Domingo García-Sabell
Nome orixinal | (es) Domingo García-Sabell Rivas |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 9 de outubro de 1909 Santiago de Compostela, España |
Morte | 5 de agosto de 2003 (93 anos) A Coruña, España |
Lugar de sepultura | cemiterio de Boisaca |
Delegado do Goberno en Galicia | |
1981 – 1996 – Juan Miguel Diz Guedes → | |
9º Presidente da Real Academia Galega | |
1979 – 1997 ← Sebastián Martínez-Risco – Francisco Fernández del Riego → | |
Senador de España | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Lugar de traballo | Santiago de Compostela |
Ocupación | médico, político, tradutor |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español |
Membro de | Real Academia Galega (académico de número) (1959–2003) Real Academia Galega (membro correspondente) (1953–1959) Real Academia Galega de Belas Artes |
Familia | |
Fillos | Teresa García-Sabell Tormo |
Premios | |
Domingo García-Sabell Rivas, nado en Santiago de Compostela o 8 de outubro de 1909 e finado na Coruña o 5 de agosto de 2003, foi un médico, escritor, político e académico galego, presidente da Real Academia Galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Era fillo dun procurador de tribunais.[1] Entre 1925 e 1931 estudou medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Durante a súa etapa de estudante destacou non só no académico, tamén pola activa militancia na Federación Universitaria Escolar (FUE), da que foi presidente,[2] organización que tivo un importante papel democrático durante a ditadura de Primo de Rivera e a Segunda República Española[3]. Nesta etapa coincidiu con Rafael Dieste, Carlos Maside, Ánxel Fole, Jesús Bal y Gay, e Luís Seoane entre outros.[1]
As súas aptitudes levárono a integrar o cadro de profesores e investigadores da Facultade de Medicina. Ao rematar a súa formación, obtivo o Premio Extraordinario de Licenciatura e ampliou estudos en Suíza e Alemaña.[1][3] No país xermano familiarizouse co pensamento de Max Scheler e Martin Heidegger, entre outros. Tamén tomou contacto coa escola médica de Heidelberg, que introduce como principal achega o valor do doente na Patoloxía. Esta iniciación filosófica derivará nun pulo humanizador da medicina que o acompañará ao longo da súa vida intelectual e profesional.[3][2][1]
No Hospital da Charité de Berlín traballou xunto a Gustav von Bergmann, interesado pola patoloxía funcional. Posteriormente ingresou no Instituto Pasteur de París, para investigar no campo da bacterioloxía con Amadée Guy. En Madrid traballou co catedrático Gustavo Pittaluga Fattorini no Servizo de Hematoloxía.[4]
En 1932 defendeu a súa tese de doutoramento El metabolismo intermediario en la obesidad[5] na Universidade Central (actual Complutense de Madrid). Foi dirixido por Carlos Jiménez Díaz e foi recoñecido co Premio Extraordinario de Doutoramento.[1][3]
De regreso a Compostela, fixo amizade con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Roberto Nóvoa Santos, Miguel de Unamuno, Ramón María del Valle-Inclán, Gonzalo Torrente Ballester e Ramón Otero Pedrayo, de quen foi médico.[2] Neste contexto vital e intelectual xermolaron os seus grandes compromisos co humanismo e a visión antropolóxica da medicina, de Galicia e do mundo da cultura.[3][2][1]
En 1936 afiliouse ó Partido Galeguista, polo que ó comezar a Guerra civil española foi internado un tempo no campo de concentración da Lavacolla.[2] Trala guerra foi depurado e tivo que dedicarse á medicina privada.[1] Contactou co galeguismo cultural e en 1950 converteuse en director da Editorial Galaxia xunto a Ramón Piñeiro. Foi elixido membro da Real Academia Galega a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Sebastián Martínez-Risco e Leandro Carré Alvarellos. Leu o discurso de entrada o 20 de xuño de 1959, co título Análisis eisistencial do home galego enfermo, respondido polo propio Otero. Presidiu a Real Academia Galega entre 1979 e 1997[6]. Amais, traduciu ó galego a Martin Heidegger e mais a James Joyce.[3][2][1]
Nas eleccións xerais de España de 1977 resultou elixido senador por designación real. Foi Delegado do Goberno en Galicia de 1981 a 1996, xa que presentou a súa dimisión dous días antes de converterse José María Aznar en presidente do goberno.[3][1][2]
O 13 de maio de 2014 Siro López Lorenzo, Siro, criticou o esquecemento de García-Sabell pola RAG, e reclamou que se lle dedicase un Día das Letras Galegas.[7]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Elena Tormo López[8] o 12 de outubro de 1939 e foron pais de Teresa e Elena García-Sabell Tormo[2]. Está enterrado no cemiterio de Boisaca, en Compostela.[9].
Obras
[editar | editar a fonte]- Luis Seoane (Vigo, 1954).
- Ensaios I (1963), Editorial Galaxia.[10]
- Luis Seoane. Grabados (1965), Editorial Galaxia.[11]
- Notas para una antropología del hombre gallego (1966).
- Tres síntomas de Europa: Joyce, Van Gogh y Sartre (Revista de Occidente, 1968).
- A pintura como comunicación (1971).
- Ensaios II (1976), Editorial Galaxia.[12]
- Testimonio personal (Madrid, 1971).
- Roberto Nóvoa Santos (1981).
- Carta ao pintor Luis Seoane (Sada, 1983).
- A Coruña: onde nace a luz (Vigo, 1989).
- Análise existencial do home galego enfermo e outros ensaios (Vigo, 1991).
- Cen relembros (A Coruña, 1993).
- Libro dos comentos (1996).
- Os gromos do pensamento (1996).
- Tempo de lecer (Vigo, 1998).
- Paseata arredor da morte (1999). Galaxia. 160 páxs. Reeditado en 2022, 174 páxs. ISBN 978-84-9151-781-8.
Colectivas
[editar | editar a fonte]Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
- "Rosalía y su sombra", en 7 ensayos sobre Rosalía (Galaxia, 1952)
- "La Saudade por dentro", en La Saudade (Galaxia, 1953)
Traducións
[editar | editar a fonte]Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- Premio Vitalicio da Fundación Barrié, 1996.
- Premio das Artes e das Letras de Galicia, 1998.
- Premio Fernández Latorre de Xornalismo.
- Gran Cruz da orde do mérito civil.
- Gran Cruz do mérito militar.
- En 1997 foi investido doutor honoris causa pola Universidade da Coruña.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Torres Queiruga, Andrés; Rivas García, Manuel (2008). Dicionario enciclopedia do pensamento galego. Vigo, España: Xerais. pp. 126–132. ISBN 978-84-9782-883-3. OCLC 595706980.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Pereiro, Xosé Manuel (06/08/2003). "Domingo García-Sabell, médico, escritor, político y humanista". El País (en castelán). Consultado o 15/02/2021.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Agís Villaverde, Marcelino. "Domingo García-Sabell Rivas". Real Academia de la Historia (en castelán). Consultado o 15/02/2021.
- ↑ "Médicos Históricos". Biblioteca Complutense. Arquivado dende o orixinal o 17/02/2021. Consultado o 15/02/2021.
- ↑ "El metabolismo intermediario en la obesidad". Dialnet. Consultado o 15/02/2021.
- ↑ "Domingo García-Sabell Rivas". Real Academia Galega.
- ↑ Unha homenaxe a García-Sabell, en Siro López, La Voz de Galicia, 13 de maio de 2024.
- ↑ "Fallece en A Coruña Elena Tormo, viuda de García-Sabell". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de xaneiro de 2005.
- ↑ Pereiro, Xosé Manuel (6/8/2003). "Domingo García-Sabell, médico, escritor, político y humanista". El País (en castelán).
- ↑ Inclúe os ensaios "Análise existencial do home galego enfermo", "James Joyce e a loita pola comunicación total", "Notas sobre a fame galega" e "Van Gogh e a dimensión antropolóxica da Pintura Contemporánea".
- ↑ Luis Seoane. Grabados en Google Books.
- ↑ "As facianas do erotismo contemporáneo", "Pintura e conocimiento", "A realidade humana de Rosalía" e "Castelao, ou Galiza ao axexo".
- ↑ "Universidade da Coruña". Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2014. Consultado o 25 de outubro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Domingo García-Sabell |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Agís Villaverde, Marcelino "Domingo García-Sabell Rivas" Diccionario Biográfico Español. Real Academia da Historia (en castelán).
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) II. Bibliófilos Gallegos. p. 149.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 177. ISBN 84-7492-465-0.
- Piñeiro, Ramón et al. (2005). "García-Sabell Rivas, Domingo". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 258–259. ISBN 84-8288-019-5.
- ———, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 167–169. ISBN 84-8288-365-8.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Domingo García-Sabell Rivas" Colegio Libre de Eméritos (en castelán).
- Obras de García-Sabell, Domingo, 1909-2003 (2) Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (en castelán).
Predecesor: cargo de nova creación |
Delegación do Goberno en Galicia 1981-1996 |
Sucesor: Juan Miguel Diz Guedes |
Predecesor: Sebastián Martínez-Risco |
Presidente da RAG 1979-1997 |
Sucesor: Francisco Fernández del Riego |
- Nados en 1909
- Finados en 2003
- Nados en Santiago de Compostela
- Presidentes da Real Academia Galega
- Membros de número da Real Academia Galega
- Escritores de Galicia en lingua castelá
- Escritores de Galicia en lingua galega
- Médicos de Santiago de Compostela
- Delegados do goberno en Galicia
- Senadores de Galicia por designación real
- Tradutores de Galicia
- Tradutores do inglés
- Tradutores ao galego
- Doutores honoris causa pola Universidade da Coruña
- Enciclopedistas de Galicia
- Editorial Galaxia