tettamancy e máis outros.[11] Como propagandista destas Irmandades Tettamancy participou, entre outras actividades, no histórico mitin galeguista celebrado en Lugo no 28 de xaneiro de 1917.[12]

Para Vicente Risco, que en 1929 sentaba na cadeira do coruñés na RAG, Tettamancy merecería, por esta e outras razóns, a cualificación de nacionalista galego;[13] Ricardo Carballo Calero, ao periodizar a literatura galega, incluíuno entre os diádocos autodidactas da escola cruñesa,[14] e por idade tamén se adscribiu á Xeración rexurdimentista de 1868.[15]

En lingua castelá deu ao prelo varias monografías moi ben documentadas relativas á historia de Galiza, todas elas referencia ineludíbel aínda hoxe nas súas respectivas áreas temáticas.[16]

Entre outros méritos foi correspondente da Real Academia da Historia e da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, e condecorado por outras varias institucións.

Personaxe moi apreciado no ambiente cultural do seu tempo, o enterro de Francisco Tettamancy constituíu unha extraordinaria manifestación de dó cidadán,[17] e en 1962 a cámara municipal coruñesa outorgaría o seu nome a unha rúa do popular barrio dos Mallos.

Obras en lingua galega

[editar | editar a fonte]
De pé, de esquerda a dereita, Uxío Carré Aldao, Florencio Vaamonde, Francisco Tettamancy e Eladio Rodríguez González. Sentados, José Ogea, Manuel Murguía, Manuel Curros Enríquez e Andrés Martínez Salazar, na Coruña, en outubro de 1904.

Ademais de artigos e poemas na prensa, Tettamancy publicou en galego varios libros de poesía e ensaio:

  • Enredadas. Poesías (1902): Libreiría Rexional de Euxenio Carré, A Cruña.
  • O castro de Cañás; Diego de Samboulo (Leenda histórica). Poemetos (1903): Libreiría Rexional de Euxenio Carré, A Cruña – Tipografía de Xan A. Menéndez, Lugo.
  • Boicentril. O druidismo e o celtismo gallegos. A Epopeya irlandesa (1912): Imprensa e Fotograbado de Ferrer, A Cruña.
  • Víctor Said Armesto (Traballo leído na noite do 3 de agosto de 1917, con motivo do homenaxe consagrado pol-a “Irmandade da Fala” na Cruña para honral-a memoria de tan ilustre escritor. C’unha folla de Murguía, e un colofón de Carré Aldao) (1917): Imprenta Obreira, A Cruña.
  • O castro de Cañás (Boicentril) (1919): 2ª ed. corr. e aum., en ¡Terra a nosa! Supremento de El Noroeste (20/2/1919), vol. 2, A Cruña.

Obras en lingua castelá

[editar | editar a fonte]

En español publicou, ademais de artigos xornalísticos, varias monografías históricas sobre temas galegos:

  • Apuntes para la historia comercial de La Coruña (1900): Tipografía El Noroeste de J. Fdez. García – Librería Regional de E. Carré Aldao, A Coruña.
  • La revolución gallega de 1846 (1908): Librería Regional de E. Carré, A Coruña.
  • Britanos y galos (Páginas de la Guerra de la Independencia) 1808-1809 (1910): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, A Coruña.
  • Batallón Literario de Santiago: Diario de campaña (años 1808 al 1812) (1910): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, A Coruña.
  • Los Mártires de Carral (1912): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, A Coruña.
  • La torre del homenaje del castillo de Villalba (1913): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, A Coruña.
  • La torre de Hércules. Impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo su aspecto histórico y arqueológico (1920): Litografía e Imprenta Roel, A Coruña.

Non chegou a publicar completa unha outra monografía, Rianjo-Altamira, da que adiantou varios capítulos en diferentes xornais.[18]

  1. Carré Aldao 1921, p. 251.
  2. Apuntes para la historia comercial de La Coruña (1900).
  3. () Cantas veces tiña él (Víctor Said Armesto) a ocasión de visital-a nosa leda Cruña, parece que se gozaba en parolar con grande agarimo —concedéndolles especial preferencia— c’os seus íntimos, cales foran o noso escelso Murguía, e aqueles outros poucos amigos, de enxebreza acreditada, que tiñan en ben se axuntaren á cotío na que, uns cantos tan imbéciles como cobizosos, deran en alcumar A Cova Céltica (Libreiría do cultísimo Euxenio Carré Aldao en malhora desaparecida) e, abofellas, que do tal alcume, querendo facere un chiste trocouse en honrosísima gabanza; cantas veces, repitirei, congregados n-esa Cova, na que se aspiraba unha solencia de rescendente cultura e de enxebrismo gallego, somellando á os Celtas cando celebraban seus ritos relixiosos, Víctor Said, actuando, por veces, de gran sacerdote, co a sua substanciosa erudición nos falaba d’aqueles tempos millores e patriarcals e da sua futura labor literaria que tiña entre das mans (); Tettamancy: Víctor Said Armesto (1917: 12-14).
  4. Carballo Calero 1975, p. 426; Máiz 1984, p: 171; DLG II 1997, p. 421.
  5. Entre os que Fuco de Tabeayo é talvez o máis coñecido; Loxo 2012, p. 10.
  6. Ademais da Revista Gallega, e referíndose con exclusividade a escritos en lingua galega, o DLG II (1997) cita a colaboración de F. Tettamancy en máis dunha ducia de publicacións periódicas (A Nosa Terra, Coruña Moderna, El Eco de Mugía, Vida Gallega, Almanaque Gallego…).
  7. Revista Gallega 148 (9/1/1898: 5); Máiz 1984:, p. 178.
  8. Ver Tettamancy: La revolución gallega de 1846 1908, p: 381-395 e Tettamancy: Los mártires de Carral 1912, p: 11-14; Loxo 2012, p: 10.
  9. Asociación de la Prensa. Libro de socios, ms. (1904: 1-2). Tettamancy figura inscrito co número 19 entre os 42 xornalistas fundadores (número axiña ampliado até os 100); ademais da redacción da Revista Gallega, inscribíuse toda a xunta directiva, naquela altura, da Liga Gallega na Cruña; cfr. Máiz 1984, p. 201.
  10. Tettamancy: “El almirante gallego D. Enrique Reynaldo Macdonell y de Gondé”, Boletín de la Real Academia Gallega 139, t. XII (1921), p: 263-265, artigo datado no 3 de mayo 1921.
  11. Carballo Calero 1975, p. 571; DLG IV 2004, p. 432.
  12. “Lugo-Cruña-Monforte-Vilalba. Unha xornada groriosa e patriótica. Galicia pol-a vez primeira fala c’oa sua lingua”, A Nosa Terra 9 (6/2/1917: 1-3); pódese ver con relación, Ledo 1982, p: 100-101.
  13. () Tettamancy era, craro está despóis do que vai dito, nazonalista galego. Era dos bos e xenerosos. Prendera n-il hai tempo a ideia salvadora, e atopouse antr’os fundadores da Irmandade da Fala, réprica galega da Liga Gaélica irlandesa, e asina axudou a dar nacencia e prestou colaboración despóis, ô mais poderoso movemento que na nosa Terra se ten producido pra espertal-a concencia histórica e social, recramal-os direitos inalienábeles de todo pobo, e crear unha cultura racial. Movemento ô que ninguén pode dubidar que se debe a autual renacencia literaria e científica de Galiza, pol-o qual a data do 18 de maio do 1916 ha quedar pra sempre com’a data inicial d’unha nova era groriosa na nosa historia. (); Risco 1971, p. 7.
  14. Carballo Calero 1975, p. 437.
  15. DLG I 1995, p: 572.
  16. Loxo 2012, p. 11.
  17. La Voz de Galicia 12977 (17/5/1921: 1); El Ideal Gallego 1261 (17/5/1921: 1); Loxo 2012, p. 12.
  18. Couceiro Freijomil 1953, p. 407-408.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]